Festas de aniversario infantís

Celebración para nenos a prezo de adultos

Unha festa de aniversario para dez nenos custa entre 150 e 400 euros, regalo á parte, e asistir ás dos convidados non baixa de 100 euros ao ano
1 Xuño de 2007

Celebración para nenos a prezo de adultos

/imgs/20070601/img.informe.01.jpgNon levantan un palmo do chan e xa teñen unha axitada vida social. Empezan coa asistencia ao aniversario dos primos e, xa na escola, non hai semana na súa apertada axenda na que o calendario non anuncie unha festa infantil. Isto supón apertar o cinto e, en moitas ocasións, axustar o orzamento familiar, sobre todo cando coinciden máis de tres aniversarios nun mesmo mes e se invita a varios nenos. Por suposto, cada un leva o seu regalo, porque está mal visto cantar o “aniversario feliz” coas mans baleiras, un costume que implica un gasto mínimo de 10-15 euros, xa que atopar un regalo aceptable por menos diñeiro é moi complicado. Non obstante, é unha cantidade moi modesta se a comparamos co esforzo, non só físico, senón económico que supón para os pais “anfitrións” organizar a festa de aniversario dos seus fillos.

Á organización da festa hai que engadir o pertinente regalo: unha bicicleta, unha casa de bonecos, unha videoconsola, un coche teledirixido ou o seu primeiro ordenador. Facer felices os máis pequenos no aniversario do seu nacemento pode supor un desembolso de entre 150 e 400 euros, regalos incluídos. Outra cuestión non menos importante é onde celebralo. Na casa ou fóra? Nos últimos anos, as opcións para festexar un aniversario multiplicáronse. Pódese celebrar nun restaurante, con ou sen animador, nun parque de lecer onde os nenos xogan ao seu aire e despois merendan; nun parque de atraccións; no zoo ou, mesmo, nun salón de peiteado infantil, onde amais de merendar, os nenos poden disfrazarse e maquillarse, ou facerse o kit completo: salón de peiteado, maquillaxe e manicura á vez que participan nun concurso de debuxo. Se a celebración se desenvolve na casa, os pais saben que terán que loitar cos cativos, en moitos casos ata a extenuación, aínda que ten a vantaxe de ser unha festa máis íntima e persoal. E o que é máis importante para a economía familiar, pódese preparar cun desembolso económico inferior ao que requiren as anteriores modalidades.

O capítulo dos gastos complétase con outro pequeno detalle, os caramelos e demais bagatelas para os compañeiros da clase e das actividades extraescolares. Se se opta por “bolsas de aniversario”, o detalle pode oscilar entre 25 e 70 euros, dependendo das lambetadas e, por suposto, do número de nenos.

Festas para todos os gustos... e petos

  • /imgs/20070601/img.informe.02.jpgNa casa. É a opción máis tradicional e económica, pero tamén a que máis traballo lles dá aos pais: hai que organizar, decorar e, despois, deixalo todo como estaba ao primeiro. Aínda que pareza a opción máis lóxica, por económica, o principal inconveniente co que se atopan moitas familias españolas é o espazo para organizar o evento. Dez nenos con ganas de diversión poden deixar pequeno o salón máis grande e acabar con toda a cerámica da casa. Agachados os floreiros e as figuras máis valiosas, comeza a decoración da casa: globos, grilandas, gorros, pratos, vasos e piñata con temática infantil, entre outros, representan un desembolso de 50-60 euros. Unha merenda típica con sándwich ou bocadillos, snacks variados, refrescos e torta rolda tamén os 50 euros, ao que hai que engadir as bolsas de bagatelas para o anfitrión e os seus convidados, outros 10 ou 20 euros.
  • Outra alternativa é contratar un servizo de cátering que se encargue de todo. Neste caso os orzamentos pódense adaptar a todos os petos, dende cinco euros por persoa, ata 130 euros por dez nenos. Iso si, a limpeza está incluída.
  • En función do número de asistentes e de que a casa dispoña de espazo abondo ou xardín, pódese contratar unha empresa de animación infantil con pallasos, monicreques, maxia e xogos. Os prezos varían entre 60 e 90 euros por dúas horas de entretemento.
  • Establecemento de comida rápida. É a elección máis económica se a festa se fai fóra da casa. Hamburguesa ou pizza, patacas, refrescos, torta e xoguetes como regalo, con zona de xogos, animación ou piñata, segundo o establecemento, pódense lograr a partir dun desembolso mínimo de cinco euros por neno.
  • Parques infantís. Son unha boa opción se non se dispón de moito espazo na casa para que os nenos salten e brinquen ao seu aire. A principal vantaxe é que os pais poden gozar xunto cos convidados do seu fillo, sen pensar en que máis tarde deberán limpar o piso durante varias horas. Os parques infantís especializados adoitan dispoñer de piscinas de bólas, tobogáns e castelos de aire cos que saltar e dunha morea de aparellos para que os nenos se divirtan ao seu aire sen demasiado perigo, todo iso supervisado por un monitor. A festa inclúe regalo e coroa para o neno anfitrión, un refresco e un bocadillo por convidado, patacas fritas e o elemento estrela: a torta de aniversario con velas. Nalgúns parques os nenos poden gozar de pallasos, piñata, karaoke e baile. Os prezos varían segundo o día da semana, pero a contratación deste servizo oscila entre os 8 e os 15 euros por neno. Outra advertencia: o número máximo de nenos admitidos por estes establecementos para festas deste tipo é de dez.
  • Parque de atraccións. Gozar dunha merenda entre xiros de noria e baixadas na montaña rusa custa entre 13 e 22 euros por neno. A diferenza de prezos establécena os distintos recintos en función da estatura dos nenos: os máis altos pagan máis.
  • Zoo. Recibir a felicitación dos golfiños e visitar o resto dos animais logo da merenda oscila entre 19 e 23 euros por neno. Este tipo de festas de aniversario adóitanse festexar, máis que cos compañeiros do colexio e veciños, con familiares: primos e amigos moi íntimos, en boa medida porque normalmente se elixe a fin de semana para a súa celebración.
  • Outros.
    • Escolas. Moitos centros educativos organizan festas de aniversario para os seus alumnos, coa vantaxe de que se poden celebrar varias á vez e os pequenos non teñen que desprazarse. O prezo por festa rolda os 150 euros, aínda que os convidados que non pertenzan á escola adoitan ter unha “penalización” duns cinco euros.
    • Discoteca infantil. Karaoke, baile, xogos organizados, magos ou teatro, acompañados de aperitivos, sándwich, refrescos e torta. Todo iso a partir de 10 euros por neno.
Consellos para os pais do protagonista do aniversario

Que facer

  • Fomentar a comunicación entre os convidados e o anfitrión.
  • Tanto os asistentes como o protagonista deben ser conscientes do motivo polo que foron merendar ao parque ou á casa do amigo. Hai que lles explicar que se trata dunha situación excepcional e que deben respectar e agradar á persoa que tivo a deferencia de invitalos e aos seus familiares. Non está de máis favorecer o diálogo entre eles para que comecen a apreciar e a valorar a amizade.
  • No momento de tomar unha decisión sobre o lugar no que organizar o festexo, hai que ter en conta non só que o lugar elixido sexa espazoso, senón que garanta unha boa comunicación entre todos os convidados. Cando estas festas se celebran en parques infantís ou lugares específicos de comidas rápidas non hai separación entre o espazo lúdico -moitas veces compartido por outros homenaxeados- e o espazo para festas. Como resultado, os pequenos regresan ás súas casas moi exaltados, afónicos de tanto berrar, e mesmo anoxados porque conseguiron que os pais perdan os nervios.
  • O protagonista debe participar activamente en todo o que estea ao seu alcance, coa supervisión, iso si, dos seus pais. Pode ser o responsable da decoración: realización de debuxos e cartolinas onde poña “feliz aniversario”, bolsiñas con caramelos para repartir… unha práctica que se pode estender ao día mesmo da celebración con todos os convidados.
  • O estrés e a falta de tempo que moitos pais e nais acusan acotío non debe ser a escusa para que convertan o evento máis importante do ano para o seu fillo nun produto manufacturado onde todo se contrata e non se colabora directamente na preparación da festa.

Que non facer

  • O feito de que o lugar seleccionado sexa moi exclusivo non é relevante. O que si importa é que os nenos convidados manteñan unha boa relación. En ocasións, non hai comunicación entre eles, só pensan en acabar axiña para ir xogar, esquecendo o motivo polo que se reuniron.
  • Hai que ter en conta que un dos obxectivos principais da festa de aniversario é pasalo ben, pero isto non significa en ningún caso que os nenos deban centrarse en xogar pola súa conta e facer grupiños. Moitas veces o protagonista da festa ou algúns convidados que gozan de menos popularidade poden sentirse discriminados.
  • Convén non elixir lugares moi concorridos para festexar ese día, en especial se o lugar está de moda ou se se celebra á tarde noite, momento de máxima asistencia. A miúdo, o balbordo imposibilita a intimidade necesaria para que os máis pequenos e os seus pais se coñezan e alcancen certo grao de confianza.
  • É aconsellable non optar por un lugar que careza de distintivos específicos que indiquen que o que se vai celebrar é unha festa de aniversario. Se non se poden pegar nas paredes debuxos realizados polos pequenos ou globos, recoméndase buscar outro sitio. A compañía e a comida son moi importantes, pero crear un ambiente específico para os pequenos pode favorecer unha maior aceptación do acto.
  • Os pais e nais xamais se deben desvincular totalmente da festa, unha práctica moi común, dado que a contratación de determinados servizos, parques… onde se celebran merendas de aniversario faino máis doado porque ofrecen un servizo completo: merenda, convites, pastel…

Consellos para organizar a festa na casa

  • /imgs/20070601/img.informe.03.jpgOs convidados deben ter máis ou menos a mesma idade. Non pretenda combinar unha festa de nenos e adultos á vez. O traballo multiplicarase e non poderá atender a todos.
  • Se a celebración se fai na casa valore o espazo do que dispón e avalíe os pros e os contras de facela noutro lugar.
  • Destine un só cuarto da casa para a celebración, e procure deixalo o máis libre de mobles que lle sexa posible para que os nenos poidan xogar e moverse sen dificultades.
  • Teña en conta o día máis conveniente para realizar a festa. O máis recomendable é celebrala entre semana, pola tarde e ao saír da escola, xa que garante a asistencia dun maior número de nenos e lles deixa libres aos pais a fin de semana para organizar outra festa máis familiar.
  • Estableza un horario fixo indicando a hora en que se dará por finalizada a festa, posto que os asistentes terán que ser recollidos polos seus pais. Tres horas abondan para realizar as actividades planificadas sen caer no aburrimento ou na exaltación colectiva.
  • Lembre pedirlles aos pais dos cativos convidados cando os informa sobre o día e a hora do acontecemento un número de teléfono para que sexa doado localizalos se xorde algún inconveniente.
  • A comida debe ser a axeitada para a idade dos nenos. Aínda que sexa unha festa, non ofreza lambetadas en exceso, nin abuse de aperitivos.
  • Se os nenos son pequenos evite servir alimentos moi pequenos como améndoas, pasas e caramelos.
  • Asegúrese de contar cun número suficiente de adultos para o control dos nenos, medida que deberá reforzar se a festa se celebra preto dunha piscina ou de fontes de auga.
  • Planifique algún xogo para entreter os convidados durante o maior tempo posible. Un vídeo do último éxito de debuxos animados pode calmar os ánimos máis exaltados durante a última parte da festa.
Elixir un bo regalo
  • /imgs/20070601/img.informe.04.jpgTeña en conta as necesidades e preferencias da persoa á que vai destinado e non os seus propios gustos.
  • Os xoguetes, que serven para que os pais tamén compartan as experiencias lúdicas, son moi beneficiosos para fomentar unha mellor relación cos fillos.
  • Evite os xoguetes que teñan como destino máis probable converterse en accesorios inútiles que se acumulan no cuarto dos máis pequenos. Para iso, busque a utilidade práctica do xogo e trate de regalar produtos que estimulen a creatividade e a imaxinación do pequeno.
  • Valore os xogos ou xoguetes que convertan o pequeno en protagonista.
  • Os xoguetes que cumpren a normativa de seguridade vixente levan impresa a marca CE no envase. Busque sempre ese distintivo.
  • Adquira o regalo sen facer distincións por sexos porque todos os xoguetes poden ser recomendables tanto para nenos coma para nenas.
  • Teña en conta a idade e a orientación psicomotriz que especifica o fabricante.
  • Non o sature de xoguetes. Aproveite a data, e solicítelles aos familiares e amigos de confianza outros artigos máis necesarios para o pequeno (pixamas, zapatillas de deporte…).
  • Lembre que un libro pode ser o mellor dos regalos.
  • Non tire a casa pola ventá. Non esqueza que o mellor xoguete é a imaxinación. Unha simple caixa de cartón pódese converter no mellor coche de carreiras.