Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Enquisa sobre hábitos dixitais a 1.220 persoas : Case un 10% dos mozos entre 20 e 24 anos depende en exceso ou abusa das novas tecnoloxías

Ademais, un 78% dos adolescentes de entre 14 e 19 anos corre o perigo de facer un uso obsesivo das novas tecnoloxías no futuro

Non sen o meu móbil

Un 88% dos enquisados, entre eles un 94% dos mozos entre 20 e 24 anos, recoñece utilizar o móbil para o seu uso persoal todos os días da semana, durante máis ou menos tres horas de media. Hai tempo, non obstante, que o móbil deixou de ser un aparato para falar de viva voz con outras persoas. Os entrevistados afirmaron que, sobre todo, usaban o seu teléfono como servizo de mensaxaría instantánea (13 veces de media, 17 entre os adolescentes) e para consultar a hora (10 veces de media ao día). Chamar é o terceiro motivo para usar o teléfono (6,5 veces), participar en redes sociais o cuarto (6 veces) e consultar o e-mail, o último (5,8 veces).

Podemos prescindir do móbil? Un 43% dos entrevistados di que non podería aínda que quixese e un 36% afirma que está pendente del continuamente. A dificultade para apartarse do móbil é maior entre os entrevistados de 20 a 24 anos (49%), pero os adolescentes tenden a estar máis pendentes do seu teléfono (45%). Para un de cada catro entrevistados recibir un SMS ou notificación similar supón unha alegría (a maior porcentaxe dáse entre mulleres de 14 e 19 anos, un 34%) e un 10% confesa que se irrita cando non recibe ningún en todo o día (de novo, sobresaen os adolescentes, cun 18%).

Que o uso do móbil estea tan xeneralizado non significa, non obstante, que o seu custo resulte excesivo. Só un 15% está totalmente ou bastante de acordo coa afirmación de que o seu gasto de móbil é excesivo. Outro 14% estao co feito de que perde a noción do tempo cando utiliza o móbil. Unha vez máis os adolescentes van na cabeza, cun 21% que así o admiten.

Case catro ao día na Rede

Internet converteuse nunha ferramenta de uso diario. O 84% dos entrevistados afirma utilizalo para o seu uso persoal todos os días da semana. A media é de case catro horas ao día (algo máis que o teléfono), pero unha vez máis, con acusadas diferenzas por idades: as persoas entre 35 e 39 pasan case tres horas en Internet ao día; as de 20 a 24 chegan a cinco horas. Os entrevistados teñen a sensación de que dedican cada vez máis tempo a Internet, tres de cada dez están de acordo con esa afirmación (entre os adolescentes máis, un 41%). Nese sentido, resulta curioso o que asegura un 14% dos entrevistados, entre eles, un de cada catro adolescentes: tenden a dicir que só pasarán uns minutos en Internet e, despois, navegan durante horas. Un 22% din que Internet os axuda a evadirse dos seus problemas e un de cada cinco que lles proporciona benestar. Son poucos os que senten que desatenden as súas ocupacións académicas ou laborais por culpa de Internet (un 13% cre isto) e menos aínda os que aseguran que pasan máis tempo na Rede que cos seus amigos ou familia (11%). O tempo na Rede dedícase, sobre todo, a revisar o correo electrónico (máis de sete veces de media ao día), participar en redes sociais (case sete veces de media) e recibir ou enviar mensaxes instantáneas (case seis veces de media). Canto maiores os entrevistados máis tempo pasan usando o correo electrónico e menos en redes sociais ou servizos de mensaxaría instantánea.

Videoxogos, cousa de homes?

O uso dos videoxogos non está tan xeneralizado como o de Internet ou os teléfonos móbiles. En absoluto. Máis da metade dos entrevistados non os utiliza e a porcentaxe é menor entre as mulleres, só un 34% din ser usuarias fronte ao 63% dos homes. Por idades, os máis afeccionados, os de 25 a 29 anos (un 55%). Entre os que utilizan os videoxogos, dous de cada tres faino menos de tres días á semana, un 17% entre catro e seis días e un 19% os sete días da semana. A media diaria é de 1,5 horas, aínda que esta cifra aumenta ou diminúe coa idade. Mentres os mozos de entre 14 e 24 anos lle dedican aos videoxogos ao redor de dúas horas, os maiores de entre 25 e 39 anos xogan pouco máis dunha hora.

Ao preguntarlles se xogar lles evade dos seus problemas, un 31% di que si (no caso de Internet eran menos, o 22%). Unha vez máis, a proporción aumenta entre os mozos de entre 20 e 24 anos (ata o 39%). A porcentaxe dos que din experimentar benestar cos videoxogos (28%) tamén é lixeiramente superior aos que afirman o mesmo de Internet (20%). Iso si, os que din estar seguros de que pasarán uns minutos coa videoconsola para logo xogar durante horas son os mesmos que expresaban un sentimento igual con Internet, o 14%.

Máis datos relacionados co uso das videoconsolas: un 12% usuarios afirma revivir partidas pasadas repasando os pasos un a un; un de cada catro sente a necesidade de avanzar en niveis de xogo e irrítase cando alguén lle interrompe unha partida; e, o que resulta máis preocupante, un 16% dos entrevistados confesa que pensa continuamente en volver conectarse para gañar.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións