Enquisa sobre hábitos dixitais a 1.220 persoas

Case un 10% dos mozos entre 20 e 24 anos depende en exceso ou abusa das novas tecnoloxías

Ademais, un 78% dos adolescentes de entre 14 e 19 anos corre o perigo de facer un uso obsesivo das novas tecnoloxías no futuro
1 Decembro de 2012
Img tema de portada listado

Case un 10% dos mozos entre 20 e 24 anos depende en exceso ou abusa das novas tecnoloxías

Aínda que resulta evidente que o avance imparable das novas tecnoloxías beneficiou en moitos aspectos a sociedade, tamén deu pé a comportamentos problemáticos. A Organización Mundial da Saúde sinala que unha de cada catro persoas sofre problemas relacionados coas novas tecnoloxías e un estudo da Sociedad Española de Psiquiatría revela que entre o 6% e o 9% dos usuarios de Internet podería ter problemas de uso inadecuado da Rede. Ao abuso ou dependencia excesiva de Internet e dos dispositivos móbiles ou á incapacidade que experimentan moitas persoas para afastarse dos seus smartphones ou desconectarse de redes sociais, foros e mensaxerías instantáneas coñécese xa como “obesidade dixital”. Para coñecer o seu alcance EROSKI CONSUMER realizou en novembro unha enquisa on line a persoas de entre 14 e 39 anos e preguntoulles sobre os seus hábitos de uso de Internet, teléfono móbil e videoxogos, ademais de contabilizar o número de aparatos dixitais dos que dispoñían. Contestaron á enquisa un total de 1.220 persoas orixinarias de nove comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid, Navarra e País Vasco. Para analizar os datos contouse, por unha parte, con Enrique Echeburúa, catedrático de Psicoloxía Clínica e experto en Adiccións Dixitais e Manuel Armayones, profesor de Estudos de Psicoloxía na Universidade Oberta de Catalunya. Pero tamén coa asesoría institucional de Madrid Salud e das asociacións Pantallas Amigas e Adicciones Digitales.

A primeira conclusión é que unicamente un 5% dos entrevistados teñen síntomas de sufrir “obesidade dixital”. A segunda, que non hai diferenzas por sexo, pero si por idade: case un 10% dos mozos entre 20 e 24 anos depende en exceso ou abusa das novas tecnoloxías e o 78% dos adolescentes de entre 14 e 19 anos corren o risco de ter comportamentos obsesivos no futuro.

Para realizar este estudo, EROSKI CONSUMER tomou en consideración tres aspectos. O número de aparatos dixitais do que dispoñían os entrevistados (alto, medio ou baixo segundo o sistema de medición do experto en tecnoloxía Daniel Sieberg), o seu uso do móbil, de Internet e dos videoxogos (baseado no sistema de medición de Madrid Salud) e os síntomas físicos e sociais asociados ao uso de aparatos dixitais (dor, illamento…).

Moita "cacharraría dixital"

O número de dispositivos dixitais que posuímos pode ser un primeiro indicador do tipo de relación que mantemos coas novas tecnoloxías. Para calcular se o “peso dixital” dunha persoa é alto, medio ou baixo EROSKI CONSUMER tomou como referencia o seguinte sistema de medición do experto en tecnoloxía Daniel Sieberg: cinco puntos por cada servizo de SMS que utilice unha persoa; cinco por cada identidade que creara en Internet; tres por cada teléfono móbil do que dispoña; dous por tablet, conta de correo habitual e blog ou páxina web na que participe; e un punto máis por ordenador portátil ou de mesa, eReader, máquina dixital ou aparato non incluído nos anteriores, pero que precise dun cargador. Ata 24 puntos considerouse un nivel baixo de posesión de “gadgets” dixitais; de 25 a 35 puntos, un nivel medio; e máis de 36 puntos, un nivel alto.

Así, detectouse que un 64% dos entrevistados teñen un nivel alto de cacharraría dixital. O perfil deste tipo de persoa é un home de entre 14 e 24 anos que cursou BUP, Bacharelato Superior ou COU. Un de cada catro entrevistados ten un nivel medio e o dun 12% é baixo.

Entre os aparatos abundan móbiles e ordenadores portátiles. Case a totalidade dos entrevistados contaban cunha media de tres teléfonos móbiles e nove de cada dez tiñan dous ordenadores portátiles, de media, e outras dúas cámaras fotográficas e/ou de vídeo dixitais. Así mesmo, tres de cada catro dispoñían, de media, de dous reprodutores mp3, mp4 ou iPods e sete de cada dez, un ordenador de sobremesa e dúas videoconsolas. Moito máis baixas eran as proporcións de Ipad ou tablets, eBook ou libro dixital e televisión con conexión a Internet: un 25% dos entrevistados contaban cun aparato deste tipo.

O estudo revela notables diferenzas por idade. Os adolescentes de entre 14 e 19 anos teñen maior número de videoconsolas (case catro de cada cinco ten tres de media), mentres que os que en maior proporción dispoñen dun iPad ou tabletas dixitalizadoras son os mozos de entre 25 e 29 anos (un 32%). Os máis novos son tamén os que contan con máis identidades en redes sociais (case catro perfís por persoa entre os 14 e 24 anos) e servizos de mensaxaría (dous). No uso do e-mail e dos blogs apenas hai diferenzas: o correo electrónico é de uso masivo (case todos o usan e teñen case tres contas de media) e o dos blogs é minoritario (só un de cada catro entrevistados conta cun).

Somos “tecnoadictos”?

A abundancia de dispositivos dixitais non indica por si mesmo un problema de adicción ás novas tecnoloxías. É o uso indebido ou abusivo o que provoca problemas. Para medir esta variable, EROSKI CONSUMER pediulles os entrevistados que expresasen o seu grao de acordo ou desacordo cunha serie de afirmacións sobre o uso de móbiles, Internet e videoxogos. Segundo este sistema de medición, tomado dos expertos en problemas de conduta coas novas tecnoloxías de Madrid Salud, só un 4% dos entrevistados podería ter un problema serio co seu uso persoal de Internet, outro 3% co do móbil e un 1% co dos videoxogos.

O resto utiliza as tres ferramentas dixitais de forma adecuada, aínda que iso non significa que estean exentos de riscos. Para non caer nun uso dependente, ao 47% dos entrevistados convenlles controlar o tempo que pasan ao teléfono, o 31% e o 16% deben vixiar o tempo que pasan en Internet e cos videoxogos, respectivamente. Nos tres casos, destacan os mozos de entre 14 e 24 anos.

Non sen o meu móbil

Un 88% dos enquisados, entre eles un 94% dos mozos entre 20 e 24 anos, recoñece utilizar o móbil para o seu uso persoal todos os días da semana, durante máis ou menos tres horas de media. Hai tempo, non obstante, que o móbil deixou de ser un aparato para falar de viva voz con outras persoas. Os entrevistados afirmaron que, sobre todo, usaban o seu teléfono como servizo de mensaxaría instantánea (13 veces de media, 17 entre os adolescentes) e para consultar a hora (10 veces de media ao día). Chamar é o terceiro motivo para usar o teléfono (6,5 veces), participar en redes sociais o cuarto (6 veces) e consultar o e-mail, o último (5,8 veces).

Podemos prescindir do móbil? Un 43% dos entrevistados di que non podería aínda que quixese e un 36% afirma que está pendente del continuamente. A dificultade para apartarse do móbil é maior entre os entrevistados de 20 a 24 anos (49%), pero os adolescentes tenden a estar máis pendentes do seu teléfono (45%). Para un de cada catro entrevistados recibir un SMS ou notificación similar supón unha alegría (a maior porcentaxe dáse entre mulleres de 14 e 19 anos, un 34%) e un 10% confesa que se irrita cando non recibe ningún en todo o día (de novo, sobresaen os adolescentes, cun 18%).

Que o uso do móbil estea tan xeneralizado non significa, non obstante, que o seu custo resulte excesivo. Só un 15% está totalmente ou bastante de acordo coa afirmación de que o seu gasto de móbil é excesivo. Outro 14% estao co feito de que perde a noción do tempo cando utiliza o móbil. Unha vez máis os adolescentes van na cabeza, cun 21% que así o admiten.

Case catro ao día na Rede

Internet converteuse nunha ferramenta de uso diario. O 84% dos entrevistados afirma utilizalo para o seu uso persoal todos os días da semana. A media é de case catro horas ao día (algo máis que o teléfono), pero unha vez máis, con acusadas diferenzas por idades: as persoas entre 35 e 39 pasan case tres horas en Internet ao día; as de 20 a 24 chegan a cinco horas. Os entrevistados teñen a sensación de que dedican cada vez máis tempo a Internet, tres de cada dez están de acordo con esa afirmación (entre os adolescentes máis, un 41%). Nese sentido, resulta curioso o que asegura un 14% dos entrevistados, entre eles, un de cada catro adolescentes: tenden a dicir que só pasarán uns minutos en Internet e, despois, navegan durante horas. Un 22% din que Internet os axuda a evadirse dos seus problemas e un de cada cinco que lles proporciona benestar. Son poucos os que senten que desatenden as súas ocupacións académicas ou laborais por culpa de Internet (un 13% cre isto) e menos aínda os que aseguran que pasan máis tempo na Rede que cos seus amigos ou familia (11%). O tempo na Rede dedícase, sobre todo, a revisar o correo electrónico (máis de sete veces de media ao día), participar en redes sociais (case sete veces de media) e recibir ou enviar mensaxes instantáneas (case seis veces de media). Canto maiores os entrevistados máis tempo pasan usando o correo electrónico e menos en redes sociais ou servizos de mensaxaría instantánea.

Videoxogos, cousa de homes?

O uso dos videoxogos non está tan xeneralizado como o de Internet ou os teléfonos móbiles. En absoluto. Máis da metade dos entrevistados non os utiliza e a porcentaxe é menor entre as mulleres, só un 34% din ser usuarias fronte ao 63% dos homes. Por idades, os máis afeccionados, os de 25 a 29 anos (un 55%). Entre os que utilizan os videoxogos, dous de cada tres faino menos de tres días á semana, un 17% entre catro e seis días e un 19% os sete días da semana. A media diaria é de 1,5 horas, aínda que esta cifra aumenta ou diminúe coa idade. Mentres os mozos de entre 14 e 24 anos lle dedican aos videoxogos ao redor de dúas horas, os maiores de entre 25 e 39 anos xogan pouco máis dunha hora.

Ao preguntarlles se xogar lles evade dos seus problemas, un 31% di que si (no caso de Internet eran menos, o 22%). Unha vez máis, a proporción aumenta entre os mozos de entre 20 e 24 anos (ata o 39%). A porcentaxe dos que din experimentar benestar cos videoxogos (28%) tamén é lixeiramente superior aos que afirman o mesmo de Internet (20%). Iso si, os que din estar seguros de que pasarán uns minutos coa videoconsola para logo xogar durante horas son os mesmos que expresaban un sentimento igual con Internet, o 14%.

Máis datos relacionados co uso das videoconsolas: un 12% usuarios afirma revivir partidas pasadas repasando os pasos un a un; un de cada catro sente a necesidade de avanzar en niveis de xogo e irrítase cando alguén lle interrompe unha partida; e, o que resulta máis preocupante, un 16% dos entrevistados confesa que pensa continuamente en volver conectarse para gañar.

Síntomas físicos e sociais

O estudo de EROSKI CONSUMER tamén incluíu preguntas sobre molestias físicas que puidesen alertar dun mal uso das novas tecnoloxías. Tres, principalmente: vista cansa (afectaba un 54% dos entrevistados) e dores de costas ou de cabeza (sufríanos o 44% e 28% respectivamente). Pero ademais, os 1.220 entrevistados tamén responderon sobre as consecuencias sociais derivadas do uso das novas tecnoloxías. Case dous de cada cinco entrevistados recoñecen que adoitan pasar o tempo en silencio coa súa parella ou con outra persoa querida porque cada un está inmerso no seu universo dixital. Así mesmo, admiten que algunha vez se illaron da conversa dun grupo por estar inmersos no móbil. Ambas as dúas situacións son máis comúns entre os homes novos: no primeiro caso, varóns de entre 25 e 29 anos (identifícase con esa afirmación o 45%) e no segundo, os adolescentes de entre 14 e 19 anos (o 53%). Ademais, case un de cada catro entrevistados experimentou a urxencia de sacar o seu teléfono mentres outra persoa está a ter unha conversa importante con el. Acontécelles en maior proporción aos mozos entre 20 e 24 anos (un 32% deles así o confirmou).

Como evitar as

Un estudo de INTECO (Instituto Nacional de Tecnologías de la Comunicación) conclúe que pais e fillos son igualmente inexpertos á hora de enfrontarse a unha situación de risco na Rede: os menores non alertarían os seus proxenitores no caso de ter algún problema na rede, mentres que os seus pais creen que si. Para evitar “tecnoadicións” a asociación Pantallas Amigas propoñen seguir as seguintes indicacións:

  • Vixiar canto tempo se pasa en Internet (ou xogando ou usando o móbil), pero tamén canto tempo se inviste pensando en cousas que se fan nese ámbito.
  • Se este tempo se considera excesivo ou está a causar problemas na vida cotiá, debe trazarse un plan para reducilo gradualmente. Poñerse un horario e axustarse a el.
  • Convén falar do problema con familia e amigos.
  • É recomendable tomar unhas “vacacións” do ordenador (ou a consola ou o móbil…).
  • Tamén potenciar as amizades fóra da Rede.
  • É bo buscar actividades gratificantes off line. Se son ao aire libre ou fóra de casa, mellor.
  • Hai que localizar causas subxacentes: normalmente estes problemas son manifestacións doutros e afastarse de Internet non os solucionará.
  • Se un mesmo chega ao punto no que considera que se perdeu o control do uso que fai de Internet, o móbil, os xogos… ou o medio co que se teña o problema, convén acudir a un especialista (médico ou psicólogo).