Aire acondicionado

Cando a calor abafa...

A industria da climatización move en España máis de 1.400 millóns de euros e vende case un millón de equipos domésticos anuais
1 Maio de 2005

Cando a calor abafa...

/imgs/20050501/informe01.jpg
Os aparellos de aire acondicionado tornáronse a estrela do verán. Coa chegada da calor do verán, funcionan a pleno rendemento e son capaces de transformar o aire cálido dunha habitación nun agradable frescor. Aínda que xa o coñecían os antigos sirios hai 6.000 anos, o aire acondicionado só ten un uso masivo desde hai un século. En España, un país con moitas zonas de temperaturas extremas, pouco máis de 620.000 vivendas, un 6% do total, dispuñan dalgún sistema de refrixeración en 1990. Esta proporción multiplicouse por tres en dez anos. No 2001, segundo o Instituto Nacional de Estatística, máis de 2,2 millóns de fogares empregados como primeira residencia xa contaban con aire acondicionado.

Ademais, esta tendencia segue a medrar. As altas temperaturas rexistradas en España estes dous últimos anos provocaron que as vendas se dispararan ata tal punto que no 2004 os fabricantes de equipos de climatización e aire acondicionado facturaron máis de 1.472 millóns de euros. En xullo do 2003, a lista de espera para instalar un climatizador chegou, nalgúns casos, ás seis semanas. Levante, Murcia e Madrid son as zonas nas que máis se disparou o consumo. Nove de cada dez aparellos adquiridos tamén incorporan calefacción, as chamadas bombas de calor, e case a metade custan menos de 600 euros.

No tocante á temperatura adecuada para unha vivenda, os especialistas aseguran que, considerando a capacidade de adaptación do corpo ás condicións climáticas e que nos meses de máis calor vestimos prendas máis lixeiras, unha temperatura de entre 21 e 25 graos abonda para sentírmonos cómodo na casa.

Tipos de aparellos

Aparellos fixos

  • Sistema split (dividido, en inglés).
    Estes aparellos presentan dúas unidades: o compresor, que se instala fóra da vivenda (no balcón ou fachada, por exemplo), e o evaporador, que vai dentro. Ambas as partes están unidas por dous tubos.
  • Mural split
    Componse dunha unidade interior e doutra exterior de parede.
    Indicado: para climatizar unha soa estancia.
    Vantaxes: resulta económico cando se quere ter aire acondicionado ou calefacción nunha soa habitación.
    Prezo: entre 300 e 1.000 euros, segundo os modelos.
  • Split chan-teito
    A unidade interior pódese colocar indistintamente na parede, a uns 10 centímetros do chan, ou no teito.
    Indicado: cando existen radiadores nas habitacións e non hai espazo para colocar unidades no chan ou algún impedimento nas partes altas.
    Vantaxes: gran potencia; pódese colocar como se fora un radiador convencional. Prezo: entre 1.500 e 2.000 euros.
  • Split vertical
    Unha única unidade de gran tamaño, tipo torre. Colocación vertical dentro da estancia.
    Indicado: para estancias con grandes necesidades de refrixeración.
    Vantaxes: gran potencia de refrixeración.
    Prezo: entre 800 e 2.500 euros.
  • Sistema multi-split.
    Diferénciase do split en que consta de máis dunha unidade interior, de xeito que cada estancia dispón de cadansúa unidade. Adecuado para vivendas grandes nas que unha soa unidade interior non abonda.
  • Multi-split
    Sistema split con varias unidades interiores.
    Indicado: para climatizar varias habitacións de maneira independente. Recomendable en casas de máis de 100 metros cadrados e nas unifamiliares localizadas en zonas de climas moi calorosos.
    Vantaxes: non teñen que funcionar todas as partes ó tempo.
    Prezo: entre 900 e 1.200 euros (2 uds.); entre 1.400 e 1.800 euros (3 uds.).
  • Climatizador de ventá
    Unitario e compacto. Instálase nunha fiestra ou muro exterior, de xeito que medio equipo queda fóra e o outro medio dentro. Posúen nunha mesma unidade compresor, ventilador, evaporador…, o que produce certas desvantaxes no tocante a aspectos estéticos e do nivel sonoro que xera no interior da vivenda.
    Indicado: para vivendas onde non está permitida a colocación de unidades condensadoras na fachada, para casetas de obra e para casas prefabricadas.
    Vantaxes: sinxela instalación, económico.
    Prezo: entre 400 e 700 euros.

Portátiles

  • Split portátil:
    O compresor tamén o hai que colocar fóra, pero non se fixa: pode deixarse no chan dun balcón, por exemplo. Este aparello pódese transportar e empregar en distintas estancias sempre e cando as habitacións teñan portas ou ventás con saída ó exterior.
  • Sistema monobloc:
    Só consta de unidade interior, non ten ningunha parte para colocar fóra. Expulsa o aire quente mediante un tubo, o que significa que para o seu funcionamento debemos ter unha ventá ou porta lixeiramente aberta, de xeito que o tubo poida saír fóra. É máis cómodo e económico có split portátil, pero tamén é o que menos arrefría porque a súa potencia é inferior.
  • Split portátil ou monobloc portátil
    Non posúe unidade exterior.
    Indicado: para vivendas de alugueiro ou para segundas vivendas; tamén aconsellable cando a complexidade da instalación fai inviable outro tipo de aire.
    Vantaxes: non precisa instalación e é doado de transportar; acceso fácil ós filtros.
    Desvantaxes: teñen a desvantaxe de producir un ruído excesivo ó introducir o compresor (no caso do split portátil) dentro da vivenda; a gama de potencias é limitada e consome moita enerxía.
    Prezo: entre 500 e 800 euros.

Sistema Inverter

Esta nova tecnoloxía, que xa inclúe de serie moitos aparellos, mellora os sistemas de climatización tradicionais. A diferenza destes últimos, que repiten continuamente os ciclos de arrincada-paro para axustar a temperatura, a tecnoloxía Inverter permite manter de xeito constante a temperatura seleccionada previamente e consumir unicamente a enerxía que precisa para alcanzala. Para iso, reduce ou aumenta a potencia frigorífica á saída do aparello, en función da temperatura necesaria en cada momento, sen ter que conectar e desconectar o compresor. O resultado é un maior confort e un menor gasto (ata un 25% de aforro con respecto ós sistemas tradicionais). Evítanse as subidas e baixadas de temperatura na habitación e optimízase o consumo, aumentando tamén a vida útil do aparello de aire acondicionado ó reducir o número de postas en marcha e paro do condensador. Ademais, estes aparellos ofrecen un baixo nivel sonoro e unha mellor distribución do aire, mellorando así as condicións de saúde e hixiene no ambiente. No tocante ó prezo, os equipos de aire acondicionado que incorporan o sistema Inverter son máis caros cós tradicionais, uns 180 euros máis, pero, como xa vimos, consomen menos.

Bomba de calor

É a opción para quen precisa un aparello de aire acondicionado no verán e un sistema de calefacción no inverno. Aínda que o investimento inicial resulte aproximadamente un 25% superior ó doutros aparellos de aire acondicionado, pódese amortizar en pouco tempo, xa que permite alcanzar uns aforros enerxéticos arredor do 30-40%.

A gran vantaxe da bomba de calor reside na eficiencia enerxética en calefacción, xa que é capaz de proporcionar máis enerxía cá que consome, aproximadamente 2 e 3 veces máis. Isto é así porque o equipo recupera enerxía gratuíta do ambiente exterior e a incorpora como enerxía útil para calefacción. Os modelos que podemos atopar son de gran variedade, como os modelos de ventá, os portátiles que se poden transportar dun lugar a outro, as consolas compactas de aspecto estético e elegante ou os equipos “multi-split” que son máis decorativos. Permiten regular de modo distinto cada habitación e aproveitan mellor a potencia contratada.

Instalación do aire acondicionado

É importante contar co permiso da comunidade de veciños para instalar o compresor fóra e, no que atinxe á parte que vai dentro da casa, debemos estar dispostos a facer buratos nas paredes polas que deben discorrer os tubos, aínda que se disimulan con canlóns. Un inconveniente destes aparellos é que en rexións moi cálidas nas que o compresor permanece en contacto con temperaturas moi altas, as avarías son máis frecuentes, pois debe realizar moito máis traballo. Outro aspecto importante: a instalación do aire acondicionado, agás o de aparellos portátiles, require os servizos dun albanel, que realizará a obra necesaria para a colocación dos tubos, e dun profesional que conectará o aparello. Os establecementos que venden estes electrodomésticos poñen en contacto os seus clientes con persoal especializado neste tipo de instalacións, pero non está de máis asegurarse de que realmente son expertos. Ademais, o custo que hai que engadir ó prezo do aparello supón, de media, uns 300 euros, cantidade que hai que considerar no orzamento dispoñible.

Claves para atinar na compra

  • Realice a compra con antelación abonda. É probable que a partir de xullo e, sobre todo, en agosto, o mercado estea saturado e non se poidan instalar todos os aparellos que se merquen. Ademais, canto máis tarde se adquira, é máis probable que os prezos suban.
  • Á hora de elixir entre un equipo ou outro, teña en conta a zona climática na que vive, as dimensións da vivenda, a orientación das paredes, o número de persoas que habitan a casa, o illamento da súa vivenda, etc.
  • Calcule as súas necesidades. Se vai necesitar calefacción durante o inverno, pode que sexa mellor mercar un equipo de aire acondicionado con bomba de calor. Será máis económico.
  • Procure que un técnico visite o lugar no que se vai instalar o aparello antes da compra para coñecer exactamente as súas posibilidades de instalación, e que o aconselle sobre a cantidade de frigorías e o aparello máis conveniente para vostede.
  • Compare prezos. Non se conforme coa primeira oferta. Solicite toda a información por escrito para coñecer todo o que inclúe o prezo e para poder, en caso de incumprimento, realizar a reclamación correspondente.
  • Saiba de antemán todos os detalles e características do aparello e mais da súa instalación, e se o IVE está incluído no prezo final.
  • Non elixa aparellos máis grandes nin máis potentes do que precisa. Estará guindando os cartos e malgastando enerxía.
  • Comprobe que o modelo elixido ten termóstato con lectura numérica de temperatura e sensores de ambiente con programador de tempos e temperaturas. Un grao máis de frío pode implicar un 8% máis de consumo.
  • Non esqueza que os aparellos teñen que ser instalados por profesionais. Pida orzamento de instalación. As custas da instalación depende de varios factores, como a zona onde se vaia instalar o aparello, a distancia entre as zonas de instalación, se só hai que facer buratos ou cómpre facer obras de máis envergadura, entre outros.
  • Esixa unha factura detallada para non ter problemas ante calquera posible reclamación. Se a instalación non está incluída, pídalles outra factura ós instaladores.

Frescos sen saírmonos do orzamento

  • Á hora de mercar un aparello de aire acondicionado, teña en conta que, para o mesmo nivel de prestacións, hai aparellos que consomen ata un 60% máis de electricidade ca outros.
  • Un aparello de aire acondicionado de 3.000 frigorías/hora que funciona constantemente durante unha hora consome arredor de 1,4 kWh, o que equivale, aproximadamente, a 0,08 euros. Un ferro de pasar consome case o dobre.
  • Instale a unidade exterior nas fachadas norte ou en patios sombríos. Protéxaa da luz solar directa instalando un telladiño por riba.
  • Procure que non quede moi separada a unidade exterior da interior, xa que canto maior sexa a distancia, maior será o consumo.
  • Evite que os electrodomésticos que xeran calor se atopen nas habitacións refrixeradas e que o termóstato estea preto de focos de calor como lámpadas, radiación solar, etc.
  • Regule o termóstato do aire acondicionado a 25 ºC como máximo. Cada grao que diminúa a temperatura aumentará o consumo de enerxía un 8%, pero non o confort. Ademais, as doenzas pulmonares e de gorxa pola adaptación a ambientes moi contrastados de temperatura están máis que demostradas.
  • En calquera caso, unha diferenza de temperatura co exterior superior a 12 ºC non é saudable.
  • Para durmir abonda unha temperatura entre os 15 e os 17 ºC, aínda que os nenos e os vellos poden necesitar algo máis.
  • Instale un termóstato se o seu aparello de aire acondicionado non o ten incorporado ou se non proporciona información precisa sobre a temperatura.
  • Apague o aparello de aire acondicionado uns minutos antes de marchar á cama: a sensación térmica durará durante un tempo pola inercia térmica do ambiente e non consumirá enerxía. Pola mañá non o acenda ata que a casa estea ventilada.
  • Cando sexa moita a calor, peche as ventás expostas á luz solar directa con persianas ou contras. Aforrará ata un 30% de enerxía e acadará un ambiente agradable en menos tempo.
  • Coa instalación de toldos e acristalamentos adecuados, e mais illando adecuadamente os muros e teitos, tamén pode ter un aforro enerxético de máis dun 30%.
  • Non deixe as portas e ventás abertas; o aparello estará traballando constantemente e o consumo será maior.
  • No verán, procure ter a casa en penumbra durante o día (sen que esixa acender as luces). Tamén convén instalar toldos e persianas no exterior e cortinas no interior. Impiden as radiacións directas do sol e diminúen as necesidades de refrixeración.
  • Limpe regularmente os filtros (cada dúas semanas). Un filtro porco, amais de empeorar a calidade do aire, aumenta o consumo.