Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Centros de día : Calidade asistencial mellorable e carencia de prazas

Os equipamentos de atención diúrna de persoas dependentes logran unha cualificación notable, pero o 60% teñen listas de espera e dous de cada dez suspende

Calidade asistencial, materia pendente

/imgs/20070101/img.tema-portada.03.jpg Entre os principais elementos que cómpre mellorar, destaca a gran proporción de suspensos (un 33%) na súa calidade asistencial (a medible, porque a afabilidade, o respecto e o cariño no trato son dificilmente obxectivables nos máis dos casos), un dos aspectos cruciais destes centros e no que se constataron, a teor dos datos facilitados, deficiencias en dotación e cualificación de persoal.

Un parámetro que fala da calidade dun centro de día é a súa dotación en persoal de asistencia directa (médicos, psicólogos, enfermeiros, auxiliares, xerocultores, etc.). A dotación neste sentido é deficiente, xa que só seis de cada dez dispoñen dun profesional de atención directa para un máximo de seis usuarios, un grao de atención aconsellable segundo os especialistas entrevistados. Esta ratio cúmprese en maior medida nos centros públicos (74%), mentres que nos privados esta circunstancia só se dá en algo máis da metade dos centros consultados (56%) e na metade dos concertados. Só un de cada tres centros de día analizados conta con cobertura médica permanente, cifra moi similar á do informe do 2002 e unicamente en tres de cada dez unidades de estancia diúrna dispoñen de médicos especializados en xeriatría (32%), a especialidade idónea.

/imgs/20070101/img.tema-portada.04.jpg Un 35% carecía de fisioterapeutas especializados e un 7% dos centros, a pesar de dispoñer deste servizo, non contaban cunha sala específica adaptada para este fin. Ademais, un 53% utilizan para as curas a mesma consulta médica, cando o recomendable é dúas salas (e, segundo os expertos, se son contiguas mellor): unha orientada exclusivamente ás curas e outra para as consultas médicas.

Só un 16% dos centros informan mensualmente e por escrito os familiares dos usuarios sobre a súa evolución (incidencias, programación de actividades, etc.). Segundo aseguraron expertos en xerontoloxía e xeriatría consultados por CONSUMER EROSKI, o ideal, sempre considerando a situación e grao de dependencia de cada usuario, é realizar un seguimento personalizado mensual ou semestral. Case catro de cada dez (un 37%) centros non dispoñen de zonas propias de esparexemento e tampouco contan con parques a unha distancia inferior a 250 metros.

Seguridade mellorable e limpeza notable

En liñas xerais, todos os centros, segundo o exame dos técnicos de CONSUMER EROSKI, ofrecen un estado moi satisfactorio de limpeza, luminosidade e amplitude das súas instalacións, aínda que nun 12% se atoparon problemas de conservación relativos ao mobiliario (mobles excesivamente vellos ou estancias con necesidade de reformas). O balance positivo esténdese ás medidas de seguridade, un apartado transcendental en equipamentos que acollen persoas maiores con incapacidades físicas e mentais e que mellorou nalgúns aspectos dende a publicación do anterior informe no 2002. Non obstante, hai salvidades: mentres que todos os centros privados e concertados e un 94% dos públicos dispoñen dun plan de emerxencia ben deseñado (tal e como se esixe nas diferentes lexislacións autonómicas), máis da metade dos centros observados (un 54%) recoñecen non realizar nunca un simulacro de incendio (dato similar ao do 2002). Hai catro anos, un 15% dos centros consultados non posuía un sistema de detección de incendios, proporción que na actualidade baixou ao 9%, cantidade aínda mellorable.

Ben en servizos

Nas comidas, un aspecto de grande importancia, os centros de día tamén saen ben parados. O 95% aseguran ofrecer unha dieta axeitada ás necesidades dietéticas concretas dos usuarios (tan numerosas nesta poboación de elevada idade). Así, o 94% dispón de dietas específicas para diabéticos, en case tres de cada dez hai dietas vexetarianas, no 63% contan con dietas para aqueles que sofren problemas de deglutición e no 17% para os que padecen de hipertensión.

CONSUMER EROSKI visitou os centros e observou que no 90% das instalacións, os comedores eran espazosos e amplos abondo. No apartado de reclamacións e suxestións, a pesar de que a Lei fai mención á obrigatoriedade dun mecanismo que recolla as suxestións de usuarios e familiares, o 65% dos centros non contaba con este servizo, feito máis que denunciable (no 2002 a cifra era do 17%).

Só un 17% dos centros abren as súas portas os sábados e domingos co fin de implicarse ao máximo e atender a demanda dos familiares de usuarios que padecen algún tipo de dependencia, e un 10% abren só os sábados. Doutra banda, un 42% dos centros de día pecha nalgunha época do ano, como días festivos ou durante as vacacións estivais (mes de agosto fundamentalmente).

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións