Análise do gasto medio dos fogares en alimentación e tamén da súa evolución con datos obtidos da Enquisa de orzamentos familiares do INE

Cada fogar gasta ao ano unha media de 4.125 euros en alimentación

A carne e o pan e os cereais son os dous tipos de produtos alimenticios aos que se destina máis diñeiro (un 39 %), case 1.600 euros anuais
1 Xuño de 2017
Img tema de portada listado 239

Cada fogar gasta ao ano unha media de 4.125 euros en alimentación

A alimentación ocupa un destacado lugar na economía familiar. Un de cada seis euros do orzamento doméstico destínase á compra de produtos alimenticios. En concreto, segundo a Enquisa de orzamentos familiares, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), en España cada fogar desembolsou en 2015 unha media de 27.420 euros para cubrir os diferentes gastos domésticos (vivenda, electricidade, saúde, alimentación, transporte, ensino, comunicacións etc.). O 15 % dese diñeiro destinárono a sufragar a alimentación e as bebidas non alcohólicas; é a segunda partida máis importante por detrás da vivenda, da auga, da electricidade, do gas e doutros combustibles, que supón o 32 % do orzamento familiar (8.710 euros).

EROSKI CONSUMER quixo investigar a fondo canto gastan as familias españolas en alimentación, como evolucionou ese gasto desde 2011 (data na que esta revista realizou a última análise sobre este tema) e a relación do gasto medio co prezo por quilo de certos alimentos. Ademais, estudouse a estrutura de gasto en 17 comunidades autónomas: Andalucía, Aragón, Principado de Asturias, Illas Baleares, Canarias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Comunidade de Madrid, Rexión de Murcia, Comunidade Foral de Navarra, País Vasco e A Rioxa.

Así, para realizar este estudo utilizáronse microdatos de 2015 publicados en xuño de 2016 polo INE na Enquisa de orzamentos familiares do INE. Estes datos achegan información sobre 70 categorías de produtos alimenticios.

Investimento en alimentación

Máis de 4.100 euros en alimentación

Cada fogar desembolsou unha media de 4.125 euros en comida e bebidas non alcohólicas durante 2015. En 4 anos, este orzamento diminuíu un 0,6 % e mantívose a tendencia que viña dándose desde 2006 (último ano analizado no anterior estudo elaborado por esta revista). No entanto, se se ten en conta a evolución anual, pódese observar que entre 2014 e 2015 cambiou esa tendencia negativa, xa que neses últimos 12 meses o gasto medio en alimentación aumentou un 2,4 %.

Neste sentido, hai que ter en conta o índice de prezos ao consumo (IPC) que, entre 2011 e 2015, se incrementou preto dun 8 % na categoría de alimentos e bebidas non alcohólicas. Por anos, o IPC foi aumentando ata que en 2014 diminuíu case un 1 % e un ano despois volveu aumentar un 2 %.

Máis os navarros e menos os estremeños

Por comunidade autónoma, os fogares navarros foron os que máis gastaron en alimentación e bebidas alcohólicas (4.688 euros), un 14 % por encima da media e un 29 % máis que a media dos fogares estremeños, onde menos se gastou (3.623 euros).

Respecto da media nacional (4.125 euros), as familias de oito comunidades situábanse por encima no gasto medio en alimentación (ademais de Navarra, superábana País Vasco, Galicia, Murcia, Cataluña, Castela e León, Aragón e Cantabria) e outras 9 por debaixo (á parte de Estremadura, investían por debaixo da media os fogares de Castela-A Mancha, a Comunidade Valenciana, Andalucía, Canarias, Asturias, a Comunidade de Madrid, A Rioxa e as Illas Baleares).

Ademais, a evolución do gasto medio por fogar en 4 anos foi dispar por comunidade autónoma. En seis diminuíu, desde o 8 % de Andalucía ata o 1% de Galicia. Porén, no resto a tendencia foi a contraria, xa que aumentou desde o 0,3 % de Canarias ata o 10 % de Castela e León.

Mapa ga

Investimento por grupo de alimentos

Carne e pan e cereais, o maior investimento

A carne é o produto estrela para os fogares españois, xa que é ao que se lle dedica a maior proporción do orzamento doméstico. Supón o 24 % do gasto medio por fogar en alimentación, un total de 974 euros. Despois, a segunda partida máis importante é o pan e os cereais; as familias españolas desembolsan un 15 % do orzamento doméstico, o que ascende a un total de 623 euros.

O resto de grupos de alimentos distribúense da seguinte forma: entre o 12 % e o 10 % do orzamento vai parar ao leite, ao queixo e aos ovos; ao peixe; ás froitas e ás hortalizas. E, entre o 4 % e o 5 %, ás augas minerais, ás bebidas refrescantes e aos zumes; ao azucre, ás confeituras, ao mel, ao chocolate, á confeitería e aos xeados; e a outros produtos alimenticios, como salsas, especias, alimentos para bebés, produtos dietéticos etc.

Por último, as familias españolas invisten tan só un 2 % en aceites e graxas, e en café, té e cacao. En concreto, gastan 106 euros no primeiro grupo de alimentos e 92 euros no segundo.

Cesta ga

Evolución dispar

En 4 anos, case a metade dos grupos de alimentos estudados sufriron un descenso no investimento familiar, mentres que o resto aumentou a diferentes ritmos. Así, as augas minerais, as bebidas refrescantes e os zumes caeron un 7 %, do mesmo xeito que o pan e os cereais. E tamén caeron o leite, o queixo e os ovos, que o fixeron arredor do 4 %.

Porén, os grupos de alimentos que máis ascenderon en gasto medio por fogar foron o café, o té e o cacao (un 15 % máis), e tamén os aceites e as graxas (un 10%). E convén ter en conta que se trata dos dous tipos de alimentos nos que as familias españolas invisten menos diñeiro.

No caso dos aceites e das graxas, das froitas, das hortaliza e do café, do té e do cacao, pódese comprobar que durante os 4 anos analizados hai unha flutuación irregular no investimento familiar. E esta situación pódese observar especialmente entre 2014 e 2015. Mentres no primeiro ano decrece entre o 1 % e o 8 %, ao ano seguinte a tendencia revértese radicalmente con subas de entre un 4 % (hortalizas) e un 12 % (aceites e graxas).

Por comunidade autónoma

Do mesmo xeito que ocorre no eido nacional, os fogares das 17 comunidades autónomas investiron máis en carne, aínda que non na mesma proporción. Mentres os galegos destinaron o 26 % do gasto medio (1.199 euros), nas Canarias foi o 18 % (683 euros).

En practicamente todas as comunidades a segunda partida máis importante foi o pan e os cereais, pero tampouco na mesma proporción. Así, as familias andaluzas, manchegas e rioxanas desembolsaron o 16 % (ao redor de 625 euros), fronte ás cántabras que non chegaron ao 14 % (575 euros). Soamente en dous territorios os fogares gastaban máis en leite, queixo e ovos ca en pan e cereais, é o caso de Asturias (563 euros, o 14 % do seu orzamento medio) e das Canarias (583 euros, o 15 % do seu).

E como foi a evolución no gasto medio destes tipos de alimentos entre 2015 e 2011? Destaca o descenso do 16 % en aceite e graxas nos fogares estremeños e do 15 % en augas minerais, bebidas refrescantes e zumes en Galicia e Andalucía. Pola contra, sobresae o incremento no investimento familiar en café, té e cacao na Rioxa (49 %), Castela e León (39 %), Murcia (36 %) e Aragón (31 %), así como en aceite e graxas en Cantabria (o 47 %).

Gasto e prezos por alimento

Maior gasto en chacinería e pan

Tal e como se mencionou con anterioridade, a carne é a partida na que máis se inviste. Pero en que tipo de carne? O maior desembolso faise especialmente en chacinería e carne seca, salgada ou afumada, na que se inviste un total de 403 euros ao ano. Algo menos, 161 euros, dedícase á carne de ave; 126 euros á carne de bovino e 114 euros á de porcino. Todas elas frescas, refrixeradas ou conxeladas. Ademais, 107 euros van parar ás carnes preparadas e outros produtos que conteñen carne, como salchichas, empanadas de carne, hamburguesas, conservas de carne, preparación de paellas etc.

A segunda partida máis importante era o pan e os cereais. O pan leva 292 euros ao ano e outros produtos de panadería (galletas, biscoitos, madalenas, bolos, crêpes etc.) supoñen unha media de 134 euros.

Por debaixo, as partidas nas que menos gastan as familias españolas son, por unha banda, o café, o té e o cacao, e tamén os aceites e as graxas. Nestes grupos, os alimentos nos que máis invisten os fogares españois son en aceite de oliva (80 euros) e en café (64 euros ao ano).

Top ga

Aumenta o café e diminúe a carne de bovino

E como evolucionou o gasto nestes alimentos? En primeiro lugar, hai que lembrar a evolución do IPC, que entre 2011 e 2015 se incrementou case un 8 % nos alimentos e nas bebidas non alcohólicas.

Así, en chacinería e en carne de porcino gástase máis (arredor do 1 %) que hai 4 anos, aínda que o aumento máis importante no gasto medio dos fogares se produciu nas carnes preparadas e noutros produtos que conteñen carne (un 11 %). Pola contra, as familias españolas desembolsan menos en carne de ave (un 1 % menos) e moito menos na de bovino (un 15 %).

En canto ao pan, faise un desembolso menor (do 11 % menos) que hai 4 anos e gástase máis noutros produtos de panadería como son as galletas ou os biscoitos (un 2 %).

Por último, o investimento en aceite de oliva aumentou un 15 % e en café nada menos ca un 21%.

Evolucion ga

Prezos

En todas estas flutuacións do gasto medio por fogar tamén afecta o prezo dos alimentos. Como xa se mencionou, o tipo de carne que supón un maior desembolso é a chacinería, que custa 10 euros o quilo. Despois invístese especialmente en carne de ave, de bovino e de porcino. O quilo da primeira supón a metade que o da chacinería (5 euros o quilo) e tamén a de porcino (6 euros o quilo), pero a de bovino son 11 euros o quilo (a máis onerosa). Por último, as carnes preparadas e outros produtos con carne custan 7 euros o quilo.

En canto ao pan, as familias teñen que pagar case 3 euros por quilo deste produto, pero destinan un 72 % máis diñeiro a outros produtos de panadería, como as galletas ou os biscoitos (4,5 euros o quilo).

Por último, o café custa 11 euros o quilo (en 4 anos aumentou ese prezo nada menos ca un 25 %), mentres que polo aceite de oliva os fogares españois pagan 3,5 euros o quilo (en 4 anos ese prezo tamén se incrementou un 37 %).

Precios ga