Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Fracaso escolar : Atopar a orixe do problema, primeiro paso para superalo

O traballo común de pais e educadores é un elemento básico para afrontar unha realidade crecente e preocupante

Trastornos emocionais e da aprendizaxe

/imgs/20050101/img.informe.02.jpg
Podemos falar de fracaso escolar cando o alumno non consegue os obxectivos propostos para o seu nivel e idade e existe un desaproveitamento real dos seus recursos intelectuais. Isto adoita ter como consecuencia unha actitude negativa ante a aprendizaxe. Moitas son as causas que poden orixinar un fracaso escolar. As máis salientables son os trastornos da aprendizaxe e os trastornos emocionais. As cifras varían segundo os diferentes estudos, pero pódese dicir que só un 2% dos fracasos se debe a factores intelectuais, mentres que arredor dun 29% está orixinado por trastornos de aprendizaxe, entre os que destaca a dislexia. A mesma proporción débese a factores emocionais de todo tipo, e un preocupante 10% ocúpao o Trastorno de Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH).
O fracaso escolar tamén se pode dar como consecuencia das dificultades na aprendizaxe acumuladas polo neno ó longo de varios cursos, e mesmo pode ser un síntoma claro da inadaptación do neno ó centro escolar, debido a plans pedagóxicos mal concibidos, organizados e orientados, con esixencias excesivas e modos de ensino ineficaces.

Causas do fracaso escolar

/imgs/20050101/img.informe.03.jpg

  • Intelectuais.Xorden como consecuencia dun desaxuste entre a idade cronolóxica e a intelectual, e dáse tanto en nenos con algún tipo de deficiencia mental coma en nenos superdotados. Tamén se pode producir por unha falta de base sólida nos cursos anteriores.
    O máis común é que se rexistren insuficiencias nalgunha das dúas áreas xerais en que se divide a medición da intelixencia: a área verbal e a área de execución manual. A primeira inclúe, entre outros factores, a comprensión e o uso da linguaxe, así como modalidades específicas de memoria, xuízo social, pensamento lóxico, concentración e pensamento asociativo. A segunda abrangue a coordinación vasomotriz, a organización da percepción, a habilidade para planear unha acción e outros factores.
    Se existe unha deficiencia intelectual, por moi leve que sexa, o neno non vai poder adquirir os coñecementos que debería e desde o comezo da escolaridade vai quedando atrás e distanciándose dos seus compañeiros. Este atraso non é recuperable e o neno tira maior proveito dunha educación especial. Tamén se pode tratar con terapia da fala, con terapia ocupacional ou con terapia educativa, segundo corresponda.
  • Motivación. Aínda que o estudante teña unha intelixencia normal ou por riba da media, pódense reproducir serios problemas de aproveitamento escolar se non se sente motivado a aprender. A este respecto tamén inflúen no estudante, e actúan como estímulos que o invitan a seguir mantendo o mesmo nivel de esforzo, o recoñecemento dos seres queridos, a aceptación social e o logro de metas a curto prazo. Outro motivo importante de desmotivación é a inexistente correlación entre os contidos impartidos na escola e as necesidades reais dunha sociedade tan cambiante coma a nosa. Os estudantes saben que moitos dos seus esforzos realizados non lles van servir de nada na vida real e que o éxito académico non lles asegura en absoluto o éxito na súa vida profesional futura.
    A solución a este problema pasa por descubrir que ocasiona o baixo grao de motivación. O seguinte paso é comezar a traballar para aumentalo. Este proceso pode levar o seu tempo, e en moitos casos faise precisa a axuda profesional para acadar cambios satisfactorios.
  • Problemas orgánicos. En ocasións, o bo rendemento escolar vese afectado por un problema físico que provoca certo grao de absentismo escolar ou por unha enfermidade crónica que xera certo grao de cansazo no neno. Entre estes problemas que poden afectar o neno de xeito físico ou sensorial e provocar un atraso na adquisición dos coñecementos elementais globais ou parciais atópanse os visuais ou auditivos (miopía, hipermetropía, hipoacusia, etc.), os problemas de orientación espazo-temporal, a dislexia, etc. Tamén está comprobado que os nenos que dormen pouco ou mal, e os que non se alimentan correctamente, en especial no almorzo, renden menos do que sería desexable.
  • Problemas emocionales. Adoitan darse tanto en nenos con carencias afectivas coma en nenos sobreprotexidos, así como en nenos hiperactivos, inseguros ou con exceso de fantasía ou con algún sentimento de inferioridade, nenos que sufriran a perda dun ou de ambos os dous proxenitores, nenos con pais moi severos, cun mal ambiente familiar, etc. Estas circunstancias adoitan dexenerar en trastornos de carácter acompañados de inestabilidade, cólera e reaccións negativas fronte ó profesor e os compañeiros, o que motiva importantes dificultades de integración na escola.
    O neno tamén pode padecer “fobia escolar”, que se orixina nos primeiros contactos coa escola e que se manifesta coa súa oposición tallante á vida e ás tarefas escolares.
  • Técnicas e hábitos de estudo. Moitos son os escolares que non saben como estudar. Ninguén lles ensina como se traballa ou como se estuda. Hai que aprender a aprender. Un grande esforzo en intentar asimilar unha materia sen saber como facelo trae consigo un pobre resultado co conseguinte desánimo por parte do estudante. Converter o estudo nun hábito é outra das ferramentas para acadar o éxito académico. O estudo é unha tarefa cotiá, que require unha práctica constante, pero se non é reconfortante en si, a formación do hábito é máis difícil.
  • Programación inadecuada. En ocasións esíxenselle ó neno tarefas moi difíciles para o seu nivel de maduración intelectual. Preténdese que tódolos nenos do curso escolar rendan por igual. Ás veces tamén hai unha falta de coordinación entre os distintos cursos ou ciclos escolares, ou discrepancias manifestas entre os distintos educadores, ou entre os educadores e os pais, que poden chegar a confundir o neno. E iso sen falarmos dos longuísimos temarios que moitas veces quedan sen explicar ou, outras veces, tan só ollados de pasada.
  • Os profesores. Clases numerosas, falta de respaldo por parte dos seus superiores ou de especialistas, fan que en ocasións o profesor lle transmita ó alumno sentimentos de inseguridade e infravaloración.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións