Funerarias

Ata os enterros máis económicos saen caros

Enormes diferencias de prezo entre as diversas cidades e tamén entre as funerarias dunha mesma cidade
1 Novembro de 2003
Img temap 171

Ata os enterros máis económicos saen caros

As horas e os días que seguen a unha defunción resultan particularmente difíciles e emotivos para o contorno máis próximo á persoa finada. A eficiencia e a rapidez con que as funerarias realizan tódalas xestións relacionadas co deceso permítenlle á familia concentrarse en aguantar con enteireza o dó, en adopta-las decisións prácticas relacionadas con esa morte e en atende-los parentes e amigos. Pero hai un aspecto, o económico, que tampouco neses momentos tan dolorosos se pode deixar de lado. Organizar un enterro, ou o que é o mesmo, contrata-los servicios dunha funeraria, representa un importante gasto que pode desequilibra-la economía doméstica de moitas familias. CONSUMER estudiou e comparou as tarifas dun cento de funerarias de 13 cidades e das súas respectivas provincias en todo o país, e fíxoo -dado que o servicio que se presta é en xeral máis ca digno- establecendo un suposto: o funeral máis económico en cada funeraria, que inclúe o féretro máis barato, o acondicionamento sanitario do cadáver, o seu traslado en coche fúnebre, o servicio relixioso máis común, unha coroa de flores modesta, os gastos de xestión e tramitación do expediente, o certificado de defunción, a necrolóxica máis habitual no xornal de maior difusión da provincia e a taxa de inhumación.

Case 1.500 euros de media, un 54% máis ca hai cinco anos

A primeira conclusión é que ata un enterro modesto representa un gasto cuantioso: o do suposto de CONSUMER ascende en España a unha media de 1.449 euros. Esta avultada cifra supón, ademais, un encarecemento do 54% nos últimos cinco anos, xa que en novembro de 1998 un informe desta revista cun suposto case idéntico (se ben algunhas das cidades estudiadas eran distintas) concluía que o custo medio dun enterro modesto no noso país era de 156.000 pesetas, é dicir, de 940 euros. Se temos en conta que o IPC subiu nestes cinco anos o 17,1%, compróbase que as tarifas dos servicios funerarios subiron máis do triple có custo medio da vida.

Tamén cómpre salientar que as diferencias no desembolso que supón un funeral son enormes, e sono tanto se se comparan as tarifas medias de cada cidade e provincia (en España, dúas de cada tres funerarias están instaladas fóra das capitais) coma se a comparación se establece entre as funerarias dunha mesma cidade ou provincia. A provincia máis cara -sempre falando do enterro máis económico- é Madrid, onde este funeral custa de media 1.808 euros, mentres que a máis barata é Barcelona (ningunha funeraria da capital aceptou darlle información a esta revista, polo que este dato só representa as que están emprazadas fóra da cidade condal), con 880 euros de media. As seguintes provincias con enterros máis caros son Murcia (1.672 euros), Alacante (1.664 euros), Álava (1.615 euros) e Valencia (1.610 euros). Entre as máis baratas, amais de Barcelona, figuran Cantabria (978 euros), Navarra (1.127 euros) e Málaga (1.199 euros).

A posibilidade de aforro, enorme

Pero a disparidade de prezos non só se dá entre distintas provincias. En Madrid, o funeral máis caro para este suposto custa 2.227 euros, mentres que o máis económico queda nos 647 euros, menos da terceira parte. E en Málaga, o máis caro ascende a 1.873 euros, tamén máis do triple cós 495 do máis barato. En Murcia, a diferencia entre o máis caro e o máis barato é de 1.203 euros; en Valencia, de 1.160 euros; en Biscaia, de 970 euros e en Alacante, de 925 euros. É obvio que nestas cidades dirixírmonos á primeira funeraria que se nos ocorre ou á primeira que se nos ofrece no hospital pode significar un oneroso sobrecusto. E o fenómeno acontece en tódalas provincias: as diferencias entre a funeraria máis cara e a máis barata de cada provincia (e lembremos que en tódolos casos se pediron tarifas para o enterro máis económico de cada funeraria) superaron os 500 euros en 10 das 13 estudiadas. Só en Almería a posibilidade máxima de aforro no enterro do suposto foi modesta, 71 euros, porque en Cantabria representaba 254 euros e en Navarra 416 euros. Na Coruña e en Guipúscoa andaba arredor dos 600 euros.

Se a familia da persoa finada desexa ou precisa aforrar nalgún dos moitos gastos do enterro, seralle útil saber que o 75% do importe total corresponde á suma do prezo do féretro (36%), a necrolóxica (19%), o coche fúnebre (12%) e a coroa de flores (8%), polo que os seus esforzos deberían encamiñarse a reducir ou elimina-lo custo dalgúns destes conceptos, os máis onerosos. Para rematar, hai que lamentar que resulta moi difícil comparar entre os prezos e servicios das funerarias, xa que moitas son remisas a facilitar información ou fano de maneira pouco clara e evitando detalla-los conceptos que inclúen as súas tarifas. Mostra desta falta de transparencia é que CONSUMER tivo que poñerse en contacto con máis de 300 funerarias para conseguir datos de tan só un cento delas. Outro tanto aconteceu no estudio de 1998, pero daquela polo menos a metade aceptou colaborar. Dito doutro xeito, a competencia e a claridade en prezos e servicios tan asentada noutros sectores non chegou aínda ó das pompas fúnebres, co que iso supón de prexuízo para os usuarios que, cando contratan un enterro, non poden comparar e elixir con coñecemento de causa entre as diversas opcións que lles ofrece o mercado.

Cómo se fixo o informe

Contactouse con 306 funerarias (tódalas que operan nas 13 provincias do estudio), pero só 100 accederon a responde-lo cuestionario dos técnicos de CONSUMER que, identificados como tales, solicitaron do 11 ó 21 de setembro as tarifas mínimas de cada funeraria. Comparáronse os prezos de 11 funerarias en Valencia (4 na capital e 7 na provincia), 5 en Cantabria (unha na capital), 6 en Almería (2 na capital), 8 en Guipúscoa (unha na capital), 10 en Biscaia (3 na capital), 8 en Madrid (2 na capital), 8 en Barcelona (ningunha na capital), 9 en Málaga (2 na capital), 5 en Navarra (unha na capital), 12 na Coruña (4 na capital), 7 en Alacante (2 na capital), 7 en Murcia (4 na capital) e 4 en Álava (3 na capital). Tras consegui-las tarifas, estimouse para cada funeraria o custo do seu enterro máis económico, que incluía a adquisición do féretro, o servicio relixioso, a coroa de flores máis común, os gastos de xestión e tramitación do expediente, o certificado de defunción, a necrolóxica máis habitual no xornal de maior difusión da provincia e a taxa de inhumación.

Polas dificultades que presenta incluí-lo prezo da tumba (foxa, nicho ou columbario), de custo variable en función do tempo para o que se realiza a concesión -o habitual é que non se cedan os espacios en propiedade, senón en concesión-, e por optar, neste suposto, pola inhumación e non pola incineración, estes dous conceptos non se tiveron en conta na comparación, aínda que os seus prezos tamén foron estudiados e o informe fala deles.

O féretro e o coche fúnebre

O prezo medio do féretro máis barato sitúase en 517 euros. A provincia máis cara ó respecto é Murcia, cun custo medio de 715 euros; e a máis barata, Barcelona, a só 184 euros. Este é un dos apartados que máis repercute e explica a enorme diferencia entre os enterros dunhas e doutras funerarias e entre os dunhas e outras provincias. O segundo féretro con prezo medio máis caro atopouse en Valencia (692 euros). Aínda que non tanto, tamén resultaban onerosos, por riba dos 550 euros de media, en Madrid, Álava, Alacante e Almería. Lixeiramente por baixo aparece Guipúscoa (549 euros). Amais de en Barcelona, os féretros máis baratos ofrecéronse en Cantabria (396 euros de media) e Navarra (409 euros). E saían tamén algo económicos, menos de 500 euros de media, en Málaga, en Biscaia e na Coruña. Comparando tódalas funerarias, o féretro máis barato (sempre falando dos máis económicos que ofrecía cada unha) atopouse en Barcelona, a só 26 euros (o máis caro nesa cidade custaba 461 euros), e o máis caro, en Valencia, a 1.284 euros (o máis barato custaba 321 euros).

Por outra banda, o custo medio do transporte do cadáver en coche fúnebre (o máis económico de cada funeraria) é de 243 euros. Só tres provincias se sitúan moi por riba: Murcia (369 euros), Alacante (346 euros), Valencia (310 euros). E nas tres máis baratas é realmente económico: en Cantabria supón de media só 65 euros; en Málaga, 138 euros e en Barcelona, 168 euros. En xeral, o coche fúnebre máis barato ofrecíase nunha funeraria da Coruña (46 euros) e o máis caro, nunha de Alacante (487 euros), dez veces máis caro.

Coroa de flores, un gasto importante

O prezo medio da coroa de flores máis común sitúase en 112 euros. O máis elevado atopouse nas funerarias de Álava (148 euros de media) e o máis barato nas de Murcia (83 euros). O custo medio era tamén elevado en Navarra (135) e en Barcelona (130 euros). Amais de en Murcia, as coroas máis económicas, a menos de 100 euros de media, atopáronse nas funerarias de Madrid, Málaga e Almería. A máis barata atopouse nunha empresa de pompas fúnebres de Murcia, a 58 euros, e a máis cara (non esquezamos que se trataba da máis común en cada funeraria) nunha de Álava, a 203 euros. Nesta provincia, outra funeraria ofrecía unha coroa por 102 euros.

Os gastos de xestión varían tanto no prezo coma no xeito de calculalo, xa que algunhas cobran unha taxa porcentual (arredor do 5%) do prezo do enterro. A media deste custo das xestións é de 89 euros, pero rexistráronse diferencias importantes. As máis caras, en Álava, Biscaia e Guipúscoa cobran de media arredor de 120 euros; en Málaga, na Coruña e en Madrid, preto de 100 euros, e en Cantabria, en Valencia e en Navarra, arredor de 80 euros. As medias máis baratas atopáronse nas de Murcia (57 euros) e Barcelona, Alacante e Almería, estas últimas arredor de 65 euros.

No tocante ós gastos polo certificado de defunción, unha parte do mesmo corresponde ó impreso e outra ó que cobra o médico por realiza-lo servicio. O prezo do impreso é único e fixo, 3,48 euros. Sempre e cando o médico non exerza de xeito privado, cumprimentar este certificado non debe supor un custo adicional. Se é a funeraria quen facilita o impreso e solicita a asistencia do médico, probablemente será cobrado especificamente este servicio. A media, obtida para as cen funerarias, de 5,67 euros demostra que o prezo do certificado se incrementa se recorremos a servicios privados. O prezo medio máis alto destas xestións anotouse en Málaga, case 14 euros, seguida de Navarra (12,5 euros).

No tocante ó prezo do acondicionamento sanitario do cadáver, algunhas funerarias inclúeno no prezo do féretro. De tódolos xeitos, a media representa 75 euros, e nalgunhas provincias este labor supón un gasto medio importante: Álava (139 euros), Alacante (112 euros), Guipúscoa (104 euros) e Valencia (95 euros). O prezo medio máis económico rexistrouse en Cantabria (44 euros) e en Barcelona, 40 euros.

¿É imprescindible a necrolóxica?

A necrolóxica no xornal representa un custo moi importante para a familia. A de tamaño habitual no diario (en cada un deles, porque non en todos é o mesmo) de maior audiencia sae, de media, a 260 euros. O prezo da necrolóxica fíxano, como é obvio, os xornais, e non as funerarias. O tamaño máis frecuente é o de dúas columnas, aínda que nalgúns xornais o prezo se establece por módulos. Segundo as informacións facilitadas polas funerarias verbo das necrolóxicas que solicitan con maior frecuencia ós xornais de maior audiencia, o prezo máis caro págase en Madrid, con 519 euros de media por necrolóxica, seguida de Alacante (344 euros), A Coruña (316 euros), Biscaia (312 euros) e Murcia (278 euros). As máis económicas publícanse nos diarios de maior audiencia de Navarra (175 euros), Cantabria (174 euros) e Málaga (112 euros). Se precisamos aforrar, cumpriría reflexionar sobre a conveniencia de incorrer neste gasto; é dicir, pensar outras posibilidades de informar sobre o deceso ás persoas achegadas ou coñecidas.

Xa no cemiterio

A taxa de inhumación ou de enterramento establécena os concellos onde se sitúan os cemiterios públicos. Os prezos varían en función de onde se realice o enterramento: non é o mesmo facelo nunha foxa ca nun nicho ou nun panteón, aínda que algúns concellos optaron por un custo fixo, independentemente do lugar en que se efectúe a inhumación. A taxa de inhumación media máis cara recolleuse en Guipúscoa (160 euros) e a máis barata en Alacante (41 euros), mentres que a media se sitúa en 80 euros. A segunda máis cara de media está en Madrid (157 euros) e séguea Málaga (150 euros). Son económicas as taxas medias de inhumación en Valencia (43 euros), en Navarra (52 euros) e en Álava e Almería (56 euros).

A última prestación do enterro establecido por CONSUMER é o servicio relixioso máis común. Hoxe, moitas funerarias ofrecen salas multiconfesionais para a realización destes actos. O servicio relixioso tamén pode estar incluído dentro doutro apartado do total cobrado pola funeraria. O prezo do servicio relixioso vai desde os 13 euros de media en Navarra ata os 132 na Coruña, mentres que a media supón 65 euros. Agora ben, só na Coruña se superan eses 65 euros. En Guipúscoa, algunhas funerarias incluían este servicio dentro doutro concepto ou ben non o facilitaban. Os custos máis económicos para a misa, amais de en Navarra, anotáronse en Cantabria (33 euros), Barcelona (37 euros), Biscaia (39 euros) e Madrid (41 euros).

O auxe do tanatorio

Se se solicitan servicios non incluídos no suposto de CONSUMER, como o tanatorio ou a mesa de sinaturas, os gastos increméntanse. E cómpre engadi-lo gasto adicional que supón o enterramento en foxa, nicho ou panteón, se non se posúe un en concesión. E se se opta pola cremación, incórrese noutro gasto non contemplado no suposto, o da propia incineración, e o da urna para transporta-las cinxas, aínda que se evita o gasto do enterramento.

Paulatinamente, os tanatorios vanse consolidando como lugar onde vela-lo defunto. É máis cómodo e práctico para todos, pero supón outro desembolso que hai que engadir ós xa contemplados. O prezo deste servicio, que de media no noso país é de 243 euros, varía de xeito extraordinario: a media nas funerarias consultadas en Murcia era de 370 euros, mentres que en Cantabria só custa, de media, 64 euros. Tamén é relativamente barato en Málaga (139 euros), na Coruña e en Barcelona (178 euros e 168 euros respectivamente). E resulta caro, amais de na citada Murcia, en Almería (303 euros) e, sobre todo, en Valencia (311 euros de media) e Alacante (347 euros).

Por outra banda, o custo da cremación e a urna están indisolublemente unidos, de aí que se presentan ó usuario de xeito conxunto. O custo medio é de 417 euros. As tarifas máis elevadas atopáronse en Cantabria (510 euros), Murcia (501 euros), Málaga (476 euros), Alacante (444 euros) e Almería seguida de Madrid, con 439 euros e 433 euros respectivamente. E as máis económicas, en Valencia (226 euros), na Coruña (332 euros) e en Biscaia (338 euros).

Comparar entre o custo global que supón a inhumación e a incineración (cara a ter un dato máis para elixir entre as dúas opcións) faise case imposible, porque habería que repercutir (no caso da inhumación ou enterramento) o moi variable prezo de concesión ou compra do nicho, foxa ou panteón en cada provincia e establecer un modelo-tipo para facer homologables as diferentes realidades. Outra cousa é que, en cada caso concreto, os usuarios si poidan facelo.

No tocante á mesa de sinaturas, entre as funerarias consultadas en Barcelona algunhas tiñan incluído este servicio dentro doutro apartado e outras non facilitaron o seu prezo. As mesas de sinaturas máis caras dispóñense en Málaga, cunha media de 70 euros, mentres que as máis económicas se ofrecen en Madrid, a 12 euros. En Valencia saen tamén caras, 64 euros de media, e outro tanto se pode dicir das de Alacante (59 euros), Navarra e Guipúscoa (51 euros). Xunto a Madrid, as máis baratas son as da Coruña (19 euros), Cantabria (28 euros) e Almería (30 euros).

Recomendacións e táboas comparativas

  • Non lle contratémo-lo servicio á primeira compañía que nolo ofreza.
  • Solicitémoslle varios orzamentos a máis dunha funeraria. O obxectivo é tanto comparar prezos e servicios entre as diversas funerarias coma entre as diversas opcións de enterro que ofrecen en cada unha delas.
  • Sempre hai algún familiar ou amigo que, pola súa predisposición natural ou polo seu carácter, pode realizar eficazmente estas xestións. Deixémolo traballar. Facilitaralles ós máis directamente afectados polo falecemento un aforro importante.
  • Se a morte do ser querido se pode prever con certa antelación, comecémo-las xestións con tempo. Será máis sinxelo, e emocionalmente máis aturable, dar coa mellor relación calidade-prezo.
  • Ás funerarias que se negan a facilita-la información que solicitamos, descartémolas. Hai outras que si o farán, dirixámonos a elas. Se cadra este é o xeito de que as funerarias que aínda non o fan, aprendan a atender adecuadamente ós seus clientes.
  • Lembremos que a funeraria municipal non sempre equivale a prezos máis razoables ou a servicios de maior calidade.
  • Cando se paga un seguro de decesos para cubri-los gastos que xeran os servicios funerarios, o que se contrata é unha prestación de servicios e non os dunha compañía en concreto. O cliente ten total liberdade (aínda que a aseguradora teña concertados os servicios cunha determinada empresa funeraria) para elixi-la funeraria que prefira.
  • A liberalización do sector, moi recente nalgunhas cidades, non se completou totalmente, e isto prexudica ó usuario. De tódolos xeitos, esixamos información sobre tarifas e prezos, e elixámo-lo que máis nos convén.