Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Taxis: comparadas as tarifas e realizada unha proba práctica de 180 traxectos en taxi en 18 cidades : As tarifas do taxi subiron nun ano catro veces máis ca o IPC

O prezo medio aumentou no último ano un 5,2%, cando o IPC anual foi do 1,4%. A calidade do servizo mellorou, pero case catro de cada dez taxis non expuñan as súas tarifas, malia a que é obrigatorio

Calidade, limpeza e confort e información

Calidade: boa pero con carencias

A calidade é, xunto coa limpeza e co confort, o apartado no que mellor nota (un ‘ben’) acadaron os taxis neste exame. Os técnicos desta revista trataron de parar un taxi na rúa (agardando durante cinco minutos a entre 50 e 100 metros da parada) e dérono collido só no 28% dos casos. O máis habitual foi que se tivesen que trasladar á parada (57% dos casos) e mesmo pedir o servizo por teléfono (no 15% das ocasións).

Nos puntos clave das cidades (hospitais, estacións, hoteis, centros comerciais) o máis habitual foi atopar taxis na parada, aínda que ocasionalmente e nalgunhas cidades se observou que faltaban nas áreas específicas deste servizo. Ao solicitar un por teléfono, no 85% dos casos a chamada atendeuse ao primeiro intento, ademais de con corrección e amabilidade. Os coches tardaron de media seis minutos en facer acto de presenza.

Entre as carencias cómpre salientar que, tal e como se anotou na investigación de hai catro anos, no 30% dos 180 percorridos os taxistas puxeron en marcha o taxímetro antes de que o usuario indicase o destino. Houbo algúns casos (apenas chegaron ao 2%) nos que o taxímetro non funcionaba ou non estaba colocado de xeito que fose visible para os pasaxeiros e mesmo se observou que dous vehículos carecían de taxímetro.

Un dos temores dos usuarios, sobre todo se non coñecen a cidade, é que o taxista non elixa o traxecto máis curto ou máis rápido e, en consecuencia, o gasto se dispare. Aínda que nun 12% das viaxes se rexistraron diferenzas de prezo considerables entre a ida e a volta (de entre o 25% e o 30% en 9 percorridos e do 50% en 2), estas diferenzas case sempre se podían explicar polas circunstancias do tráfico. Só en dúas das 180 viaxes realizadas, unha en San Sebastián e outra en Vitoria, se xulgou que o taxista deu rodeos innecesarios e alongou o percorrido de xeito consciente.

Os máis dos taxistas que trasladaron os técnicos desta revista nas 18 cidades comportáronse con profesionalidade, proporcionáronlle un bo trato aos pasaxeiros, axudáronos coa súa equipaxe e comportáronse con prudencia ao volante. Agora ben, no que atinxe ao xeito de conducir, cómpre subliñar que aínda que a velocidade de marcha se reduciu con respecto á anotada hai catro anos, o que se xulga positivo, as imprudencias aumentaron: rexistráronse adiantamentos perigosos en tres percorridos, velocidade excesiva en sete ocasións, paso de semáforos en vermello en catro traxectos e insuficiente respecto polos sinais de circulación en 12 percorridos, é dicir, 26 incidencias indesexables, evidencia de escasa profesionalidade, en 180 traxectos.

Lei do taxi: dereitos e obrigas

  • Información clara e visible. O número de licenza, as tarifas e o taxímetro deben estar á vista do pasaxeiro.
  • Un servizo profesional. O ou a taxista non baixarán a bandeira ata que o usuario indique o destino. Seguirá o percorrido que previsiblemente sexa máis curto e entregará un recibo en talonario oficial. Só poderá negarse a realizar un traxecto se queren montar máis pasaxeiros dos autorizados, se se trata de persoas perseguidas pola policía ou se se prevé que poden causar danos, casos nos que debe xustificar a negativa ante un axente da autoridade.
  • Características do vehículo. Debe estar identificado con carteis de ‘TAXI’, con módulo externo luminoso e placas regulamentarias S.P., contar con taxímetro homologado, con extintor de incendios e con algún sistema de climatización.
  • Dereitos dos usuarios. Os pasaxeiros poden abrir e pechar as fiestras e solicitar que se acenda ou apague o aire acondicionado ou a radio. Debe esixir baixar do coche en lugares seguros e que a condución sexa correcta e segura.
  • Deberes dos pasaxeiros. Aboar o prezo do servizo, non interferir na condución nin solicitar a baixada en sitios inseguros. Non introducir no vehículo obxectos ou materiais que poidan afectar a súa seguridade nin manipular, destruír ou estragar elemento ningún do taxi.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións