Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Taxis: comparadas as tarifas e realizada unha proba práctica de 180 traxectos en taxi en 18 cidades : As tarifas do taxi subiron nun ano catro veces máis ca o IPC

O prezo medio aumentou no último ano un 5,2%, cando o IPC anual foi do 1,4%. A calidade do servizo mellorou, pero case catro de cada dez taxis non expuñan as súas tarifas, malia a que é obrigatorio

Comparativa de tarifas

Enormes diferenzas de prezo entre cidades

Aínda que a suba media do prezo (sempre referido ao quilómetro recorrido) nas 18 cidades foi do 5,2% (case catro veces superior ao IPC), cada concello -responsable de fixar as tarifas- aplicou o seu propio incremento. As cidades nas que se constataron maiores subidas foron A Coruña (8,8%) e Oviedo (7,7%), seguidas de San Sebastián, Madrid, Bilbao, Barcelona e Vitoria (arredor do 6%). No outro extremo destaca Murcia, única cidade das 18 comparadas que non rexistrou incrementos no 2009 no prezo do taxi. As subas máis moderadas producíronse en Pamplona (3%), Logroño (4,2%) e Valencia (4,5%). O quilómetro percorrido (en horario diúrno) nestas cidades custa de media 0,8 euros, pero en Madrid, Alacante e Valencia págase a case un euro, mentres que o prezo apenas chega aos 0,65 euros en Bilbao e en San Sebastián. Tarifa nocturna, baixada de bandeira, carreira mínima e suplementos cambian, tamén, de cidade a cidade.

/imgs/20090301/tema-2.jpg
En Barcelona, a tarifa nocturna aplícase 12 horas (de 20 a 8 horas), mentres que na maioría das cidades rexe oito ou nove horas (en Pamplona, sete horas: dende as once da noite ás 6 da mañá). De media, coller de noite un taxi sae un 30% máis caro ca polo día, pero esa diferenza chega ata o 50% se se fai en Logroño, en Murcia ou en Valladolid. Pola súa banda, a ‘baixada de bandeira‘ (prezo mínimo que se aboa) durante o día supón 3,64 euros en Vitoria, rolda os 2 euros en Madrid, en Barcelona e en Pamplona e en Sevilla queda en 1,19 euros. Bilbao e San Sebastián non aplican esta tarifa pero esixen unha carreira mínima, concepto implantado en 14 das 18 cidades (a excepción: Vitoria, Pamplona, Madrid e Barcelona). A carreira mínima máis cara é a de San Sebastián, onde un taxi non presta servizo que custe menos de 4,65 euros (en días laborais e horario diúrno) e a máis barata, a de Zaragoza, con case 2,5 euros. Tamén procede comparar o tempo de espera (período nos que o coche permanece de todo parado, porque espera polo pasaxeiro ou porque quedou detido no tráfico). A hora de espera diúrna máis cara págase en Oviedo (20,35 euros) e a nocturna en Zaragoza (29,53 euros). E as máis baratas, en Bilbao (hora de espera diúrna: 15,71 euros) e Madrid (a nocturna: 18,35 euros).

Ademais, agás en 5 destas 18 cidades (Vitoria, San Sebastián, Santander, Oviedo e Alacante), os taxis cobran suplementos. Na metade delas hai que pagar pola equipaxe (1 euro custa o extra en Barcelona, 35 céntimos en Murcia); sete cidades estableceron un plus se o percorrido inclúe unha estación de transporte e oito cobran suplemento por levar o usuario ao porto ou ao aeroporto. A lista de suplementos, non fai falta insistir, é variada e, en ocasións, mesmo pintoresca: en Pamplona chamar por teléfono ao taxi súmalle ao recibo 0,93 euros en día laborable e 1,54 euros na fin de semana. E nalgunhas cidades cóbrase un extra por traslados á Feira de Mostras (Madrid, Barcelona e Zaragoza) ou por percorridos durante as festas patronais, Semana Santa ou feiras (Málaga, Sevilla, Valladolid ou Zaragoza).

Ao aeroporto, por favor

Ben porque escasean outros medios de transporte público ou ben por comodidade, o certo é que a ‘carreira’ entre o aeroporto e o centro da cidade é unha das máis demandadas polos usuarios do taxi. Iso si, o prezo que se paga varía notablemente dunhas cidades a outras, entre outras cousas (que non só por iso), porque as distancias entre aeroportos e cidades son moi distintas. En Oviedo, 50 quilómetros separan o aeródromo máis próximo do centro da cidade, mentres que en Bilbao apenas son 20 quilómetros.

As carreiras máis caras: Oviedo (52,60 euros de media) e Murcia (53 euros de media). Comparado co informe realizado hai catro anos, o prezo incrementouse en 12 e en 8 euros, respectivamente.

As máis económicas: Pamplona (9,22 euros de media), Valencia (13,50 euros) e Alacante (14,70 euros). No 2005, os prezos das tres cidades máis baratas por ir dende o centro da capital ao aeroporto e viceversa (Pamplona e Alacante atopábanse entre elas) oscilaban entre 9 e 12 euros.

A maior diferenza no mesmo traxecto: En Alacante houbo un 41% de diferenza entre o prezo do percorrido de ida e o de volta, que se realizaron en taxis distintos. No resto das cidades, as diferenzas de prezo foron de apenas un par de euros.

/imgs/20090301/tema-4.jpg
Tarifa fixa: As únicas cidades de todo o informe que contan cun prezo concertado de antemán para facer este traxecto son Valladolid (20 euros en laborable e 22 euros en noites e festivos), Logroño (20 euros de luns a venres, 23 os domingos, festivos e sábados a partir das 15 horas) e Sevilla (20,70 euros durante do día e 23,08 noites e festivos). En Málaga hai un prezo oficial para o percorrido da cidade ao aeroporto (20 euros) pero non á inversa. En Oviedo non rexe unha tarifa fixa de xeito oficial pero, na práctica, cóbranse uns 55 euros.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións