Ruídos molestos

As leis permiten denunciar a quen causa ruídos excesivos

Tanto a vía xudicial como a vía administrativa e mesmo a penal son válidas para canaliza-la reclamación
1 Abril de 2003

As leis permiten denunciar a quen causa ruídos excesivos

Xa ninguén pon en dúbida que o exceso de ruído é un problema. As queixas xeradas polas actividades de lecer, nocturno e diúrno, por obras, pola proximidade de estradas, aeroportos ou fábricas ruidosas son continuas por parte dos veciños que ven como o seu lar e a súa intimidade se ven invadidos por unha morea de molestos sons a alto volume que perturban a súa calidade de vida.

A UE estima que o ruído ambiental como efecto das actividades humanas se duplicou os últimos anos en tódolos países membros. Só en España, calcúlase que como mínimo 9 millóns de persoas aturan niveis medios de 65 decibelios, o máximo admitido pola Organización Mundial da Saúde (OMS), ata o punto de que hoxe os expertos consideran a contaminación acústica como unha das máis molestas e das que maior incidencia teñen sobre o benestar humano.

As lexislacións europeas establecen que 65 decibelios diúrnos e 55 decibelios durante a noite son os límites aceptables para o ruído. Medicamente, a capacidade auditiva comeza a deteriorarse a partir dos 75 decibelios, e se se superan os 85 decibelios con frecuencia pódese orixina-lo que se denomina xordeira sensorineural progresiva (falta de excitación nas neuronas). Superados os 125 decibelios aparece a dor, e chégase ó limiar da dor ós 140 decibelios.

No tocante ós decibelios permitidos nunha vivenda, varían dun municipio a outro e dependen do tipo de actividade da que se trate. É máis, algúns consistorios afinan moito os máximos permitidos e clasifícanos incluso por zonas da casa. Xa que logo, o límite de decibelios é distinto para ruídos percibidos nunha habitación ou no salón.

Por iso, antes de comezar calquera trámite para solicita-lo cesamento de ruídos, cómpre informármonos sobre qué estipulan as ordenanzas municipais; é dicir, qué se considera unha actividade molesta e cáles son os límites admisibles (de decibelios e dos horarios en que se emiten) en cada caso.

A futura Lei do Ruído

Recentemente aprobouse no Consello de Ministros o proxecto da futura Lei do Ruído, que ten como obxectivo previr, vixiar e reduci-los niveis de contaminación acústica para evitar molestias e danos á saúde e ó ambiente, e garantir así os dereitos constitucionais protexidos en relación coa emisión de ruídos molestos. Esta futura Lei prevé sancións máximas de ata 300.000 euros para as infraccións graves (as que superen os valores límite de ruído e prexudiquen o ambiente, a seguridade ou a saúde das persoas).

Así e todo, esta Lei restrinxe o seu ámbito de aplicación e exclúe a contaminación acústica orixinada na práctica de actividades domésticas ou nas relacións de veciñanza sempre e cando non exceda os límites tolerables de conformidade cos usos locais.

No tocante ós aspectos que si regulará a futura Lei do Ruído, destaca a clasificación do territorio habitado español en áreas acústicas en función do predominio do uso do solo: residencial, industrial, recreativo e de espectáculos, terciario distinto ó anterior, sanitario e docente, afectado por infraestructuras de transporte e determinados espacios naturais. Para cada área acústica, o Goberno fixará uns obxectivos de calidade tendo en conta os valores dos índices de inmisión e emisión, o grao de exposición da poboación e especialmente dos grupos sensibles, a sensibilidade da fauna e dos seus hábitats, a presencia de patrimonio histórico e a viabilidade técnica e económica. Tamén se fixarán obxectivos de calidade aplicables ó espacio interior das edificacións destinadas a vivenda, usos residenciais, hospitalarios e educativos ou culturais. Ademais, as cidades de máis de 100.000 habitantes deberán elaborar un mapa de ruídos que axudará a fixar e rebaixa-los límites de emisións sonoras de cada zona.

Cómo reclama-lo cesamento de ruídos

A primeira opción para diminuír un alto nivel de ruído consiste en solicitar de xeito amigable o seu cesamento ou moderación. Pode acontecer que quen produce o ruído non sexa consciente das molestias que ocasiona e que logo de ser advertido rebaixe o nivel de emisións sonoras. Sempre é recomendable este primeiro paso, pois se dá resultados aforraremos trámites que nos amolen e que non sempre son gratuítos. Pero se mediante a vía amigable non acadamos nada, hai outros xeitos para lograr que as inmisións sonoras desaparezan ou descendan a niveis aturables.

Vía Administrativa

Consiste en denunciar no Concello o exceso de ruído, pois correspóndelles ós consistorios defende-lo dereito dos cidadáns a unha convivencia tranquila, aplicando as ordenanzas municipais.

Trámites que hai que seguir:

  • Denuncia do particular ou dun grupo (se máis dun veciño sofre as molestias de ruídos), mediante escrito dirixido ó Concello.
  • Inspección dos técnicos municipais e informe dos mesmos.
  • Alegacións do denunciante. En determinados casos pódense pedir medidas urxentes, como o cesamento inmediato da actividade ou o precintado das instalacións.
  • Decreto do alcalde, que establecerá as medidas correctoras e o prazo de execución.
  • En caso de urxencia, a denuncia pódese formular ante a Policía Municipal, que deberá realizar de xeito inmediato unha visita de inspección.
  • Se o Concello non resolve no prazo de tres meses desde o inicio do expediente (silencio administrativo), o denunciante poderá formular recurso contencioso administrativo, ó entenderse denegada a solicitude ou denuncia.

Vía contencioso-administrativa

En caso de que a denuncia ante o Concello obteña por resposta a inactividade administrativa ou a permisividade municipal ante inmisións sonoras superiores ás permitidas, o cidadán pode seguir reclamándolle ó Concello, amais do cesamento dos ruídos, unha indemnización por perdas e danos en base á responsabilidade patrimonial da administración pública.

Vía civil

Interponse unha demanda contra quen produce as emisións sonoras molestas. Os trámites varían en función do lugar de onde proveñan os ruídos: do propio edificio, de edificios adxacentes ou de actividades na rúa.

Ruídos orixinados en locais ou vivendas do mesmo edificio

A Lei de Propiedade Horizontal prohíbelle tanto ó propietario coma ó arrendatario desenvolver no piso ou local actividades prohibidas nos estatutos ou que resulten danosas para a finca.

Trámites que hai que seguir:

  • O presidente, por iniciativa propia ou doutro propietario ou inquilino, requiriralle ó veciño por escrito fidedigno (buro-fax, carta certificada, etc.) que cese as actividades molestas, informándoo de que, en caso contrario, a comunidade comezará accións xudiciais.
  • Se o infractor persiste na súa conducta, convocarase a Xunta de Propietarios para autoriza-lo presidente a iniciar unha acción xudicial de cesación.
  • A demanda pode ir acompañada da solicitude de medidas cautelares e dunha indemnización por perdas e danos.
  • Se o infractor é inquilino, a comunidade pode solicitar na demanda que sexa expulsado da vivenda ou local. Ademais, a Lei de Arrendamentos Urbanos faculta o arrendador para rescindi-lo contrato por actividades molestas e nocivas.
  • Se a comunidade de propietarios non actúa ó respecto, calquera propietario afectado tamén pode acudir ós tribunais pola súa conta.

Ruídos procedentes de edificios adxacentes

Trámites que hai que seguir:

  • Amigablemente, pór en coñecemento dos responsables as molestias por exceso de ruído, e solicitarlles que o reduzan.
  • Se non se soluciona: en caso de ruídos de bares, discotecas, fábricas ou semellantes, presentar denuncia no Concello. Se hai urxencia, como no caso de obras, acudir á Policía Municipal.
  • Se a conducta persiste, presentar unha demanda con opción a solicitar medidas cautelares no xulgado civil. Pódese alegar exercicio antisocial dos dereitos no demandado, responsabilidade extracontractual ou intromisión ilexítima na intimidade. Precísase avogado e procurador. Cando o prexudicado é unha comunidade de propietarios, convocar con urxencia unha Xunta Extraordinaria de propietarios para autoriza-lo presidente a iniciar accións legais.
  • Se o prexudicado entende que a actuación do Concello foi de pasividade ou de excesiva permisividade, tamén pode valorarse unha reclamación de responsabilidade patrimonial ó Concello.

Vía Penal

Por este procedemento óptase nos casos extremos e aplícase cando os ruídos ocasionan risco de grave prexuízo para a saúde das persoas (artigo 45 da Constitución). En cumprimento deste mandato, o Código Penal (artigo 325) castiga con penas que oscilan entre os 6 meses ata os 4 anos a quen infrinxe este precepto.

Trámites que hai que seguir:

  • Débese presentar denuncia ou querela ante o Xulgado. É conveniente contar con testemuñas. Pódense reclamar perdas e danos.
  • Para interpor querela (ou sempre que se interveña no procedemento como acusación particular) precísase avogado e procurador.

Outras vías de reclamación

Tamén é posible reclamar por exceso de ruído presentando un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional, por violación do dereito á intimidade e á inviolabilidade do domicilio (art. 18 da Constitución Española). Non obstante, antes de recorrer a esta vía é preciso esgota-lo procedemento xudicial.

Para rematar, pódese presentar unha queixa ante o Valedor do Pobo (Defensor del Pueblo, Procurador del Común, Ararteko, Síndic de Greuges, …).

Niveis de ruído e os seus efectos na saúde

Decibelios Efectos no organismo Fontes emisoras de ruído
0-30 Non hai. Paxaros trilando, biblioteca, rumor de follas de árbores.
30-55 Reaccións psíquicas.
Dificultade para concilia-lo sono.
Perda de calidade do sono.
Interior dunha casa, ordenador persoal, conversa normal.
55-75 Dificultade na comunicación verbal.
Probable interrupción do sono.
Comunicación verbal difícil.
Chuvia, interior dun restaurante, ronquidos, aspirador, televisor co volume alto, camión do lixo.
75-100 Influencias de orde fisiolóxica no sistema neurovexetativo.
Aumento das reaccións psíquicas e vexetativas.
Perigo de lesión auditiva.
Interior de discotecas, motocicletas sen silenciador, vivenda próxima ó aeroporto, bucina do autobús.
100-130 Lesións nas células nerviosas.
Dor e trastornos graves.
Trades, avión sobrevoando edificio.
140 Limiar da dor Avión despegando a 20 metros.