Obra social de entidades financeiras: analizada a dotación a iniciativas sociais de 21 caixas de aforro e de cinco bancos españois

As grandes caixas reforzan os seus fondos de reserva a custa da Obra Social

·As caixas de aforro españolas destinan dez veces máis cartos a iniciativas sociais ca os bancos.
·A porcentaxe de beneficios para obra social das dúas grandes caixas reduciuse drasticamente nos cinco últimos anos.
·Os cartos dedicados ao apartado sanitario-asistencial medrou un 63% en detrimento do ámbito cultural e de tempo libre
1 Xullo de 2009
Img tema listado

As grandes caixas reforzan os seus fondos de reserva a custa da Obra Social

O destino dos beneficios das caixas de aforro bifúrcase en dúas vías: a da garantía de solvencia e a da solidariedade. Así o marca a lei. Cando a confianza e os resultados positivos imperan, o diñeiro flúe máis facilmente pola senda das obras sociais. Cando a incerteza e a inquedanza xermolan na conta de resultados, a prudencia, a presión institucional e a dos propios clientes limitan a vertente filantrópica. Esta é precisamente a dirección que tomaron as principais caixas de aforro españolas, tal e como comprobou CONSUMER EROSKI tras a análise da contía e das características da obra social de 21 das 46 entidades españolas. Se se comparan os datos cos obtidos nun estudo similar elaborado no 2004, obsérvase unha realidade con dúas caras. Por unha banda, o crecemento do investimento social en termos cuantitativos é ben notable: de 677 millóns de euros a 1.654 millóns (1.338 millóns de euros se só se inclúen as 15 entidades avaliadas hai cinco anos). Agora ben, se se toma como referencia a porcentaxe sobre beneficios, compróbase unha tendencia descendente xeneralizada, comportamento que se acentúa nas dúas grandes entidades do país: La Caixa e, sobre todo, Caja Madrid. Nesta última, a proporción de resultados para a obra social no 2008, un 8,7%, é tres veces inferior á do 2003, un 26,9%. En La Caixa, a porcentaxe reduciuse á metade, do 37,6% no 2003 ao 18,7% no 2008. Outro dato: a suma dos beneficios das dúas entidades no 2008 representa o 58% do total das 21 caixas analizadas. Non obstante, no total de gasto de obra social, a porcentaxe redúcese a un 43% (un 28% de La Caixa e un 15% de Caja Madrid).

Polo tanto, o crecemento do investimento das caixas de aforro en iniciativas sociais produciuse fundamentalmente polo aumento dos beneficios e non polo crecemento das porcentaxes dedicadas a estes fins, afectado pola necesidade de reforzar as reservas das entidades. Segundo datos da Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA), as 46 entidades españolas que se aglutinan nesta asociación, entre as que atopan as 21 seleccionadas para este informe, dedicaron o pasado ano 2.060 millóns de euros (1.941 millóns proceden do investimento das mesmas caixas e os 117 millóns de euros restantes corresponden aos ingresos xerados por actividades e subvencións) para sufragar actividades de interese social das que se beneficiaron máis de 142 millóns de persoas. Desa cantidade, o 80% corresponde ao gasto realizado polas caixas de aforro incluídas na mostra de CONSUMER EROSKI (1.654 millóns de euros). A listaxe compóñena Caja Cantabria, Caja Rioja, Bilbao Bizkaia Kutxa (BBK), Kutxa, Caja Vital, Caixanova, Caixa Galicia, Caja Catalunya, Caja Sur, Unicaja, Caja de Ahorros de la Inmaculada (CAI), Ibercaja, Caja de Ahorros del Mediterráneo (CAM), Caja Murcia, Caja España, Caja Duero, Caja Madrid, Cajastur, La Caixa, Bancaja e Caja de Ahorros de Navarra (CAN). Consultáronse as súas memorias e contas anuais e remitíronselles cuestionarios pechados aos responsables da Obra Social de cada unha delas. Convén matizar que nas caixas de aforro, para acordar o orzamento destinado a Obra Social dun ano, se toman en conta os beneficios obtidos o exercicio anterior, é dicir, as iniciativas sociais no 2008 fináncianse cunha parte dos beneficios do 2007. No caso dos bancos, o diñeiro destinado a actividades filantrópicas estímase baseándose nos beneficios dese mesmo ano. A única excepción neste último caso é o BSCH, que funciona como unha caixa de aforros.

A diferenza das caixas, os bancos non están obrigados a reservar parte dos seus dividendos para fins sociais. Non obstante, a maior concienciación cidadá e o valor crecente da Responsabilidade Social das empresas redundan nun maior compromiso social do sector bancario. Malia iso, e a teor dos datos recollidos por CONSUMER EROSKI en tres dos grandes bancos españois, BSCH, BBVA e Banco Popular (Bankinter e Banco Sabadell non pecharan no momento de elaboración do estudo os datos requiridos), a aposta, polo menos en termos porcentuais, é moi limitada. Mentres que as caixas de aforro dedicaron no 2008 de media un 26% dos seus beneficios anuais (entre o 42% de Caixa Galicia e Caja Rioja e o 8,7% de Caja Madrid) a actividades e iniciativas de índole social, a media dos bancos apenas superou o 1,7%. Esta distancia, lonxe de reducirse, viuse incrementada lixeiramente en comparación coas cifras de hai cinco anos, cando as caixas de aforro destinaban case dez veces máis cartos ca os bancos.

A crise tamén incidiu na orientación da obra social. A diferenza do estudo de hai cinco anos, no que a metade dos recursos se dirixían ao ámbito de cultura-tempo libre, o principal destino dos fondos recae agora na atención social-sanitaria, cun 39%, un 63% máis ca no 2004. As iniciativas de cultura-tempo libre pasan de representar un 52% a un 35% e, tras elas, aparecen as vinculadas con educación-investigación (17%) e as de recuperación do patrimonio histórico-artístico e medio natural (11%).

Como cambiou a Obra Social?

O investimento en Obra Social das caixas de aforro foise modificando co paso das décadas, e fíxoo seguindo o ritmo dos cambios e demandas da sociedade. Dende comezos do século pasado ata finais dos anos 60, este labor centrábase na cobertura das necesidades básicas da poboación máis desfavorecida: tarefas benéficas e asistenciais, como a atención sanitaria, a distribución de alimentos para indixentes, a rehabilitación de mutilados… Tratábase de facilitar o acceso de grande parte da poboación ás necesidades básicas que o Estado por si só non daba cuberto. A partir da década dos 70 e nos 80, coa chegada do denominado Estado do benestar, o papel asistencial e benéfico das caixas de aforro perde forza e boa parte da dotación de Obra Social encamíñase cara aos eidos cultural e educativo (construción e mantemento de escolas, bibliotecas, salas de exposicións, reconstrución de edificios históricos ou rehabilitación de obras de arte, entre outras). Nos últimos cinco anos, e en especial a raíz da crise económica, asístese a un regreso ás iniciativas de marcado carácter asistencial e sanitario, especialmente cara aos colectivos sociais máis vulnerables (inmigrantes, minusválidos, desempregados…) e para a terceira idade. As máis das veces, as caixas de aforro complementan as accións sociais organizadas dende a Administración pública.

Porcentaxe que se destina a reserva e a Obra Social

Tres de cada catro euros de beneficios, para reservas

A normativa, vixente dende 1992, esíxelles ás caixas de aforro dedicar como mínimo a metade dos seus beneficios para o fondo de reservas que garanta a súa solvencia e futuro económico. No 2008, a porcentaxe media de reserva ascendeu ao 74%, dous puntos por riba dos datos de hai cinco anos. Entre as entidades que se atopan por baixo desta media e que dedican unha maior parte dos seus beneficios a fondos sociais destacan Caixa Galicia e Caja Rioja. En ambos os dous casos, máis do 42% dos seus beneficios foron parar á Obra Social. Tras elas, aparecen a Kutxa (37,5% no 2008 fronte ao 21% do 2003), Caja Sur (36,2%), Caixanova e Caja Vital, estas dúas por riba do 35% dos seus beneficios para accións de índole social.

No extremo contrario sitúanse Caja Madrid (dedica o 91,3% a fondos de reserva e o 8,7% a obra social), CAM (dun 23% para iniciativas sociais no 2003 pasou ao 12,7% actual), Caixa Catalunya, Cajastur e La Caixa (entre un 17% e un 19%). O resto das caixas incluídas no estudo móvense nunha franxa entre o 20% e o 30%. Destes datos despréndese que entidades como Caja Rioja ou Caixa Galicia destinaron a proxectos sociais unha proporción dos seus beneficios case cinco veces maior á que dedicou Caja Madrid.

En números absolutos, as dúas caixas con maior volume de negocio achegan tamén as maiores cantidades: La Caixa dedicoulle á súa Obra Social 465 millóns de euros (case o triplo que hai cinco anos) dos case 2.500 millóns que gañou no 2007; e Caja Madrid 250 millóns de euros (un 84% superior ao montante facilitado no 2003) dos seus 2.861 millóns de beneficios. Séguenas entidades como Bancaja (84 millóns de euros dos 369 gañados no 2007), Caixa Galicia (83,4 millóns de 198) e Caixa Catalunya e BBK, ambas as dúas cun gasto social de 82 millóns de euros durante o pasado exercicio (os seus resultados foron de 487 e 307 millóns de euros respectivamente). Todas estas cantidades están moi por riba dos oito millóns de euros de Caja Rioja (gañou no 2007 19 millóns de euros), dos 11 de Caja Cantabria (56 millóns de beneficios) ou dos 25 millóns de euros que destinaron Caja Vital (71 millóns de ganancias) e mais a CAI (86 millóns de resultados).

No tocante aos bancos, a proporción de fondos destinados a iniciativas sociais tamén descendeu, e de xeito salientable. Pasouse do 2,4% do anterior informe ao 1,7% do 2008, case unha terceira parte menos. A maior porcentaxe correspóndelle ao Banco Popular, que contribuíu co 1,9% dos seus beneficios do 2008 a accións sociais (no ano 2003, esa proporción era maior: 4,3%). A continuación, BBVA (1,7%, que incrementa lixeiramente o 1,5% de hai cinco anos) e BSCH (1,4%, que reduce o 2,7% dos seus beneficios destinado no 2003). Non obstante, é o Santander o que destinou máis cartos, 126 millóns de euros, seguido do BBVA, con 85 millóns de euros e do Banco Popular, con 20 millóns de euros.

Un ben social ou mercadotécnia?

O desenvolvemento de actividades de carácter social dos bancos e das caixas de aforro xera debates e controversia sobre o seu obxectivo final. Dunha banda atópanse os que poñen o acento no beneficio social que brindan; doutra, os que catalogan estas iniciativas como accións de lavado de imaxe nas que o altruísmo é o disfrace para lograr unha posición máis competitiva no mercado e acadar mellores rendementos.

Non é un segredo que a crise actual, iniciada no sector financeiro, danou a imaxe da banca e das caixas de aforro, con beneficios constantes e cuantiosos que, polo menos ata datas recentes, contrastaban cos axustes e coas dificultades dos consumidores para afrontar ou acadar empréstitos persoais e hipotecarios. A mellora desa imaxe corporativa converteuse nunha necesidade para as entidades financeiras. Un dos aspectos que o consumidor máis valora é a súa contribución a actividades sociais, laborais, ambientais e culturais, é dicir, o que se coñece como Responsabilidade Social Corporativa (RSC).

O Informe Anual sobre a Responsabilidade Social Corporativa en España publicada no 2008 pola Fundación Alternativas indica que todo o concernente a este novo concepto está a xerar cambios importantes nas áreas de mercadotécnia e comunicación das empresas, que apostan por introducir mensaxes de RSC co obxectivo de xerar confianza entre consumidores e outros grupos de interese.

Calquera que sexa a estratexia de comunicación e imaxe das entidades bancarias, estas non contarán nesta época de crise co mesmo investimento ca anos atrás. Tampouco disporán dos mesmos recursos para obra social. Segundo datos da Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA), o beneficio destas entidades caeu no primeiro trimestre do 2009 un 23%. O montante destinado a Obra Social prevese que se reduza un 16% respecto ao 2008.

Apartados aos que se dedican eses cartos

Onde se inviste ese diñeiro?

Case tres cuartas partes do investimento en Obra Social das Caixas de Aforro (un 72%) ten como destino os apartados de asistencia social-sanitaria e cultura-tempo libre (un 39% e un 33%). Aínda que a proporción é semellante en ambos os dous casos, o certo é que a dotación para cultura se reduciu de xeito considerable en comparación cos datos de hai cinco anos (do 50% ao 33%) a prol da atención social e sanitaria, cunha maior demanda e cun maior recoñecemento por parte dos cidadáns en tempos de dificultades económicas. No apartado sanitario, os centros hospitalarios son os que levan a maior parte das axudas; mentres que na parte social destacan os proxectos con minusválidos, terceira idade e infancia.

Por entidades, La Caixa é a que se centrou máis neste epígrafe, xa que destinou o 64% da súa Obra Social para actividades destas características (en concreto, 297 millóns de euros). En proporcións similares móvense Caja Madrid (60%, 150 millóns de euros) e a Kutxa (57%, 46 millóns de euros). Entre as que menos lle destinan a esta partida atópanse a CAI (14,8%), Caja Rioja (15,5%) e o 20% de Caja Vital. O resto das caixas dedicaronlle proporcións de entre un 24% e un 43%.

O apartado de Cultura mantén o seu peso específico en entidades como Caixanova, Caja Rioja, Caja Duero e Unicaja, nas que representa a metade ou máis do gasto total anual de Obra Social. Unha boa parte dese diñeiro cobre a creación e mantemento de salas de exposicións, museos, espazos polivalentes e bibliotecas. Outra partida importante vén sufragar os gastos ocasionados por representacións musicais e teatrais e mais a organización de congresos, eventos, mostras, seminarios, etc. No tocante ao tempo libre, son os maiores de idade os que reciben máis atencións.

Os dous últimos apartados en importancia, educación e investigación e patrimonio e medio natural, son os que recibiron a achega máis baixa: un 17% (dous puntos máis ca no 2003) para o primeiro e un 11% para o segundo (incrementa o 8,6% de hai cinco anos). En educación e investigación cómpre salientar os investimentos de Bancaja (29%), Ibercaja (24,36%), CAI e Caja Madrid (as dúas con 23%), Caixa Galicia (22%) e Caja España, Caixanova e Kutxa, que comparten un 20%. Pola contra, Caixa Catalunya dedicou un 2% a estas accións.

Pola súa parte, as entidades con maiores achegas a actividades de recuperación do patrimonio histórico-artístico e do medio natural foron CAM (36%), Caja Vital (24%), Caja España e Caixa Galicia (ambas as dúas cun 18%), CAN, La Caixa e Ibercaja (coinciden nun 14%). Trátase de proporcións ben afastadas do 1,5% que lles reservaron Bancaja e BBK a estes programas.

Proxectos máis salientables e táboas comparativas

O fin da Obra Social das caixas de aforro é responder ás demandas cidadás. As necesidades asistenciais gañan protagonismo cando se multiplican as familias que contan con menos recursos. Este comportamento trasládase tamén á distribución dos recursos para fins sociais destas entidades. No 2008, a organización de actividades para colectivos sociais con dificultades de inserción social, os programas de cooperación ao desenvolvemento, a axuda á terceira idade ou o financiamento de infraestruturas sanitarias acapararon boa parte dos recursos dispoñibles.

Este é o caso do Instituto Oncolóxico de San Sebastián, iniciativa sufragada pola Kutxa e que representou a metade do seu orzamento anual para Obra Social (41 millóns de euros); os case sete millóns de euros outorgados por La Caixa a xeito de bolsas para a inserción laboral de internos de centros penitenciarios; outros dous millóns cos que a Caja de Ahorros de Navarra (CAN) cobre os gastos do Colexio Isterria, un centro de educación especial, ou a cifra de 1,3 millóns de euros coa que Caja Vital financia o programa “Vitalquiler” co que se ofrece unha bolsa de pisos de alugueiro subvencionados para xente nova. A cultura tamén se beneficiou dos fondos da obra social das caixas. Estes cartos destínanse á creación e mantemento de salas, museos, espazos polivalentes, bibliotecas, ao apoio de representacións musicais e teatrais e mais á organización de congresos, seminarios ou exposicións. Entre as iniciativas das caixas estudadas, sobresae, polo éxito obtido, a exposición “Sorolla. Visión de España”, patrocinada por Bancaja, con paradas en Sevilla, Bilbao, Málaga, Valencia e Madrid e cunha afluencia de público de case un millón de visitantes. Velaquí outras iniciativas de interese: o Festival Internacional de cinema de Huesca, a cargo de CAI, ou o II Premio Logroño de Novela, dotado con 90.000 euros e organizado por Caja Rioja en colaboración co Concello da cidade e coa Editorial Anaya.

Educación-investigación e conservación do patrimonio e do medio natural foron os dous epígrafes que obtiveron as proporcións máis reducidas en relación ao orzamento total de Obra Social das entidades de aforro. Esta tendencia non impide que sobresaian proxectos como os 12,2 millóns de euros destinados polo BBVA para a educación de 50.000 nenos en América Latina, o desembolso de 800.000 euros como parte das Bolsas Caja España (para universitarios, alumnos de formación profesional ou aprendizaxe de idiomas), os máis de tres millóns de euros para a restauración do Antigo Real Conservatorio María Cristina de Málaga por parte de Unicaja ou o programa “CAM Auga”, baseado en accións de sensibilización e formación dirixida á comunidade escolar para o uso e xestión sostible da auga.