Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Accesibilidade nas cidades: analizados zona centro, concellos, ambulatorios, bus urbano e eurotaxi en 18 cidades : As cidades marxinan aínda máis a cegos e xordos ca aos que usan cadeiras de rodas

Só A Coruña supera o "aceptable" na nota global de accesibilidade. As maiores carencias rexístranse nas medidas de adaptación para as persoas cegas e xordas. Os que se desprazan en cadeira de rodas viron mellorar algo a súa situación

O mellor e o peor de cada cidade

Alacante:

  • O mellor: o servizo de eurotaxi e o pavimento táctil na maioría dos pasos de peóns.
  • O peor: o centro está cheo de barreiras urbanísticas, como beirarrúas sen ramplas, pasos de peóns escorregadizos, ramplas mal deseñadas e demasiado mobiliario urbano que supón un obstáculo. Ademais, se ben os semáforos emiten aviso acústico, non se escoita correctamente, por mor do excesivo tráfico. A isto hai que engadir que o Concello é inaccesible.

A Coruña:

  • O mellor: o baño adaptado da Casa do concello.
  • O peor: non todos os semáforos do centro emiten aviso acústico e os que o fan teñen un horario limitado de funcionamento. O bastón que usan as persoas con problemas visuais queda enganchado nalgúns sumidoiros. O Concello carece de servizo de intérprete da lingua de signos, os seus mostradores son moi altos e apenas hai espazo nos corredores para moverse e manobrar comodamente en cadeira de rodas.

Barcelona:

  • O mellor: as persoas con problemas visuais poden activar o aviso acústico dos semáforos mediante un mando a distancia.
  • O peor: o pavimento dalgunhas rúas do centro da cidade atópase en mal estado, é escorregadizo e ten buratos e baldosas soltas. Nas dependencias municipais é posible solicitar o servizo dun intérprete da lingua de signos, se ben non é inmediato (pode demorarse un par de días), e ademais os mostradores de atención ao público son moi altos.

Bilbao:

  • O mellor: o eurotaxi, aínda que tarda bastante en chegar ao lugar unha vez que se solicitou.
  • O peor: o pavimento dalgunhas rúas do centro é escorregadizo, os sumidoiros representan un perigo e hai beirarrúas moi altas. O Concello está mal adaptado, debido a que a entrada principal é inaccesible, as dimensións do edificio non permiten unha mobilidade cómoda e os accesos aos baños están en mal estado. Ademais, a información en braille brilla pola súa ausencia. Así mesmo, carece de servizo de intérprete da lingua de signos.

Cádiz:

  • O mellor: nas oficinas municipais ofrecen o servizo de intérprete profesional da lingua de signos.
  • O peor: no centro da cidade hai baldosas soltas nas súas rúas, algunhas beirarrúas son estreitas e faltan pasos de peóns adaptados. Hai semáforos que carecen de avisos acústicos e os que se estragan non se arranxan. A rampla de acceso á Oficina de Empadroamento ten unha pendente moi pronunciada, e ademais as dependencias non dispoñen de baño nin de ascensor adaptado. Así mesmo, o eurotaxi que se utilizou non estaba ben adaptado (o coche era moi antigo e estaba en mal estado, e para colmo había ferramentas na plataforma para a cadeira de rodas).

Córdoba:

  • O mellor: o mobiliario urbano está ben distribuído e estanse a desenvolver obras que farán das vías urbanas espazos máis accesibles.
  • O peor: no Concello, a carencia de información en braille, así como a ausencia de aseos adaptados. O chan da maior parte das rúas do centro non é estable, debido a baldosas soltas. Ademais, bótase de menos pavimento táctil en pasos de peóns. Así mesmo, nalgunhas rúas as beirarrúas están deterioradas, o que fai imposible a circulación en cadeira de rodas. Por outra banda, hai árbores que carecen de reixa, o que provoca que as rodas das cadeiras queden atrancadas.

Granada:

  • O mellor: as rúas peonís, a entrada accesible á Casa do concello e que todas as oficinas se atopan nunha única planta.
  • O peor: reixas e sumidoiros que non están a ras da beirarrúa, así como algúns chans escorregadizos en rúas do centro da cidade. Bótase de menos pavimento táctil de botóns que sinale os pasos de peóns. Papeleiras e bancos constitúen un perigo para as persoas cegas. Atopáronse obstáculos no ámbito inmediato á entrada do Concello (bancos, árbores, farois…) e hai carencia de información en braille e de sinais acústicos.

Madrid:

  • O mellor: o edificio das oficinas municipais de Moncloa estaba ben adaptado e contaba con baño accesible.
  • O peor: chans inestables e escorregadizos, así como a falta de pavimento táctil en pasos de peóns. Ademais, en moitas rúas o mobiliario urbano supón un obstáculo tanto para invidentes como para persoas en cadeira de rodas. Así mesmo, falta sinalización que avise da existencia de obras na vía pública.

Málaga:

  • O mellor: pavimento táctil de botóns na maioría de pasos de peóns do centro e as rúas peonís.
  • O peor: o pavimento dalgunhas rúas é escorregadizo e hai semáforos que non emiten aviso acústico. No Concello botouse de menos sinais que indicasen as diferentes áreas e información en braille. Ademais, non se ofrece servizo inmediato de intérprete profesional da lingua de signos, se ben é posible solicitalo cun par de días de antelación.

Murcia:

  • O mellor: un dos mellores aspectos da cidade é que case todas as beirarrúas están ao mesmo nivel ca a calzada.
  • O peor: algunhas ramplas da zona centro presentan unha pendente demasiado pronunciada e carecen de mesetas para descansar, e aos invidentes fáiselles difícil a orientación debido á ausencia de pavimento táctil. Nas oficinas municipais non hai aseos adaptados para persoas con minusvalidez e as portas resultan demasiado pesadas e son de apertura manual. Non obstante, para encher impresos do Concello existe a posibilidade de facelo dende a casa mediante o ordenador. Tanto na Casa do concello coma no centro da cidade atopáronse elementos que constituían un obstáculo.

Oviedo:

  • O mellor: a zona centro da cidade está ben sinalizada e resulta accesible para persoas con mobilidade reducida. A isto hai que engadir que os pasos para peóns están sinalizados mediante pavimento táctil e que contan con semáforos que emiten un sinal sonoro.
  • O peor: un dos apartados máis deficientes é o referente ao Concello, xa que se trata dun edificio moi antigo non adaptado, onde se fai difícil a mobilidade das persoas en cadeira de rodas, non hai intérprete profesional da lingua de signos (se é necesario hai que solicitalo con dous días de antelación), e carece de información en braille. No tocante aos eurotaxis, son poucos e caros.

Pamplona:

  • O mellor: a peonalización do centro.
  • O peor: tanto no Concello como no centro atopáronse elementos mal situados e que supuñan un obstáculo. Así mesmo, a maioría dos pasos para peóns carecía de sinalización mediante pavimento táctil e na Casa do concello non había un intérprete profesional da lingua de signos nin sinalización nos mostradores. Ademais, a entrada principal é inaccesible e as persoas con mobilidade reducida teñen que entrar por unha lateral.

San Sebastián:

  • O mellor: as rúas do centro teñen unha anchura suficiente e están sinalizadas a través de pavimento táctil.
  • O peor: o metal que cobre os sumidoiros é escorregadizo e a sinalización é escasa. Tanto no Concello como na zona centro atopáronse obstáculos, como expositores ou papeleiras mal situadas. O edificio consistorial carece de chan antideslizante e de intérprete profesional da lingua de signos. Ademais, as persoas con mobilidade reducida vense obrigadas a entrar por unha porta exclusiva.

Sevilla:

  • O mellor: dispón dun servizo de xestión domiciliaria municipal.
  • O peor: algunhas rúas están adoquinadas, algúns bordos teñen unha altura excesiva, falta de sinalización no centro, nos pasos para peóns non hai pavimento táctil. A entrada ao Concello non é accesible, xa que carece de rampla, e non hai intérprete profesional da lingua de signos. Tampouco hai baños adaptados e o mostrador de atención e mais a máquina para coller quenda son demasiado altos.

Valencia:

  • O mellor: hai semáforos no centro que funcionan por radiofrecuencia. Ademais, algunhas xestións municipais pódense tramitar por Internet ou a través do 010.
  • O peor: as beirarrúas do centro resultan estreitas, a sinalización é escasa, nalgunhas rúas o pavimento é escorregadizo e algúns pasos de peóns non están enfrontados, polo que as persoas invidentes non poden aliñarse para cruzar correctamente. A isto hai que engadir que no Concello non hai intérprete profesional da lingua de signos nin fax. Así mesmo, hai un biombo que carece dun sistema para amplificar o son entre a persoa que atende e a que é atendida. Hai poucos eurotaxis e son caros.

Valladolid:

  • O mellor: no concello hai unha pantalla xeral e outra en cada mostrador para anunciar a quenda.
  • O peor: atoparon poucos sinais e algúns elementos, tales como papeleiras, extintores etc., que estaban mal situados e que supuñan un obstáculo. Os semáforos con aviso acústico teñen un horario limitado de funcionamento e a mala colocación do pavimento táctil nalgunhas rúas conduce as persoas directamente ao tráfico. No Concello non hai un intérprete profesional da lingua de signos e as persoas con mobilidade reducida non poden entrar pola porta principal senón que teñen que acceder ao edificio por unha entrada traseira.

Vitoria:

  • O mellor: a maior parte do centro da cidade é chairo e peonil, e ademais trátase dunha zona cuadriculada na que é doado orientarse.
  • O peor: ao longo do centro atopáronse obras que facían que o pavimento non fose estable, a sinalización resultou escasa, e a accesibilidade do Concello é moi deficiente, debido a que se trata dun edificio moi antigo, cunha entrada inaccesible e que non conta con baños adaptados. Tampouco hai un intérprete profesional da lingua de signos.

Zaragoza:

  • O mellor: a sinalización no centro e nas oficinas municipais é boa, na Casa do concello hai ordenadores para informar sobre diferentes servizos e as zonas reformadas do edificio son accesibles.
  • O peor: chama a atención de xeito negativo que hai zonas nas que o pavimento non é estable e resulta escorregadizo e que algúns elementos do mobiliario urbano están colocados incorrectamente, de xeito que supoñen un obstáculo. Así mesmo, destaca que se atoparon coches e motos aparcados na beirarrúa ao longo da visita. No Concello non hai intérprete profesional da lingua de signos e hai deficiencias de accesibilidade debido a que o edificio é vello.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións