Deduccións e reduccións, cómo pagar menos no IRPF

Aproveitar ó máximo as reduccións e as deduccións, a baza do contribuínte

Non hai fórmulas máxicas, pero si apartados fiscais que axudan e que convén coñecer
1 Setembro de 2001

Aproveitar ó máximo as reduccións e as deduccións, a baza do contribuínte

Pagar menos a Facenda ou que nos devolvan máis é o obxectivo dos contribuíntes a medida que se achega a época de facer contas coas arcas do Estado. E aínda que se nos antolle complicado, é posible aproveitar mellor o pouco tempo que habitualmente dedicamos a ordenar facturas e documentos para acadar que a cita anual con Facenda nos resulte máis beneficiosa ou menos gravosa. Para isto, convén saber cómo se realiza a declaración da renda, xa que existen elementos que permiten incrementa-la devolución e reduci-lo pagamento. Trátase dos apartados fiscais que reducen e deducen, conceptos clave que cómpre coñecer para tirárlle-lo máximo rendemento, porque deles deriva o posible aforro para os contribuíntes.

Así e todo, antes de continuar, procede aclarar que quen se ateña á legalidade vixente non atopará fórmulas máxicas que permitan milagres financeiros: as vantaxes fiscais das reduccións e deduccións, conceptos que se explicarán sobradamente nas seguintes liñas, axudan, pero teñen límites.

O IRPF aplícase do mesmo modo en todo o territorio, aínda que se manteñen certas especificidades nas Canarias, Ceuta e Melilla. Do mesmo xeito salvagárdanse os réximes tributarios forais de Concerto e Convenio Económico nos Territorios Históricos do País Vasco e na Comunidade Foral de Navarra. Para elabora-los exemplos explicativos do IRPF neste informe elixíronse o modelo de Biscaia -moi similar ó de Álava e Guipúscoa- e o que se aplica na maioría das comunidades autónomas.

¿Como se fai a declaración da renda?

Por se-lo esquema que máis se aplica, elixiuse primeiramente o modelo do IRPF das autonomías sen réximes tributarios específicos.

1. Datos do contribuínte:

Declaración individual. Rendementos netos: 4 millóns de pesetas. Achega a un plan de pensións: 120.000 pesetas anuais.

2. Rendementos netos – Mínimo persoal = Base Impoñible

Ós rendementos netos ou ganancias totais do contribuínte, réstaselle o Mínimo Persoal (ve-la explicación do Glosario para saber qué significa este concepto).

4.000.000 pesetas (Rendementos netos ou a cantidade total pola que se ten que declarar)
– 550.000 pesetas Mínimo persoal en declaración individual
3.450.000 pesetas Base Impoñible

3. Base Impoñible ¿ Reduccións = Base Liquidable

Á Base Impoñible réstanselle as Reduccións que correspondan. Neste caso, a achega ó Plan de Pensións.

3.450.000 pesetas Base Impoñible
– 120.000 pesetas Reducción pola achega ó Plan de Pensións
3.330.000 pesetas Base Liquidable

4. Base Liquidable. Aplícaselle unha porcentaxe tipo de gravame

Á Base Liquidable aplícaselle un gravame ou porcentaxe. Hai un cadro que determina Facenda e que indica cál é o gravame que se aplica en cada caso. Canto maior sexa a Base Liquidable, maior será esa porcentaxe. A cifra que se obtén tras realizar esta operación denomínase Cota íntegra, da que haberá que descontar despois as deduccións que procedan e as retencións que nos practicaran durante o ano na nosa nómina, para obte-lo resultado definitivo.

5. Cota íntegra – Deduccións = Cota líquida

6. Cota líquida – Retencións = Cota diferencial ou resultado da declaración

IRPF biscaíño

Entre os modelos tributarios específicos elixiuse o modelo biscaíño, moi similar ó de Álava e Guipúscoa, xa que é o que se aplica a un maior número de contribuíntes dentro da CAV.

1. Datos do contribuínte

Pai de familia. Casado. A súa muller non traballa. 2 fillos menores de idade. Rendementos netos: 4 millóns de pesetas. Achega anual de 150.000 pesetas ó Plan de Pensións. Hipoteca de 120.000 pesetas ó mes.

2. Base Impoñible – Reduccións = Base Liquidable

Ós rendementos netos, que se denominan Base Impoñible, réstanselle-las Reduccións que lle correspondan a este contribuínte.

4.000.000 pesetas Base Impoñible
– 550.000 pesetas Reducción por declaración conxunta
– 150.000 pesetas Reducción pola achega ó Plan de Pensións
3.300.000 pesetas Base liquidable

3. Base Liquidable. Aplícaselle un gravame ou porcentaxe Á Base Liquidable aplícaselle un gravame ou porcentaxe. Hai un cadro que determina A Deputación Foral de Biscaia, que indica cál é o gravame que se aplica en cada caso. Canto maior sexa a Base Liquidable, maior será esa porcentaxe.

A Cifra que se obtén tras realizar esta operación denomínase Cota íntegra, da que haberá que descontar despois as deduccións que procedan e as retencións que nos practicaran durante o ano na nosa nómina, para obte-lo resultado definitivo.

4. Cota Íntegra – Deduccións = Cota Líquida

5. Cota líquida – Retencións = Cota diferencial ou resultado da declaración

Glosario

  • Rendementos netos: Tódalas ganancias procedentes do traballo e de actividades económicas
  • Base Impoñible: A cantidade que queda cando ós rendementos netos ou ganancias totais se lles resta o Mínimo Persoal ou o Familiar, o que corresponda.
  • Mínimo Persoal: Aplícase nas declaracións individuais. É unha cantidade igual para tódolos contribuíntes que o Goberno fixou en 550.000 pesetas, cifra que abrangue as necesidades vitais mínimas do contribuínte. Substitúe dalgunha maneira o concepto das desgravacións, que desapareceron. Antes de que se aplicase o Mínimo Persoal, o gasto farmacéutico, o de gafas ou lentes de contacto e outros máis desgravaban. Desde o pasado ano fixouse unha cantidade fixa -550.000 pesetas- que cobre todos eses gastos. O Mínimo Persoal pódese incrementar se o contribuínte é maior de 65 anos ou padece algunha minusvalía.
  • Mínimo Familiar: O mesmo concepto có Mínimo Persoal, pero para declaracións conxuntas. Estableceuse en 1.150.000 pesetas. A custodia de ascendentes maiores de 65 anos, con rendas baixas e a custodia de descendentes menores de 25 anos aumenta o Mínimo Familiar. En caso de minusvalía tanto de ascendentes coma de descendentes, tamén aparecen outras cantidades que se suman ó Mínimo Familiar.
  • Reduccións: Réstanse á Base Impoñible. Divídense en tres bloques:

    • achegas a Plans de Pensións e a Mutualidades de Previsión.
    • achegas, en favor de minusválidos, a Plans de Pensións e a Mutualidades de Previsión Social en favor de minusválidos.
    • pagamentos de Pensións Compensatorias e Anualidades por Alimentos.

Hai que tratar de aplicar tódalas reduccións que correspondan ó contribuínte, xa que así diminuirá a cantidade pola que pagar.

  • Base Liquidable:A cantidade resultante de restarlle á Base Impoñible as Reduccións. Segundo a canto ascenda a Base Liquidable, terase que aplicar a esa cantidade a porcentaxe que lle corresponda, que se indica nunhas táboas elaboradas por Facenda. Interesa que a Base Liquidable sexa o menor posible, porque canto maior sexa, máis alto será o gravame ou porcentaxe. De aí a importancia de tira-lo máximo rendemento das Reduccións.
  • Cota: Unha vez calculada a Base Liquidable, esa cifra multiplícase pola porcentaxe que lle corresponda. O resultado desa operación é a Cota ou cantidade final que se deberá pagar, agás se o contribuínte pode beneficiarse dalgunha Deducción.
  • Deduccións: Réstanselle á Cota. Deduce comprar unha vivenda, abrir unha conta aforro vivenda, rehabilita-la vivenda habitual, alugar unha vivenda, algunhas doazóns… tamén hai deducións nalgunhas autonomías.

As reduccións e deduccións varían lixeiramente no IRPF da Comunidade Autónoma Vasca:

  • Reduccións:

    • por achegas a Plans de Pensións
    • por achegas a Entidades de Previsión Social Voluntaria
    • por aboamento de Pensións Compensatorias
    • por aboamento de Anualidades por alimentos
    • por tributación conxunta
  • Deduccións:

    • Deduccións familiares
    • Por discapacidade
    • Por vivenda habitual
    • Polo fomento de actividades económicas
    • Por doazóns
    • Por dobre imposición
    • Outras deduccións

Reduccións

As Reduccións que se aplican no IRPF da maioría das comunidades autónomas divídense en tres bloques:

1. Plans de Pensións e de Mutualidades: Hai un límite para as cantidades que poden reducirse por achegas a plans de mutualidades e plans de pensións, que será un dos dous seguintes (o máis baixo dos dous):

* O 25% da suma dos rendementos netos procedentes do traballo e actividades económicas.

Exemplo: se unha persoa gaña 1.000.000 de pesetas polo seu traballo ou actividade económica, a cantidade máxima que podería reducir é 250.000 pesetas.

* O segundo límite é unha cantidade establecida en 1.200.000 pesetas anuais, máis 100.000 pesetas adicionais por cada ano de idade do contribuínte que exceda de 52 anos, cun límite total de 2.500.000 pesetas, sempre que non exceda do 40% dos rendementos referidos anteriormente.

EDAD LÍMITE
52 1.200.000
53 1.300.000
54 1.400.000
55 1.500.000
56 1.600.000
57 1.700.000
58 1.800.000
59 1.900.000
60 2.000.000
61 2.100.000
62 2.200.000
63 2.300.000
64 2.400.000
65 en diante 2.500.000

¿Como aproveitar ó máximo esta reducción?

Exemplo práctico:

Un contribuínte gaña 3 millóns de pesetas ó ano e achega ó seu plan de pensións 120.000 pesetas anuais (10.000 pesetas mensuais). Pode restar esa cantidade íntegra, porque non supera o límite do 25% dos seus rendementos, que neste caso ascendería a 750.000 pesetas.

Se quere aproveitar ó máximo as posibilidades desta reducción, debe efectua-la seguinte división: 750.000 pesetas / 12 mensualidades = 62.500 pesetas. Esa é a cantidade que poderá achegar ó mes ó seu plan de pensións para acada-la reducción máxima.

2. Achegas a Plans de Pensións e a Mutualidades de Previsión social en favor de minusválidos cun grao igual ou superior ó 65% ou de grao inferior, se foi declarado de forma xudicial. Estas achegas pódeas realizar tanto o propio minusválido coma as persoas que teñan unha relación directa de parentesco, sempre que os beneficiarios sexan os propios minusválidos.

Limitacións:

  • 2.200.000 pesetas anuais para achegas realizadas polas persoas minusválidas partícipes.
  • 1.200.000 pesetas anuais para achegas anuais máximas realizadas a favor de persoas con minusvalía, ligadas por vínculo de parentesco.
  • E establécese un límite de 2.200.000 pesetas anuais se se contan as achegas realizadas pola persoa minusválida e os parentes.

Tamén hai unha reducción para as achegas a Plans de Pensións e Mutualidades de Previsión Social a favor do cónxuxe, sempre que este obteña rendementos netos do traballo e de actividades económicas inferiores a 1.200.000 pesetas. As achegas a estes plans de pensións teñen un límite máximo de 300.000 pesetas.

¿Como aproveitar ó máximo esta reducción?

Esta vez as limitacións non dependen dunha porcentaxe, co que só se tirará o máximo proveito desta reducción achegando os topes mencionados.

3. As pensións compensatorias e anualidades por alimentos. Trátase das pensións que un dos cónxuxes paga a outro en caso de divorcio para elimina-lo empeoramento económico que esta nova situación pode provocar e dos pagamentos que se realizan a favor dos fillos cando se produciu un divorcio. En ámbolos casos, redúcense enteiramente as cantidades aboadas.

Deduccións

  1. Relacionadas coa vivenda:
    • Compra-la vivenda primeira e de uso habitual: dedúcense os intereses do préstamo solicitado para a adquisición da mesma, as cotas de amortización do capital do préstamo, a entrada do piso, os gastos de notaría e rexistro, e o Imposto de Transmisións Patrimoniais.
    • Abrir unha Conta Vivenda: pódese deduci-lo 15% do depositado cada ano. Pero a Lei obriga a investi-las cantidades achegadas na compra dunha casa, que sexa vivenda habitual, nun prazo de catro anos. Do contrario, hai que devolver, na declaración do ano que se realice o incumprimento, as deducións practicadas (incluíndo os intereses de demora)
    • A deducción pola adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual é do 15% do investido, cun límite dun millón e medio de pesetas para a base, o que supón un aforro máximo de 225.000 pesetas.
    • Se se solicita un crédito hipotecario para a compra ou rehabilitación da vivenda durante os dous primeiros anos pódese deducir un 25% sobre as primeiras 750.000 pesetas, e un 15% sobre o resto, ata 1.500.000 pesetas. Os seguintes anos a deducción será do 20% e do 15% , respectivamente. No País Vasco dedúcese o 15% da amortización con límite de 4.500.000, máis o 20% dos intereses, porcentaxes que en Álava e Guipúscoa se incrementan un 10% para menores de 35 anos, todo isto cun límite do 60% da Base Impoñible reducidas as achegas a plans de pensións…
    • Obras efectuadas na vivenda, pero só as consideradas como rehabilitación de vivenda habitual (obras declaradas como actuación protexida polo RD 1186/1998), ademais doutras obras de estructuras, fachadas ou cubertas, cando o custo total exceda do 25% do prezo de adquisión no caso de se realiza-la obra nos dous anos posteriores á súa compra.
    • Os contribuíntes que adquiriron a súa vivenda antes do 4 de maio de 1998 deben compara-lo réxime da anterior Lei de IRPF co actual e elixi-lo máis favorable para eles.
    • Ó compra-la primeira vivenda, quen estea interesado en adquirir tamén unha praza de garaxe pode incluíla na mesma escritura có piso. Así pódense deducir ata dúas prazas de aparcamento. Non ocorre o mesmo se se compra a praza de garaxe de maneira independente.
    • Alugueiro da vivenda: só deducen os contratos de arrendamento anteriores ó 24 de abril de 1998, e sempre que sexan para a vivenda habitual. A deducción será do 10% das cantidades pagadas durante o ano, cun límite de 100.000 pesetas anuais. Requisitos: que a Base Impoñible antes de computa-lo mínimo persoal e familiar non sexa superior a 3.500.000 pesetas (declaración individual) ou a 5.000.000 de pesetas (conxunta), e que as cantidades pagadas no ano excedan do 10% dos rendementos netos do contribuínte.
    • No País Vasco esta deducción é do 15%, cun límite de 150.000 pesetas ou do 20% cun límite de 200.000 pesetas en caso de menores de 35 anos, e aplícase con independencia da data do contrato.
    • Os préstamos das reformas para adapta-la vivenda a persoas con minusvalías tamén deducen: durante os 2 primeiros anos, o 25% sobre o primeiro millón de pesetas, e o 15% se se sobrepasa esa cantidade ata os dous millóns de pesetas.
    • A partir do segundo ano, o 20% sobre o primeiro millón e o 15% das cantidades superiores ata os dous millóns de pesetas.
  2. Outras deduccións menores:

    • Investimentos e gastos en bens de interese cultural: a contía da deducción é do 15% do achegado e se se trata da adquisición, estes bens deben estar inscritos no Réxime Xeral de Bens de Interese Cultural.
    • Doazóns:

      • * De diñeiro: pódese deducir entre o 20% e o 25% da doazón, dependendo do tipo de fundación ou asociación destinataria.
      • De bens: dedúcese o 20% de doazóns puras e simples de bens que formen parte do Patrimonio Histórico Español e de doazóns de obras de arte.
  3. Deducción por cantidades destinadas a protexe-la natureza: o 10% do investido.
  4. As cotas de colexios profesionais deducen ata 50.000 pesetas anuais.
  5. Deduccións autonómicas

    • Actualmente, e á marxe do réxime especial de Ceuta e Melilla, Canarias, País Vasco e Navarra, as Comunidades que poden aplicar deduccións autonómicas específicas son: as Illas Baleares, Castela e León, Cataluña, Galicia, Madrid, Murcia, A Rioxa e a Comunidade Valenciana. Convén informarse na delegación de Facenda correspondente sobre as deduccións aplicadas en cada unha destas comunidades.