Xeados infantís

Xeados infantís: unha sobremesa para tomar con mesura

Aínda que teñen menos azucres que as versións para adultos, o seu consumo debe ser moi puntual.
1 Xullo de 2021

Xeados infantís: unha sobremesa para tomar con mesura

Coa época estival chegan a calor e os xeados. A variedade de formatos, ingredientes e sabores é enorme (conos, bombóns, sándwiches, polos…), así que non é fácil elixir. Entre ese abanico de opcións podemos atopar tamén xeados elaborados especificamente para a poboación infantil que, polo xeral, poden identificarse a primeira ollada polos seus chamativos deseños: envases de cores rechamantes, con personaxes infantís, formas curiosas, nomes pegadizos… Dentro desta categoría tamén existen notables diferenzas entre uns xeados e outros, polo que convén ter en conta algúns detalles importantes para poder elixir con coñecemento.

Seis categorías diferentes

Cando tratamos de elixir xeados, o primeiro que adoitamos facer é clasificalos en dous grupos: “os de xeo” e “os de nata”. Pero se nos fixamos na etiqueta, non atoparemos eses nomes por ningún lado, porque son soamente coloquiais. En realidade, o número de categorías que existe é maior e, ademais, reciben outros nomes, tal e como se recolle na lexislación (RD 618/1998):

  • Xeado crema. Debe conter, polo menos, un 8 % de materia graxa de orixe láctea e, como mínimo, un 2,5 % de proteínas lácteas.
  • Xeado de leite. Elaborado, polo menos, cun 2,5 % de materia graxa láctea e un 6 % de extracto seco magro lácteo, como mínimo.
  • Xeado de leite desnatado. Posúe, como máximo, un 0,30 % de materia graxa láctea e, como mínimo, un 6 % de extracto seco magro lácteo.
  • Xeado. Polo menos un 5 % do seu contido é materia graxa alimenticia. As proteínas deben ser de orixe lácteo.
  • Xeado de auga. Contén, polo menos, un 12 % de extracto seco total. É dicir, como moito, pode ter un 88 % de auga.
  • Sorbete. Ten como mínimo un 15 % de froitas e, polo menos, un 20 % de extracto seco total. É dicir, só pode posuír un máximo dun 80 % de auga.

Podemos coñecer a categoría á que pertence cada xeado se nos fixamos na denominación legal de venda, que normalmente se mostra na etiqueta xunto coa lista de ingredientes. Entre os xeados analizados, hai soamente tres tipos: xeados (Mikolápiz de Nestlé e Spiderman de Frigo); xeados de auga (Pirulo Tropical e Colajet, de Nestlé, e Frigo Chuches), e sorbetes (Calippo de Frigo, Frutti de Nestlé e polos Eroski).

Nalgúns produtos a clasificación non é tan sinxela, porque atopamos mesturas de diferentes tipos de xeado dentro do mesmo envase, como ocorre en Fantasmikos de Nestlé (xeados de auga e sorbetes) ou ata dentro do mesmo xeado, como ocorre con Drácula de Frigo, que está composto por tres partes: xeado de auga, sorbete e xeado.

Auga ou leite

Como diciamos, a clasificación popular dos xeados en dous grupos (“de xeo” ou “de nata”) non é rigorosa e pode despistarnos, sobre todo porque non todos os “de nata” conteñen este ingrediente. Pero en certo xeito este criterio si que pode ser útil para orientarnos: os primeiros están compostos basicamente por auga (aquí entrarían os “xeados de auga” e os “sorbetes”) e os segundos están elaborados principalmente con leite, concretamente leite en po desnatado (serían os produtos desta guía da categoría “xeado”).

As diferenzas non se reducen soamente á súa composición, senón tamén á súa forma de elaboración. Nos xeados de auga e os sorbetes mestúranse os ingredientes ata con seguir un resultado homoxéneo. A combinación obtida introdúcese nun molde onde se conxela coa forma desexada. No segundo caso, os da categoría “xeados”, o que se fai é bater os ingredientes mentres se incorpora aire a temperaturas de conxelación. O obxectivo é lograr que se forme unha estrutura na que queden atrapadas burbullas de aire, para que a textura sexa lixeira, e se formen cristais de xeo de pequeno tamaño, para que non sexa areosa.

De que están feitos? 

Se observamos a lista de ingredientes poderemos coñecer a composición dos xeados. Pero non só iso. Tamén teremos unha idea da proporción na que se atopa cada un deles, xa que deben enumerarse en orde decrecente, segundo o seu peso no produto. Así, poderemos confirmar que nos xeados de auga e nos sorbetes o primeiro ingrediente é a auga, porque é tamén o maioritario. Nos produtos da categoría “xeados” (como Mikolápiz e Spiderman), o principal ingrediente é o leite en po desnatado.

Análise

Para realizar esta guía de compra seleccionáronse xeados infantís elaborados por marcas líderes no mercado, nas que se analizou principalmente:

  • Os ingredientes. Sobre todo a cantidade de froita e o tipo de graxa empregada.
  • Puntuación Nutri-Score. A valoración vén moi determinada pola cantidade de azucres, graxas e enerxía.
  • A información comercial. Analizamos se proporciona información de valor ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano o consumidor.
  • Prezo. Non foi un criterio para avaliar a calidade do produto, pero a calidade/prezo debe terse en conta para as posicións do ránking.
  • O etiquetado. Examinouse se cumpre coa lexislación vixente.

Cal é a materia graxa

Os produtos da categoría “xeados” deben cumprir dous requisitos: estar elaborados con proteínas lácteas e con ter, polo menos, un 5 % de materia graxa. En Mikolápiz de Nestlé isto último cúmprese (10 % de graxa), pero en Spiderman de Frigo queda un pouco curto (4,9 %), aínda que para sermos prácticos pódese redondear a 5 %, polo que cumpriría coa lexislación. Tamén podemos atopar materia graxa nunha das tres partes que constitúen Drácula de Frigo, aínda que coa información que figura na etiqueta non podemos coñecer en que proporción se atopa nesa parte concreta.

Os xeados de auga e os sorbetes non adoitan conter materia graxa, pero hai algunhas excepcións, como Fantasmikos e Frigo Chuches, nos que a súa presenza se explica porque este ingrediente forma parte da cobertura. As materias graxas máis apreciadas, polo seu sabor e as súas características tecnolóxicas, son as graxas lácteas (nata ou manteiga), como as que se utilizan nos “xeados crema” e “xeados de leite”, pero son tamén as máis caras. Por iso, no seu lugar adóitanse utilizar graxas de orixe vexetal, que son máis baratas. Os produtos pertencen entón á categoría “xeados”.

Estas graxas vexetais deben cumprir un requisito: estar compostas por unha proporción importante de ácidos graxos saturados, xa que deste xeito son sólidas a temperatura ambiente. Iso facilita a elaboración do xeado, porque ao mesturarse co resto dos ingredientes permite formar unha masa consistente. Pero, sobre todo, determina a textura e a firmeza final da peza, facendo que sexa cremosa e se derreta con dificultade.

No pasado, a graxa vexetal máis utilizada era a de palma, pero debido á mala imaxe que adquiriu nos últimos anos debido a motivos de saúde e ambientais, foise substituíndo por outras. Desde hai uns anos, a máis empregada é a de coco, que é precisamente a que encontramos maioritariamente en todos os xeados, aínda que tamén se utilizan en menor medida outras graxas vexetais con características parecidas, como karité.

Con froita ou con sabor a froita

Outro dos requisitos que esixe a lexislación é que os sorbetes conteñan, polo menos, un 15 % de froitas (habitualmente empréganse en forma de puré ou de zume a partir de concentrado, coma nos produtos analizados). É precisamente a cantidade que atopamos en Calippo de Frigo e nos polos de Eroski. Neste aspecto destaca Frutti de Nestlé, cun 21,5 % de froitas. Por outra banda, o envase de Fantasmikos inclúe xeados de auga e sorbetes, pero a lista de ingredientes non fai distincións entre uns e outros, así que non hai modo de saber a proporción de froita que conteñen estes últimos (a cantidade global é do 12,5 %).

Entre o resto dos produtos analizados encontramos opcións sen froitas (por exemplo, Frigo Chuches e Mikolápiz), e outras que as conteñen, pero en pequena cantidade, como Spiderman (9 %) ou Colajet (4 %). Neste sentido chaman a atención Pirulo Tropical e Drácula, porque promocionan no seu envase a presenza de froitas, cando en realidade estas atópanse en cantidades moi pequenas, do 6,8 % e 5 %, respectivamente. Para facérmonos unha idea, nun xeado Drácula (50 g) hai 2,5 g de puré de amorodo, o que equivale aproximadamente á oitava parte dun amorodo.

Por outra banda, para que un xeado poida chamarse “con froita” (por exemplo “xeado con amorodo”) debe levar polo menos un 15 % de froita, aínda que se permite que ese mínimo sexa do 10 % no caso de cítricos e froitas ácidas, exóticas ou de sabor forte ou consistencia pastosa; por exemplo, piña, plátano, kiwi ou mango. Se a cantidade é menor debe chamarse “sabor a” (por exemplo, xeado “sabor a amorodo”).

Entre os xeados analizados, Spiderman de Frigo está formado por tres partes, unha das cales se denomina “xeado de amorodo”, de modo que non cumpre ningunha das fórmulas anteriores (“con” ou “sabor a”). Como acabamos de sinalar, este produto contén un 9 % de zume de amorodo, pero esa porcentaxe refírese ao conxunto do xeado, así que non podemos saber en que proporción se atopa nesa parte concreta.

Os porqués do azucre

Se por algo se caracterizan os xeados é porque, ademais de estar conxelados, teñen sabor doce. Normalmente isto conséguese engadindo azucres. Non só se utiliza o azucre común (sacarosa), senón tamén outros tipos, como xaropes de glucosa ou de frutosa. Moitas persoas pensan que isto se fai para despistar o consumidor e que así non poida identificar a presenza de azucre na lista de ingredientes. Pero en realidade non é así. O uso destes azucres ten un fin tecnolóxico: empréganse para captar auga e evitar a formación de cristais de xeo de gran tamaño, que farían que a textura do xeado fose granulosa e desagradable. É tamén un dos principais motivos polos que se utiliza leite en po en lugar de leite líquido.

O podio do azucre

OS QUE MÁIS

  • Calippo: 17,9 g
  • Colajet: 13,3 g
  • Mikolápiz: 11,5 g

OS QUE MENOS

  • Pirulo Tropical: 6,5 g
  • Spiderman: 7 g
  • Fantasmikos*: 9,1 g

Gramos por peza. *En Fantasmikos débense ter en conta tres pezas, para completar un peso similar ao das outras marcas (concretamente 48 g).

Os ingredientes con peor fama

Entre os ingredientes que podemos atopar nos alimentos, sen dúbida os que peor fama teñen son os aditivos. En realidade son substancias seguras pero, malia iso, a súa presenza preocupa a moitas persoas, especialmente cando se trata de alimentos dirixidos á poboación infantil. As empresas son conscientes deses receos e, por iso, tratan de evitar o seu uso.

Con todo, non sempre é posible, xa que cumpren importantes funcións tecnolóxicas, como conseguir que os ingredientes se mesturen de forma homoxénea ou que a textura do xeado sexa adecuada. Ás veces pódense substituír eses aditivos por outros ingredientes que desempeñen a mesma función e que non teñan mala fama. Por exemplo, nos xeados Spiderman e Calippo utilízase mollo de remolacha concentrado e de baga de sabugueiro concentrado, presuntamente para proporcionar cor (nese caso deberían declararse como colorantes na lista de ingredientes).

Noutros casos o que se fai simplemente é tratar de elixir aditivos que gocen de boa imaxe e nomealos doutro xeito. É dicir, en lugar de indicar na lista de ingredientes o código alfanumérico co que se clasifican (por exemplo “E160a, E100 ou E410”), móstrase o seu nome completo (por exemplo, “carotenos, curcumina ou goma alfarrobeira”). Trátase dunha opción legal, pero que podería chegar a resultar enganosa nalgúns casos. Por exemplo, en Spiderman indícase “con colorantes de orixe natural”, algo que é certo (trátase por exemplo de curcumina e carbón vexetal), pero como a palabra “natural” non está lexislada con ese uso, o que interpretan moitas persoas é que o produto non contén aditivos, cando en realidade non é así (esas substancias son os colorantes E100 e E153).

Información nutricional

Desde o punto de vista nutricional, o que máis destaca neste tipo de xeados é o contido de azucres. Estes proceden tanto dos que engade o fabricante (azucre, xarope de glucosa…), como dos zumes e purés de froitas, sobre todo en produtos como os sorbetes. A efectos prácticos, a orixe destes azucres é irrelevante nestes casos porque todos eles compórtanse igual desde o punto de vista metabólico, ao tratarse de azucres libres. É dicir, o noso organismo absórbeos rapidamente cando os consumimos, o que pode ter un efecto adverso sobre a saúde, se o facemos de forma habitual ou abusiva. O contido medio de azucre nos xeados analizados é do 18,5 %, é dicir, uns 10,6 gramos por ración, o que equivale a máis de dúas culleradiñas (4,5 g cada unha).

Nalgúns produtos tamén é significativo o contido de graxas. Trátase de Mikolápiz (10 %), Fantasmikos (11 %) e Frigo Chuches (9,8 %). No primeiro caso é algo esperable, porque pertence á categoría “xeados”. O curioso é que estes dous últimos conteñan tanta cantidade de graxa, xa que se trata de sorbetes e xeados de auga, aínda que se explica porque forma parte da cobertura. Tamén chama a atención que Spiderman, que pertence á categoría “xeados”, teña menos cantidade de graxa que os anteriores (4,9 %).

Á hora de consultar a etiqueta non só debemos ter en conta a cantidade de graxa, senón tamén a súa orixe, porque non todas son iguais. Nos casos analizados nesta guía a graxa máis utilizada é a de coco. Desde o punto de vista nutricional, serían preferibles aceites saudables, como o de oliva ou o de colza, aínda que tecnoloxicamente son a causa de inconvenientes para a elaboración de xeados pola súa alta proporción de graxas insaturadas. Por iso, nos xeados de categoría comercial superior o que se utiliza é graxa láctea (nata ou manteiga). Iso si, non debemos esquecer as características do produto no que se atopa: estamos falando de xeados, que son produtos insáns, independentemente do tipo de graxa que conteñan.

O contido en proteínas é practicamente nulo en todos os produtos analizados, salvo nos da categoría “xeados”, onde se explica polo seu contido en leite. De todos os xeitos, a súa proporción é moi baixa, concretamente 3,2 % en Spiderman e 2,3 % en Mikolápiz, o que supón apenas 1 gramo de proteínas por ración en cada un dos casos.

Na maioría dos produtos a media de achega de enerxía é de 60 quilocalorías por ración, o que é equivalente a un puñado de améndoas. Con todo, nalgúns produtos (Fantasmikos, Frigo Chuches e Mikolápiz) a achega calórica é maior debido á proporción de graxas que conteñen, concretamente 104 kcal de media (por exemplo, como un flan de vainilla). De todos os xeitos, non deberiamos centrarnos en contar calorías senón en considerar de onde proceden: se se trata de alimentos saudables, como un puñado de améndoas, ou insáns, como un xeado.

A puntuación de Nutri-Score

Para calcular a cualificación no sistema Nutri-Score aplícase un algoritmo que puntúa de forma positiva algúns ingredientes ou nutrientes, como a fibra, as proteínas ou as froitas e as verduras; mentres puntúa negativamente o contido de azucres, graxas saturadas, sal e enerxía. Nos produtos analizados atopamos sobre todo unha cantidade significativa de azucres e un contido moi baixo doutros elementos ou ata nulo (por exemplo, fibra ou proteínas). Iso explica que a maioría deles presenta un Nutri-Score C, salvo Mikolápiz e Fantasmikos, que teñen unha D polo seu maior contido en graxas saturadas. Destaca Pirulo Tropical de Nestlé, que ten unha B debido á súa menor proporción de azucres (13 % fronte a un 20 % de media no resto). En calquera caso, isto non significa que se trate dun produto saudable, senón que a súa composición nutricional é mellor que a do resto.

Pensados para nenos?

Nos envases dalgúns produtos móstranse diferentes reclamos relacionados coa saúde. Por exemplo, nalgúns promociónase o contido de froitas. En moitos envases inclúense, ademais, diferentes selos que fan referencia á nutrición infantil (por exemplo, “Created for kids” (creado para nenos) en produtos Nestlé ou “Comprometidos coa saúde infantil” en Frigo. E engaden mensaxes xenéricos (“especificamente formulados para nenos”, “teñen a proporción adecuada”, “vendemos de forma responsable”) que en realidade non ofrecen información concreta achega das súas características. É certo que a composición de moitos destes produtos está “adaptada” á poboación infantil; por exemplo, xeralmente conteñen menos cantidade de azucres que os xeados para adultos (uns 10 gramos por ración fronte aos 18 gramos dun produto para adultos). E o mesmo ocorre coas graxas. Pero estas mensaxes non deben levarnos a pensar que estamos ante produtos saudables, nin sequera aínda que conteñan zumes de froita. En España os nenos e adolescentes consomen unha gran cantidade de azucres engadidos (uns 50 gramos por persoa e día, segundo o estudo Anibes, 2017), que exceden as cantidades que a Organización Mundial da Saúde recomenda non superar (menos de 25-45 g para eses rangos de idade), o cal contribúe ao sobrepeso e a obesidade. En definitiva, trátase de produtos que se deberían reservar unicamente para ocasións puntuais.

Diferenzas entre o peso e o volume

Os envases dos produtos analizados conteñen diferente número de pezas. O máis frecuente é que inclúan cinco (Calippo, Frutti e Mikolápiz) ou seis (Drácula, Spiderman e Pirulo Tropical), aínda que tamén hai envases con catro (Colajet) e con oito (Eroski). Tamén hai outros formatos que inclúen 15 unidades (Frigo Chuches e Fantasmikos), porque se trata de pezas de tamaño pequeno (uns 16 g, fronte aos 60 gramos que pesan de media os xeados de tamaño grande).

Á hora de facer a compra é importante observar a cantidade de produto que se indica na etiqueta e que vén expresada tanto en peso (gramos), como en volume (mililitros). Nos xeados de auga e os sorbetes non adoita haber maior problema, porque podemos valorar a cantidade con relativa facilidade, dado que, xeralmente, o peso coincide co volume (por exemplo, unha ración de Pirulo Tropical ocupa 50 ml e pesa 50 gramos).

Con todo, nos produtos elaborados con leite, como os da categoría “xeados”, podemos despistarnos á hora de facer esa valoración, porque, como conteñen burbullas de aire incorporadas na súa estrutura, o seu volume é grande en relación co seu peso (por exemplo, unha ración de Mikolápiz pesa 50 g, pero ocupa un volume de 88 ml). Iso explica que haxa diferenzas tan grandes nos tamaños de ración das diferentes marcas. Por exemplo, unha peza de Spiderman pesa tan só 35 gramos, aínda que ocupa 60 ml, mentres que unha de Eroski ocupa o mesmo volume (60 ml) e pesa o mesmo (60 g). Por iso é importante que, cando fagamos a compra, nos fixemos no peso e non no volume.

Entre as marcas analizadas, a que presenta un peso máis baixo é Spiderman (35 g), mentres que a que conta cun maior peso é Calippo (100 g). Tamén é importante ter en conta o tamaño de ración que se mostra na etiqueta. Esta cifra é decidida por cada fabricante segundo o seu propio criterio, considerando a cantidade de produto que cabe esperar que se consuma nunha soa inxesta. Nos xeados de tamaño grande a decisión é sinxela, porque se considera que a ración corresponde a unha peza, pero nos xeados de tamaño mini, a cousa complícase. Por exemplo, Frigo Chuches considera un tamaño de ración dunha peza (17,4 g), mentres que Fantasmikos estima que a ración está formada por dúas pezas (32 g). Isto é importante á hora de consultar a información nutricional. Nela os datos deben expresarse de forma obrigatoria por cada 100 gramos de produto, pero é habitual que os fabricantes inclúan voluntariamente os datos por ración, algo que nestes casos concretos pode despistarnos (recordemos que a ración dun xeado grande é duns 60 gramos).

Mellor “de xeo” ou “de leite”?

Adóitase pensar que os xeados “de xeo”, é dicir os xeados de auga e os sorbetes, son peores que o resto porque “non alimentan” e conteñen ingredientes como aromas e colorantes. Por iso é habitual que se prefiran os xeados “de leite” para os nenos, é dicir, os da categoría xeados. Con todo, ambos son produtos insáns, cunha elevada proporción de azucres. A achega de nutrientes positivos dos ”xeados” non fai que sexan preferibles (nos casos analizados proporcionan apenas 1 gramo de proteínas por ración). Ademais, conteñen unha cantidade considerable de graxas, uns 5 g por ración, o que fai que teñan tamén unha maior achega calórica. Hai que ter en conta, ademais ,que algúns xeados de auga ou sorbetes tamén poden conter graxas e unha achega calórica considerable (Fantasmikos, Frigochuches). En definitiva, todos eles son insáns. As diferenzas nutricionais que presentan non deberían ser transcendentes, dado que se trata de produtos que deberiamos destinar a un consumo moi puntual (non para comer cada tarde nin cada dous días, senón por exemplo, para un aniversario).

O prezo pódenos orientar

Atopamos notables diferenzas entre os prezos, que van desde os 0,30 €/100 g de Eroski ata os 1,9 €/100 g de Spiderman. É dicir, co que custan 100 gramos de Spiderman poderiamos comprar uns 600 gramos de polos Eroski. As enormes diferenzas nos prezos poden explicarse por diferentes motivos. Un dos máis importantes é a composición. Entre os máis caros atópanse os produtos que pertencen á categoría “xeado”, o cal é de esperar, porque están elaborados con ingredientes máis custosos que o resto (como leite ou materias graxas). Do mesmo xeito, nos produtos que con teñen froitas as diferenzas de prezo tamén poderían deberse, non só á proporción na que se atopan, senón tamén ao tipo. Iso explicaría que Pirulo Tropical, con froitas exóticas, sexa moito máis caro (1,40 €/100 g) que Calippo (0,76 €/100 g), elaborado con amorodo, e este, á vez, máis caro que Eroski (0,30 €/100 g), con zume de laranxa e limón.

Pero non só inflúen os ingredientes. Tamén outros factores como o formato ou a publicidade poden repercutir no prezo, como é posible que ocorra en Fantasmikos e Frigo Chuches (xeralmente o tamaño máis pequeno implica maiores custos de produción) e en Spiderman (que fai uso dun personaxe infantil con dereitos de imaxe).

Conclusións

Entre os xeados infantís analizados hai produtos que pertencen a tres categorías diferentes: xeados (elaborados con proteínas lácteas e materia graxa), xeados de auga (nos que o ingrediente principal é auga) e sorbetes (con auga e polo menos un 15 % de froitas). As diferenzas na composición reflíctense en varios aspectos:

  • Características organolépticas. Os “xeados” teñen unha textura máis cremosa e lixeira que os xeados de auga e os sorbetes, como ocorre con Spiderman e Mikolápiz fronte ao resto.
  • Composición nutricional. Normalmente os “xeados” proporcionan proteínas (aínda que apenas 1 g por ración) e materia graxa (arredor de 5 g por ración). Por iso teñen máis calorías. Hai varias excepcións: Spiderman é un “xeado”, pero ten pouca materia graxa, mentres que Fantasmikos e Frigo Chuches son xeados de auga e sorbetes e conteñen unha cantidade maior, debido a que a graxa se utiliza na cobertura de cada peza.
  • Prezo. Xeralmente os “xeados” teñen un prezo máis alto que os de auga e os sorbetes, debido sobre todo ao maior custo dos seus ingredientes (leite desnatado en po e materia graxa). É o que ocorre con Mikolápiz e Spiderman, aínda que hai unha excepción, xa que Fantasmikos é un dos máis caros, debido posiblemente ao seu formato máis pequeno.

Entre os produtos da categoría xeado, unha ración de Spiderman proporciona menos azucres, menos graxa e menos enerxía que outra de Mikolápiz e, ademais, é máis barata, o cal se debe en parte a que o tamaño de ración é máis pequeno.

Entre os xeados de auga algúns teñen moita cantidade de graxa, dadas as características deste tipo de xeados (Fantasmikos, Frigo Chuches) e un prezo moi elevado (por exemplo, Fantasmikos, con 1,75 €/100 g).

Entre os sorbetes, o máis apreciado é a proporción de froitas, aínda que nutricionalmente non é equiparable á froita fresca, nin moito menos. Neste sentido, Frutti é o que máis cantidade contén (21,5 %), pero o que mellor relación presenta con respecto ao prezo é o polo de Eroski.

Recomendacións de compra

Á hora de elixir estes produtos convén ler detidamente a etiqueta para coñecer a seguinte información:

  1. Denominación de venda. Así poderemos aber se é un xeado (con proteínas lácteas e materia graxa), un xeado de auga (con auga) ou un sorbete (con auga e, polo menos, un 15 % de froitas).
  2. Lista de ingredientes. Nos sorbetes, canto máis cantidade de froita conteñan, mellor. Nos xeados, o máis apreciado é que o tipo de materia graxa sexa a nata, e a orixe das proteínas, o leite.
  3. Información nutricional. A mellor elección son os que teñen menos azucre, graxa e calorías.
  4. Cantidade de produto. Fíxate mellor na medida en gramos (peso), e non en mililitros (volume).
Canto custa cada unidade?

OS QUE MÁIS

  • Frutti Nestlé: 0,87 €
  • Fantasmikos Nestlé*: 0,84 €
  • Calippo Frigo: 0,80 €
  • Mikolápiz Nestlé: 0,80 €

OS QUE MENOS

  • Polo Eroski: 0,18 €
  • Colajet Nestlé: 0,56 €
  • Drácula Frigo: 0,61 €

Prezo por peza. *En Fantasmikos tivéronse en conta tres pezas, para completar un peso similar ao das outras marcas (concretamente 48 g).

Atención á cantidade de froita, azucres e graxa