Sopas de sobre

Sopas de sobre: pouca carne e moito sal

Fáciles e rápidos de preparar, estes produtos deshidratados son un recurso para moitos fogares con escaso tempo para cociñar. Aínda que nos seus envases ofrecen a imaxe dun prato caseiro, son realmente unha solución recomendable?
1 Outubro de 2021

Sopas de sobre: pouca carne e moito sal

Igual ca ocorre coas conservas de peixe ou de verduras, as sopas de sobre atópanse entre os produtos que poderiamos chamar “de fondo de armario”. É dicir, é dos que adoitamos almacenar na despensa por se xorde un imprevisto, debido, sobre todo, a que teñen unha longa vida útil e se preparan de forma fácil e rápida. Pero non só se compran por iso. Tamén moitas persoas as consomen de forma habitual. Non é de estrañar, porque ás vantaxes anteriores hai que sumar outras, como o seu baixo prezo, a facilidade e a comodidade que supón o seu transporte e almacenamento e a súa variedade de sabores ou receitas, que é cada vez maior. Isto último, que en principio é vantaxoso, tamén pode converterse nun inconveniente á hora de facer a compra, porque cando hai tantas opcións dispoñibles é máis difícil tomar unha decisión.

As aparencias poden enganar

Na primeira ollada, a maioría destes produtos parecen moi similares. Todos eles presentan o mesmo formato de envase: un sobre con medidas case idénticas. Tamén teñen unha estética moi parecida: o nome do produto (por exemplo, “sopa de polo” ou “sopa de tenreira”), xunto cunha imaxe do prato preparado e dalgún dos ingredientes. Se quedamos soamente co nome e coas imaxes, poderiamos chegar a pensar que algúns destes produtos están compostos principalmente por carne (por exemplo, de polo ou de tenreira), pero en realidade non é así. Podemos atopar unha pista se observamos a parte frontal deses envases, onde se mostra unha imaxe do prato xa preparado. Así poderemos ver que nesas sopas o ingrediente máis abundante é a pasta (fideos, estrelas…).

Se queremos coñecer con detalle a súa composición, o máis recomendable sempre é mirar a etiqueta con detemento. Un dos elementos máis importantes é a denominación legal de venda, na que se indican algunhas das características do produto (por exemplo, “sopa deshidratada de ave con fideos”). Nela móstranse os elementos que compoñen o produto en orde decrecente, segundo a cantidade na que se atopan. Ademais, cando no envase se destaca algún dos ingredientes, xa sexa por medio de palabras ou de imaxes, debe indicarse a súa cantidade concreta no etiquetado.

Con estas pistas xa podemos ter unha idea moito máis certeira da composición real de cada produto. Así poderemos confirmar que nas sopas de polo, ave e tenreira, o ingrediente principal non é a carne, senón a pasta, cunha proporción que vai desde o 69 % da Sopa de Pollo Knorr ata o 76 % da Sopa de Ave e Fideos Gallina Blanca.

Análise

Para realizar esta guía de compra seleccionáronse sopas de sobre elaboradas por marcas líderes no mercado, nas que se analizou principalmente:

  • Puntuación NutriScore. A valoración vén especialmente determinada pola cantidade de sal.
  • Os ingredientes. Coñecer a calidade comercial do produto, con respecto aos máis abundantes e os que se promocionan no envase.
  • A información comercial. Analizamos se proporciona información de valor ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano ao consumidor.
  • Prezo. Non foi un criterio para avaliar a calidade do produto, pero a calidade/prezo débese ter en conta para as posicións do ránking.
  • O etiquetado. Analizouse se cumpre coa lexislación vixente.

Canta carne conteñen?

Coloquialmente chamámoslle “sopa de polo” ou “sopa de tenreira” aos pratos que cociñamos a partir dun caldo ao que lle engadimos pasta e que obtivemos previamente cocendo carne e verduras. Polo xeral, adoitamos retirar estes últimos ingredientes antes de engadir a pasta, así que no prato final non queda case nada deles, máis aló do sabor, o aroma e algún pequeno anaco. É dicir, algo parecido ao que ocorre nas sopas comerciais. Nestes produtos a carne atópase en proporcións moi pequenas, entre o 2 % e o 0,5 %. Malia iso, este ingrediente forma parte protagonista no nome: sopas “de polo”, “de ave” ou “de tenreira”. Desde un punto de vista estrito, sería máis rigoroso denominalas “sopa de pasta”, dado que é o ingrediente principal. Pero, como eses nomes son os que utilizamos habitualmente, poderiamos considerar que son ben coñecidos e sabemos a que se refiren, de modo que non dan lugar a engano. É dicir, trátase dun nome consagrado polo uso e por iso se utilizan tamén como denominación de venda.

Nas sopas de polo, a proporción de carne está comprendida entre o 1,6 % de Knorr ata o 1,1 % de Eroski. Todas as sopas de ave conteñen carne de polo, en proporcións que van desde o 2 % de Eroski ata o 0,8 % de Gallina Blanca e Knorr. Para rematar, nas sopas de tenreira, as proporcións están comprendidas entre o 1 % de Gallina Blanca e o 0,5 % de Knorr.

E verduras? 

Na Sopa de Cebolla e na Sopa Doce Verduras, ambas de Knorr, si que atopamos unha cantidade significativa do ingrediente que lles dá nome: un 34 % de cebola e un 32 % de verduras, respectivamente. Iso si, a Sopa Doce Verduras de Knorr só contén dez verduras e hortalizas (once, se contamos a pataca) e non doce, como indica o seu nome. Concretamente, este produto está elaborado con cenoria, porro, xudías verdes, apio, cabaza coliflor, cebola, chícharo, charouvía e nabo.

Como realzan o sabor

Xunto cos ingredientes máis nobres, como as verduras, a carne ou a pasta, figuran moitos outros que cumpren diferentes funcións. Entre eles atópanse os potenciadores de sabor, que, como o seu nome indica, se engaden para realzar os sabores e os aromas. O máis popular é, sen dúbida, o glutamato monosódico, un aditivo que adoita causar receos, debido a que existen moitos mitos sobre el, como o que di que o seu consumo é perigoso e provoca efectos adversos, como dor de cabeza. Con todo, este composto é seguro. De feito, o glutamato é a forma ionizada do ácido glutámico, un dos aminoácidos máis abundantes no noso organismo e que cumpre importantes funcións metabólicas. Ademais, está presente en forma de glutamato monosódico nalgúns organismos como as algas.

Este aditivo non só realza os sabores, tamén ten un gusto moi característico. Coñécese co nome de umami e é un dos sabores básicos, xunto co doce, o salgado, o ácido e o amargo. Este sabor está presente de forma natural en diversos alimentos, como as algas, o queixo curado ou o xamón, e tamén podemos atopalo en moitos produtos precociñados, debido a que conteñen glutamato engadido. En moitos destes produtos preparados, o sabor do glutamato é demasiado intenso e enmascara o resto de ingredientes, o que fai que numerosas persoas prefiran evitar a súa presenza, en busca dun sabor máis parecido ao das receitas caseiras. Isto, sumado á mala fama infundada deste composto, levou a moitos produtores a evitar o seu uso na elaboración dos seus produtos. Iso non significa que non se utilicen potenciadores de sabor, senón que se utilizan alternativas.

En todas salvo nas Sopas Knorr de Ave e de Pollo, que conteñen glutamato sódico, empréganse extractos de lévedo ou proteína vexetal hidrolizada. Eses ingredientes conteñen de forma natural ácido glutámico, así que vén ser o mesmo que empregar glutamato sódico. A diferenza é que adoitan pasar desapercibidos na lista de ingredientes porque o fabricante non os declara como potenciadores de sabor, que é a súa función.

O “natural” vende

A estratexia máis habitual á hora de promocionar alimentos consiste en transmitir ideas relacionadas con “o natural”, o “tradicional” ou o “caseiro”, suxerindo deste xeito que o produto é saudable, seguro e saboroso. Isto tamén se aplica de forma máis ou menos sutil nalgunhas destas sopas. Por exemplo, nas de Knorr e Gallina Blanca destácase a mensaxe “sen conservantes”, dando a entender que son “máis naturais”, e iso malia que este tipo de produtos non necesita eses aditivos, dado que están deshidratados. Tamén se destacan palabras como “natureza”, como ocorre nas sopas de Knorr, nas que se indica que os ingredientes proceden de agricultura sostible. Isto último non está regulado como tal pola lexislación nin se xustifica no envase de ningún modo. Ademais, substitúense algúns ingredientes na formulación ou simplemente exprésanse doutro xeito na lista, para tratar de lograr unha etiqueta máis “limpa”.

Por unha “etiqueta limpa”

Os fabricantes conseguen así que a lista de ingredientes non teña nomes que parezan estraños ou “pouco naturais” para que non cause rexeitamento ao consumidor. Esta estratexia coñécese coloquialmente como “etiqueta limpa” ou clean label. Outro exemplo, o antioxidante butilhidroxianisol (E320), que se emprega na Sopa Doce Verduras Knorr, substitúese no resto das sopas de Knorr ou nas de Eroski por extracto de romeu, un aditivo con mellor imaxe. Os aditivos pódense indicar na lista de ingredientes co seu nome (extracto de romeu) ou polo seu código (E392), aínda que o produtor adoita elixir a opción que menos temores poida suscitar. Iso si, diante do ingrediente debe declararse sempre a función que desempeña no alimento. No caso do antioxidante si que se fai, pero noutros, non, como nos extractos de lévedos ou na proteína vexetal hidrolizada, que actúan como potenciadores de sabor. Algo parecido ocorre con algúns colorantes. En varios produtos emprégase caramelo e declárase como tal; por exemplo, na Sopa de Ternera de Eroski. Pero noutros, como en todos os produtos de Knorr analizados, utilízase o xarope de caramelo como colorante, pero non se indica a súa función.

O resto de compostos

Xunto cos ingredientes anteriores, nas sopas normalmente empréganse outros que cumpren diferentes fins, entre os que se atopan, sobre todo:

  • Aromas e especias. Utilízanse para proporcionar aroma, sabor e cor ao produto.
  • Espesantes. Ingredientes como a fécula de pataca, o amidón de millo ou a fariña de trigo engádense para darlle corpo ao caldo.
  • Graxas. Empréganse, sobre todo, para proporcionar sabor e mellorar a textura. O tipo de graxa varía entre os diferentes produtos.
  • Sal. Xeralmente está presente en cantidades notables: arredor dos dous gramos por ración.

A información nutricional

Neste tipo de produtos ás veces pode resultar difícil interpretar a información nutricional porque os datos que se mostran poden estar referidos a diferentes estados do produto. Por exemplo, na maioría das sopas analizadas, estes datos refírense a 100 ml de produto reconstituído, é dicir, unha vez que se lle engadiu auga e que está listo para tomar. Con todo, noutros casos esa información pode referirse a 100 g de produto en po, é dicir, sopa deshidratada, como ocorre nas sopas de Eroski. Ambas as opcións están permitidas, pero iso si, para evitar equívocos, convén observar ben este detalle, que se aclara nun texto xunto coa táboa de información nutricional.

A información referida a 100 ml de produto listo para consumir ten a vantaxe de que é fácil de interpretar e de comparar. A referida ao produto deshidratado permítenos coñecer a proporción concreta de cada nutriente no produto en po. Por iso podemos observar diferenzas enormes nalgúns nutrientes. Por exemplo, cando se mostra a información do produto preparado, a cantidade de sal é de aproximadamente 0,8 g, mentres que cando a táboa se refire ao produto deshidratado, a cantidade de sal está arredor dos 11 gramos. Un sobre contén uns 75 gramos de produto deshidratado, a partir dos cales se preparan catro racións de 250 ml (1 litro de sopa), así que cada ración contén uns 2 gramos de sal.

En todos os produtos indícanse os nutrientes referidos a unha ración de produto preparado (250 ml). Estes son os datos que realmente nos interesan se queremos coñecer a cantidade de nutrientes que imos inxerir en cada toma.

Poucos nutrientes e moito sal

Se observamos os datos que mostran todos estes produtos, veremos que son bastante pobres desde o punto de vista nutricional. Non é ningunha sorpresa, porque a maior parte dunha sopa é auga.

  • Hidratos de carbono. É o nutriente máis abundante, con cifras que roldan os 12 gramos por ración, salvo na Sopas de Cebolla e na Sopa Doce Verduras, ambas de Knorr, con 7 g e 5 g, respectivamente. Pero non todos os hidratos son iguais. Os destes dous produtos resultan máis recomendables, porque son complexos, mentres que no resto dos casos proceden da pasta, é dicir, están constituídos basicamente por amidón, que se transforma rapidamente en hidratos de carbono simples cando o inxerimos.
  • Graxas. Do mesmo xeito que ocorre cos hidratos de carbono, tamén é importante coñecer de onde veñen, para o que é necesario consultar a lista de ingredientes. Nalgúns produtos utilízase graxa de polo ou de carne; noutros, aceite de oliva, que é o máis apreciado e tamén o máis caro, e noutros, emprégase aceite de palma, que é o máis barato e menos recomendable. Por iso, nalgúns produtos como nos de Eroski, destácase a ausencia deste último. En calquera caso, as cantidades de graxas que se utilizan neste tipo de sopas son moi pequenas. Por exemplo, a cantidade de aceite de oliva oscila entre o 0,09 % e o 0,7 % da Sopa de Pollo e na Sopa de Carne de Eroski, respectivamente. É dicir, no mellor dos casos a cantidade de aceite de oliva nunha ración de sopa de 250 ml non chega á metade dunha culleradiña de sobremesa. Tanto se se trata de aceite de oliva como de aceite de palma, a cantidade presente é case insignificante: arredor dos 0,4 g por ración. O único produto que destaca é a Sopa de Cebolla de Knorr, con 1,1 g por ración, pero tamén é unha cantidade pequena. Por iso, nalgúns produtos, como nos de Knorr e nos de Eroski, móstrase a mensaxe “baixa en graxas”, unha declaración que só se pode facer cando o alimento contén menos de 3 g de graxa por cada 100 g (ou menos de 1,5 g por cada 100 ml no caso dos líquidos), tal e como ocorre nestes casos.
  • Proteínas. A cantidade nestas sopas tamén é moi pequena, arredor de 2 g por ración, salvo na Sopa Doce Verduras de Knorr, con 0,6 g por ración. Por iso chama a atención que nalgúns produtos se mostre a indicación “fonte de proteínas”, como ocorre nos de Eroski. Isto explícase porque o requisito legal para poder mostrar esa declaración nutricional é que as proteínas proporcionen, como mínimo, o 12 % do valor enerxético do alimento. Neste caso cúmprese: proporcionan arredor do 15 % da enerxía. Agora ben, non debemos interpretar que iso ocorre porque a cantidade de proteínas sexa alta, senón porque o valor enerxético é moi baixo, arredor de 21 kcal/100 ml. Para facernos unha idea, unha ración destas sopas proporciona aproximadamente 53 kcal, unha cantidade equivalente ás que proporciona media mazá.
  • Fibra. Do mesmo xeito que ocorre coas proteínas, a cantidade resulta practicamente insignificante (0,5 g por ración), algo esperable dada a baixa proporción de ingredientes como verduras e hortalizas. Por iso sorprende que a Sopa Doce Verduras de Knorr mostre a indicación “fonte de fibra”. Explícase porque estamos ante un caso parecido ao anterior. É dicir, non é que haxa moita fibra, senón que hai poucas calorías. A lexislación permite mostrar esa mensaxe cando a cantidade de fibra é, como mínimo, de 3 g por 100 g de produto, ou 1,5 g de fibra por 100 kcal. Esta sopa contén 0,36 g de fibra por 100 ml, o cal é moi pouco, pero cumpre co requisito. Para obter 100 kcal habería que consumir un litro de sopa, e nesa cantidade si atopariamos máis de 1,5 g de fibra.
  • Sal. É o máis destacable destes produtos, que conteñen arredor de 1,9 gramos de sal por ración, unha cantidade bastante considerable. A Organización Mundial da Saúde recomenda consumir menos de 5 gramos de sal ao día, así que, se tomamos unha destas sopas, só poderemos consumir 3,1 g de sal a partir de toda a suma de alimentos que comamos ese día, o cal non é nada fácil, de modo que é moi probable que superemos esa cifra de 5 g.

En definitiva, trátase dun produto moi pobre desde o punto de vista nutricional, que apenas proporciona nutrientes e enerxía e que, además, contén unha cantidade considerable de sal. Ao calcular a puntuación no sistema Nutri-Score a partir de 100 ml de produto preparado, a maioría obtén unha C, salvo a Sopa de Cebolla de Knorr, que ten unha B.

Conclusións

Neste tipo de produtos podemos distinguir dous grandes grupos:

  • As sopas elaboradas a partir de carne, de polo ou de tenreira, nas que o ingrediente principal é a pasta (arredor dun  % do produto). A cantidade de carne é practicamente insignificante (aproximadamente un , %).
  • As que se elaboran a partir de verduras, nas que o ingrediente principal si que son as verduras (arredor do  % do produto). O resto son, sobre todo, espesantes como fariña de trigo ou fécula de pataca, que lle dan corpo ao produto, xunto con outros ingredientes que tamén están presentes nas sopas de carne, como potenciadores de sabor, aromas, graxas e sal.

Trátase en todos os casos de produtos moi pobres desde o punto de vista nutricional, que apenas proporcionan calorías e nutrientes e que, ademais, conteñen unha cantidade considerable de sal. Por iso non son recomendables para un consumo frecuente. En calquera caso, as sopas que presentan mellores características son as de verduras (por exemplo, conteñen máis proporción de verduras e hortalizas e proporcionan máis fibra). Destaca especialmente a Sopa de Cebolla de Knorr, que é a que contén menos sal e, ademais, presenta mellor relación calidade/prezo, seguida pola Sopa de Pollo e a Sopa de Ave, ambas de Eroski.

Diferentes variedades, mesmo prezo

Cada marca fixa o mesmo prezo para todos os seus produtos, independente da variedade. Así, as sopas de Eroski son as máis accesibles (0,10 €/ración), seguidas das de Gallina Blanca (0,14 €/ración) e Knorr (0,17 €/ración). Isto chama a atención dado que cada variedade contén ingredientes diferentes que, en principio, implican tamén diferentes custos. Quizais se explica porque a proporción de ingredientes custosos é moi baixa (carne, aceite de oliva…) e porque a maior parte dos custos de elaboración reside no proceso propiamente dito e, máis concretamente, na deshidratación.

Como se elaboran 

Este tipo de sopas causa receos en moitas persoas debido a que é un produto que se comercializa practicamente en po, de modo que apenas se distinguen os ingredientes na primeira ollada, así que ás veces desconfíase da súa orixe e a súa composición. Tamén contribúe á desconfianza o feito de que moitas persoas non coñecen o proceso que se aplica para elaborar estes produtos. Por iso, algunhas marcas como Gallina Blanca inclúen no seu envase explicacións sobre as características dos seus ingredientes e sobre o proceso de elaboración. En realidade, non se trata de nada estraño. O que se fai é simplemente cortar en anacos os ingredientes “nobres” (verduras, carne…) e retirar a auga que conteñen, para o que someten a un proceso de deshidratación que utiliza aire quente.

Recomendacións de compra

As claves para facer unha boa elección pódense resumir en catro puntos:

  1. Ingrediente principal. É preferible elixir aquelas cuxo composto principal sexan as verduras.
  2. Proporcións. Non hai que fixarse nos ingredientes que se destacan no envase, senón na proporción de cada un deles que aparece na lista de ingredientes. 
  3. Graxa. Hai que priorizar aquelas que conteñan aceite de oliva, fronte a outros aceites como o de palma.
  4. Sal. Canto menos cantidade conteña, mellor.

O ingrediente máis destacado non sempre é o maioritario