Barriñas enerxéticas

Barriñas enerxéticas: froitos secos, cereais... e moito azucre

Se nos guiamos polo seu aspecto, dá a sensación de que só o sabor as diferencia. Pero existen grandes matices entre elas, tanto na composición coma no prezo. Para elixir ben unha barriña convén supervisar ben os seus ingredientes.
1 Marzo de 2021

Barriñas enerxéticas: froitos secos, cereais... e moito azucre

En apenas unha década algúns aspectos da nosa alimentación cambiaron drasticamente. Por exemplo, en xeral comemos menos carne e tomamos menos leite, mentres empezamos a consumir certos produtos que ata hai pouco resultaban case exóticos ou descoñecidos, como bebidas vexetais, soia texturizada, guacamole, copos de avea… Tanto é así, que xa se fi xeron un oco defi nitivo nos lineais dos supermercados.

Coas barriñas enerxéticas ocorreu algo parecido. Non son novas no mercado porque antes xa existían as chamadas “barriñas dietéticas”, promocionadas como supostos “substitutivos de comidas” e con pretendidos fi ns “adelgazantes” ou as barriñas especializadas para a práctica deportiva. Pero nos últimos anos este formato de produto popularizouse, de modo que a oferta se ampliou e diversifi cou notablemente.

As barriñas que analizamos nesta guía non se comercializan para un uso especializado, xa sexa “dietético” ou deportivo, senón para un consumo diverso, tal e como podemos apreciar nalgúns dos envases. Neles vense diferentes suxestións; por exemplo, para tomar no almorzo (Golden Grahams, Nestlé Fitness), para a práctica deportiva (Nature Valley, Nestlé Fitness), para a alimentación da poboación infantil (Chocokrispies de Kellogg’s), ou para consumir en calquera situación, xa sexa a ofi cina, o monte ou o ximnasio (Eroski). Pero, que características teñen estes produtos?

Poden ser moi diferentes

A primeira vista todas as barriñas poden parecer iguais, xa que presentan algunhas características en común; por exemplo, a súa forma e o seu tamaño. Pero se nos fi xamos un pouco máis, vemos que o seu aspecto é diferente: nalgunhas barriñas apréciase facilmente a presenza de cereais enteiros, como en Hero muesly ou Nature Valley; noutras destaca a presenza de froitos secos, como en El Almendro ou Bekind, e outras están recubertas de ingredientes que custa identifi car, como Chocokrispies de Kellogg’s ou Golden Grahams. Isto pode darnos algunha pista sobre a súa composición, pero é importante consultar o etiquetado, porque ás veces o aspecto ou as mensaxes do envase poden levarnos a engano.

Ás veces as aparencias enganan 

Á hora de consultar o etiquetado é importante ter en conta tres partes fundamentais: a denominación de venda, a lista de ingredientes e a información nutricional. Para as barriñas non existe unha lexislación específi ca, así que como denominación de venda debe mostrarse unha descrición do produto o máis axustada posible á realidade. Esta descrición, que normalmente se mostra xunto á lista de ingredientes, queda a criterio do fabricante, así que podemos atopar etiquetas nas que a denominación é vaga e concisa, como en Nestlé Fitness (“barriña de cereais con chocolate”) e outras nas que é máis detallada, como en Kellogg’s chocolate con leche (“barriña de copos de trigo integral e cereais con anacos e base de chocolate con leite”).

Esta información é especialmente importante en produtos nos que a marca comercial pode dar a entender que posúen unhas características que realmente non teñen. Por exemplo, se nos fi xamos na barriña Hero avellanas poderiamos pensar que ese froito seco é o ingrediente principal, pero a denominación de venda indica “barriña de cereais con abelás”, o que nos informa de que o produto está composto principalmente por cereais. Algo parecido ocorre con Chocokrispies, onde a marca podería dar a entender que o produto contén chocolate (é dicir, cacao e manteiga de cacao), cando en realidade só ten cacao. Por iso no envase se indica “sabor a chocolate”.

Análise

Para realizar esta guía de compra seleccionáronse barriñas enerxéticas elaboradas por marcas líderes no mercado, nas que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración vén moi determinada pola cantidade de enerxía, graxa, proteínas, azucres e fibra.
  • Os ingredientes. Analizamos de que están feitas estas barriñas para coñecer a calidade comercial do produto.
  • A información comercial. Analizamos se achega información de valor ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano ao consumidor.
  • Prezo. Non foi un criterio para avaliar a calidade do produto, pero a calidade/prezo terase en conta para as posicións do ránking.
  • O etiquetado. Analizouse se cumpre coa lexislación vixente.

Froitos secos ou cereais?

Na lista de ingredientes deben mostrarse os elementos presentes no produto por orde de importancia segundo o seu peso. Ademais, no caso de que algún se destaque dalgún modo no envase, xa sexa con palabras ou con imaxes, debe especifi carse a súa proporción. Deste xeito podemos facernos unha idea da composición do produto. A grandes liñas, pódense agrupar as barriñas en dous grupos, segundo o seu ingrediente maioritario:

  • Froitos secos. Entre as elaboradas con este ingrediente destacan Bekind, cun 76 % de améndoas e anacardios, e El Almendro, cun 61 % de améndoas e abelás. Algúns produtos destacan a presenza de froitos secos no envase, o que pode dar a entender que é o ingrediente maioritario, pero non sempre é así. Isto ocorre en Hero avellanas, composta principalmente por cereais (27 % de copos integrais de cebada e trigo) e con tan só un 10 % dese froito seco. A barriña Eroski froitos secos suma un 25 % de cacahuete e un 16,5 % de froitos secos: son os ingredientes maioritarios e nutricionalmente resultan parecidos no seu contido de proteínas e graxas (aínda que os cacahuetes son, realmente, legumes).
  • Cereais. Son as barriñas que máis abundan no mercado. Iso si, non todas son iguais. O máis desexable é que os cereais sexan integrais (é dicir, que estean constituídos polas tres partes que os forman: endospermo, farelo e xerme) e que se atopen enteiros. Deste xeito achegan máis nutrientes, como os minerais dofarelo e os ácidos graxos do xerme, e achegan fi bra, de maneira que se absorben máis lentamente, o que provoca un menor aumento da glicosa en sangue. Ademais, son máis saciantes, ao que contribúe tamén o feito de presentarse enteiros, xa que requiren unha mastigación máis intensa. Entre os produtos que conteñen copos de cereais integrais destacan Nature Valley (con 59 % de avea) e Hero muesly (48 % de avea).

No outro extremo atopamos barriñas elaboradas a partir de cereais refi nados ou fariñas refi nadas, como Chocokrispies de Kellogg’s, con arroz refi nado. Achegan menos nutrientes, son menos saciantes e provocan un maior aumento da glicosa en sangue, así que son as menos recomendables.

Por outra banda, é habitual atopar barriñas que conteñen cereais en varios formatos simultaneamente: copos integrais enteiros, fariña integral e cereais ou fariña refi nados. É o caso de Kellogg’s chocolate con leche, que contén 37,5 % de trigo e avea, ademais de fariña de trigo integral e fariña de arroz; de Nestlé Fitness, cun 30,2 % de trigo e avea integrais, un 14,5 % arroz refi nado e un 4,4 % de fariña de trigo integral, ou de Golden Grahams, cun 25,6 % trigo e avea integrais, un 8,9 % de fariña integral de trigo e un 5,1 % de sémola de millo e de fariña de arroz.

O papel dos azucres

Unha característica que teñen a maioría de barriñas é que entre os seus ingredientes contan con algún edulcorante. O máis común é o xarope de glicosa ou de frutosa porque, ademais de dá sabor doce, actúa como pegamento ou aglutinante para unir os diferentes elementos que conforman a barriña. É o que ocorre nas barriñas de Hero ou nas de Kellogg’s. Tamén se fai habitual a presenza de azucre, porque achega sabor doce e textura en ingredientes como o chocolate ou os cereais infl ados azucrados, tal e como ocorre nas barriñas Eroski con chocolate, en Nestlé Fitness ou en Chocokrispies de Kellogg’s.

Nalgunhas barriñas o edulcorante que se utiliza é o mel, como ocorre en El Almendro. Este ingrediente goza de boa fama, porque popularmente se percibe como máis saudable que o azucre branco, pero en realidade a súa achega nutricional vén ser a mesma, ao estar composto por unha elevada proporción de azucres. En defi nitiva, a diferenza máis importante é que o mel dá un sabor característico, así que se trata, máis que nada, dunha cuestión de gustos. Tamén neste aspecto debemos prestar atención. Por exemplo, as barriñas Nature Valley chámanse “Crunchy avena y miel” e destacan a presenza deste ingrediente cunha imaxe na portada do seu envase, pero se observamos a lista de ingredientes, o principal edulcorante é o azucre branco, o mel queda nunha proporción de unicamente o 3 %.

O que achega…

Unha barriña de froitos secos (25 g)

  • 140 kcal
  • 10 g de graxa
  • 2 g de graxas saturadas
  • 7 g de hidratos de carbono
  • 5 g de azucres
  • 2,2 g de fibra
  • 4,5 g de proteína

Unha barriña de cereais (25 g)

  • 110 kcal
  • 5 g de graxa
  • 1,5 g de graxas saturadas
  • 17 g de hidratos de carbono
  • 7 g de azucres
  • 1,5 g de fibra

Un puñado de améndoas (25 g)

  • 148 kcal
  • 12,4 g de graxa
  • 0,9 g de graxas saturadas
  • 2,4 g de hidratos de carbono
  • 1 g de azucres
  • 3 g de fibra
  • 5,3 g de proteína

Outros compostos

Ademais do ingrediente principal e dos edulcorantes que serven como aglutinantes, nestas barriñas podemos atopar outros ingredientes. Nas que teñen unha mellor formulación desde o punto de vista nutricional, é habitual a presenza de ingredientes saudables, como sementes de cabaza (El Almendro, Hero muesly) ou arandos deshidratados (Hero muesly). No resto é frecuente a presenza de ingredientes pouco recomendables, como chocolate azucrado (por exemplo, Nestlé Fitness ou Kellogg’s chocolate con leche) ou aceites de mala calidade nutricional (como aceite de palma, en Kellogg’s chocolate con leche).

Algunhas barriñas, como Nestlé Fitness, Chocokrispies de Kellogg’s ou Kellogg’s chocolate con leche están enriquecidas con vitaminas ou minerais (por exemplo, vitaminas B3 e B6, calcio, ferro…). No noso contexto é innecesario porque se trata de nutrientes que podemos atopar regularmente nos alimentos que consumimos nunha dieta habitual. O principal problema desta práctica é que pode facernos pensar que o produto é saudable, cando en realidade non sempre é así, tal e como ocorre nestes casos.

Etiquetas ‘limpas’

Nalgúns produtos non é fácil ler nin interpretar a etiqueta porque a lista de ingredientes é moi longa e inclúe infi nidade de substancias. Ocorre porque moitos dos elementos que compoñen a barriña son ingredientes compostos, como o chocolate, formado á súa vez por cacao, manteiga de cacao e azucre. Ademais, é habitual o uso doutros ingredientes que cumpren funcións tecnolóxicas, como emulxentes (por exemplo, lecitina de soia) ou substancias que melloran a textura, como leite en po ou sorbitol. Con todo, nalgunhas barriñas, como El Almendro, Nature Valley ou Bekind, óptase por unha formulación moito máis sinxela, o que se traduce nunha etiqueta máis fácil de comprender. É o que se coñece como “etiqueta limpa” ou “clean label”.

Os nutrientes

O terceiro elemento importante é a información nutricional. Esta debe mostrarse referida a 100 g de produto, pero en casos como este, no que se trata dun alimento que se comercializa en paquetes con racións individuais de tamaño variable, segundo a marca, é conveniente observar tamén a información por porción, xa que así nos faremos unha idea máis concreta dos nutrientes que nos achega en cada inxesta. A achega nutricional das barriñas pode ser moi diferente, dependendo da súa composición. As que conteñen unha elevada proporción de froitos secos, como El Almendro e Bekind, achegan unha cantidade notable de proteínas (19,8% e 17%, respectivamente), de graxas de boa calidade (46,2% e 41%, respectivamente), de fibra (10,3% e 8,7%) e de enerxía (594 kcal/100 g e 544 kcal/100 g, respectivamente). De feito, son as que máis destacan nestes aspectos, xunto con Eroski froitos secos, debido ao seu contido en cacahuetes e froitos secos (36 % de graxa, 12 % de proteínas e 539 kcal / 100 g). Pola súa banda, as barriñas cos cereais como ingrediente maioritario, como Nature Valley, Hero muesly ou Eroski cereales, achegan unha menor cantidade deses nutrientes (arredor dun 13 % de graxa, un 7 % de proteínas, un 5 % de fi bra e 415 kcal/100 g).

Con respecto ao azucre, os produtos con froitos secos, El Almendro e Bekind, son os que menos cantidade achegan (19,3 % e 12 %, respectivamente), mentres que no resto está arredor do 28 %, unha cantidade moi considerable. Neste sentido destacan especialmente Eroski cereales (33 %), Nestlé Fitness (30 %), Nature Valley e Hero avellanas (cada un deles cun 28 %). Isto, traducido á achega por unidade (que pesa arredor duns 25 g), significa unha achega duns 3,6-5 g de azucre nas barriñas con menos cantidade (arredor dunha culleriña) e uns 8,6-12 g nas que teñen a cantidade máis alta (unhas dúas ou tres culleriñas). Isto dá idea de que estas últimas son claramente insáns, así que non debemos destinalas a un consumo habitual.

Mala nota en Nutri-Score

Estes valores, con alta achega de enerxía, graxas saturadas e azucres, explican as malas puntuacións que obteñen estes produtos no sistema Nutri-Score: unha D para todos eles, salvo para El Almendro e Bekind, que obteñen unha C debido ao seu contido en froitos secos e a súa menor achega de graxas saturadas. Tamén Chocokrispies de Kellogg’s obtén unha C, neste caso debido ao seu baixo contido en graxas saturadas e a súa menor achega de enerxía.

Os valores nutricionais deben servirnos como orientación, pero o máis importante son os ingredientes. Por exemplo, non é o mesmo obter 420 kcal a partir de 100 g de Chocokrispies de Kellogg’s, compostas na súa maior parte por arroz refi nado e azucre, que inxerir 594 kcal a partir de 100 g de barriñas El Almendro, compostas principalmente por froitos secos. É preferible esta última porque os ingredientes son máis saudables. E o mesmo se pode dicir para o resto de nutrientes.

Importantes diferenzas de prezo

As barriñas máis caras son as que conteñen unha elevada proporción de froitos secos, concretamente El Almendro (2,49 €/100 g) e, sobre todo, Bekind (4,43 €/100 g), cuxo prezo case é o dobre do anterior e practicamente cuadriplica ao do resto. Aínda que os froitos secos son un ingrediente que supón un maior custo, a súa presenza non xustifica a enorme diferenza no importe: Bekind ten un 76 % de froitos secos, mentres que El Almendro contén un 61 % e unha mellor composición. A barriña Eroski frutos secos, que recordemos ten unha composición que nalgúns aspectos aseméllase ás anteriores debido ao seu contido en cacahuetes e froitos secos, é bastante máis económica (1,25 €/100 g).

De todos os xeitos, quizais resulta máis práctico comparar o prezo por barriña, nese caso os resultados cambian, xa que non todas as marcas pesan o mesmo. Neste sentido, atopamos tres rangos de prezo: as máis caras, onde se atopan de novo Bekind (1,33 €) e El Almendro (0,52 €), xunto con Hero muesly (0,53€); as máis baratas, cerca dos 0,27 € por barriña, como Eroski cereales (0,22€), Hero avellanas (0,28€), Kellogg’s chocolate con leche e Chocokrispies de Kellogg’s (ambas cun prezo de 0,29 €) e as de prezo intermedio, cuns 0,45 € por barriña: Nestlé Fitness, Nature Valley, Eroski frutos secos e Golden Grahams.

O mellor momento para consumilas 

Nos envases dalgunhas barriñas indícase unha suxestión de consumo. Por exemplo, en Chocokrispies e Nestlé Fitness móstrase a mensaxe “barriñas de almorzo”, en Nature Valley e Nestlé Fitness faise alusión á práctica deportiva, mentres que noutras como Eroski ou Chocokrispies indícase que son aptas para todo tipo de ocasións: o traballo ou o colexio, a práctica deportiva, como petisco… Este é un dos aspectos fundamentais a considerar á hora de consumir este tipo de produtos.

A gran maioría non son recomendables para o día a día, xa sexa como petisco ou como almorzo, dado o seu elevado contido de azucres e a presenza doutros ingredientes insáns, como fariñas refinadas ou aceites de mala calidade nutricional. As máis saudables, Bekind e El Almendro, poderían ser aptas, pero teñen un prezo moi elevado (1,33 € e 0,52 €, respectivamente), así que resultaría preferible optar por opcións máis económicas e, sobre todo, máis saudables: por exemplo, 25 gramos de améndoas custan arredor de 0,43 € (ver gráfico páxina 13). Por outra banda, estas barriñas poderían ser unha opción adecuada para certas situacións, por exemplo, para a práctica deportiva intensa e prolongada (máis de 90 minutos), xa que achegan enerxía e nutrientes, son saciantes e fáciles de transportar e de consumir.

Conclusións

Entre as barriñas analizadas para a elaboración desta guía podemos facer dous grandes grupos, en función do seu ingrediente principal: as que conteñen froitos secos (El Almendro, Bekind e, en certo xeito, Eroski frutos secos, cun 25% de cacahuetes e 16,5% de améndoa e abelás) e as que conteñen cereais, entre as que destacan Nature Valley (con 59% de avea) e Hero muesly (48% de avea), xa que estes preséntanse en forma de copos integrais. Estas serían as mellores opcións, especialmente El Almendro e Bekind, xa que ademais que conteñen unha cantidade de azucres signifi cativamente inferior ao resto (19% e 12%, respectivamente, o que significa 4,1 g e 3,6 g por barriña, é dicir, arredor dunha culleriña). Agora ben, debemos ter en conta que o seu prezo é o máis elevado (1,33 € a barriña de Bekind e 0,52 € a de El Almendro).

E o mesmo ocorre con Hero Muesly (0,53 €/ barriña). Neste sentido a mellor relación calidade-prezo preséntaa Nature Valley, con 0,45 €/ barriña. É importante ter en conta o uso que imos darlle a estas barriñas. Algunhas como as que acabamos de comentar poden ter cabida en situacións como a práctica deportiva intensa e prolongada ou o consumo puntual como petisco, pero moitas delas son insáns, como se pode ver claramente en Chocokrispies, así que non son recomendables para un consumo habitual, moito menos no caso da poboación infantil, o rango de idade ao que vai destinado ese produto concreto. Podemos atopar opcións prácticas moito máis saudables e igual de cómodas para transportar e consumir, como unha mazá e un puñado de froitos secos sen sal.

Aptas para vexetarianos, non todas para veganos 

A xulgar polos ingredientes que se mostran na etiqueta, todas as barriñas analizadas son aptas para persoas vexetarianas, é dicir, aquelas que non consomen carne e peixe. Así se indica nos envases de Nature Valley, Kellogg’s chocolate con leche e Chocokrispies de Kellogg’s, nas que se mostra unha icona informativa neste sentido. Agora ben, non todas as barriñas son aptas para persoas veganas; é dicir, aquelas que non consomen ningún produto de orixe animal, xa que a maioría están elaboradas con ingredientes como leite ou mel. Neste sentido só é adecuada a barriña Hero muesly, que ademais o indica no seu envase.

Os ingredientes e o prezo marcan a diferenza