Balnearios

Ampla oferta, pero un control sanitario desigual

Non hai homoxeneidade nos controis que os balnearios realizan para detectaren posibles contaminacións ou cambios nas propiedades das augas mineromedicinais
1 Febreiro de 2002
Img temap

Ampla oferta, pero un control sanitario desigual

A camiño entre centros de saúde con terapias de augas mineromedicinais e establecementos hoteleiros de retiro para escapadas reparadoras de fin de semana, os balnearios ou estacións termais gañan adeptos sen présa pero sen pausa, fieis ó estilo repousado que os caracteriza. Así o demostran os 670.000 clientes que no 2001, un 12% máis ca no ano anterior, acudiron a algún dos 128 balnearios espallados por toda a xeografía española e que desembolsaron un total de 145 millóns de euros. En realidade, o número de visitantes é aínda maior xa que as estatísticas non inclúen ós clientes que non se someten a tratamento nas termas.

Trátase dunha peculiar oferta hostaleira en pleno crecemento (estanse ampliando unha decena de balnearios e estase a construír un novo en Ourense) e que resulta totalmente coherente coas novas tendencias do consumidor actual, cada vez máis proclive a gastar en servicios relacionados coa saúde e o lecer. Ademais, aumentan tamén os visitantes de fins de semana que buscan prestacións simplemente lúdicas (e non terapéuticas) nos balnearios, e tamén a afluencia de nenos que acompañan ós seus pais. E a idade media dos usuarios situouse en 40 anos no 2001, fronte ós 44 anos dos anos precedentes.

Así e todo, aínda persisten na poboación amplas lagoas de descoñecemento arredor do que ofrecen os balnearios e das principais características destes establecementos. Se ben os seus efectos beneficiosos na saúde parecen estar fóra de toda dúbida, como o testemuña o feito de que o propio IMSERSO financie estancias en balnearios para a Terceira Idade, segundo os expertos consultados por CONSUMER ignórase que as estancias se deben prolongar cando menos durante dúas semanas para que os tratamentos termais resulten eficaces. De feito, as de menor duración practicamente non conseguirán mellorar nada as doenzas tratadas máis a miúdo nestas estacións termais (problemas respiratorios, do aparello dixestivo, da pel…), aínda que poden ser perfectamente útiles para desconectar do vertixinoso ritmo de vida actual, dito doutro xeito, para repousar, relaxarse e retomar forzas para afrontar con máis optimismo e vitalidade os retos de cada día.

A notable disparidade de prezos que rexe no sector, por outra banda, parece suxerir que o usuario debería compara-las tarifas de varios balnearios antes de se decidir, xa que un mesmo servicio presenta un custo moi distinto nun ou noutro: unha masaxe de media hora pode custar entre 12 e 37 euros, un baño de burbullas desde 6 ata 15 euros e un baño termal entre 3,60 euros e 9 euros. Moitos balnearios dispoñen, ademais, de hotel, e as súas tarifas difiren moito, e non sempre o fan en relación directa coa súa calidade. Unha fin de semana en habitación dobre, con pensión completa e tratamento termal pode representar 100 euros por persoa nalgúns balnearios mentres que noutros alcanza os 300 euros. Todo indica que, antes de se inclinar por un ou outro balneario, paga a pena dedicarlle uns minutos a estudia-las diversas ofertas.

Algúns balnearios dispoñen de hotel no que os clientes poden pasa-la noite -para gozar dos servicios dunha estación termal non é imprescindible aloxarse no propio balneario-, e nas inmediacións dos que carecen de hospedaría propia poden atoparse hoteis, casas rurais e restaurantes. E, por suposto, é posible aloxarse no hotel dun balneario sen someterse a ningún tratamento.

Tratamento con auga non equivale a balneario

Un balneario ou estación termal é un centro que dispón de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública, de servicios médicos e de instalacións axeitadas para levar a cabo os tratamentos médicos que se prescriben. Se unha estación termal carece destas tres características non pode considerarse tal. Moi distinto é o caso dos centros de talasoterapia, nos que a materia prima é a auga do mar, empregada en tratamentos de hidroterapia con técnicas semellantes ás dos balnearios. Ademais, aplican algas, sales, lama mariña, etc.

O usuario pode acudir tamén a outros centros que se ocupan de cuestións relacionadas coa estética, a fatiga ou a obesidade… pero o elemento que estes establecementos empregan para os tratamentos é a auga corrente da billa, como moito mesturada con aditivos. Dentro deste tipo de centros abundan os “spa” (salus per aquam). A principal diferencia entre un balneario e un “spa” radica en que os “spa” realizan hidroterapia (terapia con auga), mentres que nos balnearios se conxugan a hidroloxía médica (os efectos terapéuticos das augas mineromedicinais) coa hidroterapia.

A calidade pódese calibrar

Indubidablemente, o principal criterio de calidade á hora de valorar un balneario son as súas augas mineromedicinais, o primeiro aspecto no que debemos fixarnos antes de elixirmos un balneario para tratar unha patoloxía concreta. Pero hai outros aspectos que nos axudarán a calibra-la calidade dun balneario: a hixiene e limpeza do balneario e as súas instalacións, o servicio médico (a atención que dispensan, a exhaustividade do control médico, a indicación detallada dos seus tratamentos…), o trato persoal dos empregados do balneario, os auxiliares termais (o persoal que aplica as técnicas) e o resto de profesionais (recepción, hostalería e hotelería no caso de habela…) que atenden ós clientes.

Unha lei de cando non había televisión e case non nacera a radio

No tocante ó control do estado hixiénico-sanitario das instalacións termais, das súas augas e dos propios establecementos, é abraiante que o Real Decreto que regula a explotación de mananciais de augas mineromedicinais date de 1928 (Decreto que na actualidade convive coa Lei de Minas de 1973 e o seu regulamento). Moitos dos artigos deste decreto de hai case un século seguen en vigor, agás nas comunidades autónomas que lexislaron ó respecto (as competencias neste ámbito están transferidas). Só Cataluña, Cantabria, Castela-A Mancha, Estremadura, Murcia e Galicia fixaron as normas para o control semestral ou anual das características microbiolóxicas e físico-químicas das augas dos balnearios. As visitas que as Administracións realizan ós balnearios non teñen unha frecuencia definida, aínda que nos máis dos casos non pasa de unha ou dúas ó ano. Isto trae como consecuencia que sexan os propios balnearios os que se preocupen do control hixiénico e sanitario das súas instalacións, nun exercicio de autocontrol, xa que son os máximos interesados: a responsabilidade inmediata ante calquera anomalía ou contaminación correspóndelle ó balneario.

CONSUMER puido constatar que non existe unha homoxeneidade nin nos puntos que controlan nin na periodicidade dos controis que os balnearios realizan para garantiren a detección de posibles contaminacións ou anomalías hixiénico-sanitarias. Neste sentido, detectáronse diferencias enormes na periodicidade coa que algúns balnearios realizan estes controis. Nalgúns casos, os responsables declaran realizar controis semestrais ou anuais mentres que noutros se realizan mensual, quincenal e mesmo semanalmente. Estas diferencias invitan a unha reflexión: ¿é igual de seguro un balneario no que se realizan controis semestrais ca aquel no que se realizan semanalmente? De tódolos xeitos, tódolos balnearios consultados por esta revista din cumpriren as normas de control de calidade hixiénico-sanitaria ás que a Administración competente (nos máis dos casos, Sanidade) obriga.

A lexionela, por fin regulada

Unha cuestión polémica relacionada coa calidade das augas é a lexionela, un dos principais problemas dos establecementos con torres de refrixeración, condensadores evaporatorios e instalacións termais, para os que o Real Decreto 909/2001 establece criterios hixiénico-sanitarios. Segundo esa lei, que entrou en vigor o 29 de xullo do 2001, estes establecementos deben declarárlle-la súa actividade ás autoridades sanitarias, crear un rexistro das operacións de mantemento e axeita-las instalacións á norma antes de seis meses. Ese prazo rematou o 29 de xaneiro do 2002, polo que os balnearios deben estar xa preparados para evitaren e controlaren brotes de lexionelose.

Nos balnearios alíviase máis do que se sanda

Un balneario non é un hospital nin un centro de saúde ó uso, senón un establecemento terapéutico no que se aplican diferentes tratamentos termais. Non cura milagrosamente senón que “coida, prevén e alivia”.

  • As curas termais están contraindicadas para quen sofre hipertensión arterial grave, enfermidades infecciosas activas, procesos tumorais malignos, tuberculose pulmonar, insuficiencias hepáticas ou renais, desequilibrios metabólicos ou fase aguda de calquera enfermidade que supoña unha alteración do estado xeral da persoa ou da súa capacidade de resposta… Antes de se someter a unha cura termal, cómpre informarse ben co seu médico ou co equipo médico do balneario.
  • Cómpre distinguir entre os servicios dos balnearios e os de centros “pa” (salus per aquam) que hai na maioría dos hoteis próximos a balnearios, xa que os tratamentos dos “spa” carecen das propiedades beneficiosas dos de augas mineromedicinais.
  • Permanecer nas piscinas termais só o tempo recomendado. A presión da auga sobre a caixa torácica facilita a inspiración, pero ás veces obriga a realizar un esforzo muscular que dificulta a expiración. Permanecer máis tempo do aconsellado pode non ser beneficioso. Convén consultar co equipo médico do balneario e segui-las súas indicacións.
  • É aconsellable que as terapias balnearias se realicen lonxe das horas das comidas, dado que o proceso dixestivo utiliza gran cantidade de rega sanguínea. Consulte co equipo médico do balneario.
  • Recoméndase media hora de repouso despois dun tratamento, xa que repercute de xeito positivo na efectividade das terapias.
  • O valor engadido dun balneario está nas súas augas e non na categoría do seu hotel ou no luxo das súas instalacións.
  • As persoas de idade avanzada e as mulleres embarazadas ou en fase menstrual precisan un seguimento médico máis estreito.

Os balnearios, en euros

Os prezos que rexen en cada balneario non gardan relación directa coa categoría das súas instalacións hoteleiras (no caso de que as teñan) nin coas características das súas augas mineromedicinais. Hai augas, coma as sulfatadas, que requiren un cambio de bañeiras cada tres meses, e outras, coma as carbonatadas, que poden permanecer nas bañeiras varios anos sen seren cambiadas, pero esta peculiaridade, que aparentemente lles comporta gastos ben distintos ós balnearios, non se traduce nos prezos duns e doutros. E atopamos balnearios con hotel de tres estrelas nos que a técnica máis barata, a toma de auga en bebida, custa 2,10 euros, mentres que noutros sen hotel teriamos que pagar 9 euros polo mesmo concepto. Do mesmo xeito, hai balnearios con hotel dunha estrela nos que a consulta médica ascende a 24,04 euros, algúns de tres estrelas nos que o custo da consulta médica é de 16,23 euros, e outros de tres estrelas nos que a consulta médica é gratuíta.

Unha fin de semana, a partir de 100 euros

Unha fin de semana nun balneario en habitación dobre, pensión completa, incluído tratamento termal (relax, antiestrés…) custa arredor de 170 euros por persoa. Non obstante, as diferencias entre balnearios son ostensibles e se poden atopar estacións termais nas que o aloxamento resulta notablemente máis barato (desde 100 euros por persoa) e outros nos que o mesmo paquete custa tres veces máis e ascende a 300 euros por persoa.

Dúas semanas, 870 euros como media

15 días nunha habitación dobre, con pensión completa e tratamento termal (relax, antiestrés…) supoñen un desembolso medio duns 870 euros, aínda que os prezos oscilan entre os 630 euros e os 1.080 euros.

Tarifas das técnicas balnearias máis comúns

  • Consulta médica:

    Media: 22 euros
    Desde 7,21 ata 27,05 euros.

  • Baño termal:

    Media: 6,16 euros
    Desde 3,61 ata 9,02 euros.

  • Baño con burbullas/ baño con hidromasaxe:

    Media: 9,02 euros
    Desde 6,16 ata 15,03 euros.

  • Chorro:

    Media: 7,61 euros
    Desde 4,21 ata 16,23 euros.

  • Inhalacións /aerosois:

    Media: 5,86 euros
    Desde 3,01 ata 10,82 euros.

  • Paralamas:

    Media: 8,26 euros
    Desde 5,41 ata 12,02 euros.

  • Masaxe (30 minutos):

    Media: 16,23 euros
    Desde 12,02 ata 37,86 euros.

Para quen procura tranquilidade, evasión e lecer nun balneario
  • Non hai unha duración mínima recomendada, xa que o obxectivo da estancia non é tratar unha patoloxía concreta.
  • Nalgúns balnearios non se realizan controis médicos previos para clientes que acudiran con fins non terapéuticos, pero se o usuario considera necesaria unha visita ó médico do balneario, debe facelo saber.
  • Unha estancia dunha fin de semana nun balneario non recupera milagrosamente de excesos e malos hábitos de toda unha vida.
  • Aínda que a finalidade non sexa terapéutica, a aplicación de tódalas técnicas termais debe ser igualmente vixiada.
  • Non acuda a un balneario buscando relaxación polo día e “esmorga” pola noite, xa que nestes establecementos impera a tranquilidade e os clientes deben respectar esta peculiaridade.

Para quen procura un tratamento terapéutico no balneario

  • Consulte co seu médico se o que lle convén é unha hidroterapia (terapia con auga da billa á que se lle poden engadir unha serie de aditivos) ou unha hidroterapia balnearia (con augas mineromedicinais). O primeiro poderao atopar en centros de rehabilitación, ximnasios, centros “spa”, etc., o segundo unicamente en balnearios.
  • A elección dun balneario debe estar condicionada sobre todo pola relación entre a patoloxía que se vai tratar e as propiedades das augas de cada balneario, e non en función da proximidade, as ofertas das axencias de viaxes ou a comodidade do hotel e os seus servicios.
  • A duración recomendada dun tratamento terapéutico balneario é de 15 días. Ten pouco sentido acudir a un balneario, buscando fins terapéuticos, para soamente unha fin de semana.
  • O conveniente é que os tratamentos terapéuticos en balnearios se realicen baixo prescrición facultativa. Unha vez no centro termal, é obrigatorio pasar consulta médica antes de someterse a calquera tratamento. Tan só algún servicio non terapéutico está exento desta obrigatoriedade.
  • Os tratamentos terapéuticos en balnearios deben estar vixiados e tutelados por médicos especialistas.
  • A cura balnearia non é unha receita milagrosa, senón un alivio ou un tratamento compatible e complementario con outras terapias médicas. Quen vaia procurando a curación total dos seus males trabúcase.

Táboa comparativa

¿Que tipo de auga é axeitada para cada patoloxía?
Para tratar… Busque un balneario con…
PROBLEMAS RESPIRATORIOS
Afeccións das vías respiratorias Augas sulfuradas
PROBLEMAS DO APARELLO DIXESTIVO
Afeccións do aparello dixestivo Augas sulfatadas (sulfatadas cloruradas)
Afeccións gástricas Augas bicarbonatadas (sódicas)
Diarreas Augas bicarbonatadas (sódicas)
Dispepsias gastrointestinais Augas sulfatadas
(sulfatadas cálcicas e sulfatobicarbonatadas cálcicas)
Enterocolite Augas sulfatadas (sulfatadas cloruradas)
Estrinximento Augas bicarbonatadas (bicarbonatadas-sulfatadas)
Augas sulfatadas (sulfatadas cloruradas)
Gastrite Augas sulfatadas
(sulfatadas cálcicas e sulfatobicarbonatadas cálcicas)
Gastrites crónicas hiposecretoras Augas sulfatadas (sulfatadas cloruradas)
Intoxicación alimenticia ou medicamentosa Augas sulfatadas (sódicas e magnésicas)
Procesos dixestivos Augas radioactivas
Úlceras duodenais Augas bicarbonatadas (sódicas)
PROBLEMAS DO FÍGADO E A VESÍCULA BILIAR
Afeccións das vías biliares Augas sulfatadas
(sulfatadas cálcicas e sulfatobicarbonatadas cálcicas)
Afeccións hepáticas Augas sulfuradas
Afeccións hepatobiliares Augas sulfatadas (sulfatadas cloruradas)
Intoxicacións hepáticas Augas bicarbonatadas (bicarbonatadas-sulfatadas)
Trastornos hepatobiliares Augas ferruxinosas
PROBLEMAS MUSCULOESQUELÉTICOS
Contractura muscular Augas cloruradas
Reumatismos Augas radioactivas
Augas bicarbonatadas (bicarbonatadas cloruradas)
Augas sulfuradas
Augas carbogaseosas
Augas ferruxinosas
PROBLEMAS DO APARELLO CIRCULATORIO
Afeccións circulatorias do aparello respiratorio e dixestivo Augas radioactivas
Anemias Augas ferruxinosas
Arterite obliterante Augas carbogaseosas
Enfermidades vasculares periféricas Augas carbogaseosas
Enfermos cardíacos crónicos e compensados Augas carbogaseosas
Enfermidades do sangue Augas ferruxinosas
PROBLEMAS DA PEL
Dermatose Augas sulfuradas
OUTROS…
Cálculos Augas bicarbonatadas (sódicas)
Procesos alérxicos Augas radioactivas
Procesos xinecolóxicos Augas sulfuradas
Secuelas de intervencións cirúrxicas e traumatismos Augas sulfuradas
Trastornos de desenvolvemento na infancia Augas ferruxinosas

* A clasificación das augas correspóndese coa clasificación xeral. Cómpre ter en conta que hai infinidade de subclasificacións.