Enquisadas 1050 persoas de 9 comunidades autónomas sobre as súas opinións e hábitos de compra e sobre o consumo dos alimentos funcionais

Alimentos funcionais: cómpranos e consómenos, pero dubidan dos seus beneficios

Dous de cada tres consumidores enquisados adquiriunos nalgunha ocasión e, deles, o 55 % tómaos a diario
1 Xuño de 2014
Img tema de portada listado 112

Alimentos funcionais: cómpranos e consómenos, pero dubidan dos seus beneficios

Levamos un ritmo de vida vertixinoso. Fáltanos tempo para cociñar, para compoñer unha dieta semanal saudable e mesmo para ocuparnos da nosa saúde. Abandonamos certos hábitos de alimentación saudables, pero séguenos preocupando, e moito, o benestar do noso corpo e da nosa mente.

Neste caos vital, os alimentos funcionais fóronse introducindo aos poucos nos nosos fogares. Son alimentos pensados para proporcionar beneficios na saúde e para reducir o risco de sufrir enfermidades. Iso si, sempre dentro dunha dieta variada e equilibrada, xa que de forma illada non curan nin preveñen enfermidades. Na actualidade, pódense atopar uns 200 tipos de alimentos funcionais, a maioría lácteos.

Pola súa banda, as organizacións de consumidores alertan da escasa información sobre este tipo de alimentos que, en ocasións, inducen a erro e confunden porque utilizan formas verbais ambiguas. EROSKI CONSUMER quixo coñecer a opinión dos consumidores sobre estes produtos, así como detectar os seus hábitos de compra e consumo. Para iso, consultou desde finais de abril e ata primeiros de maio 1050 persoas orixinarias de 9 comunidades autónomas: Andalucía, Illas Baleares, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Comunidade de Madrid, Navarra e País Vasco.

A quen se entrevistou?

Todos os entrevistados encargábanse da organización alimentaria do seu fogar: ir á compra, deseñar os menús, cociñar etc. O 51 % eran mulleres e tiñan unha media de 48 anos.

O seu nivel de estudos variaba. De cada catro enquisados, un tiña estudos universitarios (e mesmo posgraos), outro formación profesional, un máis educación secundaria postobligatoria e, o último, a obrigatoria.

A maior parte deles estaban sans. Só un 25 % apuntou que había no fogar alguén que sufría algunha doenza (eles mesmos ou algún familiar). A catro de cada cinco, esta situación obrigábaos a coidar da alimentación.

Gran parte dos entrevistados mencionaba enfermidades e dores musculares, dos ósos e das articulacións. Tamén colesterol e triglicéridos, diabetes, hipertensión e enfermidades cardíacas e circulatorias. Por idades, tanto os maiores de 65 anos, coma os que tiñan de 25 a 44 anos, facían referencia principalmente a enfermidades e dores musculares, dos ósos e das articulacións. Os que contaban entre 45 e 64 anos citaban, sobre todo, o colesterol e os triglicéridos e, os mozos de entre 18 e 24 anos, alerxias e intolerancias.

Que son? e cales son?

Ata que punto nos importan a alimentación e mais a saúde?

Ao 72 % dos enquisados preocúpalles moito ou bastante a súa alimentación. En especial, ás mulleres, ás persoas de entre 45 e 64 anos e a quen ten estudos universitarios ou superiores. Nunha escala de 5 puntos, onde 1 é nada e 5 moito, valorouse a alimentación cunha media de 3,9 puntos de importancia.

E van máis aló. Un 94 % dos entrevistados indica que a alimentación é importante no coidado da saúde. Outórganlle unha media de 4,5 puntos de importancia nunha mesma escala de 5 puntos. Isto coincide co crecente interese detectado entre os consumidores por coñecer a relación entre a dieta e a saúde.

Sabemos o que son

Está demostrado que os alimentos tradicionais como as froitas, as verduras, o peixe e o leite conteñen compoñentes beneficiosos para o organismo. Con todo, a consecuencia dos desequilibrios e cos desaxustes alimentarios provocados por esta sociedade do non parar, xorden os alimentos funcionais.

Pero sabemos o que son? Un 74 % dos enquisados di que nunca oíu falar deles, un descoñecemento que é maior entre os homes, os maiores de 64 anos, os madrileños e entre os que teñen un nivel de estudos de educación obrigatoria.

A situación cambia completamente cando se proporciona a definición de alimento funcional; é dicir, aquel que pode proporcionar beneficios para a saúde e reducir o risco de sufrir enfermidades, sempre dentro dunha dieta variada e equilibrada.

Nese momento, de entre quen descoñecía o termo “alimento funcional”, o 85 % cambia de opinión e asevera que si sabe o que é. Eran maioritariamente as mulleres, as persoas de entre 45 e 64 anos, os vascos e aqueles con estudos universitarios ou posgraos.

Pero a definición non lle axuda a un 11 % do total dos entrevistados, que continúa sen saber que son os alimentos funcionais.

Os lácteos están na mente do consumidor

Na actualidade, existen moitos alimentos funcionais no mundo. En España, hai á venda ao redor de 200 tipos diferentes. Elabóranse engadindo, quitando ou modificando algún compoñente do alimento convencional. Por exemplo, os iogures enriquecidos con calcio ou os cereais fortificados con fibra e minerais. E cales son os alimentos funcionais que coñecen os consumidores? Durante a enquisa, citaron maioritariamente catro tipos: iogures, leite, cereais e barriñas ou aperitivos. Os entrevistados de entre 25 e 44 anos tamén engadiron á lista galletas.

A televisión é o medio no que oíron falar máis veces dos alimentos funcionais, aínda que a información que escoitan non sempre os fai sentirse o suficientemente informados. Ao 34 % parécelle que é confusa. Así o cren en maior medida en Madrid e no País Vasco, os mozos de entre 18 e 24 anos, os maiores de 65 e as persoas cunha educación universitaria.

Hai suficiente información?

Escasa información

Neste sentido, a CEACCU, unha organización en defensa do consumidor, apunta que hai unha escasa información sobre os alimentos funcionais. Tras unha análise da etiquetaxe de alimentos funcionais (leite, bolería, margarinas, queixos, embutidos, refrescos e ovos, entre outros produtos), concluíu que a información da súa etiquetaxe sobre o efecto dos ingredientes funcionais e a cantidade diaria que se debe consumir para que o efecto se manifeste é incompleta.

Insisten, ademais, en que o problema xorde cando directa ou indirectamente se vincula esa modificación do alimento coa prevención de enfermidades, posto que a actual lexislación prohibe atribuírlles propiedades preventivas, terapéuticas ou curativas dunha enfermidade humana aos alimentos.

Neste sentido, durante a enquisa comprobouse que hai consumidores que se senten confusos en relación cos alimentos funcionais. Aínda que o 49 % asegura que ten unha boa opinión (especialmente as mulleres e as persoas de entre 25 e 44 anos), outro 43 % ten dúbidas e non sabe que pensar. Só a un 8 % non lle gusta.

Presentes nos fogares

A pesar de todo, é un feito que compramos alimentos funcionais e que están presentes nos nosos frigoríficos e andeis. Un de cada tres entrevistados asegura que adquire este tipo de produtos habitualmente (outro 33 % apunta que o fai ás veces). O perfil do comprador deste tipo de produtos son as mulleres, os usuarios de 25 a 44 anos, os enquisados procedentes de Navarra e aqueles con algunha doenza.

Con todo, tamén hai a quen non llo expuxeron nunca. Un 34 % dos enquisados por EROSKI CONSUMER nunca comprou alimentos funcionais. Son en maior proporción os homes, os entrevistados maiores de 65 anos, os orixinarios de Galicia e quen non sofre ningunha doenza.

E que tipo de produtos funcionais adquiren? Xeralmente iogures, leite, cereais, galletas, barriñas ou aperitivos e pan. Elíxenos basicamente por dúas funcións principais: son baixos en graxa e están enriquecidos en fibra. Tamén optan polos probióticos e enriquecidos con calcio e omega 3. O lugar onde os adquiren é principalmente o supermercado, así o asegura o 82 % dos enquisados. Outro 37 % menciona o hipermercado.

A etiqueta

Se a etiqueta é unha ferramenta indispensable para o consumidor, a dos alimentos funcionais éo con máis razón. E máis se cabe cando o 43 % dos consumidores enquisados se sente confuso respecto deles e non sabe que pensar.

Con todo, só o 41 % asegura que sempre le a etiquetaxe dos alimentos funcionais que compra. En maior medida son os homes, os consumidores de entre 25 e 44 anos, os procedentes da Comunidade Valenciana e aqueles con estudos universitarios e posgraos. Con todo, o resto só o fai ás veces ou nunca. Estes últimos supoñen un 29 % do total de persoas entrevistadas.

Entre as persoas que din ler a etiquetaxe, o 80 % fíxase nas datas de caducidade, un 57 % na lista de ingredientes, o 39 % na información nutricional, o 14 % nos beneficios do alimento e o 11 % nas recomendacións de consumo e na procedencia.

A publicidade e a etiquetaxe dos alimentos funcionais están reguladas pola Unión Europea, quen establece as regras que deberá cumprir a industria alimentaria para poder afirmar que un alimento contén determinadas propiedades saudables (o que se coñece como “alegación”). E é que para iso son necesarias probas científicas aceptadas. A actual lexislación prohibe atribuírlles propiedades preventivas, terapéuticas ou curativas dunha enfermidade humana aos alimentos. En ningún caso se alentará o consumo excesivo dun determinado alimento, nin se suxerirá que a dieta equilibrada e variada non pode proporcionar cantidades adecuadas de nutrientes en xeral.

A pesar de todo, o 73 % dos enquisados considera que a etiquetaxe dos alimentos funcionais é o suficientemente claro. Pero o 27 % é máis crítico e apunta a unha falta de información e a unha letra excesivamente clara e con demasiadas palabras técnicas, e esixen unha maior claridade e orde nas explicacións.

Sen trampas nin enganos

O Goberno vasco e a Fundación Vasca para a Seguridade Agroalimentaria préstanlles especial atención ás declaracións nutricionais e de propiedades saudables dos alimentos funcionais.

Principios xerais para todas as declaracións:

  • Non deberán ser falsas, ambiguas ou enganosas.
  • Non deberán dar lugar a dúbidas sobre a seguridade e a adecuación nutricional doutros alimentos.
  • Non deberán alentar o consumo excesivo dun alimento.
  • Non deberán afirmar, suxerir ou dar entender que unha dieta variada e equilibrada é insuficiente para achegar as cantidades adecuadas de nutrientes.
  • Non deberán referirse a cambios nas funcións corporais que poidan xerar alarma ou medo no consumidor.
  • Non deben ser incoherente cos principios de nutrición e saúde xeralmente aceptados, fomentar o consumo excesivo de calquera alimento ou desacreditar as boas practicas dietéticas.

Só se autorizará a declaración cando:

  • Se demostre cientificamente un efecto beneficioso derivado da presenza, ausencia ou contido reducido da substancia sobre a que se fai a declaración.
  • A substancia obxecto de declaración está presente nunha cantidade significativa para producir o efecto beneficioso.
  • A substancia obxecto da declaración está ausente ou reducida nunha cantidade suficiente para xustificar o efecto beneficioso.
  • A substancia obxecto de declaración se atopa nunha cantidade asimilable polo organismo.
  • A cantidade de produto que razoablemente poida consumirse achega a cantidade necesaria (do compoñente obxecto da declaración) para producir o efecto beneficioso.
  • O consumidor medio pode entender a declaración.
  • A declaración fai referencia aos alimentos listos para o seu consumo.

Restricións ao uso de declaracións e exencións:

  • Non se poderán facer declaracións en todos os produtos alimenticios. O regulamento prohibe explicitamente o seu uso nalgúns alimentos e establece condicións noutros.
  • Nas bebidas que posúan unha gradación alcohólica superior ao 1,2 % en volume non se poderán facer declaracións de propiedades saudables.
  • Non se permiten alusións ao ritmo ou á magnitude da perda de peso.
  • Non se autorizarán declaracións que suxiran que a saúde pode verse afectada se non se consome o alimento para o que se fai a declaración.
  • Non se autorizarán declaracións nas que se faga referencia a recomendacións de médicos individuais ou outros profesionais da saúde.
  • Só se poderán facer declaracións de propiedades saudables en alimentos ou categorías de alimentos que cumpran un determinado perfil nutricional.

Cando os tomamos? Confiamos neles?

Para atoparse mellor

É un feito que a demanda dos alimentos funcionais é alta e crece continuamente, xa sexa porque asistimos a un abandono dos hábitos alimentarios saudables e necesitamos equilibrar a nosa dieta cos nutrientes necesarios ou porque percibimos os alimentos como “medicamentos milagrosos”.

Durante a enquisa, EROSKI CONSUMER comprobou que un 55 % dos entrevistados os toman diariamente, outro 26 % semanalmente, un 5 % mensualmente e outro 14 % con menor frecuencia. Por comunidades autónomas, é na de Valencia onde se toman máis asiduamente.

Cando os consomen, todos eles buscan basicamente mellorar as defensas do organismo, reducir o colesterol, adelgazar ou manter o peso e mellorar o tránsito intestinal e a saúde dos ósos. Por sorte, nove de cada dez engade que os alimentos funcionais que toman son un complemento da súa dieta e só un 8 % di substituír algún alimento ou comida do día con eles.

Confianza, a xusta

Do total das persoas que coñecen os alimentos funcionais (aínda que non os compren nin os consuman), un 48 % asegura que confía o xusto nos seus beneficios e, outro 18 %, pouco ou nada. Nunha escala onde 1 é nada e 5 moito, concédenlle unha puntuación media de 3,2 puntos. Os máis desconfiados son os homes, os maiores de 45 anos, aqueles cunha educación secundaria postobligatoria ou formación profesional e os procedentes do País Vasco.

Ademais, o 97 % non cre que este tipo de alimentos sexan curativos por si sós, senón un complemento a unha dieta variada e equilibrada. É máis, o 64 % tan só os considera un capricho.

Neste sentido, un 32 % engade que coa información que se dispón sobre os alimentos funcionais hoxe en día non é suficiente. Esixen mellores explicacións e maior transparencia e veracidade.

A pesar de todo, o futuro prevese proveitoso para o mercado dos alimentos funcionais, xa que o 90 % dos consumidores consultados asegura que seguirá tomándoos.