Produtos financeiros para maiores

Alfombra vermella para os clientes bancarios xubilados

A escasa mobilidade dos seus aforros e mais o alto grao de fidelidade de xubilados e pensionistas atrae os bancos e as caixas, que deseñan produtos específicos para eles
1 Outubro de 2008

Alfombra vermella para os clientes bancarios xubilados

Recibos impagos, vivendas embargadas e unha crecente lista de morosos son algunhas das razóns de que, en períodos de crise como o actual, moitas entidades bancarias se afasten dos obxectivos económicos fixados. A maioría víronse obrigadas a revisar as súas estratexias e a buscar novos horizontes de negocio, nos que encaixan como unha luva os clientes maiores de 60 anos. Malia o seu baixo nivel medio de ingresos, a forte tendencia ao aforro dos maiores españois -o 47% declara que reserva parte dos seus ingresos a gastos futuros- convérteos nun grupo moi atractivo para bancos e caixas de aforro. É por iso que os maiores de 65 anos son, nestes momentos, os mellores clientes para as entidades financeiras, xa que carecen de cargas hipotecarias, dispoñen de aforros e son fieis. Se a isto se lle engade que no primeiro cuarto deste século España será o país coa poboación máis avellentada do planeta, cun 43% de poboación en idade de xubilación, este sector da sociedade converteuse nun novo filón.

Bancos e caixas xa lles ofrecen produtos específicos aos xubilados. Bautizados como Club dos 60, Círculo Pensión, Súper 55, Club Idade de Ouro ou Xente Vital, todos os produtos destinados a captaren a atención dos clientes de máis idade buscan a domiciliación da correspondente pensión, ofrecendo a cambio anticipos a conta, tarxetas gratuítas ou empréstitos, aderezados con xogos de louza, servizos de mesa, cámaras de fotos ou vídeo, viaxes, entradas para espectáculos, etc. As entidades bancarias son moi conscientes de que os elementos máis valorados polos pensionistas dunha entidade financeira son a proximidade, o trato familiar, a sinxeleza e a comodidade, amais de poderen dispor dos cartos da pensión antes do día 1 de cada mes, o día de pagamento para os vellos.

Agora ben, aínda que bancos, aseguradoras, empresas intermediarias e caixas de aforro pelexan por acadaren o maior número de xubilados, son estas últimas as que, segundo os datos de TNS Finance, dominan a carteira de clientes maduros. De feito, traballan co 85% das persoas maiores e son a entidade principal para o 70% deles. A banca online e a telefónica tamén gañaron adeptos de idade avanzada, e un 4% deles xa opera con estas entidades. Segundo a mesma fonte, as principais entidades financeiras coas que traballan os xubilados e pensionistas españois son La Caixa e o BBVA, nun 19% dos casos. O Santander traballa co 14% dos maiores, Caixa Madrid co 11% e Caixa Rural co 10%.

Obxectivo: fidelizar o cliente

Nun mercado en continuo movemento, caixas e bancos ofrecen distintos incentivos para captaren a atención dos máis de sete millóns e medio de potenciais clientes maiores de 65 anos. Un xeito de aseguraren a súa fidelidade é ofrecer regalos, descontos en viaxes e seguros asociados á titularidade dunha conta-pensión ou dunha tarxeta financeira, tendo en conta que os hábitos de vida mudaron tamén para os máis maiores. Os xubilados do novo século desexan seguir vivindo nas súas casas, pero, iso si, seguros e con comodidades, gastar os cartos que tanto lles custou aforrar e gozar do seu tempo libre viaxando. O IV Estudo Internacional sobre Xubilación do grupo Axa destaca que os españois son os cidadáns que en maior medida pensan usar os cartos da súa xubilación para o seu goce persoal (79%), mentres que as enquisas realizadas polo Deutsche Bank para o seu estudo “Estilos de Vida e Necesidades na Xubilación” retratan un xubilado que gasta unha media de 1.058 euros ao ano en viaxes, 526 euros en saúde e beleza e 383 euros anuais en afeccións e outras actividades.

Contas personalizadas

A pesar dos nomes máis ou menos sonoros cos que as entidades financeiras dan a coñecer os produtos específicos para as persoas maiores, todas as versións e adornos “agachan” a fórmula de aforro clásica: a cartilla de aforro.

Os clientes da Caixa Vital Kutxa maiores de 55 anos con pensión domiciliada na devandita entidade conforman o club Xente Vital e poden gozar, entre outras vantaxes, do cobramento da súa pensión da Seguridade Social o día 25 de cada mes. Ademais, tanto a súa cartilla de aforro como as xestións referentes a esta están exentas de cargas e comisións. Os titulares do Club Estrella de La Caixa gozan de similares vantaxes.

O BS Senior do Banco Sabadell Atlántico inclúe na súa oferta un empréstito de ata 10 veces o importe da pensión en condicións preferentes, un seguro de accidentes gratuíto que lle garante un capital de 6.000 euros en caso de morte por accidente, e un seguro de protección fogar con desconto dun 10% o primeiro ano. Unicaja, a través do Club Seis, ofrécelles aos seus clientes ata tres anticipos de pensión ao ano, cun prazo de devolución, cada un, de tres meses sen xuros, pero logo do pagamento, iso si, dun 1% en concepto de comisión de apertura. Os titulares deste club tamén poden contratar un Depósito Crecente dende 6.000 euros, durante tres anos, cun xuro do 4,25% o primeiro ano, e do 4,5% e 5,00% o segundo e o terceiro, respectivamente. A Libreta Súper 55 da Caixa Laboral ofrece as características propias dunha cartilla de aforro: domiciliacións de nómina, pensión, recibos, formalización de cobramentos e pagamentos, disposición de efectivo, etc. pero sen comisións.

O Servizo Pensión de Caixa Madrid fai promoción dun anticipo de ata o 75% do equivalente a tres mensualidades da pensión (cun máximo de 1.500 euros), se se está a xestionar a mesma, sen comisións e cun prazo de amortización de catro meses. Ademais, posibilita o acceso a un Crédito Sénior de ata seis mensualidades por un importe máximo de ata 6.000 euros. En Ibercaja o anticipo de pensión ten un límite máximo de 450,76 euros, algo menos, 300 euros, se se trata do primeiro pagamento da pensión.

Tarxetas... con premio?

As prestacións das tarxetas deseñadas para os titulares pensionistas son as mesmas ca as ofrecidas por calquera outra tarxeta de crédito ou de débito: obter cartos en efectivo, realizar operacións en caixeiros automáticos e pagar compras en establecementos. A única vantaxe radica en que algunhas están exentas de comisións, iso si, só o primeiro ano. Unha gratuidade que, en moitos casos, está suxeita a que o cliente realice unha facturación anual de entre 300 e 400 euros. A Tarxeta Club Estrella de La Caixa é unha das que establece como condición un gasto mínimo anual (300 euros) para poder dispor dos seus servizos de xeito gratuíto. No caso da tarxeta Bancaja Compras, só despois de realizar polo menos 12 compras ao ano se pode utilizar sen pagar a cota anual correspondente. Pola súa banda, aos clientes sénior do Banco Popular esíxeselles manter domiciliada a pensión e tres recibos de subministracións en bancopopular-e.com para obter a renovación gratuíta da súa tarxeta 4B Master Card.

Outras entidades ofrécenlles servizos aos titulares das súas tarxetas que van máis alá da mera obtención de diñeiro e información nos caixeiros. Así, a Tarxeta Club Estrella de La Caixa, a tarxeta Visa Electrón de Ibercaja e a Tarxeta Club dos 60+Dorada de RENFE de Caja Círculo, xunto cos servizos propios dunha tarxeta de crédito, ofrecen descontos de ata o 40% en billetes de tren. Con outras tarxetas, como a Mastercard bbk55 da BBK, a Tarxeta dourada da Kutxa e a Tarxeta TeleCaja Xente Vital da Vital Kutxa existe a posibilidade de gozar de descontos en viaxes e estancias termais organizados en exclusiva para os seus titulares.

O Servizo dourado de Kutxa, ofrécelles, ademais, o servizo de Teleasistencia Domiciliaria a todos os seus clientes, para que ante un imprevisto, unha emerxencia ou unha necesidade de axuda no seu domicilio, poidan contactar decontado con profesionais que poidan axudalos a resolvelos, simplemente premendo un botón, a calquera hora do día ou da noite, todos os días do ano. Os titulares da Libreta Súper 55 de Caixa Laboral dispoñen de asistencia legal gratuíta, e de gratuidade nos traslados dun profesional cualificado en caso de avaría no fogar. Ademais, en determinadas emerxencias de fontanería, electricidade ou ferraxería, as tres primeiras horas de man de obra están exentas de pagamento.

Hipoteca inversa

Alfombra vermella para un potencial cliente xubilado fronte ao “volva vostede outro día” ou “síntoo, pero á súa idade non lle podemos conceder un empréstitos”. En apenas 15 anos, o rexeitamento inicial transformouse nun indisimulado interese das entidades bancarias ante a solicitude dun crédito por parte dun pensionista. As razóns son múltiples: afrontar unhas necesidades asistenciais crecentes que, en moitos casos, non poden ser atendidas polos seus familiares nin polos servizos sociais, axudar os fillos no pagamento das súas letras ou, simplemente, o desexo de gozar viaxando e sen sufrir apuros os últimos anos das súas vidas. O que quedou claro co paso dos anos e coa actual crise económica é que a idade dos clientes parece non ser óbice para que bancos e caixas abran a arca dos empréstitos.

O produto estrela dos últimos anos é a hipoteca inversa, aínda que nestes momentos de crise brille menos. A razón é que ante a caída dos prezos da vivenda, este produto perdeu interese. As taxacións á baixa equivalen a que a renda do pensionista titular do piso sexa menor. Está dirixido a ese 92% dos máis de 7,5 millóns de persoas maiores de 65 anos de España que conta cunha vivenda en propiedade. Ao contratar unha hipoteca inversa, o propietario hipoteca por un máximo dun 80% o valor da súa casa a un prazo máximo equivalente á esperanza de vida do cliente. Á renda que obtén hai que lle restar o pagamento dos xuros do crédito, e o prestamista percibe ingresos mensuais durante o tempo que lle reste de vida. A vantaxe é que o titular pode continuar vivindo na súa casa se así o desexa porque con esta modalidade de hipoteca non se perde nin a propiedade nin o uso da vivenda.

Ademais, se o prefiren, poden obter uns ingresos que lles permitan pagar unha residencia da terceira idade, sen a necesidade de renunciar á propiedade da súa casa. Non obstante, o elevado custo da hipoteca inversa -xuros elevados e desembolsos considerables en comisións, impostos e seguros- representa un gran freo para os seus potenciais clientes. Estes gastos concrétanse en comisións, gastos de notaría, taxación e seguro de renda vitalicia. O Imposto de Actos Xurídicos Documentados por transmisión de vivenda tamén figuraba na lista de gastos, aínda que a entrada en vigor da nova Lei de regulación do mercado hipotecario do 7 de decembro do 2007 exime desta taxa aos contratantes deste produto, co que reduce notablemente os aranceis notariais e rexistrais para subscribir estas hipotecas.

Empréstitos persoais

No tocante aos empréstitos persoais a oferta é cada vez máis ampla, pero cuns prazos de amortización curtos dada a idade dos seus solicitantes. Bancaja, por exemplo, ofrece un Empréstito Pensión a devolver ata en 7 anos coa condición de que a duración da operación máis a idade do solicitante non superen a idade de 75 anos. O Crédito Sénior Caja Madrid ofrece un crédito de ata 6.000 euros, cun prazo de amortización de 3 anos. A mesma entidade ofrécelles aos seus clientes un empréstito consumo sen xuros cun importe de financiamento de entre 1.000 e 10.000 euros, pero cun prazo de amortización dun máximo de 6 meses.

O Empréstito Club Estrella de La Caixa tampouco está penalizado con xuros, e o seu prazo de amortización chega a catro anos. Pola súa banda, Unicaja establece para o seu Crédito Club Seis un tipo de xuro fixo do 7,45%, cunha comisión de apertura do 0,5%, para un importe máximo de 30.000 euros e cun prazo de amortización de cinco anos. O prazo de amortización (10 anos) máis longo dos consultados ofréceo o Empréstito dourado de Kutxa. Á hora de contratar un CrediHogar Súper 55, en Caixa Laboral os titulares da Libreta Súper 55 dispoñen dun financiamento (dende 3.000 ata 20.000 euros) para as reformas do fogar, con vantaxes engadidas como un desconto do 30% durante o primeiro ano no seguro de fogar, sempre que se contrate na mesma entidade.