Estudo documental sobre as enfermidades alérxicas

Alerxias, un sistema inmunitario con defectos

Preto do 40 % da poboación mundial sofre algunha enfermidade alérxica e gran parte é xente moza
1 Abril de 2018
Img tema de portada listado 263

Alerxias, un sistema inmunitario con defectos

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), as enfermidades alérxicas están entre as 6 patoloxías máis frecuentes, ao que a Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica, Alergoloxía e Asma Pediátrica (SEICAP) engade que unha cuarta parte das persoas dos países desenvolvidos sofren algunha. E os expertos destacan o aumento na prevalencia das alerxias nos últimos 20 e 30 anos.

A Asociación Española de Persoas con Alerxia a Alimentos e Látex (AEPNAA) define as alerxias como reaccións ou respostas alteradas do organismo ante unha substancia ou alérxeno por si mesma inofensiva. E por que ocorren as alerxias? Por un defecto do sistema inmunitario. O sistema inmunolóxico das persoas alérxicas crea mecanismos de defensa que se volven daniños e velaí está o defecto.

Estas enfermidades alérxicas inclúen asma, rinite, anafilaxia, alerxia a drogas, alimentos e insectos, eccema, urticaria e anxioedema. Os síntomas, do mesmo xeito que as alerxias, son moi diversos, tal e como explica SEICAP, e poden ser moi intensos e evidentes ou pasar desapercibidos e apenas causar molestias. Pero sobre todo xeran moita confusión. E é que o único tratamento posible é evitar a inxestión e o contacto co axente causante da alerxia. Pero e se se descoñece? Todo son dúbidas.

Por este motivo, EROSKI CONSUMER quixo coñecer máis de preto as enfermidades alérxicas. Para iso, utilizou como fontes a SEICAP e a AEPNAA, así como a OMS e a Organización Mundial da Alerxia (WAO, nas súas siglas en inglés), entre outras fontes.

Datos

Problema mundial de saúde pública

As enfermidades alérxicas son un problema de saúde pública. Así o asegura a WAO no seu Libro branco sobre a alerxia. E é que, ademais de constatar un aumento constante na prevalencia deste tipo de doenzas no eido mundial con entre un 30 % e un 40 % da poboación do mundo afectada por unha ou máis enfermidades alérxicas, gran parte destes casos son individuos novos. Por este motivo, a organización internacional vaticina que, cando esta poboación nova chegue á idade adulta, aumentará máis a carga de enfermidades alérxicas.

Así mesmo, existe outra variable que provoca estes incrementos nas enfermidades alérxicas. Para a WAO, os problemas alérxicos seguirán en aumento conforme aumente a contaminación atmosférica e a temperatura ambiente e asegura que “estes cambios ambientais afectarán os recontos de pole, a presenza de insectos e a presenza de fungos asociados ás enfermidades alérxicas”.

Neste sentido, a SEICAP explica que se descoñece exactamente por que aumentaron os casos de enfermidades alérxicas e afirma que “a alerxia depende da xenética e do ambiente. A carga xenética non pode cambiar en só 20 ou 30 anos, así que as razóns deben ser ambientais”. Engade que existen diversas teorías sobre a acción da alimentación, as infeccións, a contaminación etc. e asevera que “a alerxia é máis frecuente nos países desenvolvidos ca nos non desenvolvidos, de modo que se lle bota a culpa a un modo de vida occidental”.

Datos en España

En España, os datos sobre a prevalencia de enfermidades alérxicas recóllense no último “Informe alergolóxico 2015” elaborado pola SEAIC. Así, tres de cada cinco (62 %) motivos de primeira consulta ao alergólogo débense a síntomas relacionados coa rinoconxuntivite. A segunda razón é a asma (23 %), a terceira a hipersensibilidade aos medicamentos (18 %) e a cuarta a alerxia aos alimentos (10 %).

Con respecto a hai 10 anos, cando se realizou o primeiro estudo deste tipo, aumentaron especialmente as consultas por rinite (do 55 % ao 62 %) e as de alerxia a alimentos (do 7 % ao 10 %). Pola contra, reducíronse as consultas por asma (do 28 % ao 23 %).

Ademais, grazas á investigación percibiuse un incremento na sensibilización ao pole das gramíneas, da oliveira e ao ciprés de Arizona. E, entre os alimentos, chama a atención o incremento da sensibilización aos froitos secos, tanto nos nenos coma nos adultos.

Orixe e épocas

O desencadeamento

A SEICAP explica que as persoas desenvolven alerxia contra aquelas substancias coas que teñen contacto. É necesario polo menos un primeiro contacto co alérxeno para ser unha persoa alérxica e, para presentar síntomas, necesítase máis dun.

Así pois, tal e como explica a médico especialista en Alergoloxía María Luisa Baeza Ochoa de Ocáriz no Libro das enfermidades alérxicas da Fundación BBVA, podemos converternos en alérxicos a moitas cousas que nos rodean, tan só fai falta que o noso organismo as recoñeza como estrañas. “Os alérxenos son moléculas capaces de estimular o noso sistema inmunitario para que xere uns anticorpos especiais (IGE). Unha vez que se formaron estes anticorpos, o alérxeno, nun novo contacto co organismo, unirase aos anticorpos e ambos iniciarán a reacción alérxica. Por tanto, unha substancia é un alérxeno en función da resposta que o noso organismo desenvolva contra el”, explica Baeza.

Non só na primavera

Aínda que consideramos a primavera como a tempada das alerxias, esta época estival non é a única na que poden observarse ou percibirse máis reaccións alérxicas. Segundo a SEICAP, todo depende do alérxeno que motive esa reacción: “Algúns aparecen en calquera momento, como un alimento que se toma nunha determinada ocasión. Outros están presentes todo o ano por igual, coma os animais na casa. Outros están todo o ano, con subidas e baixadas, coma os ácaros, que aumentan no outono e na primavera. Outros aparecen nunha soa época do ano, coma o pole dalgunhas plantas, que aparece na primavera”, explican.

De feito, neste sentido, os expertos da organización explican que o pole non só aparece na primavera. Así, en función do tipo de planta e do clima da zona, aparecerá pole en dúas épocas distintas do ano (o ciprés na primavera e no outono), en épocas pouco habituais (Mercurialis no inverno), en varias estacións (gramíneas na primavera, no verán e no outono) ou todo o ano (Parietaria).

Porén, a parte positiva de que existan alérxenos que aparezan en épocas moi concretas do ano é que permiten identificar a enfermidade alérxica dunha maneira máis sinxela.

Alérxenos descoñecidos

Pero que ocorre se non se identifica o axente que causa a alerxia? As alerxias máis habituais provócanas o pole, as herbas e as plantas, os ácaros do po, os alimentos, os animais, as picaduras de determinados insectos ou determinados metais.

Con todo, existen outros desencadeamentos moito máis raros e complicados de identificar. De feito, os autores do Libro das enfermidades alérxicas da Fundación do BBVA falan na súa introdución da existencia dun descoñecemento das enfermidades alérxicas e tamén da falta dun diagnóstico e dun tratamento adecuados. Aseguran que iso conduce a unha clara diminución da calidade de vida relacionada coa saúde, ao aumento das complicacións e mesmo á mortalidade. Por todo iso, instan o persoal sanitario e as institucións, públicas ou privadas, para que profunden no coñecemento deste tipo de enfermidades e difundilo.

Nenos e alerxias: protocolos de actuación e educación

Importancia da educación

A educación é fundamental en materia de alerxias e síntomas. Para identificar as enfermidades alérxicas máis comúns hai que reparar nos síntomas. Os especialistas lembran que, segundo a súa gravidade, se producen distintos niveis de reacción alérxica. Se é baixa, a reacción inclúe síntomas que afectan unha área específica do corpo. Por exemplo, un eccema cutáneo ou auga no nariz.

No caso de que a reacción sexa media, os síntomas poden afectar a outras partes do organismo, como dificultade na respiración. E, por último, se a reacción alérxica é alta, prodúcese o que se coñece como choque anafiláctico. Este síntoma é moi perigoso, xa que en cuestión de minutos poden aparecer mareos, vómitos, cambras, diarrea e gran dificultade na respiración. De aí a importancia de identificar o alérxeno e de educar o neno para que o evite.

Alerxias nos nenos: protocolo no colexio

As alerxias poden aparecer a calquera idade, aínda que é máis frecuente entre nenos e adolescentes. Estímase que un terzo da poboación infantil sofre algunha enfermidade alérxica. Nenos e mozos pasan gran parte do seu tempo no colexio, onde tamén é fundamental dispoñer dun protocolo de actuación. A SEICAP propón o seguinte decálogo:

  1. Designar unha persoa responsable da organización xeral da atención ao neno con reaccións alérxicas ou asmáticas severas. Esta persoa debe asegurarse de que o pequeno en risco estea ben identificado por todo o persoal do colexio.
  2. Estar en posesión do informe do diagnóstico e do tratamento que elaborase o especialista pediátrico. Os pais deben facilitarlle unha copia ao persoal da escola.
  3. O responsable designará varias persoas que saiban como actuar ante a reacción dun neno concreto.
  4. O persoal escolar debe recibir formación por parte dun profesional sanitario sobre como se poden evitar os alérxenos e sobre o recoñecemento e o tratamento de urxencia ante unha reacción alérxica.
  5. O responsable debe custodiar a medicación de urxencia nun lugar seguro, pero accesible, en caso de que se produza unha urxencia.
  6. O responsable deberá saber administrar a medicación de urxencia no caso de que non poida haber atrasos.
  7. Os responsables deben coñecer os circuítos de atención médica urxente e de aviso a pais ou titores.
  8. O persoal de cociña e os monitores do comedor deben estar ben informados acerca das alerxias alimentarias que poidan ter os alumnos.
  9. O persoal do colexio debe tomar precaucións en todas as zonas da escola -aulas, patios, ximnasios, campos de deporte, laboratorios, talleres, autobuses etc.-, pero tamén en todas aquelas actividades realizadas fóra do colexio, como excursións ou viaxes.
  10. O persoal do colexio debe ter inmunidade fronte a acusacións xudiciais polas consecuencias de administrar a medicación de urxencia ou rescate.