Adopción internacional

A opción máis factible para adoptar un neno hoxe
1 Marzo de 2001

En 1999 realizáronse en España un total de 2.912 adopcións, das cales 2.006 foron internacionais e 906 nacionais. A baixa taxa de natalidade, o aumento do acollemento familiar (o Estado asume a tutela dun menor temporalmente e unha familia acólleo) e a reducción do
número de menores en situación de desamparo explican que a cifra de adopcións internacionais dobre a de nacionais, e que aumentasen espectacularmente as solicitudes do primeiro tipo de adopción.

Adopción internacional

Pero a figura da adopción non se creou para solucionar problemas de infertilidade ou doutra índole que sofre unha parella ou unha persoa solteira, senón para dar solución, protección e calidade de vida a nenos desamparados pola súa familia ou que malviven nos centros de acollida de países do Terceiro Mundo ou da Europa Oriental. A adopción é un dereito do neno, e non de quen desexa formar ou aumentar unha familia, algo que esquecemos con demasiada facilidade.

Internet tamén irrompeu no mundo da adopción, sum aacute;ndose ós tradicionais organismos oficiais e ás entidades mediadoras ou ECAI (autorizadas polas comunidades autónomas). Ser pais a través da Rede resulta máis caro ca cunha ECAI (ata catro millóns de pesetas fronte ó millón de pesetas dunha entidade mediadora), aínda que ofrece a posibilidade, á marxe dos xuízos morais que poida suscitar, de poder elixi-lo neno, xa que na Rede se publican fotos e breves historiais dos pequenos que buscan familia.

No tocante ó proceso de adopción, optar pola vía internacional para ser pais resulta unha alternativa complicada, xa que implica enfrontarse inevitablemente á complexa e case sempre lenta burocracia de dous países. Por iso, os organismos oficiais derivan as solicitudes de adopción internacional ás ECAI, e serán estas as que orienten ós adoptantes. Ademais, dependendo do país elixido para a adopción, varían substancialmente os trámites que cómpre seguir e a axuda de expertos, a xeito de axencias de adopción, tórnase imprescindible.

¿Que son as entidades mediadoras?

Son Entidades Colaboradoras de Adopción Internacional (ECAI), sen ánimo de lucro e autorizadas polas comunidades autónomas para canalizaren o proceso de adopción. As súas funcións consisten en informar ós interesados e en intervir na tramitación dos expedientes ante as autoridades competentes, tanto do país de orixe coma do estado de recepción. Ademais, recollen documentación e tradúcena, asesoran e apoian ós solicitantes de adopción nas xestións que hai que realizar en España e no estranxeiro e, para rematar, contactan con entidades semellantes no país de recepción. As ECAI non son gratuítas. As súas tarifas (desde case un millón de pesetas ata os dous millóns de pesetas, segundo o país do menor) están a disposición do público e deben ser aprobadas oficialmente.

¿Cales son as normas aplicables á adopción internacional?

Depende de se a adopción se realiza nun país que sexa parte ou non do Convenio da Haia de 1993 sobre protección do neno e cooperación en materia de adopción internacional. Este Convenio pretende evita-lo tráfico de nenos e asegura-la idoneidade dos pais e do fillo adoptivos.

¿Que países son membros do Convenio da Haia?

España, México, Romanía, Sri Lanka, Chipre, Polonia, Ecuador, Perú, Costa Rica, Burkina Faso, Filipinas, Canadá, Venezuela, Finlandia, Suecia, Dinamarca, Noruega, Andorra, Holanda, Francia, Colombia, Australia, Moldavia, Lituania, Paraguai e Nova Zelandia.

Se se pretende adoptar un neno destes países, ¿que pasos é preciso seguir?

Os adoptantes deben dirixirse ó órgano competente (de asuntos sociais ou protección do menor) da comunidade autónoma da súa residencia, para obter información e presenta-la solicitude de adopción internacional. É preciso te-las ideas claras en relación ó sexo, idade, saúde, país de orixe do neno, se se adoptaría ou non a varios irmáns, etc. Unha vez presentada a solicitude, directamente ou a través dunha entidade mediadora, a entidade pública debe emitir un certificado de idoneidade para ser adoptante.

¿Que é o certificado de idoneidade?

É un documento que acredita a idoneidade dos adoptantes para exerce-la patria potestade. Valóranse as motivacións para elixir un neno estranxeiro, as opinións dos adoptantes sobre a cultura do país de orixe, se se aceptan os riscos de problemas psíquicos ou físicos dos nenos internos en institucións, etc. Para obtelo é preciso un informe dun equipo psicosocial. Dependendo da comunidade autónoma, hai tres sistemas para obtelo: a través dun equipo de funcionarios (lento, pero gratuíto), mediante unha entidade privada acreditada (custa entre 120.000 e 200.000 pesetas) e recorrendo ó Colexio Oficial de Psicólogos e Traballadores Sociais (tamén entre 120.000 e 200.000 pesetas).

¿E se se opta por países que non asinaron o Convenio da Haia?

Segue sendo conveniente que os interesados se dirixan en España ó órgano competente da súa comunidade autónoma, porque o certificado de idoneidade expedido por esta é imprescindible.

  • Se se adopta en Senegal, Venezuela, China, Estado mexicano de Oaxaca, Estado mexicano de San Luís de Potosí, Nepal ou Vietnam, a adopción é equiparable á española.
  • Noutros países (Marrocos, Paraguai, Salvador, República Dominicana, Guatemala, México Distrito Federal e Estado de Veracruz) hai o que se coñece como adopción simple (non plena). Non hai acordos con eses países en materia de adopción, polo que é preciso valida-la adopción en España, para que sexa plena, mediante o correspondente proceso xurídico.

¿Que documentación hai que preparar?

Depende do país, pero xeralmente será a seguinte:

  • fotocopia compulsada ante notario do D.N.I. ou pasaporte
  • documentos acreditativos de ingresos económicos e da propiedade da vivenda
  • certificados médicos
  • compromiso persoal de seguimento
  • permiso do Ministerio do Interior
  • certificados de antecedentes penais
  • nalgúns países esíxese estar casado e varios anos de matrimonio

¿Como continúa a tramitación unha vez declarado idóneo o adoptante?

En moitos casos é obrigatorio asistir a un curso de formación de pais adoptivos. Paralelamente, instrúese un expediente cos datos dos solicitantes e envíase á autoridade do Estado de orixe do menor. Alí, inícianse dilixencias semellantes para o neno, nun documento no que constan as súas circunstancias persoais, familiares, estado de saúde, educación, orixe étnica, relixiosa e cultural. De acordo cos dous expedientes, a autoridade do país do pequeno remite un informe completo sobre o menor á autoridade española, acreditando que dispón dos consentimentos requiridos e sen revela-la identidade dos pais biolóxicos. Seleccionados ou preasignados así familia e neno, a adopción xa pode constituírse se os adoptantes aceptan o menor proposto, sempre que conste o consentimento dos pais do menor. En caso afirmativo, o Convenio da Haia esixe que o desprazamento do menor se realice con tódalas garantías, mellor xa na compañía dos pais adoptivos.

Custas e prazos

Amais das tarifas das ECAI, algúns países esixen o pagamento de extras. O Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais español dispón desta información. Dependendo do país do menor, o custo, sen incluír desprazamentos e extras, pode andar entre o millón e os dous millóns de pesetas. No tocante ós prazos do proceso unha vez aceptada a asignación de neno, o habitual é que no país do menor se celebre un xuízo ou que recaia unha resolución administrativa concedéndoa. Os adoptantes deberán viaxar alí antes do xuízo. A estancia pódese prolongar entre 15 e 90 días, pero estes prazos cada vez se alongan máis, debido ó incremento de solicitudes e á proliferación de ECAI. Un proceso adoptivo normal pode prolongarse entre un ano e ano e medio.

¿Hai que inscribir no Rexistro Civil a adopción, como se se tratase dun nacemento?

Si. Mentres os pais e o neno permanezan no país no que se constituíu a adopción, a inscrición pode solicitarse no Rexistro do Consulado español. Á volta a España, realízase a inscrición no Rexistro Central de Madrid (a petición pódese canalizar mediante o correspondente Rexistro Civil local). Deberase presenta-lo certificado da autoridade central do país do adoptado, que acreditará o cumprimento das regras do Convenio da Haia.

Pero, ¿se a adopción internacional é simple, por realizarse nun país que non é membro do Convenio da Haia, pódese inscribir no Rexistro Civil?

Neste caso e tras supera-los trámites de adopción internacional, haberá que iniciar un proceso xudicial en España para que esa adopción sexa considerada plena polas nosas autoridades (neste proceso aplicarase a lexislación española) e, posteriormente, procederase á inscrición no Rexistro Civil.

O Rexistro Civil é público, ¿calquera pode coñecer que o neno é adoptado?

Non. Na inscrición do Rexistro Civil só constarán como pais os adoptivos, sen mención ningunha ó carácter de “adoptivos” e en plena igualdade cos biolóxicos. Este dato só figurará noutra inscrición restrinxida do rexistro.

Constituída a adopción, ¿cales son os principais efectos?

  • Os fillos adoptivos posúen os mesmos dereitos cós de filiación por natureza.
  • O adoptado por unha soa persoa terá os mesmos apelidos e na mesma orde có adoptante. Exceptúase o caso no que un dos membros da parella adopte ó fillo do seu cónxuxe, aínda que este falecera.
  • Na orde sucesoria, o fillo adoptivo é herdeiro lexítimo dos pais adoptivos.
  • Extínguense tódolos vínculos respecto á familia biolóxica.
  • Impedimentos matrimoniais: non poden contraer matrimonio os parentes en liña recta por consanguinidade ou adopción (é dicir, liña ascendente e descendente). A adopción é irrevogable.