Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Telefonía fixa : A pesar da competencia, mantéñense as grandes diferencias nas tarifas

O monopolio de Telefónica, vixente durante máis de 70 anos, finalizou no 1998, cando se liberalizou a telefonía fixa e Retevisión e Uni2 comezaron a súa andaina como operadores de servicios telefónicos. Posteriormente, outras compañías sumáronse ó negocio das telecomunicacións e na actualidade son xa ó redor de 25 as empresas (sumando as do cable) que conforman o panorama telefónico do noso país.

Marcación indirecta vs. marcación directa

Considerando a diferencia de tarifas entre compañías e a conveniencia de cambiar de operador para beneficiarnos sempre do importe máis económico, o máis conveniente é contrata-los servicios de varias empresas e seleccionar unha ou outra dependendo do tipo de chamada e da franxa horaria. E aquí é onde a marcación indirecta ou directa entran en xogo. Se desexamos chamar a través dunha compañía (que non sexa Telefónica) para beneficiármonos das súas ofertas, debemos marca-lo prefixo que lle corresponda a dito operador, e de seguido o número do abonado con quen desexemos contactar.

Isto é a marcación indirecta. Pero podemos aforrar este paso (e ademais non corre-lo risco de esquecer marca-lo prefixo) e optar pola marcación directa ou preasignación, que non esixe que marquémo-lo prefixo da compañía elixida cada vez que realizamos unha chamada, xa que queda preseleccionada. Así, se contratámo-los servicios de varias compañías (moi aconsellable porque a gran maioría non cobra cota de conexión nin cota mensual, só os minutos falados) e nos decantamos por Sinpletel, por exemplo, para a marcación directa, poderemos utilizar outras empresas se son máis económicas en determinadas franxas horarias ou tipos de chamada. Para isto abondará con marca-lo prefixo da outra compañía para esa chamada concreta.

Trátase, pois, de que o usuario seleccione, en cada tipo de chamada, a empresa con tarifa máis económica. Activa-la marcación directa é sinxelo e sae gratis: chega con indicarllo á compañía que nos interesa. Excepto Movistar, dispoñen desta opción tódalas operadoras (aínda que, polo momento Airtel só a ofrece a empresas).

Outra novidade nalgunhas empresas foi a supresión do custo do establecemento de chamada que Telefónica tradicionalmente cobrou. Airtel, Aló, Movistar, BT e Retevisión tamén meten no peto unha cantidade (10 ou 15 pesetas) por este concepto, aínda que nas dúas últimas operadoras depende do plan contratado (algúns non incorporan custo por establecemento de chamada).

Fin do monopolio de Telefónica

Telefónica perdeu o 1 de xaneiro o monopolio dun dos seus principais negocios: as chamadas locais. Nesta data, venceu o prazo dado pola Comisión Europea para que os monopolios dos países membros tivesen dispoñibles as súas redes locais para seren utilizadas polo resto dos operadores. Así, Telefónica debe facilita-lo acceso ós seus competidores ó bucle local, o último tramo que une o domicilio do abonado coa central telefónica. A cambio, as operadoras que queiran ofrecer ós seus clientes chamadas locais pagarán un alugueiro, fixado polo Goberno, de 2.163 pesetas ó mes. Esta cantidade deberá rebaixarse a 2.100 pta en 2002 e a 2.050 en 2003. Coa fixación desta tarifa deuse un paso máis cara á liberalización das chamadas metropolitanas, que supoñen o 27% do total en España e un 65% do tráfico por minutos cursados, e que se mantiñan totalmente en mans de Telefónica.

Jazztel apurouse a ofrecer este tipo de chamadas, adiantándose ó prazo inicial de tres meses que se barallou para que o resto de operadoras ofrecesen un servicio integral.

Desde o 15 de xaneiro os clientes de Jazztel de Madrid e Barcelona poden realizar chamadas metropolitanas, mentres que os usuarios do resto do país deben esperar ata o 22 de xaneiro. Aínda que, aparentemente, as tarifas de Jazztel e Telefónica non se diferencian demasiado, Telefónica cobra 15 pesetas por establecemento de chamada, mentres que Jazztel non recibe ningunha cantidade por ese concepto. Ámbalas empresas cobran 11,4 pesetas (máis IVE) por unha chamada local (de fixo a fixo) de menos de 160 segundos, entre as 8 e as 18 horas. Despois, cada minuto adicional custa con Jazztel 3,8 pesetas e con Telefónica 4 pesetas (en ámbolos casos, máis IVE), pero á tarifa de Telefónica hai que sumarlle o establecemento de chamada.

As tarifas a partir das 18 ata as 8 horas e de fins de semana son tamén similares: 1,56 pesetas por minuto en Jazztel e 1,64 pesetas en Telefónica, en ámbolos casos máis IVE. O resto das compañías ofrecerá chamadas locais en marzo ou abril, a máis tardar.

Se todo ocorre conforme se prevé, tal como sucedeu noutros países, os competidores de Telefónica “tirarán” os prezos para captaren clientes.

Chamadas fixo-móbil, máis baratas

O pasado decembro, Telefónica Móviles anunciou a reducción nun 17% de media do prezo de terminación (a contraprestación que recibe dos outros operadores -a súa competencia- por usaren as súas infraestructuras) nas chamadas ós móbiles de Movistar e MoviLine. Esta medida repercutirá nun aforro significativo para o usuario que chame desde un fixo a un móbil de Telefónica, aínda que cabe esperar que o resto dos operadores rebaixen tamén as súas tarifas.

A reducción no prezo que Telefónica cobra ó resto dos operadores fixos cando mediante eles se realiza unha chamada de fixo a un móbil de Telefónica articularase en dúas fases, e permitirá que o prezo final para os usuarios diminúa nunha porcentaxe igual ou superior ó 13%. Espérase que o 30 de abril a rebaixa sexa efectiva.

Operadoras rexionais por cable

Trátase de compañías que ofrecen telecomunicacións por cable de fibra óptica (un fío de vidro, flexible e delgado, capaz de guiar un raio de luz), competindo rexionalmente con Telefónica. A fibra óptica permite ofrecer servicios de telecomunicacións de gran capacidade (telefonía fixa, Internet e televisión). Entre outras vantaxes do cable cómpre salientar unha maior capacidade de transporte de información, unha mellora da calidade de recepción e un proceso de transmisión de maior rapidez có de calquera sistema convencional. O mercado da telefonía fixa conta xa con 14 compañías que ofrecen telecomunicación por cable rexionalmente. A principal diferencia destes operadores cos tradicionais radica nas súas ofertas conxuntas que adoitan incluír prezos de saldo se se contrata un mix de servicios con telefonía-Internet-televisión. Ademais, son as únicas compañías que, coa excepción de Telefónica, dan, polo momento, servicio de chamada local. Ata a data, a lista de operadores rexionais de cable é a seguinte: Euskaltel (País Vasco), Retena (Navarra), ReteRioja (A Rioxa), Madritel (Madrid), Retecal (Castela e León), Supercable (Andalucía), Canarias Telecom (Canarias), Able (Aragón) ITC e Grupo-R (Galicia), Ono (Albacete, Cádiz, Palma de Mallorca, Murcia e Valencia), Torrent (Valencia), Telecable (Asturias) e Menta (Cataluña).

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións