Impresoras multifunción

A máis barata, unha das mellores

O prezo dos cartuchos de tinta e a súa duración determina a elección da impresora
1 Febreiro de 2007

A máis barata, unha das mellores

As impresoras de chorro de tinta dominan dende hai anos o ámbito doméstico: son moito máis silandeiras ca os seus precedentes, poden utilizar calquera tipo de papel (tamén o fotográfico) e imprimen mesmo sen bordos, en vivas cores e calidade fotográfica. Iso si, resultan moito máis caras do que parece, non porque os aparellos en si custen moitos cartos (de feito, son máis baratos ca nunca), senón pola carestía dos cartuchos orixinais. Por iso, nesta análise comparativa fíxose fincapé no custo total que supón imprimir unha folla na casa, e non só no prezo dos equipos.

As seis impresoras analizadas neste estudo, amais de cumprir co seu labor obvio de imprimir, son capaces de escanear (pasar imaxes ou textos do papel ao ordenador) e fotocopiar, por iso se consideran “multifunción”. O seu prezo non variou moito: dende os 83 euros de Olivetti ata os 99 de Canon. Pero ese prezo é enganoso. A razón: un único recambio de tinta representa de media o 63% do prezo do aparello. Por iso, para saber cal é a máis barata, mediuse tamén canto custaba imprimir dez páxinas con cada unha. Brother, con 2,33 euros de tinta por cada dez páxinas, foi a máis barata, seguida de Olivetti (2,58 euros cada dez páxinas). As máis caras foron Epson (5,76 euros) e HP (5,40 euros).

A mellor relación calidade prezo corresponde a Olivetti Any Way: a máis barata, a única con wifi (conexión sen fíos), a de mellor calidade de impresión a cor e cun dos cartuchos de tinta máis rendibles (son ademais os depósitos que máis duran). Iso si, é o equipo máis grande.

Características técnicas

As impresoras máis pequenas son Lexmark (375 x 279 x 153 mm) e Brother (373 x 345 x 135 mm) e as máis voluminosas Olivetti e Canon, case o dobre de grandes. Estes equipos a pleno rendemento consumen a metade de electricidade que unha lámpada convencional. HP é a que menos gasta, con 12,4W fronte aos 22 W de Olivetti e Epson.

Os seis inclúen programas informáticos para xestionar a impresión, o escáner e o fotocopiado. HP, Epson e Olivetti engaden software para o tratamento dixital de imaxes e Brother un tradutor de idiomas. Todas fan fotocopias, ben ao mesmo tamaño ou ampliando e reducindo a copia. Estes equipos utilizan USB para conectarse co ordenador, o sistema máis espallado. Olivetti conéctase tamén por wifi (sen fíos). Canon, Lexmark e Brother inclúen lector de tarxetas multimedia (as que usan as cámaras dixitais). Así poden imprimir as fotos sen que estas pasen polo ordenador. Se a cámara conta con wifi (algo pouco común) tamén se pode imprimir directamente en Olivetti.

A resolución, non tan importante

A resolución indica o número de puntos de cor que conforman, como máximo, cada impresión. Pero non sempre unha maior resolución é mellor, porque eses puntos teñen que ser precisos (deben caer no lugar apropiado) e non ser demasiados e empapar a folla. A calidade destas impresoras ben abonda para un impresión doméstica. A mellor resolución de escanear (a cantidade de puntos nos que se pode descompoñer unha foto e que si resulta determinante) é a de HP (1200 x 2400 ppp), seguida por Canon e Olivetti (as dúas 1200 x 1200 ppp). Lexmark non indica este relevante dato.

Epson é a única que vende por separado catro cartuchos de cor. No resto de impresoras cando se remata unha cor que non sexa a negra hai que comprar enteiro o cartucho que inclúe as tres cores (cián, carmesí e amarelo). En Lexmark non se puideron facer moitas das probas porque foi imposible adquirir a súa tinta. Visitáronse ao longo de varias semanas os principais establecementos de informática en todo o país sen éxito, o que indica a dificultade que terá un usuario en facerse cunha recambio para o seu equipo.

A carreira da impresión

Cal é a máis rápida? Tras imprimir dous lotes de vinte e cinco follas (en branco e negro e cor) as máis veloces foron Canon (5 páxinas por minuto -ppm- en branco e negro e 1,5 ppm en cor) e HP (4,5 ppm en branco e negro e 1,5 ppm en cor). O resto anda arredor das catro páxinas por minuto en branco e negro e case unha en cor. A primeira páxina adoita tardar máis en empezar a imprimir: Epson só necesitou 12 segundos para arrancar mentres que Brother require unha eternidade: 72 segundos.

Mediuse cántas follas podían imprimir cada cartucho de tinta. Os de Olivetti e Brother son os máis rendibles, porque imprimen 210 páxinas. O cartucho de HP, o peor, non pasa de 75 páxinas en branco e negro e de 90 en cor. As tintas de Epson e Canon tamén demostraron resultados mediocres, sobre todo en branco e negro. Non obstante, aínda que poidan chegar a ese número de páxinas imprimidas, a impresión en branco e negro perde calidade a partir da páxina 60 en HP, e da 85 en Canon.

Os equipos estudados, sen chegar ao nivel de ruído das vetustas impresoras matriciais, seguen sendo molestos, o que dificulta o seu uso a certas horas da noite: Lexmark chega aos 68 decibelios (dB) mentres que as menos sonoras son Epson e Brother (as dúas con 61 dB).

A opinión dos usuarios

Seis usuarios habituais probaron estas impresoras multifunción e valoraron diferentes aspectos da súa capacidade para imprimir, fotocopiar e escanear. As probas de impresión fixéronse con textos en branco e negro e documentos con profusión de logotipos, e mais con fotografías a máxima calidade sobre papel fotográfico.

Os equipos resultaron, en xeral, doados de utilizar e ofreceron unha calidade satisfactoria nas súas tres funcións. Destacaron HP (a mellor nos tres apartados) e Olivetti (a mellor calidade de impresión a cor, 8,6 puntos sobre 10). Pola contra Lexmark só acada 5 puntos na impresión. O motivo? Só cabe un cartucho (branco e negro ou cor, non pode utilizar ambos os dous á vez), polo que cando está instalado o de cor, a cor negra se consegue cunha mestura de tintas que emulan con escaso éxito a tinta negra. Os usuarios consideraron útil a pantalla LCD presente en Canon, Olivetti, Lexmark e Brother.

O programa informático que acompaña a Epson foi o peor valorado, con 5,2 puntos sobre 10. Tampouco o seu manual recibiu unha boa puntuación (4,8 puntos), fronte ao moi completo de Canon, que conseguiu 7 puntos. O conector USB de Brother está oculto detrás da carcasa, o que fai máis pesado o seu uso.

As impresoras Olivetti e Brother deixan de imprimir cando o programa informático indica que se acabou o cartucho, non cando realmente queda sen tinta. O resto si permite apurar o contido (aínda que a calidade se vexa resentida). A peor escaneando e fotocopiando é Brother, que queda nas dúas funcións en 6,6 puntos sobre 10. As mellor valoradas polos usuarios foron HP (7,4 puntos) e Canon (7,3 puntos) e a máis discreta foi Epson, que recibiu só 6,4 puntos.

Son seguras

Estas impresoras son seguras, como o demostraron as numerosas e esixentes probas realizadas: non é posible acceder ás partes mecánicas internas, están suficientemente illadas fronte ás correntes eléctricas, soportan a proba de quecemento anormal sen que os seus plásticos se derretan e ante un curtocircuíto na saída da fonte de alimentación ou un bloqueo do motor da impresora non causan danos. No tocante aos manuais, todos son completos e inclúen toda a información necesaria. Non acontece o mesmo cos documentos de garantía: só a de Brother se ativo aos dous anos que deben ofrecer por lei. Olivetti nin sequera ofrece este documento imprescindible e o resto limitouse a ofrecer un ano. En calquera caso, se o usuario conserva o tícket de compra está cuberto por lei durante dous anos.

¿Na casa ou no laboratorio?

Cando se trata de imprimir fotos, é dificil competir en calidade e en prezo cos laboratorios fotográficos. papel fotográfico, tinta e, por suposto, esforzo persoal, desanima ao afeccionado máis entusiasta. A impresión caseira é unha opción válida para traballos inmediatos ou que non esixan altísima calidade, pero se se fan algúns números compróbase que non compensa pasar o traballo de imprimir as ducias de fotos tomadas nas vacacións de Punta Cana: só o papel fotográfico en branco custa o mesmo ca unha copia de laboratorio (unha folla A4, coa que se realizan apenas dúas copias 10 x 15, custa arredor de 0,50 euros). Se a iso se suma o custo da tinta e a amortización do equipo, as contas non cadran. Ademais, no laboratorio a calidade sempre será a máxima e se algo sae mal o consumidor poderá reclamar, mentres que na casa as equivocacións saen caras: van directas á papeleira.

En síntese y táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse seis impresoras multifunción de inxección de tinta que, amais de imprimir en calidade fotográfica e convencional, escanean e fotocopian (Lexmark tamén fai de fax). O seu prezo vai dende os 83 euros de Olivetti ata os 99 de Canon. Agora ben, importa máis o prezo da tinta: imprimir dez follas en Brother custa 2,33 euros e en Epson, coa tinta máis cara, 5,76 euros.
  • Foi imposible atopar cartuchos de tinta de Lexmark en múltiples comercios ao longo de varias semanas. Por iso non se incluíu en moitas probas. O usuario debe saber que pode que lle resulte complicado conseguir recambios.
  • Só foi correcta a garantía de Brother. Lexmark e Brother son os equipos máis compactos, e Olivetti o máis grande. A de mellor calidade de impresión (branco e negro), fotocopiado e escaneado foi HP. E, en cor, a mellor impresión foi a de Olivetti. A máis rápida é Canon (5 páxinas por minuto en branco e negro e 1,5 en cor).
  • Os cartuchos de Olivetti e Brother son, a distancia do resto, os que máis páxinas imprimen (máis de 200), fronte ás só 75 en branco e negro que imprime HP. A máis ruidosa é Lexmark e as menos molestas Epson e Brother.
  • Os usuarios outorgáronlles a mellor valoración a HP (7,4 puntos de 10) e Canon (7,3 puntos). O equipo coa menor puntuación foi Epson, con 6,4 puntos.
  • A mellor relación calidade-prezo é Olivetti Any-Way, a máis barata, a única con wifi (sen fíos), a que mellor imprime en cor e cos cartuchos que máis follas imprimen (e dos que máis económicos saen).
Comparativa de impresoras
Marca OLIVETTI BROTHER HEWLETT PACKARD
Modelo Any_way DCP-115C Deskjet F380
Prezo da impresora 82,75 89 83,58
Prezo euros/cartuchos 57,37 56 48,61
Prezo euros/10 follas 2,58 2,33 5,40
Información e protección ao consumidor Etiquetaxe, marcado e manuais Correcto Correcto Correcto
Garantía Incumpre Correcto Incumpre
Seguridade Correcto Correcto Correcto
Características técnicas/Prestacións
– Dimensións (milímetros) 462x339x196 373x345x135 426x260x170
– Consumo (Watios) 22,9 14,8 12,4
– Conexións USB, Wifi USB USB
– Sistemas operativos compatibles Mac Os/Windows Mac Os/Windows Mac Os/Windows
Software incluido Paintshop Photo album5 Traductor SYSTRAN web translator CD manual electrónico, HP Photosmart
– Tarxetas multimedia Non Non
– Resolución de impresión declarada (ppp)1 Non indicada 1200×1200 B/n 600×1200 cor Non indicada
– Resolución do escáner (ppp)1 1200×1200 600×600 1200×2400
– Impresión con calidade fotográfica (ppp)1 Sí (600×1200) Si (4800×1200,cor)
– Ampliación/Reducción copiado Sí (25%-400%) Sí (50%-200%)
– Impresión desde cámara/tarjeta Sí (USB y Wifi) Non dispoñible
– Capacidade bandexa papel (nº follas) Aprox. 100 100 100
Rapidez de impresión
– Velocidade impresión b-n / cor (ppm)2 4 / 0,8 4 / 1 4,5 / 1,5
– Tempo impresión 1ª folla b-n / cor (segundos) 20 / 9 72 / 5 28 / 6
Impresión por cartucho
– Nº páxinas b-n / cor 240 / 222 209 / 240 75 / 90
– Impresión uniforme b-n / cor Pouca tinta en 222 pág NA Ata 60 / 84 pág
Ruido (decibelios) 63,2 61,2 64,8
Proba de uso (de 1 a 10) 6,8 6,7 7,4
– Facilidade uso programas informáticos 6,5 6 7
– Calidade impresión blanco y negro 6,6 6,8 8,8
– Calidade impresión cor 8,6 7,2 8,2
– Calidade de escaneado 7,3 6,6 7,6
– Calidade de fotocopiado 7,3 6,6 7,8
Marca CANON EPSON LEXMARK
Modelo Pixma MP170 Stylus DX4000 X3470
Prezo da impresora 99 94 87,75
Prezo euros/cartuchos 49,09 69,69 Non encontrado
Prezo euros/10 follas 3,72 5,76
Información e protección ao consumidor Etiquetaxe, marcado e manuais Correcto Correcto Correcto
Garantía Incumpre Incumpre Incumpre
Seguridade Correcto Correcto Correcto
Características técnicas/Prestacións
– Dimensións (milímetros) 443x381x181 430x345x172 375x279x153
– Consumo (Watios) 15,1 22,1 14,7
– Conexións USB USB USB
– Sistemas operativos compatibles Mac Os/Windows Mac Os/Windows Mac Os/Windows
Software incluido Non Opyphoto y Print easy Mac e Windows “Centro todo en 1”
– Tarxetas multimedia Non
– Resolución de impresión declarada (ppp)1 Non indicada 5760×1440 Non indicada
– Resolución do escáner (ppp)1 1200×1200 600×1200 Non indicada
– Impresión con calidade fotográfica (ppp)1 Sí (4800×1200) Sí (ata 4800 ppp)
– Ampliación/Reducción copiado Sí (25%-400%)
– Impresión desde cámara/tarjeta Non dispoñible
– Capacidade bandexa papel (nº follas) Aprox. 100 100 Aprox. 100
Rapidez de impresión
– Velocidade impresión b-n / cor (ppm)2 5 / 1,5 4 / 0,7 Non dispoñible
– Tempo impresión 1ª folla b-n / cor (segundos) 20 / 5 12 / 5 Non dispoñible
Impresión por cartucho
– Nº páxinas b-n / cor 90 / 150 80 / 121 NA
– Impresión uniforme b-n / cor Ata 60 /84 pág Pouca tinta en 70 / 83 pág NA
Ruido (decibelios) 64,5 61 67,9
Proba de uso (de 1 a 10) 7,3 6,4 6,9
– Facilidade uso programas informáticos 6,8 5,2 6,6
– Calidade impresión blanco y negro 7,8 6,2 5
– Calidade impresión cor 7 5,8 5
– Calidade de escaneado 7,3 6,8 7,4
– Calidade de fotocopiado 7,8 6,8 7,4

(1) (ppp) Puntos por polgada. É a unidade de medición da resolución de imaxe impresa. A maior número de puntos, maior resolución.

(2) (ppm) Páxinas impresas por minuto.

Unha por unha

Unha por unha, 6 impresoras multifunción de inxección de tinta

Olivetti Any Way

  • /imgs/20070201/img.impresoras.01.jpg
  • 82,75, a máis barata.
  • Imprimir 10 páxinas custa 2,58 euros, das máis baratas.
  • Incumpre a norma de garantías. A máis grande. A única con conexión sen fíos (wifi).
  • O cartucho de tinta que máis páxinas imprime (240 páxinas en branco e negro e 222 páxinas en cor). Con cinco mostras de papel fotográfico.
  • Proba de uso: 6,8 puntos de 10: non gustan o seu manual nin os seus mandos, pero destaca pola calidade de impresión en cor (8,6 puntos).

Brother DCP-115 C

  • /imgs/20070201/img.impresoras.02.jpg
  • 89 euros
  • Imprimir 10 páxinas custa 2,33 euros, a máis barata.
  • Das máis pequenas. Con lector de tarxetas. A que máis segundos tarda en imprimir a primeira páxina en branco e negro (72 segundos). Das menos ruidosas (61,2 dB).
  • Proba de uso: 6,7 puntos de 10: a calidade de fotocopiado e escaneado menor.

Hewlett Packard DeskJet F380

  • /imgs/20070201/img.impresoras.03.jpg
  • 83,58 euros.
  • Imprimir 10 páxinas custa 5,40 euros.
  • Incumpre a norma de garantías. A mellor resolución de escaneado. Das máis rápidas: 4,5 páxinas por minuto en branco e negro e 1,5 en cor. Os cartuchos que menos páxinas imprimen: 75 páxinas en branco e negro e 90 en cor.
  • Proba de uso: 7,4 puntos de 10. Das mellor valoradas pola súa calidade de impresión, de escaneado e de fotocopiado.

Canon Pixma MP170

  • /imgs/20070201/img.impresoras.04.jpg
  • 99 euros, a máis cara.
  • Imprimir 10 páxinas custa 3,72 euros.
  • Incumpre a norma de garantías. Das máis grandes. Con lector de tarxetas. A máis rápida: 5 páxinas en branco e negro por minuto e 1,5 en cor. Con cinco mostras de papel fotográfico.
  • Proba de uso: 7,3 puntos de 10. Das mellor valoradas polo seu equipamento e funcións.

Epson Stylus DX4000

  • /imgs/20070201/img.impresoras.05.jpg
  • 94 euros a unidade; a segunda máis cara.
  • Imprimir 10 páxinas custa 5,76 euros, a máis cara.
  • Incumpre a norma de garantías. A que menos segundos tarda en imprimir a primeira folla (12 segundos). Dos cartuchos menos eficientes: imprime 80 páxinas en branco e negro e 121 en cor. Das menos ruidosas.
  • Proba de uso: 6,4 puntos de 10, a peor valorada polos seus menús e manuais pouco claros, o seu programa informático difícil de usar, a súa baixa funcionalidade escaneando, fotocopiando e imprimindo e a baixa calidade de impresión a cor.

Lexmark X3470

  • /imgs/20070201/img.impresoras.06.jpg
  • 87,75 euros.
  • A única con fax. Non se puideron facer moitas probas porque non había cartuchos de tinta á venda. Incumpre a norma de garantías. A máis pequena. Con lector de tarxetas. A máis ruidosa. Non indica a resolución de escaneado.
  • Proba de uso: 6,9 puntos de 10. A peor valorada en calidade de impresión.