Centros de adelgazamento

A maioría suspenden o exame

Facilitan pouca información, non sempre atende ó cliente un experto en dietética e nutrición, e o slogan de "dieta personalizada" é a miúdo só un gancho comercial
1 Maio de 2002
Img temap

A maioría suspenden o exame

A operación bikini xa comezou para moitas persoas. Así, centros de estética, herboristerías e semellantes fan o seu agosto cando quedan xa poucas semanas para luci-lo bañador e enfunda-las prendas máis “comprometidas”. O negocio dos centros de adelgazamento supón no noso país 1.500 millóns de euros ó ano (datos do 2000).

Anuncios que prometen perda de peso axiña e case sen esforzo, dietas personalizadas para cada cliente e primeiras consultas gratuítas remiten ós destinatarios desta publicidade a centros que, como se comprobou, non sempre dispoñen de persoal cualificado en nutrición. Para esclarecer se os tratamentos que ofrecen estes centros de adelgazamento son efectivos, se o persoal que os atende está adecuadamente cualificado e se se trata de establecementos serios e rigoroso desde o punto de vista médico, técnicos de CONSUMER visitaron (só unha visita, nada máis) en abril 36 centros de adelgazamento que actúan en 12 cidades. A maior parte deles tiñan un denominador común: as súas promesas para perder peso e os tratamentos que propoñen suscitaron a desconfianza dos expertos en dietética e nutrición, ó fixar metas imposibles de conseguir con dietas saudables.

Establecéronse -contando coa colaboración de expertos en dietética e nutrición e coa asesoría médica pertinente- os criterios que poderían contribuír a determinar se un centro deste tipo permite que o cliente perda peso dunha maneira eficaz e saudable.

De seguido, seis técnicos desta revista acudiron como clientes ficticios a tres centros de adelgazamento situados en Alacante, Barcelona, Bilbao, Burgos, Castellón, Madrid, Málaga, Pamplona, Santander, San Sebastián, Valencia e Vitoria, e comunicáronlles ós empregados destes centros o seu interese por perder peso. Destes seis técnicos, dous deles non precisaban en absoluto adelgazar, outros dous presentaban un lixeiro sobrepeso (índice de masa corporal -IMC- entre 25 e 26,9) e os outros dous eran obesos de primeiro grao (IMC entre 30 e 34,9).

A principal conclusión do estudio é que o 68% destes 36 centros de adelgazamento suspenden o exame, mentres que soamente o 6% aproba folgadamente e o 26% dos centros consegue soamente un “aceptable”. Ademais, comprobouse nalgúns unha clara falta de ética profesional xa que suxiren tratamentos que non se adaptan ás necesidades do cliente que os visita (aconséllanlle, por exemplo, adelgazar a quen non o precisa). Outro aspecto negativo destes centros é que os clientes non sempre son atendidos por médicos especializados ou expertos en nutrición, e que a mensaxe de “dieta personalizada” é só un gancho comercial en máis da metade dos centros. Para rematar, só o 60% dos centros propón unha duración realista e saudable do tratamento, o resto presenta perdas de peso excesivamente rápidas para que resulten saudables e duradeiras.

Conclusións, moi elocuentes, tras unha primeira visita

O 68% dos centros de adelgazamento estudiados non aproban. O 14% mesmo mereceu un “moi mal” por basea-los seus tratamentos en “productos estrela”.

O lema “primeira consulta gratuíta” é un engano, un mero gancho comercial. Ningún centro dos visitados realiza un estudio previo gratuíto -algúns fano en seguintes visitas, pagando- para garanti-la adecuación do tratamento ás características persoais do cliente. Limítanse a dar información que a miúdo é incompleta e resulta confusa.

A mensaxe de “dieta personalizada” é enganosa no 60% dos centros. Utilízase para vender mellor os seus tratamentos e productos, xa que ese argumento axuda a convencer ós clientes. Só catro de cada dez centros ofrecían dietas realmente personalizadas.

No 26% destes establecementos comprobouse falta de ética profesional: informan ou suxiren tratamentos que en absoluto se adaptan ás necesidades reais do cliente. Aconsellan adelgazar cando o cliente non o precisa, identificando un problema de obesidade. Un destes centros propúxolle ó cliente un tratamento moi invasivo (gastroplastia, unha cirurxía) sen dispor do historial clínico nin dietético do paciente. Noutro centro, o técnico de CONSUMER (que actuaba como cliente ficticio) foi tentado para traballar como comercial da marca: explicáronlle de maneira exhaustiva (incluso máis polo miúdo có tratamento) os beneficios económicos do emprego, sen se interesaren pola súa titulación ou coñecementos, chegando a sinalar que iso “era o de menos”.

No 20% dos centros, comerciais ou “técnicos especialistas” (non especificaron a súa titulación) ou unha esteticista actúan como dietistas ou médicos, suxiren o tratamento e realizan unha “identificación do problema de exceso de peso” sen estaren capacitados para este cometido.

19 dos 36 centros de adelgazamento estudiados pertencen a 8 franquías. E o tratamento que suxiren nos centros de 7 desas franquías difire moito. Polo tanto, non se pode valorar globalmente o funcionamento das franquías.

Para rematar, a duración do tratamento e o ritmo de perda de peso propostos é realista e saudable en soamente o 60% dos centros. É dicir, no 40% suxiren obxectivos dificilmente alcanzables e/ou pouco saudables, xa que a perda de peso se realizaría nun tempo inferior ó recomendable.

Nun centro de Madrid, á pregunta do técnico desta revista (IMC de 24, é dicir, un peso correcto, sen necesidade ningunha de adelgazar) sobre cántos quilos lle propuñan baixar, respondéronlle ó primeiro que uns 20 quilos, e ó veren a súa cara de incredulidade, corrixiron e suxeríronlle adelgazar só 10 quilos.

Información insuficiente

Os nosos técnicos acudiron principalmente a centros de adelgazamento que ofrecían unha primeira consulta gratuíta, pero algúns que non realizan esta primeira consulta gratuíta ofrecéronlles ós nosos técnicos a posibilidade dunha consulta informativa. Ese foi o caso do Centro Dietético Zoroa e Ideal Line, ámbolos dous en Alacante, Ailara en Bilbao e Oikos en Málaga, que foron avaliados tendo en conta a condición meramente informativa da visita. A maior parte dos centros estudiados utilizan a mensaxe de “primeira consulta gratuíta” como gancho comercial, pero comprobouse que esta visita non lle proporciona ó cliente información abonda para decidir se lle convén comezar co tratamento ou se este resultará efectivo no seu caso concreto.

Só o 30% dos centros ofrece unha información aceptable sobre os posibles tratamentos. A información considerouse aceptable cando o tratamento se adapta ás necesidades da persoa (dieta individualizada logo dun estudio completo previo) e cando promete unha perda de peso de 0,5 a 1 quilogramo por semana. O resto de centros visitados ou non facilitan información abonda para que o cliente poida decidir se realiza-lo tratamento ou non e para descubrir se terá o efecto desexado, ou establece obxectivos de perdas de peso superiores ós devanditos 0,5 a 1 quilogramos por semana.

¿Realmente preciso perder peso?

Para acertar co problema de sobrepeso é preciso, como mínimo, un estudio antropométrico da persoa. É dicir, cómpre pesar e medir ó paciente para determina-lo seu IMC e clasifica-lo seu posible grao de sobrepeso. Pero, sen embargo, só o 20% dos centros de adelgazamento visitados realizan este diagnóstico tan preciso. Polo menos, noutro 20% dos centros esta medición facíase na segunda visita, xeralmente de pagamento. No resto, esta necesaria medición non se fai.

Un dos erros máis comúns destes centros é que se identifica o problema do paciente con lixeireza, ben porque non se pesa nin mide ó paciente, ben porque non sempre atende un profesional cualificado e experto en dietética e nutrición: a miúdo esta esencial xestión realízaa un comercial, recepcionista ou outro empregado sen a formación adecuada.

En 11 centros, algo menos da terceira parte dos visitados, comprobouse unha preocupante ausencia de ética profesional, xa que lle aconsellaron adelgazar a quen non o precisaba, e mesmo identificaron un problema de obesidade cando non existía. É o caso do cliente ficticio que acudiu ós centros da zona Norte do noso país e que tiña un índice de masa corporal de 22 (peso adecuado), e tamén o que visitou os establecementos de Madrid, cun IMC de 24, tamén con peso correcto e que non precisa adelgazar.

O custo do tratamento que ofrecían algúns centros para estes clientes que non precisaban perder peso superaba os 1.500 euros, incluíndo terapia dietética de adelgazamento e/ou métodos estéticos locais.

Tamén se anotou algún caso de quen di ser médico e non amosa a súa titulación, e que co seu comportamento e palabras fai dubidar da súa aseveración. Nun centro de adelgazamento da Coruña, a doutora que atendeu ó cliente enviado por CONSUMER recomendoulle someterse a unha gastroplastia (reducción do estómago) sen contar cun historial clínico e dietético de anteriores tratamentos, cando a gastroplastia está indicada só en obesidades do tipo III ou IV -non era o caso da paciente- e cando outro tipo de intervención terapéutica fracasou e o paciente padece patoloxías asociadas. Ademais, o paciente debe ser perfectamente informado das consecuencias a curto e longo prazo da operación, así como das posibles complicacións. A doutora, sen embargo, aseguroulle ó cliente que esa cirurxía a penas entrañaba risco.

Dieta personalizada

Algúns centros de adelgazamento basean os seus métodos en dietas estándar ou directamente milagreiras, que nin son personalizadas nin se axustan ás necesidades concretas do paciente. Non tódalas persoas responden de igual xeito a un determinado tratamento. E un paciente pode responder de maneira distinta a un mesmo tratamento realizado en distintos tempos. De aí que esixir un tratamento personalizado e aclarar desde o primeiro momento a importancia da implicación do paciente no seguimento da pauta dietética, sexan piares básicos para perder peso. A tan común promesa de ofrecer unha “dieta personalizada” é, as máis das veces, un gancho para vende-los seus tratamentos e productos.

Unicamente o 40% dos centros de adelgazamento visitados ofrecían unha dieta personalizada, xa que na información que lle proporcionan ó cliente fan referencia a que a dieta se baseará no seu estilo de vida, gustos e preferencias, e explícanlle que, para garanti-lo éxito dos resultados, é fundamental a súa total implicación. E o 14% dos centros basean o tratamento nun ou varios “productos estrela”, o que, directamente, os descualifica, porque estes tratamentos nin ensinan hábitos alimentarios correctos nin serven para manter a longo prazo a reducción do peso.

Duración do tratamento

Perder peso cun ritmo superior ós 0,5-1 quilogramos por semana non é recomendable, polo que a duración do tratamento ten que ter en conta este criterio de saúde. Ademais, cada individuo reacciona de maneira distinta ós tratamentos adelgazantes, polo que ofrecer unha data fixa tórnase difícil, sen esquecer que sempre se deben contemplar visitas periódicas que permitan realizar un seguimento do tratamento, incluso unha vez rematado. Non se axustaban a este criterio só o 40% dos centros comparados. Neles, a duración estimada do tratamento considerouse desacertada, xa que os obxectivos non eran realistas nin saudables: propuñan perdas de peso demasiado aceleradas. Nun centro fixaron un ritmo de perda claramente excesivo: entre 5 e 7 quilogramos ó mes.

Natureza do tratamento

Este baremo refírese ós métodos en que se basean os centros de adelgazamento nas súas propostas para a perda de peso. Algúns basean o seu tratamento unicamente en productos que venden ós seus clientes, ás veces co cualificativo de “adelgazantes”, o que é ilegal e incerto. É o caso do 14% dos centros estudiados. En calquera tratamento de adelgazamento, a dieta é un piar fundamental, xa que o 90% dos casos de exceso de peso se deben a unha inxestión excesiva de alimentos moi calóricos e ó sedentarismo. Polo tanto, estes productos “milagre” como tratamento único do exceso de peso nin serven para adelgazar nin para mante-lo peso perdido.

O prezo, pouco ten que ver coa calidade do tratamento eta konparaketako taula

Pagar máis non significa, polo menos nos centros visitados nesta investigación, adelgazar cun tratamento máis eficaz e saudable. Algúns centros que obteñen un “mal” no exame de CONSUMER cobran ata o triple que varios dos poucos (só 9, de 36) centros que aprobaron.

Algúns centros cobran por tratamento e outros fano por visita. Entre os primeiros, a media por tratamento é de 1.637 euros (270.000 pesetas), e os extremos son 3.005 euros e 632 euros, é dicir, unha proporción de cinco a un.

No tocante ós centros de adelgazamento que cobran por cada consulta e/ou polos productos que venden (fíxose unha estimación considerando a frecuencia de visitas e o uso dos productos suxeridos en cada centro), a media sitúase en 124 euros mensuais (20.000 pesetas). Os prezos oscilan desde os 390 euros ó mes do máis caro ata os 48 euros do máis barato. É dicir, unha proporción de un a oito.

Respecto ás condicións de pagamento, a maioría dos que cobran por todo o tratamento ofrecen facilidades para efectua-los abonos, financiando os tratamentos e permitindo os pagamentos aprazados e en mensualidades.

Os só dous centros cualificados cun “ben” (Clínica Dual, de Valencia, e Ideal Line, de Castellón) fixan para o seu tratamento un prezo de 1.500 e 2.676 euros, respectivamente.

Cando desconfiar dun centro de adelgazamento

  • Cando propoñan unha duración determinada do tratamento sen efectuar un estudio previo do noso estado (peso e estatura, antecedentes persoais e familiares de problemas de saúde, estilo de vida…) e cando o tratamento se aboe nun só pagamento e non en cada visita. Se non saben cántos quilos temos que perder nin a causa do noso problema, ¿como poden establecer a duración axeitada do tratamento ou o noso peso meta?
  • Cando nos ofrezan un tratamento baseado unicamente en productos estrela, e cando inclúe unha dieta gratuíta que se completa con productos á venda no propio establecemento ou outros concertados, e que debemos pagar desde un comezo. Estes tratamentos non ensinan hábitos adecuados de alimentación nin serven para mante-la perda de peso.
  • Cando nos garantan que o ritmo de perda de peso será superior ós 0,5-1 quilogramos por semana (3-4 quilos ó mes). Adelgazar a un maior ritmo implica unha perda de auga e electrólitos, ó tempo que de masa muscular e, xa en menor proporción, de graxa. Ademais, pode causarnos consecuencias indesexables, máis ou menos graves para a saúde: baixadas de tensión arterial, perdas de masa muscular, niveis elevados de graxa en sangue, carencias nutritivas, e outros problemas.
  • Cando nos aseguren que adelgazaremos sen esforzo. A decidida e esforzada implicación da persoa en calquera tratamento de perda de peso é fundamental para acada-los obxectivos, se estes son realistas e non implican riscos para a saúde.
  • Cando nos suxiran tomar diuréticos sen que antes comproben que efectivamente padecemos retención de líquidos, circunstancia que poden provocar feitos como o embarazo, a lactación, certos problemas de saúde (insuficiencia cardíaca, renal ou hepática, por exemplo). O uso indiscriminado dos diuréticos (substancias que aumentan a producción de ouriños) e dos laxantes (aumentan o número de defecacións) é un risco para a saúde pública.
  • Cando nos indiquen antes de someternos a tratamento e de saber cómo responderemos a el, unha data fixa de duración do mesmo. O ritmo de perda de peso varía dunhas persoas a outras e depende das particularidades de cada individuo.

Cuestionario individual: ¿Preciso realmente perder peso?

  • Antes de comezar unha dieta, fágase a seguinte pregunta: ¿preciso adelgazar? Hai unha diferencia enorme entre desexar adelgazar por motivos estéticos e precisalo de verdade.
  • Pregúntese: ¿que é o que me induce a desexar adelgazar? Non hai problema en perder uns poucos quilos cunha dieta saudable. Pero cando se pretende perder moito peso o motivo fundamental debe se-la saúde, non a estética nin as modas. Os métodos “milagreiros” para adelgazar son un serio risco para a saúde.
  • ¿Como saber se me sobra peso? O índice de masa corporal (IMC) é a referencia máis utilizada para determinar ónde se sitúa o nivel soleira do exceso de peso. Só é válido para adultos de máis de 25 anos. Obtense ó aplica-la seguinte fórmula:

IMC = Peso (kg)/ Estatura (m)
O IMC dunha persoa que mide 1,65 m e pesa 60 quilogramos é… 22,03.
60 / (1,65 x 1,65)= 60 /2,72= 22,03.
É dicir, o seu peso é adecuado, non precisa adelgazar.

IMC Resultados
menor que 18,5 Peso insuficiente (por baixo do considerado normal)
18,5-24,9 Peso axeitado
25-26,9 Sobrepeso grao I
27-29,9 Sobrepeso grao II (preobesidade)
30-34,9 Obesidade de tipo I
35-39,9 Obesidade de tipo II
40-49,9 Obesidade de tipo III (comporta riscos para a saúde)
50 Obesidade de tipo IV (extrema)

Resultados:

  • Peso insuficiente: Se unha persoa está por baixo do seu peso adecuado, debería realizar visións médicas regulares (segundo a periocidade que estableza o médico) para descartar calquera problema de saúde relacionado co seu baixo peso. Unha vez desestimada esa posibilidade, deberá pensar se acudir a unha consulta dietética para revisar e mellora-los seus hábitos de alimentación.
  • Peso axeitado: Non se require ningunha dieta de adelgazamento. Se se desexa moldea-la figura (glúteos, cadeiras…) pódese recorrer ó exercicio físico e a tratamentos locais de estética. Lembremos que nunca está de máis seguir unha dieta equilibrada, e para iso o consello dun experto resulta fundamental.
  • Sobrepeso e obesidade: Se unha persoa ten un peso por riba do adecuado, debe mellora-los seus hábitos de alimentación, amais de contempla-la posibilidade de aumenta-lo seu grao de actividade física. É conveniente acudir a un especialista en nutrición.

Como se valoraron os centros? e táboa comparativa

  • Ben: se obtén unha valoración positiva en tódolos apartados agás no primeiro (“estudio para personaliza-lo tratamento”). Non se penaliza que non realicen este estudio na primeira visita -aínda que sexa o recomendable- xa que o poden facer en posteriores citas.
  • Aceptable: cómpre acadar unha valoración positiva nos apartados de “dieta personalizada adecuada” e “acertada duración do tratamento”, sempre e cando non baseen o seu tratamento en productos estrela como pastillas, algas, cremas, herbas e productos semellantes de venda nos propios centros ou noutros establecementos concertados.
  • Mal: os centros que non acadan unha valoración positiva nos apartados de “dieta personalizada adecuada” e “acertada duración do tratamento” non aproban, aínda que conseguiran unha boa valoración no resto dos bloques.
  • Moi mal: é abondo con que ofrezan tratamentos baseados principalmente en productos “estrela”. Tamén conseguen esta cualificación os centros que suspenden en varios apartados importantes.