Visitados 425 lugares e establecementos públicos "libres de fume" en 18 cidades españolas

A lei antitabaco comeza a render froitos: fúmase moito menos que hai tres anos en lugares públicos

Pero o informe proporciona datos preocupantes: había nenos e mozos fumando na metade das discotecas para menores, e en tres de cada catro casos en que se viu fumar en lugares con zona de fumadores, fumábase fóra delas.
1 Maio de 2006
Img img afondo

A lei antitabaco comeza a render froitos: fúmase moito menos que hai tres anos en lugares públicos

/imgs/20060501/portada02.jpgHai evidencias abondas de que o fume do tabaco no ambiente, é dicir, o consumo pasivo ou involuntario de tabaco, é causa de mortalidade, enfermidade e discapacidade. A Axencia Internacional de Investigación do Cancro da OMS determinou que a exposición ao aire contaminado con fume do tabaco é carcinoxénica nos seres humanos.

A lei antitabaco 28/2005, ou “Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco” entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2006. Tres meses despois, CONSUMER EROSKI comprobou en que medida se respectan os “espazos sen fume” que establece a norma. Esta revista xa publicou en 1998 e 2003 senllos informes baseados en estudos de campo, que desvelaban o escaso grao de cumprimento da norma que prohibía fumar en establecementos públicos (a nova lei, máis restritiva, inclúe como espazos “sen fume” bares e restaurantes, discotecas, etc.)

Nesta ocasión, técnicos de CONSUMER EROSKI visitaron, dúas veces cada un e en días distintos do pasado mes de marzo, 425 espazos públicos nos que está prohibido fumar ou debe facerse en zonas habilitadas expresamente para iso, ubicados en 18 cidades do noso país: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbo, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, Donostia, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Visitáronse en horas de máxima afluencia e durante 45 minutos en cada unha das dúas ocasións, 18 aeroportos, 18 concellos, 18 bancos ou caixas de aforros, 90 bares ou restaurantes de máis de cen metros cadrados, 20 centros comerciais, 17 edificios centrais de Deputación, 30 discotecas de adultos, 25 discotecas light para menores, 19 estacións de autobús, 18 de tren, 18 hospitais de grandes dimensións, 20 hoteis, 27 institutos de ensino medio, 20 mercados ou prazas de abastos, catro instalacións de metro (Bilbo, Valencia, Barcelona e Madrid), 24 aparcamentos cubertos e 21 universidades.

Os observadores enviados por esta revista, que actuaron sen desvelaren o motivo da súa presenza, visitaron en cada lugar as zonas de acceso público (zonas de atención aos usuarios, salas de espera e de exposición, corredores, vestíbulos, escaleiras, servizos). Unha vez nelas, comprobaron se alguén fumaba. ademais, entre outras cuestións, observaron se había ou non sinalización de prohibido fumar, se as zonas de fumadores, onde existisen, estaban ben habilitadas e indicadas, se cheiraba a tabaco ao entrar, se no chan se vían cabichas e se os empregados dos establecementos vendían tabaco -a lei prohíbeo.

A primeira pregunta que cabe facerse é se se fuma en espazos públicos nos que a restrición é total (a lei non permite que se habiliten zonas de fumadores neles). A resposta só pode ser unha: si, porque, coas únicas excepcións de hospitais (aínda que nun de cada cinco se viron cabichas no chan) e edificios centrais das deputacións, viuse xente fumando en boa parte dos espazos públicos visitados: o 60% das discotecas para menores, a metade dos mercados de abastos, o 35% das universidades, o 30% dos aparcamentos cubertos, nun dos catro metros visitados, o 15% dos institutos, no 5% dos museos, bancos e caixas de aforrro, e concellos.

Sinalización de espazos sen fume, mellorable

E mellorou ou non a situación respecto da diagnosticada hai tres anos? Pois mellorou, e fíxoo de xeito moi significativo en todos eles. Nas universidades pasouse do 100% de hai tres anos ao 35% actual, en aeroportos do 100% ao 20%, en estacións de tren do 92% ao 25%, en institutos do 42% ao 15% e en hospitais do 33% ao 0%. Un motivo para felicitármonos, polo tanto. Xa sexa pola entrada en vigor da lei, xa pola maior concienciación social ante o dereito á saúde dos non fumadores, fúmase menos que hai poucos anos nos espazos públicos libres de fume de tabaco. Agora ben, no informe de 2003 non se estudaron, entre outros espazos públicos, as hoxe moi concorridas discotecas para menores, e ese 60% destes locais de reunión infantil nos que se fumaba causa preocupación. E non o fai menos o feitos de que no 22% destas discotecas light se viu a menores comprando cigarros de máquinas expendedoras, cando a lei establece que non poderán instalarse estas máquinas en espazos nos que está prohibido fumar e á súa vez prohibe que os menores de 18 anos utilicen máquinas expendedoras de tabaco.

E a segunda pregunta fundamental para facerse é qué ocorrería nos lugares públicos en que se pode fumar pero só nas zonas expresamente habilitadas para iso. como era previsible, fúmase moito máis que nos espazos de restrición total, pero sorprende que, contándose con zonas para fumar, se respecten tan pouco as áreas en que está prohibido facelo. Vexamos, en primeiro lugar, os datos xerais: víronse persoas fumando en todas as discotecas de adultos visitadas, no 85% de bares e restaurantes de máis de cen metros cadrados, no 60% dos hoteis, no 55% das estacións de bus, no 40% dos aeroportos, no 35% dos centros comerciais e no 30% das estacións de tren./imgs/20060501/portada01.jpg

Pero o dato máis relevante de todo o informe é que en tres de cada catro lugares públicos que contaban (comprobouse fidedignamente) con zonas de fumadores, cando se viu a alguén fumando estábao facendo fóra destas zonas, incumprindo así a normativa. a infracción adquiría a súa máxima dimensión nas discotecas de adultos, nas que en máis de nove de cada dez casos quen fumaba facíao fóra das zonas creadas para isto. En bares e restaurantes, a proporción superaba o 60%, nas estacións de bus rozaba o 70%, nos hoteis chegaba ao 90%, e nas estacións de tren e nos aeroportos, case o 95%.

Sinalización de espazos sen fume, mellorable

Nove de cada dez espazos públicos visitados exhibían (segundo obriga a lei) carteis indicativos da prohibición de fumar ou, no seu caso, da posibilidade de facelo só nas zonas habilitadas para isto, polo que o grao de cumprimento pode considerarse satisfactorio. Agora ben, non é infrecuente que os lugares públicos carezan desta sinalización, especialmente algúns deles: tres de cada dez aparcamentos cubertos e discotecas para adultos non lucían cartel informativo ao respecto, e o mesmo ocorría en dúas de cada dez discotecas de menores, bancos e museos. Os espazos públicos mellor sinalizados (en ningún se botaron en falta estes carteis) foron aeroportos, institutos, centros comerciais, estacións de tres, hospitais, metros e universidades.

Non se habilitan zonas abondas para fumadores

Algúns lugares públicos, dío a lei, poden ter zonas de fumadores. O curioso é que na maioría deles aínda non se crearon. Neste informe, das 215 zonas que poderían contar con zona de fumadores, só 122, o 56%, as teñen. Este é o caso de aeroportos (só en tres dos 18 visitados se viron zonas de fumadores), centros comerciais (catro de 20), estacións de tren (catro de 18) e de bus (seis de 18). Pero outros, coma bares e restaurantes de máis de 100 metros cadrados (72 dos 90 analizados contaban con zona de fumadores), discotecas para adultos (19 de 30), hoteis (14 de 20), si aproveitan esta posibilidade. O problema é que non o fan como deberían: só o 43% dos espazos públicos que poden habilitar zonas para fumadores as posúen na actualidade ben sinaladas (identificadas como tales e coa advertencia “prohibido o acceso a menores de 16 anos”), e o máis importante, adecuadamente separadas e illadas do resto do establecemento ou espazo público, o resto, case seis de cada dez destes lugares públicos, non cumpren a norma. As zonas para fumadores separadas con mesas, cordóns ou librarías non están ben habilitadas porque, segundo a lei, han estar completamente illadas das zonas nas que non se pode fumar. Nalgúns casos, os responsables destes locais xustificáronse dicindo que esas zonas dispoñen de “sistemas de ventilación potentes”. Pero isto non é suficiente. Establecementos de hostalería e outros espazos e instalacións públicas aos que a lei autoriza a crear zona para fumadores deben facelo adecuadamente, isto é, de xeito que se respecto o dereito dos non fumadores a non respirar o insán fume xerado pola combustión do tabaco. Con todo, non en todos os lugares a situación foi tan negativa: case sete de cada dez hoteis e estacións de bus tiñan estas zonas ben instaladas e delimitadas. As menos correctas foron as das discotecas para adultos: só dúas das 30 visitadas as tiñan correctamente sinalizadas.

Para acoutar ditas zonas de fumadores, falando en xeral, xa se empregaran: “paredes” de cristal (48% dos casos), biombos (27%), salas separadas (23%) e cordóns (2%). Un ar granadino non tivo mellor ocorrencia que empregar toneis amontoados para separar unha zona de outra.

Cheiro a fume e cabichas

Unha cousa é que nun par de visitas de tres cuartos de hora cada día a un lugar público se poida ver alguén fumando, e outra ben distinta que se fumara ou non durante o resto do día. a modo de complemento do dato da proporción de espazos nos que se viu fumar, os técnicos de CONSUMER EROSKI anotaron outros dous, menos anecdóticos do que poderían parece. o cheiro a fume de tabaco e a existencia de cabichas no chan. No 15% dos lugares públicos visitados percibiuse o inconfundible cheiro a fume de tabaco, onde máis, en discotecas, metro e bares restaurantes de máis de cen metros cadrados. Por certo, nin os hospitais se libran: cheiraba a tabaco nos vestíbulos dun de cada seis visitados, cando a lei prohibe fumar “nos hospitais e no recinto dos mesmos”, Por outro lado, en case o 30% dos lugares visitados, víanse cabichas no chan. Onde máis se observaron cigarros xa consumidos foi onde máis se fuma, nas discotecas para maiores (no 80% delas había cabichas no chan), e os aparcamentos cubertos (onde non só non se pode fumar, senón tampouco habilitar zonas para fumadores) nun 54%. Tamén se encontraron cabichas na metade das visitas ás instalacións do metro, cando está prohibido fumar en calquera zona deste espazo público. Nos mercados de abastos, onde a restrición é tamén total, encontráronse cabichas nun 45% das visitas, cabichas cerca dos postos de alimentación, en ascensores, etc.

Os empregados fuman moito menos que hai tres anos

Este informe non só demostra que se fuma moito menos nos espazos públicos ca hai tres anos (especialmente rechamante é o descenso en universidades, aeroportos e estacións de tren e de bus), senón tamén que os empregados que traballan neles fuman tamén en moito menos medida ca en 2003. Par que esta norma restritiva do consumo de tabaco a cumpran os usuarios, parece imprescindible que os empregados o fan sen excepción. E a verdade é que a súa conduta ao respecto é moi satisfactoria: só no 1% dos espazos públicos visitados fumaba algúns empregado, mentres que en 2003 eran o 24% os lugares públicos nos que os empregados fumaban.

Por outro lado, os técnicos de CONSUMER EROSKI preguntaron aos empregados das instalacións visitadas se se podía fumar ou non, sempre nos casos en que se viran persoas fumando en lugares prohibidos.

Case catro de cada dez empregados consultados en lugares que non teñen permitido crear zonas de fumadores (institutos, discotecas de menores, concellos, bancos ou caixas, mercados, metro, museos, aparcamento, universidades) responderon “non se pode fumar”, pero abstivéronse de indicar nada aos que están fumando. Dous de cada dez, aínda sendo conscientes de que non se podía fumar, recoñecían que “todo o mundo o fai”; de todos os xeitos, o máis importante é que só o 8% dos empregados requiridos recriminaron a actitude dos que fumaban, chamándolles a atención.

Caso especial é o das discotecas para menores, onde catro de cada dez empregados recoñeceron que non se podía fumar no local, pero non dixeron nada aos nenos e adolescentes infractores. Un de cada catro empregados destas discotecas comentaron “non se pode fumar pero todo o mundo o fai”.

Máquinas expendedoras e estancos

A nova lexislación establece que “só se poderá vender tabaco en expendedoras de tabaco (estancos) ou a través de máquinas expendedoras”, e estas últimas estarán ubicadas exclusivamente no interior dos lugares onde non se prohiba fumar e á vista dos responsables do establecemento. A investigación de CONSUMER EROSKI revela que este ditado se cumpría no 82% dos casos en que se viu venda de tabaco nos lugares visitados. Con todo, por citar algúns exemplos, nun 4% das visitas (o 22% nos bares das estacións de tren e o 10% en hoteis), os técnicos foron testemuños da venda directa de tabaco por parte dun empregado, o que está prohibido.

Outra irregularidade foi que unha de cada 13 máquinas de tabaco, a pesar de que a lei o prohibe, proporcionaba outros artigos, na súa maioría chisqueiros. Así mesmo, viuse como se vendía tabaco a menores nunha estación de tren, en varias discotecas en un centro comercial.

Onde non se pode fumar?

Desde o 1 de xaneiro de 2006 establécese a prohibición total de fumar nos seguintes lugares, que se definen como “espazos sen fume” e deben estar ben sinalizados:

  • Todos os centros de traballo, agás zonas ao aire libre.
  • Centros e servizos sanitarios.
  • Centros docentes e formativos.
  • Centros sociais para menores de 18 anos.
  • Instalacións deportivas e lugares de espectáculos, sempre que non sexan ao aire libre.
  • Centros comerciais, galerías e grandes superficies.
  • Centros de ocio que permitan a entrada aos menores de 18 anos (discotecas).
  • Centros culturais, bibliotecas, salas de lectura e museos.
  • Establecementos onde se manipulen alimentos.
  • Todos os medios de transporte públicos.
  • Ascensores, cabinas, caixeiros, etc.
  • En calquera outro lugar ou centro que o seu titular así o decida.

En que espazos públicos pode haber zonas de fumadores?

  • Hoteis e hostais.
  • Bares, cafetarías e restaurantes de 100 ou máis metros cadrados útiles.
  • Salas de festa, de xogo ou de uso público xeral para maiores de 18 anos.
  • Salas de teatro e cine e outros espectáculos en espazos cerrados.
  • Aeroportos e estacións de autobuses, de transporte marítimo e ferroviario.
  • Centro de atención social de adultos.
  • Outros lugares onde non exista prohibición de fumar e o seu titular así o decida.

Estas zonas de fumadores deben estar correctamente sinalizadas e non se permitirá a entrada a menores de 16 anos. Ademais, estarán separadas fisicamente das zonas de non fumadores. E a partir do 1 de setembro deste mesmo ano, as zonas de fumadores disporán de sistemas de ventilación axeitados e non se encontrarán en zonas de paso de persoas non fumadoras.

Limitacións na venda de tabaco

A venda de produtos de tabaco só poderá realizarse na rede de estancos ou por medio de máquinas expendedoras autorizadas (agás nas Illas Canarias).

  • Prohíbese a venda de tabaco ás persoas menores de 18 anos.
  • Prohíbese a venda de cigarros soltos por unidades e tamén en paquetes de menos de 20 unidades.
  • Prohíbese a utilización de máquinas expendedoras de produtos de tabaco por menores de 18 anos e establécense maiores esixencias para o seu control, sinalización e ubicación.
  • Non se permite a venda de tabaco en lugares onde estea prohibido o seu consumo.

Publicidade, promoción e patrocinio

A partir da entrada en vigor da Lei, queda prohibido todo tipo de publicidade de tabaco en prensa, radio, televisión, valados, marquesiñas e demais mobiliario urbano, en Internet, e en calquera outro medio e soporte de comunicación. Así mesmo, prohíbese a promoción dos produtos de tabaco mediante entrega de premios, sorteos, regalos, desconto nas compras, etc. Tamén se prohibe o patrocinio de eventos musicais, culturais, deportivos, sociais, etc., promovidos por empresas ou produtos relacionados co tabaco.

Concluíndo...

O tabaquismo pasivo (sufrido polos que conviven habitualmente en espazos onde se fuma) relacionouse co aumento do risco de cancro de pulmón, a asma e enfermidades respiratorias. Polo tanto, quen deixa de fumar ou evita facelo onde hai máis persoas, non só beneficia a súa saúde senón tamén a dos que o rodean. A pesar de que o balance global presentado por esta investigación de CONSUMER EROSKI é relativamente positivo (cada vez se fuma menos en lugares prohibidos) hai moitos datos do estudo que confirman o xa sabido: aínda queda moito por mellorar, e máis concretamente, resta moito para que se cumpra a Lei antitabaco.

¿Fuma alguien dentro dos espazos públicos “libres de fume”?

Si Non
Discoteca de adultos 100% 0%
Bar ou Restaurante de máis de 100m2 85% 15%
Discoteca light de menores 60% 40%
Hotel 60% 40%
Estación de Autobús 55% 45%
Mercado ou praza de abastos 50% 50%
Aeroporto 40% 60%
Universidade 30% 65%
Centro Comercial 35% 65%
Aparcamento cuberto 30% 65%
Estación de Tren 30% 70%
Metro 25% 70%
Instituto 15% 75%
Museo 5% 85%
Banco ou Caixa de Aforros 5% 95%
Concello 5% 95%
Hospitais grandes 0% 100%
Deputación 0% 100%