Cirurxía estética: aspectos legais

A información sobre inconvenientes e riscos, fundamental

Se se vai someter a unha operación de cirurxía estética, empregue o tempo preciso en elixir quen o vai operar
1 Abril de 2004
Img informe listado 281

A información sobre inconvenientes e riscos, fundamental

Desde que deixou de ser un tabú e un luxo, a cirurxía estética converteuse nun dos campos médicos que máis se desenvolveron nos últimos anos, pero tamén nun dos máis conflitivos. O impacto social que xeran os presuntos erros médicos en persoas sas converteuse nun lastre para a imaxe da profesión, que non se pon de acordo sobre a habilitación mínima que se lle debe esixir a un facultativo para exercer neste campo. Os médicos que practican intervencións de cirurxía estética deben estar en posesión do título de Especialista en Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética, que se obtén tras licenciarse en Medicina e Cirurxía e tras realizar cinco anos de Médico Interno Residente nun hospital acreditado (un ano en Cirurxía Xeral, outro en especialidades cirúrxicas afíns e tres anos específicos de Cirurxía Plástica).

Preto de 300.000 persoas sometéronse o pasado ano a algún tipo de operación de cirurxía estética, o que sitúa a España á cabeza de Europa e no terceiro lugar da clasificación mundial de gasto en medicina estética, cunha cifra equivalente a un terzo do orzamento do Ministerio de Sanidade e Consumo. Non en van este sector move seiscentos millóns de euros anuais nas súas dúas vertentes: a cirurxía estética, é dicir, aquela que busca un cambio do aspecto físico por medio dunha operación, e a medicina estética, que tamén persegue unha mellora estética pero sen intervención cirúrxica, aplicando tratamentos que non requiren o emprego do bisturí.

Amais de distinguir entre cirurxía e medicina estética, convén aclarar a diferencia entre a cirurxía estética e a reparadora ou reconstrutiva. Ambas as dúas engloban dentro a cirurxía plástica, especialidade que en España se coñece como Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética. Pero mentres que a plástica e reparadora atende a queimados, malformacións conxénitas ou adquiridas e se practica nos hospitais do Sistema Nacional de Saúde, a estética realízase para mellorar as estruturas normais do corpo con intención de aumentar o atractivo do paciente e a súa autoestima, e non está incluída no catálogo de prestacións da Seguridade Social.

Contrato de resultados, pero con matices

Cando unha persoa libre e voluntariamente se somete a unha intervención cirúrxica coa única intención de mellorar a súa estética, atopámonos ante un contrato híbrido, a cabalo entre o contrato de arrendamento de servizos, con obriga de medios, e o contrato de obra, con obriga de resultados. En calquera intervención médica, sexa de cirurxía estética ou non, incide o que se denomina azar irredutible. É dicir, pode acontecer que, malia unha actuación médica correcta, o resultado favorable non se dea acadado. Na medicina curativa a obriga médica é de medios: utilizar todos os medios dispoñibles con dilixencia para acadar a curación. Na medicina voluntaria a esta obriga médica xeral engádeselle un plus cara ó resultado, como a consecución dun tamaño de peito concreto, determinado nariz… Pero se o resultado non se acada pode haber ou non responsabilidade médica. Dependerá de se se acredita que houbo ou non culpa, impericia ou descoñecemento do saber médico, xa que é posible que a non consecución do resultado apetecido se deba non á neglixencia médica, senón ó azar irredutible. Por iso, o paciente debe ser informado exhaustivamente destas cuestións, é dicir, non só dos riscos, senón tamén da porcentaxe de posibilidades de que o resultado non se acade e de cantos factores poden impedilo. Outra cuestión ben distinta é que non só non se acade o resultado, senón que ademais se afee ou se lle cause algún tipo de dano ó cliente. Neste caso, a culpa médica presúmese, non hai que probala. Polo tanto, obriga de medios que se achega moito á de resultados.

Antes de operarse...

Non deixe que as súas ilusións o ceguen e analice ben todas as posibilidades. Consulte co seu contorno (familia, amigos íntimos).

Non se opere para gustarlle a alguén. É posible que as persoas do seu medio respondan positivamente á intervención, pero a cirurxía plástica está pensada para producir cambios en vostede, non nos demais.

Non oculte datos clínicos ou sanitarios por irrelevantes que a vostede lle parezan.

Non se deixe levar por unha publicidade, pois non sempre é tan veraz como debería. Saiba que, desde o punto de vista legal, forma parte do contrato e o seu contido é esixible polo usuario como contido contractual.

Unha operación de cirurxía plástica implica a profesionais altamente cualificados. Non confíe en ofertas estrela nin en prezos baixos. Trátase dunha intervención que require a máxima seguridade.

Non se someta a unha intervención en salóns de peiteado ou en centros de beleza.

Valore como algo positivo que traten de disuadilo da idea de someterse a un tratamento ou a unha operación. Isto é especialmente aplicable ás liposuccións, apropiadas para persoas con peso normal ou lixeiro sobrepeso, aínda que con acumulación de graxas no abdome, cadeiras… Para pacientes con sobrepeso ou obesidade existen outros tratamentos máis indicados e que non teñen nada que ver coa liposucción.

Empregue o tempo necesario para elixir quen o vai operar. Infórmese da experiencia do cirurxián e de se está colexiado. Pídalles referencias ás asociacións profesionais, ó seu médico de cabeceira e a outros doutores.

Pida segundas, terceiras e ata cuartas opinións. O médico deberá asesoralo, non venderlle unha operación. Desconfíe de quen lle prometa imposibles.

Aspectos legais que cómpre ter en conta

Comprobe que a clínica á que acode está legalizada e que dispón da autorización administrativa correspondente, adecuada á actividade que se realice. É imprescindible no caso da cirurxía e deberá estar nun lugar ben visible. Acuda cunha testemuña que poida declarar en caso de que a operación sexa un fracaso.

Os artigos 4 e 5 da Lei 41/2002, de 14 de novembro, establecen que, sempre que así o desexe vostede ou as persoas ás que autorice, ten dereito a ser plenamente informado dos inconvenientes e riscos da intervención, dos efectos colaterais, das implicacións familiares e laborais (días de baixa, repouso, etc.), e sobre todo, das complicacións habituais ou posibles tanto durante a operación coma no postoperatorio. Logo dalgunhas intervencións, como a colocación de implantes mamarios, poden xurdir complicacións mesmo meses despois.

Solicite por escrito os resultados que se obterán coa operación. Esixa que toda a información que lle proporcionen sexa clara, específica, detallada, comprensible e por escrito. Pida fotografías do antes e do despois.

Esixa un adecuado control clínico e unha monitorización das súas constantes vitais durante a intervención.

Pídalle o orzamento por escrito, detallado e especificando os materiais que se van utilizar. Solicite factura e copias dos documentos que asine, incluído o consentimento da operación. O pagamento final non debe superar o orzamentado. Non pague nunca con cheque ó portador. Saiba que non debe aboar o IVE se a intervención ten por obxecto tratar unha enfermidade ou as súas secuelas. Se se somete a unha técnica netamente estética, deberá pagar un IVE reducido do 7%.

Se durante o tratamento se implantou no seu organismo algún material (próteses, recheos, etc.), esixa un Ficha de Rexistro (en modelo oficial), que especifique todas as súas características marca e modelo, composición, tamaño ou volume, lugar da implantación, etc.

Como reclamar

Cando entenda que existiu unha asistencia irregular, non dubide en solicitar as pertinentes explicacións. De ser posible, pídaas por escrito.

Recompile todos os datos que demostren que existiu neglixencia médica.

En caso de falecemento ou de lesións graves pódese recorrer á vía penal (é máis rápida e económica) que pode levar á inhabilitación e/ou prisión para o médico, amais de ver resarcido o dano mediante a correspondente indemnización monetaria. Pódese exercitar calquera que fora o centro onde recibira a asistencia sanitaria (pública ou privada). Tamén se pode dirixir contra a clínica, neste caso por vía civil, en nome do seu representante legal, e contra os profesionais.

Para casos non tan graves, e no suposto de recibir asistencia sanitaria nun Centro dependente dun Organismo Público, pode solicitar a correspondente indemnización monetaria en vía administrativa. Nesta vía, única e exclusivamente se pode obter unha compensación económica: non se exercita acción penal ningunha contra o médico responsable. Esta opción iníciase mediante a interposición dunha reclamación contra a Administración Sanitaria, denominada Reclamación por Responsabilidade Patrimonial da Administración Pública. No suposto de non obter contestación no prazo de 6 meses, débese considerar que a Reclamación foi desestimada. Nese caso haberá outro prazo de 6 meses para acudir ós tribunais e iniciar un procedemento contencioso-administrativo, que remata mediante sentencia. A reclamación por responsabilidade patrimonial da administración preséntase en vía administrativa, non en vía civil. A xurisdición civil non é competente.

Se a asistencia sanitaria foi prestada nun Centro privado, pode solicitar a correspondente indemnización en reclamación das perdas e danos sufridos ante os Tribunais civís. Esta opción iníciase mediante a interposición dunha demanda contra o centro e/o médico responsable da suposta neglixencia médica, dependendo dos casos, e remata mediante sentencia.

Antes de interpor unha denuncia débese asegurar de que médico é o responsable directo do feito antes de denunciar o equipo médico. Para iso é fundamental o informe pericial e a valoración previa que das probas faga o avogado. O avogado valorará a quen demandar: ó cirurxián, ó anestesista, ó equipo encargado do postoperatorio, etc.

Os riscos dun corpo á carta

A medicina non é unha ciencia exacta, e menos cando falamos de cirurxía, onde non existe a seguridade ó 100%. Dentro deste campo, as operacións de estética contan cos mesmos riscos có resto de intervencións cirúrxicas ás que os pacientes se someten todos os días. A cirurxía e a anestesia, ben sexa local, rexional ou xeral, pode comportar alerxias, problemas cardiocirculatorios e de cicatrización, hemorraxias ou infeccións de tecidos, entre outros. E é que o corpo humano pode ter reaccións estrañas ata para os mesmos cirurxiáns, e pódense dar situacións con difícil ou ningunha explicación, e con resultados irreparables. Non obstante, a estética é unha cirurxía que na maioría dos casos non é intracavitaria, é dicir, cranial, torácica ou abdominal, e require unha anestesia menos profunda. Se a isto unimos o feito de que esta clase de operacións adoitan darse por razóns voluntarias, polo único desexo de cambiar algunha parte do corpo, e de que os pacientes que se enfrontan a elas adoitan gozar de boa saúde, a porcentaxe de risco e as complicacións son menores ca noutro tipo de intervencións.

Mamoplastias e liposuccións, intervencións arriscadas

O implante mamario é unha das operacións de estética máis demandadas, pero tamén unha das que máis riscos comporta. As complicacións locais que poden xurdir no transcurso da operación, ou durante o postoperatorio son dor, deformidade ou infeccións graves. Un dos riscos é a contractura da cápsula. Isto acontece cando a cicatriz do tecido que se forma arredor do implante engrosa e o aperta. Adoita aparecer trala infección e pode cumprir cirurxía adicional para corrixila, que pode consistir desde a extirpación do tecido implantado ata un posible reimplante deste tecido. Outro dos riscos máis comúns é a deflación, roturas ou perdas que se poden producir nos implantes. As mulleres ós poucos meses da operación poden notar unha redución no tamaño da mama, dor ou inchazo, e iso pode ser causado pola ruptura dos implantes de silicona. Os implantes formados con solución salina pódense desinflar mesmo poucos días despois da operación. Amais disto a posibilidade de dores ou infeccións pode repercutir en complicacións que leven a unha necesaria cirurxía adicional.
A liposucción é outra das operacións estrela. O feito de que non sexa unha operación complicada implica que en ocasións sexa practicada por cirurxiáns non capacitados que levan a cabo en moitos casos na propia consulta do médico, algo que fai que o factor risco aumente xa que de producirse nun hospital, se hai complicacións, a asistencia sanitaria é maior e máis rápida, o que non acontece igual na consulta do médico.
A causa da morte por esta operación é debida nunha trombose pulmonar causada por un coágulo de sangue nos pulmóns. Isto adoita acontecer ó día seguinte da operación unha vez que o paciente xa está na casa. Poñerse en mans dun bo especialista, o lugar onde se practica e as présas ou o tempo que se emprega para iso, son factores que aumentan ou diminúen o risco nesta operación.

Outono, a mellor época para cambiar de imaxe

  • Tome o tempo necesario para pensar na operación con calma. Non se deixe levar polas présas de lucir axiña a súa nova figura na praia. Pense en obxectivos a longo prazo: o Nadal ou o verán que vén.
  • A temperatura máis fresca do outono favorece a boa cicatrización e diminúe o risco de infeccións, mentres que o exceso de suor propio do verán non axuda á recuperación.
  • Teña en conta que o uso de faixas compresoras, necesarias no postoperatorio de intervencións como liposuccións ou abdominoplastias, é bastante máis levadeiro co clima outonal.
  • Saiba que na maioría dos postoperatorios están contraindicados os baños prolongados tanto en bañeiras coma en piscinas ou mar, o que é máis difícil de cumprir na época estival, e máis se se está de vacacións.
  • Non esqueza que o sol é un inimigo das operacións de estética. A exposición ós seus raios está prohibida nos días posteriores á intervención para evitar cicatrices indesexables.
  • Tempo, repouso e recuperación son as claves do postoperatorio de calquera intervención de cirurxía estética. Desterre a equivocada crenza de que en Cirurxía Estética case todo o podemos facer nunha fin de semana. A recuperación depende tanto da magnitude da intervención coma da capacidade individual e persoal de recuperarse.

O prezo da cirurxía estética

Cara

  • Aumento de pómulos: 900 / 2.500 euros
  • Blefaroplastia (pálpebras): 1.500 / 2.400 euros
  • Lífting cervicofacial (cara+pescozo): 4.800 / 5.500 euros
  • Liposucción de papada: 600 / 1.200 euros
  • Otoplastia (orellas de soplillo): 1.500 / 3.000 euros
  • Queiloplastia (intervención de beizos): 1.200 / 2.000 euros
  • Rinoplastia (corrección do nariz): 3.000 / 5.700 euros

Corpo

  • Abdominoplastia (estiramento do ventre): 3.700 / 5.500 euros
  • Mamoplastia:
    • Aumento: 2.400 / 6.000 euros
    • Redución: 3.900 / 4.800 euros
  • Lífting de brazos: 2.400 / 3.000 euros
  • Liposucción de abdome: 1.500 / 2.000 euros
  • Liposucción coxas e cadeiras: 2.500 / 5.500 euros