Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Enquisadas 3100 persoas para avaliar a frecuencia de consumo de máis de 200 tipos de alimentos : A dieta: diario dos alimentos máis habituais

Leituga, queixo, polo, pescada, lentellas, ovo en revolto e tortilla, melón, pan branco e azucre son os alimentos que se consomen con maior frecuencia

Ovos, legumes, cereais, froitas e azucre

Ovos

Cada fogar gastou durante 2013 en ovos 51 euros ao ano. Os ovos son un alimento de grande interese nutricional que achegan proteínas de elevada calidade, vitaminas (A, D e B12) e minerais (fósforo e selenio). Tamén proporcionan nutrientes esenciais nas etapas de crecemento e en circunstancias fisiolóxicas especiais coma o embarazo, a lactación e a vellez. Recoméndase un consumo de tres ou catro ovos por semana.

Segundo o Estudo ENPE, o ovo adoita tomarse con maior frecuencia en forma de tortilla ou revolto (un 91 % dos enquisados así o destaca). Despois, como ovos fritos (72 %) e, por último, como ovos cocidos (un 65 %). Por regra xeral, nos tres formatos o ovo tómase unha vez á semana.

Por idade, os ovos fritos consómense de forma máis habitual entre os entrevistados de 9 a 18 anos (un 83 % deles menciónao), pero só un 58 % dos enquisados maiores de 65 anos os toma desta forma. Prefiren a tortilla ou o revolto (un 90 % adoita consumilos deste xeito).

Legumes

Os legumes supuxeron para cada familia durante 2013 unha media de 82 euros. Os feixóns, os chícharos, os garavanzos, as fabas e as lentellas achegan hidratos de carbono, fibra, vitaminas e minerais. Tamén son unha boa fonte de proteínas. Se se mesturan os legumes cos cereais, obtense unha achega de proteínas de maior calidade. Recoméndase un consumo de polo menos 2 a 4 racións por semana de legumes.

Segundo o Estudo ENPE, os legumes con maior presenza na dieta dos 3100 enquisados son as lentellas (menciónaas o 91 %). Despois están os garavanzos (o 82 %), os feixóns (72 %), os chícharos (55 %) e as fabas (30 %). A maioría toma os legumes unha vez á semana, aínda que a metade dos que din tomar chícharos e fabas fano unha vez ao mes. Nos feixóns e nas fabas, atópanse diferenzas importantes por idade. Arredor do 58 % dos mozos de entre 3 e 18 anos inxire os feixóns con asiduidade, fronte ao 80 % dos maiores de idade. En canto ás fabas, duplícanse os enquisados que as mencionan, e pasan do 18 % dos menores de idade ao 38 % das persoas maiores de 65 anos.

Cereais

Segundo o INE, cada fogar gastou en pan e cereais 624 euros de media. Os cereais deben constituír a base fundamental da nosa alimentación por ser unha importante fonte de enerxía. A recomendación xeral é consumir de 4 a 6 racións de cereais e derivados ao día; iso si, cunha presenza importante de preparados integrais (arroz, pasta, pan etc.), por ser máis ricos en fibra, vitaminas e minerais ca os refinados.

En concreto, o pan é aconsellable en todas as comidas do día, aínda que é preferible o integral, rico en fibra, vitaminas B1 e B6 e magnesio. A pasta pódese consumir de 2 a 3 veces á semana e o arroz debería incluírse tamén con esa mesma frecuencia.

O 84 % dos enquisados no Estudo ENPE come pan branco de barra ou fogaza cunha frecuencia de case dúas veces ao día. Non obstante, só un 15 % come ese mesmo tipo de pan en integral. Por sexos, as mulleres comen o dobre de pan integral de barra e fogaza: un 20 % fronte ao 11 % dos homes. Tamén os maiores de idade: un 17 % fronte ao 6 % dos mozos e mozas participantes desta enquisa.

Por outra banda, o 93 % dos enquisados inxire habitualmente arroz (branco, paella, cubana, risoto) e o 88 % pasta tipo espaguetes, macarróns etc. En ambos os dous casos, unha vez á semana. Só un 19 % toma con asiduidade cereais no almorzo e un 7 % cereais con fibra.

Froitos secos

Cada fogar gastou en 2013 unha media de 64 euros en froitos secos. A principal característica dos froitos secos é o seu alto contido enerxético e a súa importante achega de ácidos graxos insaturados e fibra. Son unha boa alternativa de proteínas e lípidos de orixe vexetal. En concreto, as améndoas, as abelás, os anacardios, os piñóns, os pistachos e as noces teñen un contido en graxas maioritariamente de tipo insaturado; é dicir, axudan a controlar os niveis de triglicéridos e colesterol no sangue.

Ademais, os froitos secos son unha fonte extraordinaria de vitamina E, con efectos antioxidantes. E, polo seu contido relativamente elevado en fibra vexetal, axudan a regular o tránsito intestinal. Recoméndase unha inxestión de 3 a 7 racións por semana para adultos sans.

O Estudo ENPE comprobou que só o 50 % dos entrevistados consome améndoas, abelás e noces habitualmente case dúas veces á semana. O 41 % tamén inclúe na súa dieta unha vez ao mes cacahuetes (que son en realidade legumes), outro 32 % piñóns e pistachos e, por debaixo do 25 %, pipas de xirasol e cabaza, flocos de millo e outros froitos secos.

Froitas

Cada fogar español gastou en froita durante 2013 unha media de 387 euros. As froitas e os zumes de froitas achegan auga, azucres, vitaminas, minerais e fibra. Recoméndase consumir tres ou máis pezas de froita ao día, preferentemente enteiras, xa que os zumes carecen da maior parte da fibra que achega a froita enteira. Ademais, é fundamental que unha delas sexa rica en vitamina C, como os cítricos, kiwis, amorodos etc.

A través do Estudo ENPE, comprobouse que as froitas preferidas dos enquisados son o melón e a sandía (hai que ter en conta que a recollida de datos se realizou en época estival) e un 82 % deles aseguraba consumilos con asiduidade. Séguenos as mazás (un 79 %), o plátano e a chirimoia e as laranxas e as mandarinas (en ambos os dous casos arredor do 75 %). Por regra xeral, tanto o melón como a sandía, as mazás e o plátano e a chirimoia tómanse dúas veces á semana. Tan só un de cada seis entrevistados aseguraba tomar estas tres froitas a diario.

Por idade, o melón e a sandía prefírena os maiores de 19 anos. Non obstante, as mazás son máis comúns entre os máis novos (nenos de 3 a 8 anos) e prefírenos os maiores. Pola súa parte, os plátanos e as chirimoias prefírenos os máis pequenos, de 3 a 8 anos.

As froitas menos consumidas son os figos frescos (só o 24 % di consumilos habitualmente) e o aguacate (o 20 %). Tamén as desecadas, como as uvas pasas ou os dátiles, só mencionadas por aproximadamente o 11 %.

Por último, só o 49 % dos entrevistados toma zume natural habitualmente. As mulleres teñen algo máis de costume: o 51 % asegura tomar zume natural frecuentemente, fronte ao 47 % dos homes. Por idade, o zume natural prefíreno as persoas entrevistadas entre 9 e 18 anos (o 55 %, fronte ao resto de grupos de idade, que admiten tomalo por debaixo do 50 %).

Azucres, doces e bebidas azucradas

Cada fogar en España realizou un desembolso en azucres, confeituras, mel, chocolate, confeitería e xeados de 163 euros. Os azucres de absorción rápida, coma o azucre de mesa e o mel, caracterízanse por achegar enerxía e aumentar a palatabilidade dos alimentos e bebidas. O consumo destes azucres debe ser moderado, xa que unha inxestión elevada pode favorecer o sobrepeso e a carie dental.

Segundo o Estudo ENPE, o 60 % dos enquisados consome azucre con frecuencia (por regra xeral unha vez ao día) e un 23 % mel (case dúas veces ao mes). O azucre tómano con maior asiduidade as persoas enquisadas de entre 19 e 65 anos e os homes (en ambos os dous casos o 65 % deles).

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións