Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.
Menús do día: 143 de 12 cidades distintas, estudiados : A calidade nutritiva de case a metade dos menús do día é deficiente
¿Inflúe o prezo?
Cómpre preguntarse se o custo dun menú do día nos restaurantes do noso país ten relación directa co esmero no servicio ó cliente e coa calidade nutritiva dos pratos ofrecidos. Vexámolo. Os restaurantes estudiados que superan os 8 puntos en atención ó cliente cobran un prezo medio de 1.355 pesetas, e os que non chegan ó 7 teñen unha tarifa media de só 1.056 pesetas.
Neste apartado a calidade ten, xa que logo, un prezo e é lóxico que así sexa. Non obstante, deixa de darse esta correspondencia cando se compara a calidade nutritiva co prezo. Os menús que nutricionalmente resultaron deficientes e non chegaban sequera a 3 puntos tiñan un prezo medio de 1.277 pesetas, mentres que os que conseguiron 7 ou máis puntos custaban 1.200 pesetas de media. Polo tanto, pagar máis por un menú do día non equivale a que os pratos sexan máis saudables e conformes ó concepto de dieta equilibrada.
En canto a cidades, os menús máis económicos (non esquezamos que se estudiaron menús que custaban entre 1.000 e 2.000 pesetas) encontráronse en Málaga, cunha media de 1.050 pesetas, Valencia (1.082 pesetas) e Castellón (1.150 pesetas), mentres que os máis caros se localizaron en San Sebastián e Burgos, con máis de 1.400 pesetas de media. O custo medio do case centenar e medio de menús do día estudiados foi de 1.273 pesetas.
Unhas pautas sinxelas para alimentármonos ben a diario
Na alimentación cotiá non debe faltar unha ensalada ou un prato de verdura, mentres que os pratos de arroz ou pasta deberían consumirse entre unha e dúas veces por semana; os legumes, mellor tres días á semana. As patacas, que poden cociñarse de moitas maneiras, non hai problema ningún en tomalas a diario. A carne e o peixe deben aparecer coa mesma frecuencia, e, mentres non se sufran problemas de colesterol, pódense tomar seis ovos ó longo de toda a semana. Na sobremesa, convén inclinarse pola froita fresca, con dúas pezas como mínimo ó día, unha delas cítrica ou rica en vitamina C (kiwi, melón, amorodos).
Outra opción perfecta son os lácteos lixeiros, como o iogur (preferentemente descremado polo seu menor contido en graxa e calorías), a callada ou o queixo fresco. E o pan, xa se sabe, mellor se é integral.
Paxinación dentro deste contido
- Ir á páxina anterior: « Os menús, segundo as cidades
- Estás na páxina: [Páx. 3 de 5]
- Ir á páxina seguinte O máis destacado e o máis curioso »