Elixir animal de compaña

A cada fogar, a súa mascota

O estilo de vida, os horarios e a asunción de novas responsabilidades son aspectos que cómpre ter en conta cando se adquire un can, un gato ou unha ave
1 Febreiro de 2006

A cada fogar, a súa mascota

Seis de cada dez fogares españois teñen un animal de compaña. En España viven nas casas e pisos trece millóns de cans, cinco millóns e medio de gatos e máis de catro millóns de paxaros. Este auxe das mascotas non se viu freado polo seu custo. De feito, cada español gasta 499 euros ó ano no mantemento do seu fiel ‘amigo’. A cara amarga desta beneficiosa afección constitúea a porcentaxe de abandono. Segundo ASOFACA (Asociación para o Fomento da Adopción de Animais de Compañía Abandonados), o 60% das familias que convive cunha mascota abandónaa ó cabo de poucos meses. En total, deixamos na rúa a 200.000 animais cada ano. Estes datos ratifican a mensaxe que as asociacións de animais non se fartan de repetir: mellor adoptar mascotas que quedaron sen dono ca adquirir unha.

/imgs/20060201/perro.jpg A adquisición dun animal de compaña debe ser razoada e acordada entre todos os membros da familia, e non froito do capricho dun deles, polo xeral un neno. Cómpre sermos conscientes de que os animais son seres vivos, que requiren atención e coidados a longo prazo.

As visitas regulares ó veterinario (e os gastos derivados), a atención cotiá, o coidado e mais as preocupacións que ocasionan pasan a formar parte da nosa vida. Ademais, non todas as mascotas se axustan ós diferentes estilos de vida. Os hábitos de cada persoa ou da familia son un factor determinante para inclinarse por un tipo de animal. A atención que esixen será maior ou menor dependendo da raza, especie e tamén do sexo do animal.

Cans

Os cans son os ‘reis’ dentro das mascotas. Fieis e agarimosos, tornáronse nos animais de compaña máis populares.

Raza.

  • Para os nenos. Tamaño pequeno: cavalier king charles, carlino, westie, teckel de pelo duro, cócker. Tamaño mediano: épagneul bretón, labrador, golden retriever. Tamaño grande: boyero de Berna, boyero de flandes, leonberg.
  • Persoa soa: lebrel, carlino, bulldog.
  • Persoa deportista: labrador, cairn terrier, labrit, gos d’atura.
  • Persoa que vive nun piso: papillon, yorkshire, caniche.

Sexo. Polo xeral, as femias son máis caseiras e mellores para un piso. Ademais, son máis agarimosas cós machos, aínda que cómpre lembrarmos os seus dous períodos de celo anuais. Os machos, pola contra, son máis independentes e territoriais, e adoitan ter un carácter máis dominante coas persoas e cos cans do seu contorno, polo que a súa educación ha de ser máis estrita.

/imgs/20060201/perro2.jpg Idade. A idade idónea para adquirir un can sitúase arredor dos dous ou tres meses. A desteta ten lugar ás seis semanas, pero o cachorro aínda precisa a nai durante un tempo.

Custo de mantemento. Entre 270 e 1300 euros anuais, incluíndo comida e veterinarios. De optarmos por un cachorro, o primeiro ano hai que pagar preto de 210 euros en vacinas, desparasitación e chip de identificación (obrigatorio), ós que cómpre engadir uns 80 euros se se esteriliza (esta operación é máis cara cando o can é adulto).

Obrigas de a cotío. Hai que pasealos tres veces ó día, e un dos paseos debe prolongarse durante unha hora. Ademais, hai que xogar con eles polo menos quince minutos. No tocante á alimentación, ata que teñen catro meses cómpre darlles catro racións diarias (o veterinario informaranos sobre a cantidade), tres tomas ata os seis meses, dúas ata os oito meses e a partir daquela abonda cunha toma diaria, sen esquecer a auga fresca. Se teñen o pelo longo precisan un cepillado diario, e semanal se son de pelo curto.

A compra. Se en vez de adoptar un can prefire adquirilo, comprobe que se deixa manipular sen se amosar asustado nin agresivo; que non hai sinais de secreción ocular ou nasal; que non ten manchas no interior das orellas; que os dentes son brancos e agudos e que o alento non lle cheira mal. A pel debe ser moi elástica, limpa e sen zonas avermelladas. Se merca un cachorro, que non sexa excesivamente barrigón. Pode ser síntoma de que ten miñocas.

Prezo. Un can con pedigree custa entre 240 e 2000 euros, aínda que nas consultas veterinarias hai carteis que anuncian que se regalan cachorros ou cans adultos. Tampouco descarte os albergues para cans.

Gatos

Un dos mellores animais de compaña para vivendas pequenas. Co espazo do propio fogar abonda. Son animais limpos e adáptanse ó seu dono, sexa unha persoa nova e solitaria, un vello que pasa moitas horas na casa ou un neno, sempre que sexan agarimosos con eles. Lembre que son moi durmiñóns e que non fan tanta vida familiar coma un can.

Raza.

  • Nenos: siamés, chartreux.
  • Persoa soa: sagrado de Birmania.
  • Persoa que vive nun piso: persa chinchilla, azul de Rusia.

Sexo. En xeral, os machos son moi afectuosos. Encántanlles os agarimos, e poden pasar un bo cacho sobre os nosos xeonllos, pero tenden a escapar do fogar na etapa de puberdade na procura de femias e a marcar a casa como o seu territorio. Pola contra, as femias son independentes e apaixonadas, e tenden a ser máis cazadoras, sen arredarse tanto do fogar. Os seus repetidos celos poden ser causa de embarazos non desexados ou de miaños molestos nalgún momento.

/imgs/20060201/gato.jpg Idade. Non convén separalos moi decontado da súa familia: os xogos das agachadas, as pelexas entre irmáns e os castigos impostos pola nai son necesarios para un bo equilibrio.

Custo de mantemento: Entre 500 e 1000 euros anuais, incluíndo comida, area e veterinario. De optarmos por un cachorro, o primeiro ano páganse preto de 180 euros por vacinas e desparasitación, ós que cómpre engadir 60 máis se se opta por esterilizalo (esta operación é máis cara cando o gato é adulto).

Obrigas de a cotío. Hai que xogar con eles polo menos quince minutos, alimentalos entre tres e catro veces ó día ata os seis meses e unha ou dúas veces a partir desa idade. Tamén cómpre cambiarlles a area, cepillarlles o pelo a cotío se o teñen longo e semanalmente se son de pelo curto.

A compra. Escolla un gatiño activo e rebuldeiro que ature as caricias e as manipulacións. Repare no seu pelo, debe ser liso e brillante. Non debe haber zonas de pel sen pelo. Tampouco debe ter cotra debaixo dos dedos, e os ollos deben estar limpos e claros (sen manchas nas córneas), ben abertos e coa terceira pálpebra ausente. Se se trata dun gatiño branco de ollos azuis, trate de facer ruído para ver se oe. Ás veces estes gatiños son xordos.

Prezo. Un gato de raza pode custar entre 600 e 1200 euros, aínda que tamén os pode atopar en albergues para animais abandonados ou preguntando en calquera consulta veterinaria.

Roedores

Son moi diferentes entre si: o coelliño de Indias é un animal moi tranquilo, mentres que o rato e maila rata son máis trastes; o coello anano e a chinchilla son afectuosos; esta última, xunto co hámster e mais o rato, son animais nocturnos, mentres que o coello anano e o coelliño de Indias tamén están activos de día.
Estes animais non van ofrecer as mesmas demostracións de afecto que se recibirían dun can ou dun gato e a súa media de vida é máis curta. Un neno pequeno podería ter dificultades para comprender que, desde o punto de vista afectivo, non vai poder compartir moito con el.

Aves

Son a mascota ideal para as persoas da terceira idade porque non esixen moito traballo e acompañan permanentemente as súas horas de soidade. Se o que se está a buscar é un paxaro cantor, a primeira opción son os canarios. Se amais da voz procuramos exotismo, atoparémolo nun merlo shama asiático, nun reiseñor do Xapón ou nun mesia. Quen prefira un paxaro falador, deberá elixir entre un loro gris ou un mina do Himalaia. A peor época para mercar aves é o verán, xa que é cando tódolos paxaros, non sendo os papagaios, realizan a muda completa da plumaxe.

Peixes

/imgs/20060201/peces.jpg
Son mascotas moi difíciles de manter. Non fan ruído, non cheiran, non hai que sacalos pasear, non nos espertan de madrugada cos seus cantos. Habitualmente téñense en pequenos acuarios, pero non son o medio máis axeitado para albergalos. Ademais neles non podemos introducir os peixes chamados tropicais. A mellor opción é instalar un acuario completo, iso si, sen esquecer o investimento e coidados que comporta.

Animais exóticos

Serpes, tarántulas, iguanas, tucanos, monos ou calquera outro animal co apelativo de “exótico” causan furor, sobre todo entre os máis novos. Precisan dun coidado especial que moitas veces é pasado por alto polos seus donos. O noso clima pode variar moito con respecto ó que o animal precisa e non tódalas especies se poden adaptar a un novo hábitat. Ademais, a comida que se lles debe subministrar non é convencional, e un cambio na alimentación xera desaxustes.

/imgs/20060201/lagarto.jpg Este tipo de mascotas recoméndanse só para persoas realmente responsables e amantes dos animais, con posibilidades de lles ofreceren unhas condicións de vida o máis semellantes posible ó seu lugar de orixe e moita dedicación. Se aínda así se decide por un animal exótico, esixa o certificado CITES (Convención sobre o comercio internacional de especies ameazadas de fauna e flora silvestres), onde se demostre a súa procedencia e legalidade da venda.

Aspectos que cómpre ter en conta de se adoptar unha mascota
  • A convivencia con animais domésticos non está exenta de riscos para a saúde. O pelo dos gatos, cans, roedores e cabalos, por exemplo, pode producir alerxia. Os animais que non estean controlados por un veterinario e vacinados poden causar enfermidades que comporten perigo para a saúde no caso das mulleres embarazadas.
  • Estude o seu contorno, que será o da súa mascota. Se vive só ou con nenos pequenos ou adolescentes, considere o tempo do que dispón.
  • Teña en conta o tamaño da súa vivenda.
  • Analice ben que é o que está buscando e cales son as súas motivacións. Un can acompañarao nos seus paseos con entusiasmo, pero se lle encantan as películas na casa ou botar as tardes lendo non hai nada mellor ca un gato. E elixa con coidado tamén a raza, cada unha ten a súa personalidade.
  • Non adquira ou adopte un animal de maneira impulsiva. Pode acabar abandonado.
  • Saiba que un can ou un gato mestizo non teñen nada que lle envexar a un de raza: aínda son máis sans e lonxevos, e, por suposto, poden ser tan bonitos coma un de pedigree.