Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Analizados 200 gimnasios de 18 cidades de todo o país : A atención e o asesoramento ao cliente dos ximnasios seguen en baixa forma

Rexistrouse unha mellora relevante nos servizos e horarios ofertados. Suspenden a proba o 14% e un de cada tres establecementos logra unha cualificación de moi "ben" ou "excelente"

A saúde dos socios non parece importar moito

Os beneficios do exercicio físico para a saúde poden ser tan grandes coma os prexuízos, en especial cando se practican actividades de forma imprudente, nun estado de forma inadecuado ou se realiza un sobreesforzo. É necesario, xa que logo, que os centros lle presten unha especial atención á saúde dos seus socios e que conten con profesionais do sector. No entanto, constatouse que o desinterese e ata as neglixencias respecto desta cuestión están á orden do día.

Só o 14% dos ximnasios asegura realizar un exame médico previo ao cliente que acaba de inscribirse co fin de coñecer cal é a súa forma física (en 2004 facíano dúas de cada dez). Iso si, en seis de cada dez dos que o fan, o exame é completo, é dicir, levan a cabo un recoñecemento, proba de esforzo, análise de masa ósea e graxa, toma da presión arterial etc., mentres que no resto só se realiza unha toma de pulsacións e a recollida de datos do peso e altura. Os ximnasios máis profesionais neste aspecto foron os da Coruña, Córdoba e Vitoria, fronte aos de Murcia, Oviedo, Pamplona, Valencia e Valladolid, os máis deficientes neste ámbito.

A escasa proporción repítese tamén nos establecementos que dispoñen de consulta médica (de feito, a porcentaxe, un 18%, é mesmo inferior á rexistrada en 2004) e unicamente en dous de cada dez lle preguntaron ao técnico sobre o seu estado de saúde, se padecía algunha lesión ou enfermidade ou cuestións coma se levaba unha vida sedentaria, se fumaba ou tomaba algún tipo de medicación. En ningún centro de Logroño, Valladolid e Zaragoza amosaron interese por estes aspectos, o contrario do que sucedeu na metade dos visitados en Oviedo e en catro de cada dez de Málaga e Vitoria.

A situación agrávase se se ten en conta que só o 15% dos ximnasios ofrecía un seguro médico, aínda que polo menos oito de cada dez dispoñían dun seguro de responsabilidade civil, que cobre accidentes e lesións producidas neste tipo de establecementos. En dez ximnasios, tres de Zaragoza e Barcelona e un da Coruña, Logroño, Madrid e Oviedo, respectivamente, ofrecían a posibilidade de contratar un seguro médico non incluído na cota do ximnasio e que habería que aboar á parte.

Cando unha persoa acumula anos sen facer deporte ou nunca o practicou, debe comezar dun xeito controlado, con actividades acordes co seu estado físico e coas súas necesidades. Os expertos aconsellan empezar con exercicios cardiovasculares que axuden a coller fondo. Para iso precísase do asesoramento dun monitor profesional que deseñe unha táboa individualizada de exercicios. Pero en once dos ximnasios sinalaron que non ofrecían este servizo (dous en Logroño, Málaga, Murcia e Valencia e un en Oviedo, Pamplona e Sevilla).

Hai centros onde que non parece importar que todo estea en orde e non xurdan contrariedades: no 16% dos ximnasios non contaban cun monitor en todas as salas que vixiase que todos os usuarios se atopaban ben e que todo transcorría sen problemas. Os centros máis afectados por esta carencia foron os de Córdoba, Logroño e Murcia, fronte aos da Coruña, Barcelona, Oviedo e Valladolid, onde todos os ximnasios visitados coidaban este aspecto.

O jacuzzi ou a sauna poden resultar moi relaxantes, pero desaconséllanse para as embarazadas, persoas con presión arterial descompensada, cardiopatías severas, varices etc. No entanto, catro de cada dez ximnasios con estes servizos non informaban dos riscos do seu uso. Tamén hai que coñecer os efectos secundarios que poden causar os raios UVA, como cancro e enfermidades da pel e dos ollos. Con todo, un de cada tres ximnasios non informaba sobre este particular. Os mellores ximnasios neste punto foron os de Bilbao, Granada e Oviedo. No lado oposto, os de Sevilla, Valencia e Valladolid.

Por outra banda, sete de cada dez centros manifestaron que os seus empregados contaban coa titulación adecuada para levar a cabo o seu labor profesional. No entanto, nun de cada catro negáronse a contestar esta cuestión cando o técnico desta revista, facéndose pasar por un futuro cliente, se interesou por iso. No resto dos ximnasios, a resposta foi ambigua. De feito, esta é unha das razóns polas que no 13% dos ximnasios o trato que lle prestaron ao técnico da revista non foi o que cumpría esperar. Os ximnasios nos que a persoa que acompañou ao técnico ás visitas foi máis atenta e mellor información ofreceu foron os da Coruña e Valencia, fronte aos de San Sebastián. Ademais, un de cada tres ximnasios carecía de cartel que informase da existencia de follas de reclamacións (ningún dos visitados en Alacant, Logroño, San Sebastián, Valladolid e Valencia).

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións