A calor e a fatiga, inimigos ao volante

Conducir con calor é perigoso porque a nosa capacidade de atención e de reacción diminúe. Por iso hai que deterse cada dúas horas e hidratarse durante o traxecto
1 Xullo de 2010
Img salud listado 685

A calor e a fatiga, inimigos ao volante

É invisible e silandeira, pero os seus efectos poden ser letais. Conducir durante un longo traxecto con temperaturas elevadas dentro e fóra do vehículo contribúe a que os niveis de concentración e de atención do condutor sobre o volante diminúan. Esta non é unha advertencia menor, a nosa vida e a doutros compañeiros de estrada está xogo. A razón: conducir con temperaturas superiores aos 30 °C reduce os reflexos coma se se tivesen 0,5 gramos de alcohol en sangue. Por se fora pouco, a calor fai que as sensacións de fatiga e de somnolencia se disparen ata o punto de que o cansazo é a cuarta causa de sinistralidade con vítimas mortais nas estradas españolas, por riba doutras como o estado das estradas ou as condicións meteorolóxicas adversas.

O nerviosismo e a agresividade aumentan conforme máis calor marca o termómetro do coche. Calcúlase que o número de veces que se toca a bucina nun semáforo ou nun atoamento medra de xeito considerable cando a calor abafa. Un inconveniente que, xunto co cansazo e o baixo rendemento visual e físico, dificulta circular pola estrada con responsabilidade. Para este verán a DXT prevé 86 millóns de desprazamentos, o que implica un maior número de accidentes motivados, entre outras razóns, pola perda de concentración e a fatiga, froito das altas temperaturas. Os expertos en motor e saúde de EROSKI CONSUMER propoñen unha serie de consellos e recomendacións para aprender a combater a calor na estrada e para controlar a fatiga.

Como detectar a fatiga?

A calor é, xunto coa falta de sono, as comidas copiosas e a ausencia de descanso durante traxectos longos, o principal factor desencadeante da fatiga. Isto provoca, entre outras cousas, unha diminución da atención ao volante e a redución da capacidade para procesar a información e para calcular as distancias e as velocidades. Estímase que aumenta nun 86% o tempo de reacción ante un obstáculo situado na vía, o que incrementa o risco de sufrir un accidente. En ocasións, o desexo e a ansia por chegar ao destino das vacacións fai que non se tomen en serio os primeiros indicios de cansazo porque “xa pasarán”. Pero non pasan se non se adoptan as medidas oportunas. Por iso, a mellor maneira de previr o cansazo e a somnolencia motivada pola calor é aprender a detectar os primeiros síntomas e saber como actuar para frealos.

As primeiras manifestacións que advirten da urxencia de descansar son a necesidade de moverse e cambiar de postura de xeito constante mentres se conduce, así como a sensación de ter os brazos e os pés durmidos. A tensión no pescozo, a comechón e pestanexo constante nos ollos, os zunidos nos oídos ou a necesidade de tocar a cara e o pescozo non son signos pasaxeiros e casuais, senón sinais de alarma de que a fatiga acaba de subir ao noso vehículo. Este fenómeno detéctase tamén por outros indicadores psíquicos, como o aburrimento, a ansiedade, a inestabilidade e unha maior brusquidade ou agresividade nos movementos e nas manobras. E o peor é que estes síntomas aumentan progresivamente, en frecuencia e intensidade, a medida que o condutor se aproxima ao seu lugar de destino.

Parar cada dúas horas e estarricarse

O antídoto máis eficaz para previr a aparición da fatiga, ben sexa porque caemos presos dela polas altas temperaturas no interior do coche, ou ben porque o cansazo e o sopor puideron connosco, é planificar a ruta coa esixencia de que cada dúas horas ou cada 150 km ou 200 km percorridos imos parar descansar nunha área de servizo cunha boa sombra, se é posible. Non abonda con deixar de conducir, a pausa debe prolongarse polo menos 15 minutos, nos que se aproveitará para airear o vehículo, ir ao baño e estarricar os brazos e as pernas ou dar un pequeno paseo para que o descanso sexa efectivo. Se aínda así os síntomas de somnolencia permanecen, non hai que dubidalo: unha pequena sesta de 20 minutos é a mellor medicina para recargar os niveis de vixilancia. Este é tamén o intre apropiado para beber algo, obviamente sen alcohol, xa que descoidar a hidratación do noso corpo axuda a que se desenvolva a fatiga muscular e mais a somnolencia. A auga en abundancia é unha boa aliada, pero durante os traxectos longos recoméndase non deixar caer o nivel de azucre, xa que esta diminución pode orixinar unha perda de reflexos. Por iso os refrescos son as bebidas que mellor hidratan, despexan e refrescan. As bebidas con azucre proporcionan enerxía e favorecen a capacidade de atención e de reacción, xa que a glicosa é a principal fonte de enerxía do cerebro. Por iso, tomar bebidas con azucre, así como caramelos ou gomas de mascar cada certo durante a condución axuda a manter os niveis de alerta e de atención na estrada. Agora ben, non se trata de comelos a fartar. Non hai que abusar dos produtos azucrados ou de glícidos-féculas e azucres, xa que se se fai favorecen a somnolencia entre media e unha hora despois da súa inxestión.

A temperatura apropiada do coche: entre 20°C e 24°C

A temperatura no interior do coche non debería superar os 24ºC nin atoparse por baixo dos 20°C. Pero, ante todo, hai que aplicar o sentido común e acordar unha temperatura na que os ocupantes do vehículo non sintan nin demasiado frio nin moita calor. Pero, ollo!, o uso do aire acondicionado non sae gratis: fai que a potencia do motor diminúa e que aumente o consumo de combustible. De feito, estímase que por cada grao que se lle esixa ao aire acondicionado por baixo dos 24°C o vehículo consumirá un 8% máis de enerxía. Aínda así, a sensación relaxada que proporciona axuda a combater a fatiga e a somnolencia, polo que paga a pena facer un uso intelixente do aire acondicionado. A primeira regra para logralo é non o pór en funcionamento así que montamos no vehículo. Unha vez no automóbil, hai que baixar as fiestras para sacar o aire quente, pechalas despois e acender o aire acondicionado.

A roupa tamén dá calor

Combater a calor do interior do vehículo é fundamental para conseguir unha sensación de benestar. O aire acondicionado, o climatizador ou a corrente de aire que entra polas ventás contribúen a iso. Pero a roupa tamén. Os tecidos naturais -algodón e liño- e de cores claras -reflicten cara a fóra parte da enerxía solar- evitan que a sensación de calor sexa maior respecto ás pezas de roupa de cores escuras, xa que absorben boa parte da luz do sol. E se esta roupa é ancha e cómoda, mellor. As pezas de roupa estreitas e axustadas non só fan que se transpire peor, senón que impiden a liberdade de movementos, dificultan a circulación do sangue e xeran estrés e irritabilidade no condutor.

Estes mesmos apuntamentos se adaptan aos tecidos dos asentos. Hai que fuxir das fundas sintéticas ou acrílicas, pois non permiten que o corpo transpire e, en consecuencia, provocan que a suor aumente. Por iso interesa optar por adaptadores de fibras naturais, polo menos para o asento do condutor.

Coidado cos medicamentos

A calor inflúe negativamente nos niveis de atención e de reacción de todos os condutores, pero tamén hai outros xestos cotiáns que o fan e dos que descoñecemos os riscos, que resultan unha combinación moi perigosa na estrada. Tomar medicamentos tan convencionais como os analxésicos, os antihistamínicos ou os antiinflamatorios poden orixinar somnolencia, mareos ou visión borrosa. E o máis alarmante é que en numerosos casos o paciente non coñece o risco potencial dos medicamentos que inxire durante a condución, por falta de información do persoal sanitario, ou por non ler con detemento o prospecto do fármaco. Ante a dúbida, hai que consultar co médico os efectos secundarios do medicamento en cuestión.

Se este verán vai conducir lembre:
  • Antes de emprender unha viaxe longa, durma o suficiente, unhas 7 horas. Deixe o maleteiro preparado a noite anterior para gañar tempo e non se poña ao volante despois dunha xornada de traballo sen descansar.
  • Se pode, evite viaxar nas horas centrais do día nas que a calor é maior. Durante a viaxe, descanse cada 2 horas ou 200 quilómetros nas áreas e estacións de servizo.
  • En cada parada, saia do coche, descanse polo menos 15 minutos e estarríquese ou dea pequenos paseos.
  • Asegúrese de aproveitar as paradas para ventilar o habitáculo do vehículo, baixará a temperatura e evitará os niveis altos de monóxido de carbono.
  • Mantéñase hidratado, xa que a falta de líquidos causa, entre outras cousas, unha redución da atención, dor de cabeza e cansazo muscular.
  • Un nivel baixo de azucre xera fatiga e falta de atención. Evite que isto aconteza durante a viaxe. Nunca beba alcohol se vai conducir. Calquera bebida alcohólica, aínda que a súa graduación sexa baixa, diminúe a atención, as capacidades visual e auditiva, retarda o tempo de reacción e acelera a aparición da fatiga. A auga e os refrescos son as mellores opcións para manterse hidratado.
  • Faga un uso intelixente do aire acondicionado; baixe as fiestras antes de arrancar o coche para que saia a calor, e pécheas así que accione o aire.
  • A temperatura axeitada do vehículo atópase entre os 20°C e os 24°C. Cada grao de máis por baixo dos 25°C que lle esixa ao aire acondicionado fará consumir un 8% máis de carburante.