Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Maquillaxe infantil: Cando o colorete non pinta nada

Para imitar a mamá ou para parecerse a spiderman. Aos nenos encántalles disfrazarse e xogar a ser outro, pero convén ter coidado á hora de aplicar cosméticos na súa cara e elixir ben os produtos. Canto menos anos teñen, máis sensible é a súa pel aos axentes externos.

 

A Lydia Craven, unha nena de tres anos de Illinois (EUA), os seus pais regaláronlle un set de maquillaxe infantil. Probou o xogo e en menos de 24 horas estaba hospitalizada por unha forte reacción alérxica. As fotos que viralizou a súa familia por Facebook en marzo para concienciar sobre a importancia de ler as etiquetas destes produtos son impactantes. Apenas podía abrir os ollos do inchados que estaban. Os beizos aparecían cheos de chagas e erupcións, e ardíalle tanto a pel que debían poñerlle compresas frías cada 30 minutos. Tardou dúas semanas en recuperarse. O kit contiña seis substancias químicas que poden causar reaccións alérxicas de gravidade en peles sensibles.

Xogar con maquillaxes e pinturas non é unha práctica inofensiva. Aos máis pequenos parécelles fascinante asemellarse aos seus superheroes, personaxes de debuxos animados e animais preferidos. En calquera festa, se non chegan a disfrazarse, polo menos pintan a cara para parecerse a eles. Por iso collen os seus cosméticos de xoguete e maquíllanse, pintan as uñas e ata se atreven cunha tatuaxe temporal. Non ven o risco que estes xogos poden supoñer, malia estar formulados para o público infantil e cumprir tanto a normativa española de cosméticos como a de xoguetes.

"Estas pinturas están pensadas para ser facilmente retiradas e deben ser hipoalerxénicas, pensando na pel dos nenos", sostén o dermatólogo pediátrico Francisco Javier del Boz. Pero, que quere dicir hipoalerxénico? Segundo explica a Asociación Nacional de Perfumería y Cosmética (Stanpa), significa que ten un reducido potencial de causar reaccións alérxicas. Tamén que o fabricante puxo máis énfase na selección de ingredientes e nas probas para reducir aínda máis a probabilidade de provocar reaccións adversas.

Xa que logo, é posible que estas maquillaxes produzan problemas cutáneos como a dermatite de contacto (alérxica ou irritativa), sobre todo en nenos con pel sensible (atópicos). Eccemas ou zonas de pel vermellas, formación de pequenas vesículas, inchazón e proído son os síntomas que alertan deles.

Produtos como lacas de uñas ou barras de labios conteñen substancias químicas (colorantes, conservantes, fragrancias ou disolventes) que poden ser alerxénicas e/ou irritantes, recorda Del Boz: "Deben evitarse en nenos, sobre todo nos pequenos". As tatuaxes temporais tamén tenden a orixinar reaccións alérxicas relacionadas cos aditivos engadidos á henna para aumentar a súa durabilidade, en especial a parafenilendiamina. E poden supoñer un perigo serio, xa que estas reaccións poderían "condicionar problemas posteriores con tintes téxtiles ou capilares", engade o especialista.

ATA OS 6 ANOS, COIDADO.

Cos máis pequenos é mellor non usar ningún destes produtos, algo que xa advirten moitas etiquetas. A pel dos menores de tres anos é moi vulnerable a calquera axente externo debido á súa fina epiderme e a súa pouca graxa subcutánea. Presenta unha gran permeabilidade, xa que a superficie do tecido cutáneo respecto do peso corporal é tres veces maior que nos adultos. Todo iso fai que o risco de toxicidade sexa moito maior. Ademais, o seu pH é neutro (7) e, xa que logo, con menos acidez que o dun adulto (5,5), o que a fai máis sensible ás irritacións e infeccións.

Co resto dos nenos, e tendo en conta que ata os seis anos a súa pel non se asemella á dun adulto (e ata a puberdade as glándulas sebáceas non están do todo activas), hai que tomar precaucións tanto ao comprar como ao aplicar estes produtos. Aínda que non é común, os controis de seguridade poden fallar. A Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN) non recibiu desde 2013 notificacións sobre produtos destas características que puidesen entrañar riscos para os nenos. Con todo, en agosto pasado saltaron as alarmas cando o Sistema Europeo de Alerta Rápida (RAPEX) ordenou retirar do mercado uns estoxos de maquillaxe infantil que contiñan restos de amianto (un material canceríxeno) na República Checa, España e Portugal.

Ler antes de aplicar

 

Para a Asociación Española de Fabricantes de Juguetes (AEFJ), a clave para detectar se un cosmético é ou non seguro está no etiquetado. Toma nota destes consellos:

  • Asegúrate de ler toda a información contida na etiqueta. Ten en conta as recomendacións de seguridade e de idade. Tómaas en serio. Non compres xoguetes que non teñan o marcado CE no xoguete ou na súa embalaxe e tampouco aqueles nos que non conste o enderezo do fabricante..
  • Revisa a lista de ingredientes que debe aparecer no etiquetado, en especial se o teu fillo ten alerxia a algunha substancia ou fragrancia. No caso de que estes non aparezan detallados, non adquiras o produto.
  • Conserva o envase ou soporte do etiquetado, por se se produce algunha reacción alérxica e debes informar da súa composición.
  • Compra en comercios de confianza e conserva o tícket de compra, que necesitarás en caso de facer algunha reclamación.
  • Deben incluír as precaucións de emprego e advertencias de uso co uso explícito da palabra "Advertencia", o número de lote de fabricación e o país de orixe (se é de fóra da UE). A estas pautas habería que engadirlle os consellos dos profesionais médicos, como que se utilicen produtos de maquillaxe de calidade, se é posible comprados en farmacias ou que sexan dermatoloxicamente probados ou hipoalerxénicos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto