Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

RADIOGRAFÍA DA GALLETA

É UN CAPRICHO PARA OS MÁIS PEQUENOS E UN PECADO PARA OS MAIORES. PERO COIDADO AO ESCOLLER. UNHA ELECCIÓN ACERTADA DEBE CONSIDERAR A CANTIDADE DE AZUCRES QUE ACHEGAN, O SEU PERFIL LIPÍDICO E OUTROS ASPECTOS COMO O SAL OU A FIBRA.

 

Cada persoa come ao ano en España 5,8 quilos de galletas, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). É un produto presente en case todos os fogares, haxa nenos ou non. A súa variada gama e o seu baixo prezo (o quilo custa unha media de 3,49 euros), fainas sumamente atractivas. Así que, se entramos nunha casa calquera nunha cidade calquera e abrimos un armario ao azar na cociña, atoparemos unha caixa de galletas. Seguro.

Xa sexa para o almorzo, para a merenda ou para picar de cando en vez. Con todo, se observamos a Pirámide da Alimentación Saudable baseada na dieta mediterránea, que nos permite coñecer a recomendación de cantidade e frecuencia que deberiamos inxerir de cada tipo de alimento, comprobamos que as galletas están na súa parte máis alta. O seu consumo debe ser, xa que logo, moi ocasional, dado o seu alto contido en azucres (incluído o engadido, o menos recomendable), a abundancia de graxa (en moitas ocasións, de baixa calidade), e unha composición a base de fariñas refinadas (poucas veces son integrais). Incluso o sal, que a priori podería parecer anecdótico nun produto eminentemente doce, ten unha presenza que debemos vixiar.

Este perfil nutricional converte as galletas en practicamente iguais á bolaría, aínda que a un consumidor medio poida parecerlle que se trata de dúas realidades moi distintas. Entidades de referencia como a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e outras sociedades científicas considéranas produtos idénticos desde o punto de vista nutricional.

Para esta Guía de Compra seleccionáronse as 15 galletas máis frecuentes na cesta da compra, representativas das diversas variedades que poden atoparse no mercado. Son as seguintes: Chiquilín, Marbú 0% Azúcares e Dinosaurus, de Artiach; Dorada Redonda e María Integral, de Eroski; Digestive de Avena con Chocolate e Active Integral, de Gullón; La Buena María, de Fontaneda; Avenacol Digestive, Tosta Rica e Choco Flakes, de Cuétara; galletas bañadas en Chocolate Blanco e Mini, de Oreo; Príncipe Rellena de Chocolate, de LU, e Chips Ahoy, da marca do mesmo nome. En todas elas analizamos a súa cantidade de azucres, de sal e de fibra, o tipo de graxa utilizado, se o cereal empregado é integral ou non e o seu nivel de prezo.

O QUID DA RACIÓN.

Á hora de facer unha elección responsable, a ración é a primeira dificultade que debemos resolver. Non se pode elixir ben sen comparar, e non se poden contrastar os datos con precisión cando cada fabricante indica unha ración de consumo recomendado diferente. O dato por 100 g, obrigatorio segundo normativa, non sempre é fácil de atopar (letra pequena, parte posterior do envase...).

Ademais, a media real en España para cada inxesta queda moi lonxe desa cantidade, como acredita, entre outros, o Centro de Ensino Superior de Nutrición e Dietética (Cesnid). De feito, o consenso científico sitúase nunha cifra próxima aos 50 g por inxesta de galletas, e ese é o valor elixido nesta guía para facilitar a comparación. A forma en que algunhas marcas presentan a súa información nutricional pode confundir ao consumidor e ocasionar erros de apreciación sobre o impacto real dese produto na súa dieta.

Por exemplo, tanto Chiquilín como La Buena María, de Fontaneda, ofrecen na parte frontal dos seus envases a indicación "Suxestión de consumo", acompañada da información sobre o impacto nutricional por unidade. Unha galleta Chiquilín (8,8 gramos) contén 42 kcal (o 2 % da Inxesta de Referencia). La Buena María (6,1 gramos) supón 27 kcal (o 1 % da IR). Pero, é realista pensar que se consumen dunha nunha? A ración media descrita polos expertos rolda os 50 g, o que se traduce entre cinco e seis galletas Chiquilín e unhas oito de La Buena María. Estas cifras máis realistas supoñen nada menos que o 12,2% e o 11% da IR de calorías respectivamente, algo moi afastado do que os envases lle dan a entender ao consumidor. Outras galletas como Marbú 0% ou Tosta Rica ofrecen datos moito máis próximos a unha ración realista (6 e 7 galletas, respectivamente).

PURA ENERXÍA, OU MOITAS CALORÍAS?

 

As galletas son un produto moi enerxético, é dicir, moi calórico. Hai que ter coidado, xa que logo, co seu consumo e alternalo con outros produtos: por exemplo, 50 g de pan e un plátano no almorzo suman menos calorías que 50 g da maioría das marcas analizadas. Pero os amantes das galletas tamén teñen opcións máis ou menos calóricas. A diferenza entre marcas é significativa: entre a máis calórica e a menos hai 38 kcal (as calorías dunha mandarina).

Pero a importancia das calorías non só depende da súa cantidade. Tamén, dos ingredientes que as achegan. Un exemplo: o aceite de oliva contén tantas calorías como o de palma, pero o primeiro é moito máis saudable que o segundo. No caso das galletas, se poñemos o foco na súa composición, xorde un novo obstáculo: coñecer a cantidade de cada ingrediente na galleta elixida. Como marca a normativa, os ingredientes aparecen ordenados no etiquetado segundo a súa cantidade (de máis a menos).

O desexable (aínda que non obrigatorio) é que se indique tamén a porcentaxe. Esta información ofrécena as marcas na medida dos seus intereses. Por exemplo, as Mini Oreo infórmannos de que, entre os seus ingredientes, hai un 4,5 % de cacao magro en po (o que parece relevante nunhas galletas de cacao, e por iso se destaca), pero non concretan a porcentaxe de graxa de palma ou de aceite de nabiña. O segundo é moito máis saudable, pero cos datos do envase só podemos saber que está menos presente, non en que medida.

As galletas Digestive Avena con Chocolate de Gullón, pola contra, engádenlle á táboa nutricional obrigatoria información adicional sobre algúns ingredientes. Así sabemos que teñen un 34 % de copos de avea, un 22 % de fariña integral de trigo, un 15 % de pingas de chocolate negro e un 14,5 % de aceite de xirasol alto oleico. Parece que as marcas son máis proclives á transparencia cando se trata de compoñentes saudables.

O ránking das calorías

  • Oreo bañada en chocolate blanco: 255
  • Chips Ahoy: 250
  • Chiquilín: 244
  • Dorada redonda Eroski: 240
  • Mini Oreo: 239
  • Digestive Avena con chocolate: 238
  • Dinosaurus: 238
  • Tosta Rica: 232
  • Príncipe rellena de chocolate: 232
  • Active Integral: 227
  • Choco Flakes: 225
  • Marbú 0% Azúcar: 224
  • Avenacol Digestive: 222
  • La Buena María: 220
  • María integral Eroski: 217

Calorías por 50 g

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto