Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

^

Conchita García, médica xerontóloga, e secretaria da Área de Asistencia Sanitaria en Residencias da Sociedad Española de Geriatría y Gerontología: "Sempre me gustou traballar con anciáns no ámbito das residencias, desfruto coa proximidade do día a día"

Máis de 8 millóns de adultos superan os 65 anos, o 18 % da poboación. E segundo o Perfil das persoas maiores en España que elabora cada ano o CSIC, en 2051 o 35 % dos cidadáns pasará esa idade. A todos nos inquieta o asunto: Como afrontar esa etapa dourada? É mellor vivir nun centro ou recibir compañía?

 

Facerse maior é un proceso natural e individual, pero implícanos a todos: España converterase a mediados de século no segundo país -o primeiro será Xapón- máis envellecido da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Os avances médicos e o sistema de benestar aumentaron a esperanza de vida, que hoxe en España se sitúa en 82 anos. Vivimos máis e mellor. Pero, o que a nivel individual é un progreso, a nivel colectivo representa un problema?

Segundo a Organización Mundial da Saúde, "non hai unha persoa maior típica". Mentres algunhas conservan as súas facultades físicas e psíquicas cumpridos os 80 anos, outras sofren un deterioro considerable a idades ata moito máis temperás. Pero, din os expertos, a auténtica lacra na vellez é a soidade, que pode causar depresión.

CANDO ENVELLECER É NEGOCIO.

Nun dos países máis envellecidos do mundo os maiores tamén son obxecto de negocios, e as empresas de servizos sociais centran os seus esforzos en crear un mercado ao seu arredor. Hai máis de 5 500 residencias en España. As comunidades con máis centros son Cataluña, Castela e León, Andalucía, Madrid e Castela-A Mancha, que concentran o 62 % das prazas nas residencias de anciáns. Pero pagar un servizo de calidade non é barato. O prezo medio dunha residencia xeriátrica en España parte dos 1 500 euros ao mes, aínda que existe a posibilidade de que o maior pague unha porcentaxe da súa pensión en función dos seus ingresos, que pode ser de ata o 90 %. A facturación do sector achégase aos 4 200 millóns de euros anuais, segundo o estudo Sectores. Residencias para la tercera edad , da consultora DBK.

Con todo, para os expertos, o reto non só é económico. Tamén social. O 4 % da poboación con 65 anos ou máis vive en residencias e, deles, sete de cada dez son mulleres e o 78 % supera os 80 anos. Aínda que o ingreso nunha residencia é a principal opción dos familiares, só dous de cada tres maiores de 65 anos que o desexan ou necesitan teñen praza nunha residencia pública ou concertada. Para os que esperan, o tempo de demora -sen datos nacionais unificados, porque os servizos sociais son competencia das comunidades- pode prolongarse durante meses nalgunhas rexións. Noutras, ata anos: é o caso de Lugo, onde a Plataforma Avós... Felices afirma que a lista de espera dos seus maiores chegou a superar os dous anos para unha praza pública. Tras as residencias, a segunda opción máis demandada é o coidador, unha atención a domicilio adecuada para persoas aínda autónomas, que desexan asistencia persoal e sanitaria sen renunciar á súa privacidade. Esta é a opción de máis de 167 000 maiores en España.

CANDO O QUE SE BUSCA É COMPAÑÍA.

Pero aínda hai máis opcións para os maiores: entre elas, a teleasistencia domiciliaria, ideal para persoas autónomas que desexan seguir na casa pero ter unha axuda inmediata sempre que necesiten. E noutros casos, o que precisan é sinxelamente compañía unhas horas ao día. A Fundación Amigos de los Mayores é unha das ONG dedicadas a evitar a soidade e illamento destas persoas. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida e a autoestima. Para iso, creou unha rede de voluntarios en Madrid, Galicia e País Vasco que ofrece compañía e amizade na casa ou en residencias.

Ademais existen os centros de día, pensados para os maiores que viven acompañados, pero que necesitan un reforzo de estimulación cognitiva ou física durante o día. E aínda hai máis opcións, como o cohousing, unha alternativa ás residencias e pisos titorizados, e programas de fomento do envellecemento activo. Envellecer é un proceso natural e individual, pero o reto é colectivo, e implícanos a todos.

A experta: Conchita García, médica xerontóloga, e secretaria da Área de Asistencia Sanitaria en Residencias da Sociedad Española de Geriatría y Gerontología: "O prezo da residencia privada pode ser caro se se compara coas pensións"

Para a madrileña Conchita García, o coidado médico dos maiores constitúe unha vocación e un reto: "Sempre me gustou traballar con anciáns no ámbito das residencias, desfruto coa proximidade do día a día", di esta doutora xerontóloga, secretaria da área de Asistencia sanitaria en residencias da Sociedad Española de Geriatría y Gerontología. García, amante dos libros e das viaxes, admite que non todas as residencias de anciáns son iguais, que lograr praza nun centro público non sempre resulta fácil, e que os prezos das residencias privadas "poden resultar caros" para demasiadas familias.

Case 20 de cada 100 cidadáns superan os 65 anos. Que reto suscita este aumento do número de persoas maiores?

O reto esencial ao que nos enfrontamos é mellorar a calidade de vida de todos eles.

Das 5 387 residencias de anciáns que hai en España, só o 24 % son de titularidade pública. Como funcionan as residencias en España? Son todas iguais?

Son centros onde médicos e outros especialistas en xeriatría e xerontoloxía nos dedicamos a coidar, atender e intentar mellorar a calidade de vida dos anciáns. Creo que funcionan moi ben. Pero, claro, non todas son iguais: cada centro ten unha marca característica. Por iso, a miña recomendación para as familias é facer unha boa busca, para estar seguro de que o centro escollido ofrece os requirimentos que necesita a persoa.

Poñamos un exemplo concreto: un señor de 85 anos que xa non pode vivir só. A familia dubida entre unha residencia ou contratar un coidador a domicilio. Por onde debería comezar a informarse?

A familia debería consultar cun médico especialista en xeriatría. Este paso sempre é recomendable, xa que os poderá informar e orientalos das necesidades e os requirimentos do seu familiar. A partir de aí, hai que atopar a opción e o centro apropiado.

A pensión media en España é de 926 euros ao mes, e o prezo dunha residencia pode custar o dobre, aínda que o maior paga unha porcentaxe da súa pensión en función dos seus ingresos. Como pode saber se a pensión é suficiente?

Existen, como di, axudas económicas para acceder a unha residencia pública. Respecto das residencias privadas, é certo, o prezo pode ser elevado, en especial se o comparamos coas pensións actuais.

Por que son tan caras as residencias?

O custo pode parecer elevado, pero hai que valorar as prestacións que ofrecen. Os centros cada día melloran a súa atención especializada, cun equipo de coidados que inclúe médicos, enfermaría, videoconsultas hospitalarias que preveñen problemas de saúde, traballo de terapia ocupacional, fisioterapia, psicoloxía, podoloxía; todo iso, ademais dos servizos básico.

Son suficientes os recursos que se destinan ás residencias?

[Ri] Non, por suposto que non. Os recursos sempre son poucos; hai moito no que investir para poder mellorar.

Calquera ancián pode conseguir unha praza de calidade?

As puntuacións para entrar nunha residencia pública inclúen a valoración da pensión, os inmobles que posúe e a situación familiar. Pero esta valoración realízase desde a área de traballo social das comunidades autónomas.

Algunhas asociacións de coidado dos maiores afirman que a lista de espera para entrar nunha residencia pública ou concertada en España é de ata dous anos, segundo as comunidades.

Non supera o ano, pero é certo que a espera varía segundo a comunidade autónoma.

A outra opción é recorrer á privada, cuxo prezo medio é de 1 829 euros mensuais, pouco accesible para moitas familia.

Nestes casos, adoitan ser os fillos ou familiares os que engaden diñeiro á pensión para pagar a súa entrada nunha privada, polo menos ata que ao maior se lle conceda a praza nunha pública. Outras residencias privadas anuncian a posibilidade dunha praza a cambio dalgunha propiedade inmobiliaria; pero descoñezo como funciona esta última opción.

Como saber que estamos escollendo o centro adecuado? En que hai que fixarse?

Unha consulta co xeriatra axuda neste paso. Se busca unha residencia por unha fractura de cadeira, por exemplo, a familia debe escoller unha que conte cun bo servizo de fisioterapia. Pero se o ingreso é por alteracións da conduta, hai que elixir unha con persoal especializado e instalacións apropiadas para iso. É o caso dun maior cunha demencia incipiente, que requirirá adestramento psicolóxico e de memoria. Cunha demencia máis avanzada precisará dun centro con unidades de promoción da autonomía.

Que sinais indican que un ancián necesita un coidador a domicilio ou ingresar nunha residencia?

O sinal xeral para decidir é que requira uns coidados inviables de recibir nun domicilio. Entón, a residencia é necesaria.

Cando hai que optar por unha residencia e cando é suficiente un coidador a domicilio?

É difícil acertar, non se trata de dirimir entre mellor ou peor. O mellor sitio para calquera maior é a súa casa, polo que a primeira opción pode ser contratar un coidador con atención individualizada. Se esta posibilidade non funciona ou non é viable, pódese recorrer a unha residencia.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto