Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

^

Xabier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo e codirector de Economics for Energy: "As enerxías renovables poden reducir o prezo da electricidade en España"

 

Este 2018, os fogares españois gastarán máis en luz e en gas, xa que o gas natural subiu preto dun 6 % e a luz estrea ano cunha subida de preto do 3 %. Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo e un dos maiores expertos internacionais en enerxía e economía do medio ambiente, explica como lles afecta o clima ás facturas domésticas e por que as enerxías renovables poden rebaixar o que pagamos de gas e electricidade na casa: "Reducen o prezo de mercado da electricidade, xa que desprazan outras tecnoloxías con custos variables máis altos". O tamén codirector de Economics for Energy, un centro de investigación referente en cuestións enerxéticas, lembra que boa parte do consumo enerxético dos fogares españois "está relacionado coa calefacción no inverno e co uso do aire acondicionado no verán".

Recentemente, participou na investigación Impact of cold and heat waves on electricity generation ("Impacto das ondas de frío e de calor na xeración da electricidade"), na que se conclúe que o tempo extremo, tanto frío como calor, pode ter un impacto real na produción enerxética. Como nos afecta isto en España?

España non é unha excepción. O clima afecta a nosa xeración de enerxía e o noso sector enerxético está suxeito ás vulnerabilidades do medio. Parte destas vulnerabilidades están relacionadas cos extremos climáticos, xa que estes afectan as posibilidades de xerar enerxía con certas tecnoloxías.

Iso significa que a xeración de enerxía en España está influenciada polo cambio climático e o quecemento global do planeta?

Por suposto, moitos deses efectos extremos poden estar relacionados co cambio climático.

Poñer a lavadora ou quentar a auga é máis caro en España ca na maioría dos países europeos. Segundo Eurostat, a electricidade española para os fogares é a cuarta máis cara de toda Europa, só por detrás de Dinamarca, Alemaña e Irlanda. A seca sufrida explica en parte que suba o prezo da enerxía doméstica en España?

Si. Un dos factores para explicar as oscilacións no prezo da electricidade ten que ver coa dispoñibilidade de operar que teñen distintas tecnoloxías que dependen do sol ou do vento, así como da cantidade de auga existente.

O sector eléctrico asegura que a falta de choiva en España é a razón pola cal se emprega menos a enerxía hidroeléctrica e a eólica, que son máis baratas. Para substituílas, habería que usar plantas de gas ou de ciclo combinado, que son máis caras. E iso, din, encarece as facturas. Está vostede de acordo?

Cando hai unha seca importante, a capacidade de operar dos xeradores hidroeléctricos diminúe. E, de novo, isto pode estar relacionado con fenómenos de cambio climático.

Con impostos incluídos, a electricidade en España ten un custo medio que rolda os 23 euros por 100 quilowatts. Se apostásemos máis pola enerxía renovable, solar, eólica ou xeotérmica, cun custo próximo a cero, as facturas da enerxía poderían deixar de crecer ano tras ano?

Temos que distinguir entre os custos fixos e os custos variables das enerxías. E, en particular, das renovables. Unha vez instalada a tecnoloxía renovable, é certo que o seu custo variable de xeración de enerxía é próximo a cero en moitos casos. Con todo, isto non implica que non custe diñeiro producir esta enerxía, debido a que antes se tivo que investir (e, en xeral, elevadas cantidades de diñeiro) para instalar a dita capacidade. Dito isto, os estudos científicos indican que no curto prazo as enerxías renovables reducen o prezo de mercado da electricidade, xa que desprazan outras tecnoloxías con custos variables máis altos. Nas nosas investigacións, puidemos cuantificar isto para o caso español.

España tamén ten un dos prezos de gas máis altos de Europa, segundo Eurostat. En concreto, a factura do gas é a terceira máis elevada, só por detrás de Suecia e Portugal. No entanto, a introdución de fontes renovables é lenta. En España, hai só uns 4500 MW de enerxía solar fotovoltaica que satisfai apenas un 3 % da demanda. Por comparación, en Alemaña hai 42.000 MW fotovoltaicos e Italia ten uns 20.000 MW. Por que España non aposta máis pola enerxía solar?

Efectivamente, en España houbo un parón importante na expansión das enerxías renovables por mor da profunda crise económica.

Cre que incorporar maior proporción de enerxía solar ao mix enerxético reduciría o prezo das facturas da enerxía doméstica e implicaría un maior respecto polo medio ambiente?

Loxicamente, estas tecnoloxías son cruciais para poder chegar a unha sociedade baixa en carbono, de forma que espero que a política enerxética e ambiental española, xunto á baixada de custos destas tecnoloxías, leve a unha situación máis favorable para o medio ambiente no futuro.

Cal é o ingrediente básico para que as facturas da electricidade e do gas dos fogares españois poidan rebaixarse e os cidadáns paguen menos pola enerxía doméstica?

A clave é realizar cambios nos hábitos de consumo da enerxía e adoptar tecnoloxías que nos permitan facer o mesmo con menos, o que denominamos introdución de melloras de eficiencia enerxética. O primeiro ten que ver, no caso da calefacción, cun adecuado uso do equipamento dispoñible. Isto conséguese, por exemplo, ao situar a temperatura obxectivo da vivenda nos valores adecuados.

E como se pode mellorar a eficiencia enerxética da calefacción da vivenda?

A eficiencia enerxética da calefacción doméstica aumenta, por exemplo, co uso de caldeiras de condensación ou con bombas de calor eficientes.

En canto á electricidade, a potencia contratada contribúe nun 40 % ao importe final da factura da luz. Axustar a potencia ás nosas necesidades reais é outra medida fundamental de aforro enerxético mensual?

En efecto, as reformas promovidas por este Goberno levaron a un cambio importante no equilibrio entre os compoñentes de potencia e o consumo. É moi relevante adecuar a potencia instalada ás necesidades reais de consumo para evitar pagos innecesarios.

Outra proposta de aforro en electricidade é utilizar lámpadas LED, xa que permiten reducir o 90 % da factura da electricidade nos fogares, segundo o Consello Andaluz de Colexios de Enxeñeiros Técnicos Industriais. Cre que a tecnoloxía LED lles pode proporcionar aos fogares luz máis barata que as lámpadas tradicionais de forma tan sinxela?

Obviamente, o uso de lámpadas LED é positivo, pero lembremos que boa parte dos consumos enerxéticos dos cidadáns non están precisamente relacionados coa iluminación. Hai que poñer moita atención na calefacción e no aire acondicionado, e tamén nos grandes electrodomésticos. Para eles, temos alternativas limpas e sucias que hoxe se poden identificar facilmente a través das letras dos certificados enerxéticos.

Ademais, segundo o Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), o stand-by ou consumo pantasma dos aparellos electrónicos enchufados que temos na casa é o responsable de case o 7 % do noso consumo enerxético. Aconsella algunha medida sinxela para atallar este consumo pantasma?

Todo aforro é positivo, pero eu poñería máis énfase en modificar os hábitos de consumo perniciosos e en investir en illamento e tecnoloxías limpas dunha forma eficiente para garantir aforros futuros.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto