Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

^

Lucía Galán, pediatra: "Non hai nada mellor para entender os teus pacientes que camiñar cos seus mesmos zapatos"

 

Lucía Galán é pediatra, unha profesión que elixiu por vocación e que, nos últimos anos, levou máis alá da súa consulta. Desde que abriu o seu blog, hai tres anos, recibiu once millóns de visitas. Conta con miles de seguidores nas redes sociais, adoita intervir en programas de radio e televisión, é autora de dous libros de éxito e está escribindo o terceiro. Coñecida simplemente como "Lucía, a miña pediatra", esta moza profesional conseguiu chegar a miles de fogares e divulgar sobre saúde dunha maneira clara, cálida e amena.

De todas as cousas que afectan a saúde dos nenos, cales son as que lles preocupan máis aos pais?

Depende da idade que teñan os nenos. Os pais con nenos acabados de nacer angústianse ante a posibilidade de que ao seu bebé lle pase algo e están moi atentos á súa respiración, aos ruidiños, á alimentación, aos coidados básicos que precisan... A medida que van crecendo, as infeccións ocupan boa parte das súas preocupacións e, desde os 3-4 anos en diante, reparan no comportamento, nos límites, nas rabechas e en intentar facer as cousas ben.

Ten un blog de moito éxito, miles de seguidores, dous libros publicados... En que momento decidiu ir máis alá da consulta para dedicarse tamén á divulgación?

Empecei por casualidade, animada por unha amiga afeccionada aos blogs que me dixo un día na súa casa tomando café: "Lucía, por que non abres un blog? Co ben que escribes e comunicas, faríaslles moito ben ás nais e aos pais que te lean". E eu, que me apunto ao que faga falta, dixen para min: "E por que non?". Á semana estaba escribindo o primeiro post. A sorpresa foi maiúscula cando aos poucos meses superaba o millón de visitas, chamábanme de todos os medios de comunicación e recibía correos electrónicos de medio mundo. E así foi como descubrín unha nova profesión e, ademais, comprobei que me apaixonaba e que me estimulaba, o que me anima cada día a facelo un pouco mellor.

Cal desas canles ou ámbitos resulta máis efectivo para informar e educar en saúde?

Sen ningunha dúbida, o medio que máis impacto ten é a televisión. Aínda que, no meu caso, o blog, cos máis de 11 millóns de visitas que levo en algo menos de 3 anos, foi un altofalante incrible, unha oportunidade única para transmitir información fiable e independente e, ao mesmo tempo, para lles resolver dúbidas ás miles de persoas que o len. Publicar os libros Lo mejor de nuestras vidas e Eres una madre maravillosa achegoume moitísimo aos lectores, supuxo un paso máis cara a eles e eles cara a min. A acollida foi fantástica e as cartas que recibo dos lectores son realmente aterradoras. Estou nun momento moi doce da miña profesión. Síntome moi afortunada e agradecida.

As consultas clásicas dos pediatras quedaron pequenas nos tempos de Internet e das redes sociais?

Non, non o vexo así. Os pacientes len moito, certo, e infórmanse e consultan distintas fontes, pero ao final si hai unha boa e sólida relación entre o médico e o paciente. A quen de verdade lle fan caso e con quen quedan tranquilos é co seu médico, como debe ser.

Na actualidade, moitos adultos consultan os seus problemas de saúde en foros e páxinas web antes de acudiren ao seu médico. Isto sucede tamén en pediatría? Os pediatras compiten con Google?

Non competimos. Os pacientes consultan en Google? Claro que si. Tamén o fago eu con temas que descoñezo ou dos cales me gustaría saber máis. Trátase, unha vez na consulta, de poñer toda a información sobre a mesa e mesmo de asesorar os pacientes sobre que fontes son fiables e que fontes non. Non podemos pretender que hoxe en día non busquen en Internet, todos o facemos.

Cales son as principais mentiras que circulan na actualidade sobre saúde infantil?

Vacinas, antibióticos, alimentación... A xente ten que entender que ler algo na Rede, escoitalo na radio ou velo na televisión non o converte en real. Os medios de comunicación deben asumir esta gran responsabilidade que é falar de ciencia e de medicina. Tamén trato de lles explicar aos meus pacientes que nin sequera a sabedoría popular en ocasións nos achega á realidade. Ante a dúbida, deben consultar co seu médico.

Falemos de vacinas. De onde nace o medo dalgúns pais ante a vacinación dos seus fillos?

Fundamentalmente, do non saber e da desinformación. O exceso de información sen filtro ningún desinforma. Medo ao que escoitan ou len. Medo a que aos seus fillos lles ocorra algo por unha decisión que toman eles mesmos.

É un temor razoable?

O medo é libre. Razoable, neste caso, non. As vacinas supuxeron un dos maiores avances da medicina e o seu beneficio é indiscutible. As vacinas salvan cada ano entre dous e tres millóns de vidas. Podemos ter medo a non dispoñer das vacinas. Medo a que os nosos fillos enfermen dunha patoloxía para a que non haxa nin vacina nin tratamento. Medo a que rexurdan enfermidades que hai anos que non vemos. Medo a epidemias que se poden previr. Medo á morte. Pero medo ás vacinas, non.

Que papel desempeñamos os medios de comunicación neste tema?

Un papel cada vez máis relevante. Sodes o altofalante de miles de médicos que traballamos ao pé do canón nas nosas consultas. A nosa voz chega a 20-25 familias nunha mañá, a vosa chega a millóns en tan só uns minutos. É ou non é tremenda a vosa responsabilidade?

Que lle achegou ser muller e ser nai á hora de exercer a súa profesión?

Non hai nada mellor para entender os teus pacientes ca camiñar cos seus mesmos zapatos e pisar o seu mesmo chan, e iso é o que me pasou cando tiven os meus fillos e cando me convertín en nai. Mesmos medos, mesma angustia, mesmas alegrías tamén. A maternidade e a paternidade son un sentimento universal, independentemente da profesión que teñamos. Ser nai axúdame na miña profesión de pediatra porque os entendo mellor ca antes, porque sinto coma eles e porque poñerme no seu lugar non me custa ningún esforzo. Isto facilita moito o meu día a día e enriquece a forma de relacionarme con todos eles.

No seu segundo libro, Eres una madre maravillosa, propón un relato sen filtros do que supón ter un fillo, incluídos os malos momentos, os medos e as dúbidas. Idealízase a maternidade e a paternidade nos relatos habituais?

Si, sen dúbida. Agora parece que cada vez menos, pero aínda así hai moito que desmitificar e moitas cartas que poñer sobre a mesa. O posparto, o medo, o sentimento de culpa, a soidade, o esgotamento, os problemas de parella, o alto nivel de autoesixencia... gústame falar claro. Son unha muller moi optimista, con moita forza e que avanza, avanza sempre, pero gústame que me falen e que me expliquen as cousas coa mesma realidade e claridade coa que eu as explico e as sinto. Sempre digo que escribín os libros que a min me gustaría ler antes de ser nai.

Dá a sensación de que sempre hai moita presión sobre os pais; todo o mundo aconsella, opina, critica... Isto trasládase á consulta?

Si. Os pais e as nais veñen desbordados polo que escoitan, o que leron, o que os demais esperan deles, o que se supón que deben facer, o que en realidade desexan facer... Xa chega, non? Eu, cando veñen con este tipo de cuestións, dígolles: "Vale, e con todo isto ti que queres facer?" e moitas nais quedan bloqueadas. Nin sequera se pasaron a pensar que lles pedía a elas o corpo.

No caso das nais, especificamente, as opinións e as críticas chegan ata algo tan persoal como a lactación. Como se explica que algo tan natural xere tantísima polémica?

Sigo sen entendelo, francamente. Alguén se mete na túa cociña para ver que preparas de cea polas noites? A xente fai cola no supermercado para criticar e sinalar co dedo o que levas no carriño da compra? Verdade que non? Pois se ti decidiches darlle o peito ao teu bebé ata a idade que sexa, quen é ninguén para entrar na túa casa, na túa cociña, na túa cama e opinar? Vive e deixa vivir. Temos que aprender a untarnos de vaselina antes de saír de casa para que todos os comentarios e xuízos nos escorreguen e vivir libre e felizmente xunto aos nosos.

A propósito da alimentación... En España, temos unhas cifras moi preocupantes de sobrepeso, obesidade, hipertensión e diabetes infantil. Como se atalla este problema a pé de consulta?

Información desde o primeiro día, desde a primeira semana de vida do bebé. Empézase por promover a lactación materna e por lles axudar a todas as nais que así o decidiron e, por suposto, sen culpar xamais as que optaron pola lactación artificial. Asesoramento desde o inicio das primeiras papas, control do seu peso, do seu talle e do seu desenvolvemento. Supervisar o que van engadindo na súa dieta a medida que van crecendo. Que se galletas, que se cereais de almorzo, que se zumes, que se flans e iogures multisabores e extraazucarados, que se refrescos... Facer fincapé na importancia de consumir verduras e froitas frescas, legumes, máis pescado ca carne, máis carne de ave ca carne vermella, evitar carnes procesadas coma o embutido, animalos a comer alimentos integrais coma o pan ou a pasta, promover estilos de vida saudable facendo deporte e comer toda a familia o mesmo e sentados á mesa.

É moi grave que os nosos nenos teñan na súa infancia enfermidades que son tipicamente de adultos? Cal é o futuro deses nenos?

O futuro xa o estamos vendo: nenos de 12-13 anos con enfermidades que antes se vían con 40 ou con 50. Hipertensión arterial, obesidade mórbida, diabetes mellitus... Isto é o que queremos para os nosos fillos? Non. Pois na nosa man está cambialo.

O tema dos deberes e das actividades extraescolares é outro punto de debate nestes tempos. Forzamos demasiado os nenos? Detectou na súa consulta nenos con tensión?

Si. Tensión, ansiedade, cefaleas tensionais, e incluso hemicrania. Os nenos xa pasan suficientes horas no colexio como para sobrecargalos máis con actividades que a nós nos gustan e que a eles non. As actividades que fagan deberían elixilas eles, que resulte unha diversión, unha actividade lúdica, e se ademais é deportiva mellor aínda. Os nenos han de durmir as horas necesarias e deben ter tempo de relaxación e descanso na casa xunto aos seus pais tirados no sofá, por que non? "Que facemos agora?", pregúntanme a min ás veces os meus fillos no seu afán de non parar un minuto. E eu dígolles: "Nada, agora mesmo non imos facer nada. Imos tombarnos no sofá tranquiliños para falarmos e descansar".


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto