Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

^

Guía de compra: lagostinos: Lagostinos: Nadal sobre a mesa

A acuicultura permite que o teñamos dispoñible todo o ano, pero o lagostino é, sen dúbida, o rei da mesa do Nadal

 

Ese crustáceo de 10 patas e casca semidura, que preside a maioría das mesas do Nadal e festas que se precen, coñécese no noso país como lagostino e en América latina como camarón. Ten un tamaño de entre 12 e 15 centímetros de lonxitude e é de cor rosada con vetas marróns. Habita no Atlántico oriental, desde Angola ata as Illas Británicas, e en todo o Mediterráneo, sobre todo nos fondos areeiros da desembocadura dos ríos.

En España, fanse capturas significativas nas desembocaduras do Ebro e do Guadalquivir. E existen zonas produtoras excelentes coma Vinarós, que conta co mellor lagostino natural.

Tanto o lagostino branco coma o lagostino tigre, que se caracteriza pola súa casca raiada, resulta exquisito cocido, á prancha ou como acompañamento en distintos pratos. Existen ademais diferentes talles e unha ampla gama de presentacións, entre as que destacan o fresco, o conxelado e o refrixerado, tanto enteiro coma coas colas limpas.

O lagostino xigante ou lagostino tigre jumbo (Penaeus monodon) é o de maior tamaño. Tamén se lle chama gamba xigante ou gamba tigre jumbo e pode alcanzar os 33 cm. É a segunda especie máis cultivada e ocupa o 17 % da produción mundial. Prodúcese sobre todo en Tailandia, Vietnam e Indonesia. Dependendo do substrato, o alimento e a turbidade da auga, as cores deste lagostino varían desde verde, café e vermello, ata gris ou azul. Tamén ten bandas transversais de cores que se alternan entre o azul ou o negro e o amarelo.

Outros lagostinos tigres comercializados son o lagostino tigre marrón (Penaeus esculentus), que procede das costas do Índico e presenta un corpo con bandas moi marcadas; o lagostino tigre verde (Penaeus semisulcatus), moi estendido, procede do leste de África, norte de Australia, Xapón e India e del comercialízanse case exclusivamente as colas; e o lagostino tigre xaponés (Penaeus japonicus ou Marsupenaeus japonicus), de tamaño máis pequeno, e procedente de acuicultura no Xapón.

O lagostino branco (Penaeus vannamei ou Litopenaeus vannamei), coñecido tamén como gamba patibranca, carece de bandas atigradas e a súa cor adoita ser branca translúcida, aínda que pode cambiar dependendo de diversos factores como a talle e a presentación. É a principal especie de lagostino cultivada e os seus países produtores son, fundamentalmente, China, Indonesia, Tailandia, Brasil, Ecuador e México. Nos mercados europeos, podémolo atopar comercializado enteiro, en colas ou conxelado.

A súa introdución na cociña é un feito que non se pode datar con exactitude, pois é un alimento que leva consumíndose desde hai miles de anos. Segundo relata Apicio no seu libro De re coquinaria, no século I d. C. a cociña romana xa contaba con receitas onde se empregaba o lagostino como ingrediente para preparar un tipo de salsa. E tamén se sabe que, durante o século XVII, o lagostino comeza a estar cada vez máis presente na cociña europea en receitas de peixes e mariscos, algo que recollen diferentes libros. E as historias dos antigos enclaves romanos xa falaban da existencia deste crustáceo nas mesas.

Como se captura?

No outono e no inverno, as frotas adoitan utilizar a técnica do arrastre, mentres que no verán e na primavera se captura con trasmallo. Este instrumento, tipicamente de fondo, é unha arte de pesca constituída por tres panos de rede colocados de maneira superposta. E as noites de lúa chea son o momento no que máis se incrementan as capturas.

Non todo o lagostino que comemos en España é fresco. Moito impórtase desde piscifactorías de América do Sur e América Central, onde o clima é máis favorable para a súa cría. O lagostino cultivado come penso, mentres que o salvaxe come de todo. Temos ademais un gran mercado de lagostino conxelado que é igualmente bo e resulta máis económico.

A importación e a comercialización do lagostino en España de maneira masiva comeza ao redor de 1970, cando se asentan as grandes empresas. A pesar de telo dispoñible todo o ano nos mercados, grazas á acuicultura, o lagostino é moi estacional.

Comercialización e consumo

No mundo hai máis de 3000 especies de lagostinos, das que se comercializan ao redor de 300 variedades e, en España, quedan tan só 20. En termos de valor comercial, os lagostinos son o produto pesqueiro máis importante e representan o 15 % do valor total do comercio internacional.

Segundo a FAO, ao redor das tres cuartas partes da captura mundial do lagostino procede da pesca (dos cales preto do 70 % corresponde aos lagostinos capturados en augas cálidas e o 30 % aos lagostinos de augas frías).

En canto ao consumo nacional, e segundo datos de 2014, o consumo total de gambas e lagostinos nos fogares distribúese da seguinte maneira:

  • Conxelados: 54,7 millóns de toneladas.
  • Cocidos: 16,4 millóns de toneladas.
  • Frescos: 15,8 millóns de toneladas.

Isto supón un consumo per cápita respectivamente de 1,2 quilos, 0,4 quilos e 0,4 quilos e un gasto, tamén per cápita, de 12,5, 3,7 e 4,4 euros, respectivamente.

As gambas e os lagostinos frescos comercialízanse sobre todo a través do comercio especializado (como peixerías, marisquerías e prazas de abastos), mentres que os cocidos e os conxelados se comercializan a través dos supermercados.

Debido á alta demanda, as capturas no Atlántico e no Mediterráneo son escasas. A case totalidade do lagostino que consumimos procede da frota conxeladora industrial ou da importación procedente do Atlántico sur, do Índico ou do Pacífico. Así pois, gran parte do lagostino consumido en España non é un produto da pesca artesanal nin nacional, senón que chega de mares afastados.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto