Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

^

Sara de la Rica, catedrática de Economía da Universidade do País Vasco e directora do Observatorio Laboral da Fundación de Estudos de Economía Aplicada: "A maioría das empresas españolas teñen unha perspectiva miope"

 

Sara de la Rica, unha economista comprometida, afirma que "sempre me interesaron os colectivos minoritarios do mercado laboral, como mulleres, inmigrantes, traballadores con contratos precarios etc. Un mercado laboral que funciona eficientemente é un alicerce para ter unha sociedade desenvolvida". Esta catedrática da Universidade do País Vasco e directora do Observatorio Laboral da Fundación de Estudos de Economía Aplicada leva 25 anos dedicada á investigación do mercado laboral. Para ela, o principal desafío do mercado laboral en España é "saber mirar cara ao futuro sen abandonar as cicatrices que deixou a crise". Unha tarefa que, recoñece, non é fácil.

En España, hai 18.813.300 persoas con emprego, segundo a última Enquisa de Poboación Activa. Pero, delas, 3,2 millóns xa traballan por conta propia. Cales son os principais desafíos do traballo autónomo en España?

Os autónomos enfróntanse ao enorme reto de ser competitivos nun mercado globalizado, unha tarefa que é moi complicada. O tamaño importa para ser competitivos e, en xeral, os autónomos ou non teñen asalariados ou teñen moi poucos. Para sobrevivir, é imprescindible ofrecer bens ou servizos innovadores e saber como ofrecelos ao mundo. Nin o un nin o outro é fácil; por iso, dúas de cada tres persoas que inician un negocio vense obrigados a pechalo antes de dous anos.

Segundo a Comisión Europea, pemes e autónomos crean o 73,4 % de todo o emprego existente no noso país. É este o final do traballo tradicional e do contrato indefinido?

É certo que as pemes crean tres de cada catro postos de traballo, pero é lóxico porque máis do 90 % das empresas son pemes. As necesidades laborais están cambiando e traballadores e empresas deben anticiparse para non quedar obsoletos. Si haberá máis rotación laboral que a que existiu ata agora, pero as empresas son conscientes de que necesitan atraer e reter o talento.

Hai quen di que o traballo por conta allea, comparado co emprendemento, limita a experiencia, limita a creatividade e estanca o desenvolvemento profesional. Está de acordo?

Depende moito de como sexa ese traballo. En empresas abertas á creatividade e á innovación, con estruturas máis horizontais, o traballador pode ser creativo e ter un desenvolvemento profesional adecuado. Pero en empresas máis xerarquizadas si creo que adoitan encaixar o traballador en certas tarefas e é máis difícil desenvolver a creatividade. Sen dúbida, o futuro pasa por un tránsito cara ao primeiro tipo de empresas.

Os traballadores autónomos son xa case un de cada cinco ocupados (o 17 %). Que consecuencias terá este cambio?

A maioría dos autónomos no noso país sono por necesidade e non por decisión persoal. Na crise, moitos traballadores despedidos non viron outra opción ca facerse autónomos e montar un pequeno negocio. Pero a maioría destes negocios non son nin serán rendibles. Para ser un autónomo con éxito necesítanse enormes competencias de xestión, ademais de valentía, carácter innovador e coñecemento internacional. Porén, a nosa sociedade non lles transmite este tipo de competencias aos mozos e, sen elas, sinceramente, vexo poucas posibilidades de éxito para os autónomos.

Na súa opinión, cal é o principal problema do ámbito laboral en España?

Vexo dous grandes retos. Por unha banda, dar resposta ás necesidades laborais cambiantes nun mundo altamente globalizado e dixitalizado, onde o traballador debe ser un complemento ás máquinas. E o segundo reto é non deixar atrás os grandes perdedores da crise, aqueles que perderon os seus traballos e que levan moito tempo no desemprego, que xa son dous millóns. O desafío é mirar cara ao futuro sen abandonar as cicatrices que deixou a crise recente. E non é doado, créame.

Nunha situación de desemprego cambiante, que depende en gran medida da estacionalidade e que está suxeita ao ritmo vertixinoso das novas tecnoloxías, o mundo laboral cambia a gran velocidade. Que modelo laboral e de traballo estamos creando?

Coexisten dous modelos laborais: o que se crea en empresas expostas á internacionalización e, por tanto, a unha enorme competencia; e o de empresas, en xeral pequenas, que viven aínda do mercado local. As primeiras tratan de captar talento e de retelo, están cos ollos moi abertos ao exterior e son conscientes de que o capital humano é o gran segredo do seu éxito. Pero en España, por desgraza, estas son as menos e a maioría das empresas teñen unha perspectiva moi miope. A crise permitiu que existan condicións laborais moi precarias, aínda que creo sinceramente que se equivocan.

Cre que o peor da crise xa pasou? Imos cara a unha recuperación do emprego en España?

A destrución de emprego da crise pasou. Estamos nunha fase de clara recuperación da actividade, pero se non apostamos por ser competitivos en sectores de alto valor engadido, con investimento en I+D+i, o aumento da actividade traerá consigo emprego precario.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto