Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

^

Miguel Ángel Lureña, consultor e divulgador científico experto en alimentos: "Os alimentos non depuran, aínda que os consumamos en forma de batido verde a dez euros o litro"

 

Miguel Ángel Lurueña ten un rico e nutrido currículo. É doutor pola Universidade de Salamanca, licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e enxeñeiro técnico agrícola. Desenvolveu a súa carreira profesional como docente e investigador e, máis recentemente, como consultor independente para empresas alimentarias. Tamén é autor de numerosos artigos científicos, aínda que o público o coñece máis polo seu blog Gominolas de petróleo, un espazo ameno que conta con miles de seguidores e onde divulga información rigorosa en materia de alimentos. "Ás veces a ciencia é mirada con receo por parte da sociedade, pero debe ser entendida como o que é: unha ferramenta que nos permite coñecer o mundo que nos rodea e solucionar os problemas que nos urxen", sinala.

Os alimentos son máis seguros ca nunca?

Desde logo. Os alimentos nunca foron tan seguros coma agora. É curioso porque, a pesar diso, está moi estendida a crenza de que nos están envelenando coa comida, con antibióticos, hormonas, pesticidas, metais pesados, aditivos ou transxénicos, mentres se promove unha idea idílica dun pasado atemporal no que todo era mellor. En realidade, cada vez temos máis coñecementos sobre os alimentos e sobre os perigos que poden atoparse neles. Ademais, hoxe en día, os sistemas de control son moito máis exhaustivos ca no pasado. A seguridade total e absoluta é imposible de lograr, pero podemos estar tranquilos: os problemas de seguridade alimentaria son cada vez menos frecuentes e menos graves.

Dise que nunca comemos tan mal coma agora. Por que?

Esta é o gran paradoxo. Os alimentos que temos á nosa disposición son seguros. O problema é que a miúdo realizamos unha elección inadecuada, optando por produtos que non son saudables, que conteñen elevadas proporcións de azucre, sal, fariñas refinadas ou graxas indesexables. Hai moitos factores que interveñen nesa elección: falta de coñecementos, desinformación, publicidade enganosa, lexislación insuficiente ou cuestións fisiolóxicas relacionadas co apetito e os sistemas de recompensa. A eles hai que sumar que os produtos insáns son omnipresentes e, ademais, baratos e teñen sabores intensos e atractivos.

Na actualidade abundan as mensaxes que alertan sobre alimentos, ingredientes e mesmo proteínas concretas, como é o caso do glute. Cal é a súa percepción respecto diso?

Falar de alimentación está de moda e moitos medios de comunicación explótano de maneira que van saltando de polémica en polémica: carne, anisakis, azucre, aceite de palma, acrilamida, ciguatera... Parece que a cuestión é dar cun tema que esperte preocupación e explotalo ata que se esgote para logo pasar ao seguinte. Por suposto que hai asuntos preocupantes ao redor da alimentación, pero conviría tratalos con máis rigor e prudencia.

Por que é tan fácil atopar esas mensaxes alarmistas sobre nutrición?

O medo vende, así que moitos aprovéitanse diso. Vémolo a diario en numerosos medios de comunicación, sobre todo dixitais, onde os titulares son cada vez máis alarmistas: que se comer beicon é como fumar, que se a ciguatera é o novo anisakis... Así, con estes titulares rechamantes que pouco teñen que ver coa realidade, xeran visitas para ter anunciantes. Tamén hai empresas que xogan con este factor e publicitan o mala que supostamente é a lactosa para a poboación xeral ou suxiren que os aditivos son prexudiciais. Por outra banda, existe moito gurú da nutrición que infunde medo para poder vender o seu remedio milagroso. Así, dise que estes produtos adelgazan, detoxifican ou que mesmo curan enfermidades como o cancro. Nin que dicir ten que os remedios milagrosos non existen.

A que tipo de alimentos se lle atribúen propiedades curativas?

Faise cos alimentos de orixe vexetal. Desde logo, seguir unha dieta baseada principalmente en alimentos de orixe vexetal pouco procesados é saudable; pero de aí a que teñan propiedades curativas hai unha gran diferenza. Entre este tipo de alimentos promóvense sobre todo produtos exóticos, como bagas de goji, sementes de chía ou guanábana, aínda que tamén outros de andar pola casa, como o zume de limón, o brócoli ou os batidos verdes. En calquera caso, polo que hoxe sabemos, os alimentos non curan enfermidades, senón que contribúen a previlas.

Que opina dos batidos detox?

Para detoxificar o noso organismo temos os pulmóns, o fígado, os riles e a pel. Os alimentos non depuran aínda que os consumamos en forma de batido verde a dez euros o litro. Desde logo, o que si poden depurar é a nosa carteira. Ademais, algúns poden mesmo poñer en risco a nosa saúde. Sen ir máis lonxe, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) emitiu o pasado ano un comunicado no que cualificou os batidos verdes como un risco emerxente, debido a que o seu contido en ácido oxálico podería provocar un aumento da incidencia de pedras no ril.

Cales son os alimentos máis inxustamente deostados?

Creo que o primeiro posto debe ser para a froita. A froita é saudable e, en xeral, pódese -e débese- comer sen reparos. Con todo, as mensaxes que chegan ata nós ás veces despístannos tanto que nos fan recear dunha pera e lanzarnos sen miramentos cara a un bolo de chocolate. Ás veces rexeitamos mazás ou limóns, "porque estrinxen "; cirolas, "porque soltan o ventre"; sandía, melón ou laranxa, "porque pola noite matan"; ou froita despois de comer, "porque fermenta no estómago". Mesmo cremos que debemos comer, como moito, cinco racións de froitas e verduras ao día, cando a famosa campaña publicitaria se refire a un número mínimo, e non máximo.

No seu blog arremete contra mitos e lendas da nutrición. Cales lle resultaron máis difíciles de desmontar?

Cando falamos de mitos, hai de todo. Algúns son moi básicos e non teñen moita repercusión porque non se lles dá crédito, como o que di que se comercializan laranxas ás que se inxectou sangue co virus da sida. Con todo, hai outros que alcanzan unha gran popularidade. Estes últimos, en xeral, teñen varios elementos en común. Adoitan ser vídeos nos que aparece un personaxe que nos resulta próximo e que nos avisa dun suposto perigo que ninguén coñece, expondo unha teoría da conspiración e entrando en detalles técnicos que un espectador común non é capaz de desmontar, porque carece de ferramentas ou coñecementos para facelo. Este é o caso, por exemplo, dun vídeo que se popularizou no ano 2015 onde aparecía un home raspando mazás e alertando do suposto perigo que entraña a substancia que se desprendía delas. Hoxe en día, o vídeo conta con 23 millóns de reproducións.

En que temas atopou máis resistencia por parte do público?

Hai algúns especialmente polémicos e que xeran acaloradas discusións, como as vantaxes e inconvenientes dos alimentos ecolóxicos, a seguridade dos transxénicos ou os aditivos ou a conveniencia de consumir leite, carne ou glute. O problema nestes casos é que algunhas persoas se guían máis por paixóns ca por argumentos fundamentados. É obvio que todos cremos ter razón porque nos informamos. A cuestión é se esa información é rigorosa ou non.

Entre tanto vórtice, custa discernir entre a información fiable e a que non o é. Como distinguir os enganos?

É difícil. Como regra xeral, o que sempre digo é que se algo parece tan incrible como para ser certo é que probablemente non o sexa.

A información nutricional é aínda pouco clara para os consumidores?

Na miña opinión, a información nutricional supón varios problemas. O primeiro, que moitas persoas non saben como interpretala correctamente. Pero, máis aló diso, o verdadeiro problema é que esa información pode levar a erro. Se, por exemplo, fabricamos un bolo de chocolate con contido reducido de azucre e lle engadimos vitaminas e minerais, poida que a táboa nutricional nos leve a pensar que se trata dun produto saudable cando, en realidade, seguirá sendo un bolo de chocolate, é dicir, un produto insán que debemos consumir de forma ocasional. A todo isto hai que engadir que a información nutricional ten algunhas carencias.

Como se podería mellorar?

A lexislación actual non obriga a mostrar o contido en graxas trans nin a facer distinción entre azucres naturalmente presentes e azucres engadidos. O primeiro é unha tarefa pendente desde hai anos e o segundo propúxose recentemente e é algo que xa se fai en países coma nos Estados Unidos. Outra forma de mellorar a información nutricional que se lle ofrece ao público sería o uso do chamado semáforo nutricional: un código de cores que marcaría en vermello os produtos con elevadas proporcións de azucre, sal, fariñas refinadas ou graxas indesexables, por exemplo, e en cor verde os produtos que en principio serían saudables.

Unha idea bastante estendida é a de que "ao final, non se pode comer nada".

Estou de acordo. Existe unha gran confusión que leva a moitas persoas a pensar que todo é malo e non se pode comer de nada. E hai tamén certo tedio que acaba desembocando na idea "de algo hai que morrer, así que vou comer a fartar". Por suposto que todos nós imos morrer, pero atrasar ese día o máximo posible e chegar a el en bo estado pasa por levar unha vida saudable, que inclúe unha dieta adecuada. En que consiste unha dieta adecuada? Aí é onde entran as dúbidas, sobre todo porque cada día atopamos nos medios de comunicación noticias contraditorias e isto leva a moitas persoas a iso de "antes dicían que o peixe azul era malo e agora resulta que é bo", "non se poñen de acordo nin eles", etc.

Como explica esas contradicións?

Obedecen sobre todo a dous motivos: o primeiro é que o avance da ciencia nos achega novos coñecementos que, ás veces, invalidan os que antes tiñamos e o segundo, que con frecuencia nos atopamos con intereses económicos, é dicir, con noticias patrocinadas de forma encuberta que promoven as supostas bondades dos produtos. Do que non hai dúbida, e isto é algo que non sufriu variacións nas últimas décadas, é de que unha dieta saudable debe basearse en produtos pouco procesados, na que se lles dea prioridade aos de orixe vexetal: froitas, verduras, hortalizas, legumes e froitos secos. Así que hai moitas, moitísimas cousas que podemos comer.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto