Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

^

Luis Francisco Ruiz-Orejón, investigador de contaminación mariña por plásticos do CSIC: "O plástico úsase en exceso e as súas consecuencias para o mar son desastrosas"

 

Luis Francisco Ruiz Orejón creceu moi lonxe do océano, en Cidade Real. "Pero os documentais do mar sempre me gustaron", confesa este investigador especializado en estudos de contaminación mariña por plásticos do Centro de Estudos Avanzados de Blanes, pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Esta paixón polo mar levouno a estudar Ciencias do Medio Ambiente e Ciencias do Mar en Cádiz. Hoxe é un dos científicos españois que mellor coñece o impacto que teñen os plásticos no océano.

En España, consómense catro millóns de toneladas de plástico ao ano en iogures, envases e ata en pallas de zumes e batidos. A súa vida útil é curta, xa que son case de usar e tirar. Pero, canto tempo tardan en desaparecer ou en descompoñerse?

Hai case 6000 tipos de plásticos e a súa degradación depende do tipo de plástico e dos aditivos que contén. Un plástico na superficie terrestre ou do mar, onde recibe os raios do sol, tardará centos de anos en degradarse. Pero o que acaba no fondo do mar, sen apenas luz nin osíxeno, tardará miles de anos.

No proxecto NIXE III contabilizáronse unhas 1455 toneladas de plástico flotando no mar Mediterráneo, pero hai afundidas miles de toneladas. O plástico que acaba no mar non desaparece?

Iso é. O plástico microfragméntase en partículas cada vez máis pequenas e, desa forma, continúa presente durante miles de anos no mar e na vida mariña. Aínda que non o vexamos, permanece.

E por que son tan perigosos os plásticos?

Entran na cadea trófica a través do zooplancto, que son os pequenos organismos que viven no océano. Os animais mariños, ademais, inxiren as partículas filosas do plástico, o que lles ocasiona feridas internas e esgaza os seus tecidos internos. Ademais, os aditivos do plástico son perigosos, xa que poden provocar cancro, problemas hormonais e enfermidades no sistema nervioso central.

O vídeo dunha tartaruga mariña ferida de gravidade por culpa dunha palla de plástico introducida no seu fociño fíxose viral; vírono e compartírono millóns de persoas nas redes sociais. Como explica este rebumbio?

As pallas de plástico son perigosas, do mesmo xeito ca o resto de plásticos, xa que é un material artificial que non debería estar no mar. Ese vídeo é unha imaxe moi impresionante, pero calquera vídeo de especies mariñas vítimas do plástico debería alertarnos.

Case un millón de aves e 100.000 mamíferos e tartarugas mariñas morren por culpa dos plásticos, segundo os expertos. E o 90 % das especies mariñas inxeriu algunha vez produtos plásticos. Está preocupado?

A situación é moi preocupante. A maior parte da biodiversidade mariña está afectada polos plásticos. E o plástico, ademais, pode producir un efecto prexudicial a longo prazo, xa que os seus aditivos acumúlanse no corpo dos animais e, finalmente, tamén poden chegar ao ser humano.

A que animais mariños lles afecta máis o plástico?

As aves mariñas están moi afectadas, xa que o plástico ao fragmentarse xera un sinal químico similar ao que produce o seu alimento, así que o confunden e acaban por inxerilo. Os cetáceos tamén os inxiren, sobre todo as grandes baleas que se alimentan por filtración, pois toman grandes cantidades de auga con comida, pero tamén con plásticos que taponan os seus estómagos e que provocan que se lles faga unha gran bóla que lles impide alimentarse máis, polo que morren de inanición.

Oito millóns de toneladas de plástico pasan todos os anos da terra ao mar, segundo a Universidade de Xeorxia (EUA). Isto é asumible para o océano?

Cada ano entran entre 8 e 12 millóns de toneladas de plástico ao océano, unha pequena cantidade comparada co que se produce, e que supón máis de 300 millóns de toneladas. Pero o seu impacto na vida mariña é enorme. O plástico tarda moitos anos en degradarse, polo que se acumula e cada ano temos máis.

Que lle diría á industria do plástico?

É difícil. Vivimos nunha sociedade acelerada para a que a oferta de produtos é cada vez máis individualizada e, polo tanto, supón que haxa que usar máis plástico. O obxectivo do plástico é que o alimento dure o máximo tempo posible, pero temos que reducir este exceso, reducir todo o que non sexa necesario.

Os fabricantes afirman que moitos plásticos chegan ao mar por culpa dunha mala xestión dos residuos e do consumidor que os abandona onde non debe...

A responsabilidade é de todos; é dicir, da industria e tamén do consumidor. Podemos elixir comprar produtos con menos plástico ou elixir outros materiais coma o vidro. Pero tamén fai falta unha mellor xestión e lexislación para o plástico.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto