Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

EDICIÓN IMPRESA.
Abril 2017

César Bona, mestre e autor de As escolas que cambian o mundo: "Pretendemos que os nenos saiban moitas cousas, pero só podes esixirlles o que poidas darlles"

 

A César Bona non lle gusta que lle chamen "o mellor profesor do mundo", o apelativo que recibiu ao facerse famoso en 2014 tras quedar finalista no Global Teacher Prize, un premio internacional dun millón de dólares que recoñece o labor dos educadores de todo o mundo. "Son un mestre e non son mellor ca ninguén, hai miles de mestres anónimos que fan un labor marabilloso", asegura este zaragozano que desde hai dous anos percorre escolas de toda España para coñecer as súas mellores prácticas e experiencias e compartilas. Nótase que é un mestre consciente da importancia do seu traballo pola forma que ten de falar da educación dos fillos e da relación entre pais, educadores e estudantes, da reforma educativa, dos deberes, do acoso escolar, do uso da tecnoloxía ou da violencia de xénero. E defende que é básico escoitar e respectar os nenos e, en definitiva, os adultos.

No seu novo libro, As escolas que cambian o mundo, sinala algúns exemplos destacados en España. Que teñen en común?

O primeiro que teñen en común é que están en España. Nos centros que visitei fanse cousas marabillosas desde hai moito tempo, hai que valorar tamén o que facemos aquí. Nestas escolas convidan os nenos a participaren no seu centro e na sociedade, escóitaselles e tense en conta a súa opinión para que empecen a ser axentes de cambio. Cando somos adultos, todo parece que nos custa máis; porén, cando somos nenos, temos a posibilidade de que nos conviden a mirar ao noso ao redor e a tentar melloralo.

Antes dicíase que os profesores tiñan autoridade e agora dise que non pintan nada. Como valora vostede esta opinión?

Non creo que se pasase dun extremo ao outro, aínda que pode que sucedese nalgún caso. Eu non o vivín, nin os meus compañeiros tampouco. Malia que non se pode xeneralizar, antes confundíase respecto con medo. Hai anos había mestres moi bos, todos lembramos algún que nos marcou para ben. Tamén quero salientar a loita absurda creada por algúns entre escola tradicional e innovación. Hai cousas de hai 40 anos que funcionaban antes, agora e dentro de 50 anos. Calquera cambio debe traer melloras nos nenos e nenas como individuos e desde o punto de vista social. A palabra innovación resulta un pouco manida.

Que debería facer un profesor para deixar pegada, para ben, nos seus alumnos?

Por encima da vocación está a actitude. Pretendemos que os nenos saiban moitas cousas, que sexan respectuosos, que controlen as súas emocións, que veñan con ilusión etc. Todo iso é a definición de mestre, pero só lles podes esixir aos nenos o que poidas darlles.

Todos os anos o Informe PISA deixa a España en mal lugar. Como poderiamos mellorar isto?

A miña opinión, que comparto con moitas persoas, é que cando saen estes resultados a educación convértese nunha competición. O informe mide unhas competencias importantes, pero hai outras moitas que non se miden. Se queremos educar seres íntegros debemos pensar que a empatía, o respecto ao medio, as relacións sociais etc. tamén deberían entrar, pero non para converter a educación nunha competición, senón para mellorar e aprender uns dos outros.

O nivel socioeconómico intervén como variable máis relevante no fracaso escolar?

Todo inflúe. Hai un experto, John Hattie, que mediu os factores que repercuten no éxito académico. En primeiro lugar, o autoconcepto e as expectativas que os demais teñen da túa persoa. Eu diría que o peso das palabras inflúe moito. Fixen e seguirei facendo moitas cousas mal, pero tentarei non repetilas. Como dicirlle a un neno, e mesmo a un adulto, que é un desastre, cando non se é consciente de como o marcarán esas palabras e cando se lle pode dicir que se confía nel. A unión familia e escola é vital. Se o neno ve que os seus pais traballan de xeito conxunto cos seus mestres, educativamente será máis feliz.

En que consiste A nova educación, o título do seu anterior libro?

É unha chamada de atención. Non falo de nada extraordinario, nin invento nada, só falo de escoitar, de contar coa opinión dos nenos. A autoestima é fundamental na educación, e esta non só depende da escola ou das familias, senón de toda a sociedade. Un mal xesto dun deportista é repetido polos nenos en miles de recreos ao día seguinte. E tamén falo da necesidade obvia de traballar en equipo, entre os pais e os profesores.

Que opina da reforma educativa, da Lomce?

Toda a sociedade reaccionou, polo que ten que cambiar. Se de verdade os políticos queren falar dun pacto educativo, que lembren que representan a toda a sociedade e que as decisións que toman lle incumben a cada cidadán. Teñen que ter unha visión global porque as ideoloxías acurtan a visión. Tamén me gustaría preguntar se a sociedade está preparada para ese cambio porque considero que, no fondo, queremos que eduquen os nosos fillos como nos educaron a nós.

Está esaxerándose co tema dos deberes?

Non todo é branco ou negro. Haberá momentos en que se mande algo para reforzar ou para complementar e, sobre todo, para estimular a curiosidade que os nenos traen de serie. Porén, e paradoxalmente, pode acontecer que os pais queiran ir cos seus fillos a unha librería ou simplemente gozar deles e que non poidan facelo porque teñen que facer deberes. Eles non teñen a culpa de que o currículo sexa tan longo. Cando acabas no teu traballo queres desconectar e dedicarte á túa familia, ás túas afeccións etc. Os nenos teñen que gozar da súa infancia e os pais dos seus fillos. O tempo voa e á volta de nada deixarán de ser nenos.

Cal é o cociente ideal de alumnado na aula? E nos grupos de traballo cooperativo, tan de moda agora?

Non son experto, son mestre. Traballar con grupos grandes permíteche facer cousas interesantes, pero o certo é que se os grupos son pequenos acabas por coñecelos mellor.

Nalgúns colexios están substituíndo os libros de papel por tabletas. Que opina disto?

A tecnoloxía é unha ferramenta máis. Non se poden substituír os libros para facer cousas similares, senón que hai que lle dar a esa tecnoloxía un uso diferente para aprender moitísimas cousas e para compartilas. Hai que investir en tecnoloxía, pero tamén no tema humano. Os nenos non son meros recipientes que temos que encher. E agora pregúntoche eu: sénteste máis a gusto no teu traballo se te escoitan?

Si, claro.

Pois os nenos igual. Ademais de escoitar, outro dos verbos clave é compartir, como tamén nos pasa aos adultos. Se participas, sénteste máis a gusto. E debemos terminar con frases coma: "Non terminastes o libro". A información está en todas as partes, tamén na cabeza dos nenos, e de aí a importancia de compartir. Os nenos poden aprender entre eles e eu deles tamén. É xenial convidalos a que miren pola xanela e a que pensen que poden facer para mellorar. Para iso pódese necesitar un libro nun momento dado, unha tecnoloxía noutro...

Os nenos usan demasiado o móbil?

Dicímosllelo aos nenos e logo os adultos van pola beirarrúa coa vista pegada ao móbil. Hai que aprender a dar un uso positivo, moderado e con respecto. Un teléfono ou unha tableta son a prolongación da persoa. Se lle dis algo a alguén por esa vía é como se llelo dixeses á cara.

Para que serve repetir conceptos coma se foramos papagaios?

Levamos anos así. Hai que convidalos a que busquen información, a que a contrasten e a que a compartan, opinen, reflexionen... Nunha das escolas que visitei, o centro Padre Piquer de Madrid, cando acaban cada día pregúntanlles nun papel que aprenderon e para que o utilizarán. Eu pregunteilles isto mesmo aos nenos moitas veces e respondéronme na maioría dos casos que non sabían para que servía o que acababan de aprender. É importante que teñan moi claro que estudan e para que.

Como e a que idade se lle pode inculcar a lectura a un neno?

A min encantábame ler, pero cando me obrigaban odiábao. Habería que asociar ler, polo menos nos primeiros anos, ao pracer. Meterte nunha historia, imaxinar... Os nenos aprenden por imitación. Se nos ven a nós ler, eles tamén. E hai que crear espazos que conviden a ler, como unhas cadeiras nunha tenda de campaña, nunha biblioteca, na casa nunha caixa de cartón grande, facer unha noite de lanternas...

Facer todo divertido fai que os nenos non asuman responsabilidades, como suxiren algúns?

Debemos educar para que os nenos vaian contentos ao día seguinte e iso non significa que monten unha piscina de bólas na clase. É coma cos adultos, se vas amargado ao traballo non rendes. Educar na felicidade tamén é educar na esixencia e na autoesixencia, na frustración, na gratitude, no respecto a un mesmo e aos demais, no compromiso etc. Vou facer outra pregunta: se buscas un compañeiro, xa sexa de traballo ou sentimental, gustaríache que traballase contigo en equipo, que fose respectuoso e que che presentase retos e non problemas?

Si, gustaríame.

Pois así como che gustaría que fose a sociedade tamén o debería ser a escola. O coñecemento é moi importante, pero non é o único que debemos ter en conta na escola. Temos que convidalos a que busquen ese coñecemento ou a que o compartan con eles para que melloren o seu ámbito.

O acoso escolar está na fala da xente. Fálase do programa finlandés KiVa que están introducindo nalgunhas escolas, pero algúns expertos din que non é a panacea. De que maneira considera vostede que se pode combater?

ntento mirar sempre todo de forma positiva. Se serve para algún neno, está ben. Hai moito movemento para erradicalo. Se lles toca aos teus fillos, é o máis importante do mundo. Na escola debe ser un tema prioritario. E non só para erradicalo, senón sobre todo para previlo. Para iso téñennos que dar ferramentas e tempo para crear titorías e dinámicas de grupo, para que se coñezan, para que se respecten e aprendan das diferenzas, para que saiban que se pode aprender do outro etc.

Parece que vivimos un retroceso na igualdade de xénero. Como podemos educar neste aspecto?

Oín letras dalgunhas cancións que escoitan os nenos e os adolescentes e chaman a atención. Temos que educar na responsabilidade social. Cada palabra repercute nas persoas do teu redor, e máis se es famoso.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto