Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Alimentación

^

EDICIÓN IMPRESA.
Abril 2017

Guía de compra: salsa de tomate: Salsa de tomate, un éxito gastronómico

É unha das salsas máis populares do mundo e, pola súa versatilidade, achégalle cor e sabor a calquera prato

 

A salsa de tomate elabórase con tomates frescos que se cociñan ata obter unha consistencia espesa á que se lle engaden, dependendo do tipo de salsa e do país no que se elabore, hortalizas e especias. A Asociación Española de Fabricantes de Salsas, Caldos e Sopas (AEFSCS) suxire que a elaboración da salsa de tomate en Europa coincide no tempo coa aparición do tomate no continente, procedente de América.

Aínda que a salsa de tomate como tal non aparece ata o século XVII, o ingrediente básico para a súa elaboración chegou a España da man de Hernán Cortés, que o trouxo de México. O tomate utilizouse en primeiro lugar como planta ornamental e máis tarde empezouse a utilizar como alimento.

A tomateira é unha planta da familia das solanáceas (Solanaceae) orixinaria de América e cultivada en todo o mundo polo seu froito comestible. Aínda que está claro que a planta cultivada procede de México, esta especie xurdiu nos Andes peruanos. Cando se produciu a chegada dos españois a terras americanas, os nativos levaban séculos cultivando e consumindo este froito.

As primeiras sementes chegaron ás mans dos conquistadores no século XVI. Foi o farmacéutico e botánico Petrus Matthiolus quen catalogou o tomate como produto comestible e rapidamente converteuse nunha hortaliza indispensable na cociña. Os españois chamárono tomate (do orixinal tomatl) e, ao chegaren a Europa, os italianos déronlle o nome de poma dóro, quizais porque os primeiros tomates que chegaron eran amarelos.

Un dos primeiros libros de cociña nos que se menciona a salsa de tomate é L'Apicio moderno, editado en 1790 polo gastrónomo italiano Francesco Leonardi. Aínda que o tomate sexa orixinario de América, a historia da salsa de tomate nace en España e logo chega a Italia, Francia e outros países.

Despois, esta salsa empezou a producirse de maneira industrial en 1876 nos Estados Unidos e acabouse convertendo nun ingrediente básico para acompañar non só as pastas, senón outro tipo de alimentos. No noso país, a produción industrial de tomate frito comezou, segundo a AEFSCS, a mediados do século XX, momento en que se lanza ao mercado a primeira salsa con ese nome.

Versátil

A salsa de tomate é unha das que teñen máis éxito no mundo da cociña. Úsase como ingrediente e tamén como acompañamento en multitude de receitas e en diferentes tipos de pratos -pastas, peixes, ovos á cazola, mariscos, albóndegas, sopas, purés, pizzas, patacas...-.

De todos os xeitos, e malia que é unha das salsas máis populares do mundo, non en todos os países se cociña igual. En México, por exemplo, engádenselle chiles vermellos, coandro, cebola, vinagre, limón e sal, mentres que en España e en Italia se acompaña dunha fritura de cebolas, alfábega, sal, aceite, allo e varias especias.

Algunhas gastronomías do mundo utilizan a salsa de tomate con grande intensidade, como é o caso da cociña grega na que se adereza con canela e outras especias. Noutros países, coma Australia, Zelandia, India, Venezuela e Gran Bretaña, o termo salsa de tomate (tomato sauce) refírese xeralmente ao condimento azucrado a base de tomates denominado ketchup.

Características

Os tomates que se destinan á elaboración de salsa son seleccionados, principalmente, en función da súa variedade e do estado de maduración, xa que este debe ser o adecuado para un bo resultado.

O tamaño é unha característica importante se os tomates se presentan enteiros ou en cubos, coma no caso das conservas de tomate natural, pero as características relativas á súa calidade, como a acidez, o contido en azucres e a materia seca son moi importantes.

Por iso, as variedades de tomate máis usadas para facer salsa son os tomates de ensalada e os tomates pera, máis carnosos e cun menor contido en auga, o que permite un maior aproveitamento.

Elaboración

A salsa de tomate (ou pasta de tomate) elabórase principalmente a partir da polpa deste froito e presenta un sabor profundo e rico, sen amargor nin acidez, e non é demasiado doce. A salsa conserva os aromas das especias que se usan na súa elaboración e é lixeiramente máis áspera ca outras salsas debido á textura que permanece aínda despois de triturar os tomates.

O Código alimentario español define a salsa de tomate como unha mestura cociñada de polpa de tomate, aceite vexetal comestible e sal. O proceso de elaboración dunha salsa de tomate envasada debe cumprir uns requisitos estritos. A regulamentación técnico-sanitaria que se aplica ás salsas de mesa esixe, entre outras cuestións, que a consistencia da salsa sexa "homoxénea e sen grumos", unha variable que se mide cun consistómetro Bostwick.

A diferenza entre a salsa de tomate e o tomate frito é que o segundo é a fritura do primeiro. Trátase dun proceso en que está presente o aceite e en que se debe evaporar o máximo de auga posible.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto