Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Estudo sobre o consumo e o gasto en azucre e edulcorante da poboación española a partir de datos do Panel de Consumo Alimentario do MAPAMA: Azucre e edulcorantes, o poder do doce

Cada cidadán toma ao día un 22 % do consumo máximo recomendado de azucre (50 gramos) e un 67 % da inxestión diaria admitida de edulcorantes (unha media de 0,93 gramos nun adulto cun peso de 70 kg)

Cada cidadán pagou 4,28 céntimos de euro por cada dose máxima recomendada de azucre e unha media de 1,03 céntimos pola de edulcorante

 

O sabor doce atráenos e á gran maioría resúltanos moi difícil prescindir del. Segundo a Asociación Internacional de Edulcorantes, os seres humanos temos unha preferencia innata polo sabor doce que, ademais, inflúe no seu comportamento.

No entanto, tamén é certo que a poboación cada vez se preocupa máis pola súa saúde e que se cuestiona, en ocasións con certa esaxeración, certos alimentos. É o caso do azucre, cuxo abuso na alimentación occidental está demostrado que ameaza a saúde. De feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) reduciu o seu consumo recomendado diario a 50 gramos ao día.

Malia todo, somos incapaces de renunciar a ese sabor doce que tanto nos atrae. E aquí entran en xogo os edulcorantes acalóricos ou baixos en calorías, uns aditivos alimentarios que teñen un poder adozante moi superior ao da sacarosa ou do azucre común. A súa principal vantaxe é que achegan moi poucas calorías, ou ningunha, e que non inflúen nos niveis de azucre no sangue, ademais de que permiten controlar a carie dental.

Desde o seu nacemento, os edulcorantes foron obxecto de debate entre aqueles que os cren prexudiciais e quen mantén que o seu consumo é seguro. A Fundación Vasca para a Seguridade Alimentaria, Elika lembra que o uso de edulcorantes artificiais está regulado e que todos os que están autorizados foron avaliados polas autoridades de Seguridade Alimentaria, que fixaron inxestións diarias adecuadas para cada un deles. Por tanto, a súa inxestión moderada non causa problemas de saúde.

Con todo, tal e como sentenciaba o nutricionista Julio Basulto nunha entrevista realizada en 2015 no programa radiofónico Ser consumidor, nin o azucre é veleno nin os edulcorantes artificiais son a panacea, e ao revés.

O estudo

EROSKI CONSUMER quixo estudar o consumo e o gasto actual que realiza a poboación española en edulcorantes e azucre. Para iso, durante o pasado mes de febreiro analizáronse os últimos datos de consumo nos fogares de azucre e edulcorantes publicados no Panel de consumo do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama). En concreto, estudouse a cantidade ou volume (en miles de kg), o consumo e gasto per cápita e o prezo medio do quilogramo entre xullo de 2013 e xullo de 2016.

Segundo o Mapama, dentro da categoría de edulcorantes incluíuse a sacarina e outros aditamentos químicos que proporcionan sabor doce, xa sexa en pastillas ou comprimidos, líquido, granulado etc. Ao descoñecer o resto de aditamentos químicos utilizados, ademais da sacarina, neste estudo tomáronse como referentes os edulcorantes sen calorías ou baixos en calorías máis consumidos en Europa, segundo a revista Nutrición hospitalaria, que son o acesulfame K, o aspartamo, o ciclamato, a sacarina, a sucralosa e o glicósido de esteviol ou estevia.

Outro aspecto fundamental que convén ter en conta nesta investigación é que os datos publicados polo Mapama tan só teñen en conta as cantidades de azucre e edulcorante externas que adquire a poboación española. Déixanse a un lado os produtos procesados que levan incorporados ambos os alimentos (galletas, caramelos, chocolates, refrescos, marmelada etc.).

E é que, nas últimas décadas, a maioría do azucre e do edulcorante que se inxire provén do que lles engade a industria alimentaria aos alimentos procesados. Aínda que a Enquisa nacional de inxestión dietética española (ENIDE) estima que un 20 % da inxestión dos españois procede dos hidratos de carbono denominados azucres (azucre, chocolate e derivados, bebidas non lácteas e miscelánea), descoñécese a cantidade concreta de azucre e edulcorante que inxire a poboación de maneira externa e interna.

Non existe un estudo que analice, por exemplo, a inxestión de azucre, a pesar de que é unha petición realizada por varios sectores; entre eles, o Instituto de Estudos do Azucre e a Remolacha (IEDAR). Segundo a súa directora, Isabel Vasserot, levan moitos anos pedíndolle ao Goberno que faga un estudo de inxestión de azucre. Tan só dispoñemos de datos da produción da industria e o azucre ten moitos usos que non son o uso alimentario. Ao parecer, a Fundación Española da Nutrición (FEN) vai publicar proximamente un estudo respecto desta cuestión.

TÁBOA COMPARATIVA

DOZURA E INXESTIÓN ADMITIDA DE EDULCORANTES*

Potencia

adozante(1)

IDA(2)/kg

de peso (mg)

IDA(2)/Por

70 kg(3) (en mg)

IDA/Por

70 kg(3) (en g)

Acesulfa me K 200 9 630 0,63
Aspartamo 200 40 2.800 2,80
Ciclamato 30-50 7 490 0,49
Sacarina 300-500 5 350 0,35
sucralosa 600 15 1.050 1,05
Estevia 200-300 4 280 0,28
*Tipos de edulcorantes máis consumidos en Europa segundo a revista Nutrición hospitalaria. (1) Medida utilizada para medir a capacidade adozante dunha substancia comparada coa sacarosa ou azucre de mesa (X veces máis doce ca o azucre, 1 g de sacarosa ten un poder adozante de 1). (2) IDA: inxestión diaria admisible por quilogramo de peso corporal, establecida pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA nas súas siglas en inglés). (3) Peso corporal medio establecido polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto