Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

EDICIÓN IMPRESA.
Febreiro 2017

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Análise documental para coñecer a prevalencia dos trastornos da conduta alimentaria ou TCA e a súa presenza na internet: TCA, cando a alimentación se converte nunha inimiga

En España, a prevalencia deste tipo de trastornos sitúase entre o 4,1 % e o 6,4 %, e afecta na súa maioría a mulleres adolescentes

Nun buscador coma Google poden aparecer ao redor de 500.000 páxinas proanorexia e probulimia en menos dun segundo

 

A imaxe publicitaria do corpo extremadamente delgado da modelo francesa Isabelle Caro, enferma de anorexia desde os 13 anos, impresionou en 2007 a un público afeito desde hai décadas a ver e a desexar unha beleza artificial. E máis aínda o fixo a súa morte tres anos despois.

A anorexia e a bulimia non son enfermidades descoñecidas. Desde hai décadas estenderon os seus tentáculos entre a poboación cada vez máis nova. E é que a alimentación, o noso medio para satisfacer as necesidades alimentarias, tamén se pode converter nun problema cando hai un comportamento patolóxico detrás.

O médico psiquiatra Vicente José Turón Gil e a pediatra Laia Turón Viñas explican no Manual sobre os trastornos da conduta alimentaria, publicado pola Asociación Española para o Estudo dos Trastornos da Conduta Alimentaria (AEETCA), que "a alimentación é fundamental no desenvolvemento psicolóxico" e que "a relación entre confort e disconfort coa comida se mantén ao longo de toda a vida, polo que non debe sorprender que a ansiedade, a depresión ou a alegría inflúan decisivamente nos procesos de alimentación".

EROSKI CONSUMER quixo dedicarlle un espazo a este tipo de patoloxías relacionadas coa alimentación para coñecer a súa prevalencia no eido nacional e a súa presenza na internet. E é que, tal e como destaca a Guía de práctica clínica sobre trastornos da conduta alimentaria do Sistema Nacional de Saúde, elaborada en 2009 por un grupo de profesionais vinculados a este tipo de trastornos, "os TCA adquiriron unha gran relevancia sociosanitaria pola súa gravidade, complexidade e dificultade para establecer un diagnóstico en todas as súas dimensións e tratamento específico".

Para realizar o estudo, consultáronse documentos publicados por diversas organizacións, como a Asociación Española para o Estudo dos Trastornos da Conduta Alimentaria (AEETCA), a Asociación contra a Anorexia e a Bulimia (ACAB), a Asociación Cántabra a prol da Saúde Mental (Ascasam), Cruz Vermella, a Axencia de Calidade de Internet (IQUA) e o Servizo Especializado en Trastornos da Conduta Alimentaria (SETCA).

OS TCA

 

A Asociación contra a Anorexia e a Bulimia (ACAB) define os trastornos da conduta alimentaria ou TCA como "trastornos mentais caracterizados por un comportamento patolóxico fronte á inxestión alimentaria e unha obsesión polo control dO peso". Engade que son enfermidades con consecuencias negativas na saúde física da persoa, pero tamén na mental.

Aínda que a anorexia nerviosa e a bulimia nerviosa son os TCA máis coñecidos, existen outros que tamén se están expandindo entre a poboación. A ACAB destaca o trastorno por enchente (episodios de inxestión compulsiva de forma recorrente) e os TCANE (trastornos da conduta alimentaria non especificados). Estes últimos son aqueles nos que existen síntomas relacionados coa conduta alimentaria, pero non cumpren suficientes criterios para diagnosticar anorexia nerviosa ou bulimia nerviosa.

Así mesmo, ACAB destaca algúns máis como a pica, que consiste en inxerir substancias non nutritivas como area ou xeso, máis común nos nenos con autismo ou atraso mental; o trastorno por ruminación, que son regurxitacións repetidas de alimentos que van do estómago á boca para volver mastigar e o trastorno de evitación/restrición dos alimentos de inicio na infancia, que implica un rexeitamento á alimentación e variacións extremadamente caprichosas do que é unha conduta alimentaria normal.

No entanto, un estudo publicado en 2012 polo Servizo de Epidemioloxía da Comunidade de Madrid, Boletín epidemiolóxico da Comunidade de Madrid, resalta a importancia deste tipo de trastornos TCA porque "constitúen un importante problema de saúde pública nos países desenvolvidos pola súa prevalencia, necesidade de tratamento especializado, tendencia á cronicidade e gravidade".

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto