Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

^

EDICIÓN IMPRESA.
Xaneiro 2017

Nuria Ferres, experta en estimulación temperá: "Nunca volverá ser tan fácil aprender como nos primeiros anos de vida"

 

A mellor idade para desenvolver a nosa intelixencia é entre os 0 e os 6 anos, cando o cerebro dos nenos ten unha gran plasticidade. Así o subliña Nuria Ferrés, experta en estimulación temperá e creadora dun curso para que os pais poidan aumentar as capacidades intelectuais dos seus fillos nesas idades. Para iso baséase no método do investigador estadounidense Glenn Doman, que recalca a importancia de que tanto proxenitores como fillos gocen con iso, coma nun xogo. Segundo esta experta, que ten tamén un blog, estimulaciontemprana.com, todo ser humano ten ao nacer o potencial de ser un xenio, se conta coas oportunidades necesarias.

Que vantaxes e inconvenientes ten o actual modelo educativo en canto ao comezo da escolaridade?

En moitas escolas a idade de entrada é aos 3 anos, de modo que, aínda que non sexa obrigatorio, arríscaste a non ter praza no centro se esperas ata os 6. O problema reside máis en como está organizada a sociedade, hai que avanzar máis na conciliación familiar e laboral. En Finlandia, exemplo tan mencionado polos seus éxitos escolares, son os pais os que gozan ensinándolles a ler aos seus fillos e entran na escola sobre os 6 ou 7 anos, co éxito escolar asegurado ao ser xa bos lectores desde a casa.

Cal sería a idade escolar de comezo ideal?

O que unha nai ou pai pode lograr no desenvolvemento do seu fillo non pode compararse co labor de ningún profesional. A miña recomendación é gozar e educar ao fillo ata os 6 anos, ou polo menos ata os 3 anos, nos que o desenvolvemento cerebral é maior que en ningún outro momento posterior.

Defende a educación temperá e o método Doman. En que consiste?

O cerebro ten unha gran plasticidade, especialmente nos primeiros anos de vida. Incluso algunhas xanelas de aprendizaxe se pechan se non se aproveitan en idades temperás, como o acento dun idioma estranxeiro. De aí a importancia da educación ou estimulación temperá. Glenn Doman sabíao moi ben, e tamén que ninguén como unha nai podía ensinarlle ao seu fillo a idades temperás. A combinación destes dous factores levouno a desenvolver cursos para axudar os pais no desenvolvemento físico e intelectual dos seus fillos, achegando grandes beneficios.

Como está a axudar aos nenos con problemas neuronais?

Todos os nenos, ben sexan sans ou con problemas neuronais, teñen as mesmas necesidades, non só fisiolóxicas ou emocionais, senón tamén neurolóxicas. O cerebro, ademais dos seus nutrientes básicos, necesita estímulos para funcionar. Esta necesidade neurolóxica nos primeiros anos de vida pode cubrirse mellor coa estimulación temperá e, cando así se fai, a capacidade física e intelectual de todos os nenos mellora.

Como se pode aumentar a intelixencia dos nenos?

A nai e o pai son os mellores aliados do neno para conseguilo e está ao alcance de calquera familia. Por exemplo, falarlle ao neno a miúdo con explicacións e riqueza de vocabulario é un bo inicio. Ademais, convén realizar correctamente actividades que proporcionen estímulos informativos ao neno á vez que se goza con iso, como nun xogo. E o vínculo afectivo entre pai e fillo fortalécese.

Hai quen critica este método por consideralo "radical e sen base científica".

A miúdo critícase sen coñecer. Doman sempre recalcou a importancia de pasalo ben mentres se educa o fillo, con amor e respecto cara ao neno; mesmo recomendaba deixalo se non gozaban pais e fillos. É isto radical? En canto á base científica, hai máis de 60 anos que os Institutos de Doman en Filadelfia fan o seu labor para nenos sans e con lesión cerebral. Alí foron pescudando que funcionaba mellor para desenvolver a intelixencia. Agora que investigo no CBC (Center for Brain and Cognition) na Universidade Pompeu Fabra (UPF) vou comprobando e atopando unha explicación científica a moitas das súas propostas.

Calquera pode ser un xenio?

Todo ser humano ten ao nacer o potencial de ser un xenio. Con todo, as oportunidades para selo non forman parte do contorno de todos, desgraciadamente. Experiencia na súa maior parte e xenética en menor parte conforman a intelixencia de cada persoa. O número de xenes involucrados na formación e funcionamento do sistema nervioso é o mínimo necesario para especificar tan só unha pequena parte do normal conxunto de neuronas e conexións neuronais, porque o resto, a maior parte, queda adaptable ao contorno tras o nacemento.

Os nenos que non aproveitan a súa idade temperá, poden logo utilizar outro método para mellorar as súas capacidades?

Pode producirse neuroxénese, é dicir, nacemento de novas neuronas, ao longo de toda a vida en determinadas zonas do cerebro como o hipocampo, relacionado coa aprendizaxe. Polo tanto, sempre hai oportunidades para mellorar. Con todo, nunca será tan fácil nin con tan bos resultados coma nos primeiros anos de vida. Proporcionar un contorno rico en estímulos e moitas oportunidades de aprendizaxe desde a infancia é o mellor investimento que un pai pode facer polo seu fillo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto