Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Análise documental para coñecer os hábitos de uso das redes sociais por parte da poboación infantil e adolescente: Nenos e adolescentes cativados polas redes

O 66 % dos mozos de entre 10 e 17 anos teñen xa o seu propio perfil nunha rede social, unha ferramenta de interacción e expresión da súa identidade á marxe dos adultos

Perfís: configuración e legalidade

Perfís

 

EU Kids Online comprobou en 2011 que o 56 % dos adolescentes españois de entre 9 e 16 anos enquisados tiña un perfil nunha das plataformas sociais en liña. Por idades, mentres o 11 % dos menores de entre 9 e 11 anos confirmaba telo, entre os de 11 e 12 anos esa proporción era do 42 %, entre os de 13 e 14 anos dun 74 % e, entre os adolescentes de 15 e 16 anos, dun 89 %. Hai que lembrar que, en España, a idade mínima legal para dispoñer dun perfil nunha rede social en liña é de 14 anos. Aínda así, segundo esta investigación, aproximadamente o 40 % dos nenos e nenas entrevistados de entre 9 e 13 anos contaban cun perfil propio.

Un ano despois, a enquisa do Ministerio de Interior observou que o 66 % dos mozos consultados tiñan o seu propio perfil nunha rede social. É máis, o 22 % deles confesou ter máis dun.

Ademais, nesa investigación, tamén se consultou con máis dun milleiro de pais sobre se os seus fillos (de 10 a 17 anos) tiñan permiso para ter un perfil propio nunha rede social: un 40 % respondeu que non, un 33 % só baixo a súa supervisión e outro 27 % en calquera momento. Pola súa banda, entre o milleiro de mozos consultados, o 43 % aseguraba que os seus proxenitores lles permitían ter o seu propio perfil sempre que quixesen, ao 28 % só con permiso, un 2 % admitiu que os seus proxenitores non o sabían e ao 27 % non lles permitían telo.

Configuracións e contactos

Os investigadores de EU Kids Online indican que, á hora de considerar a seguridade do menor nas redes sociais, é importante ter en conta o número de contactos que teñan e o modo no que configurasen o seu perfil.

Así, segundo a enquisa de 2011 da Comisión Europea, a maioría dos menores con perfís en redes sociais tiñan entre 1 e 50 contactos no seu perfil. Pero había un 8 % dos usuarios destas redes que afirmaban ter máis de 300 contactos. Aínda que os expertos explican que o número de contactos non ten por que ser negativo en si mesmo, si que "pode implicar, especialmente no caso dos menores, unha falta de criterio ou de atención sobre determinados contactos que poden chegar a ser perigosos".

En canto ás características de seguridade, aproximadamente o 70 % dos menores entre os 11 e os 16 anos entrevistados configuraban o seu perfil como privado. Porén, entre os menores con 9 e 10 anos, menos da metade (48 %) creaba un perfil privado e o outro 36 % público. Os expertos estableceron que "o feito de que sexan os máis pequenos os que non configuran adecuadamente o seu perfil de seguridade fai pensar que a esas idades o menor aínda non adquiriu as habilidades suficientes para discernir estes aspectos e fai necesaria unha maior implicación das compañías neste terreo". Aseguran, ademais, que España é "o país no que máis menores afirman mentir sobre a súa idade no perfil da rede social (27 %), posiblemente coa intención de poder dar de alta un".

O Ministerio de Interior, pola súa banda, observou en 2014 que un 48 % dos menores entre 10 e 17 anos consultados definía o perfil como privado (só para que os seus amigos puidesen velo), outro 33 % parcialmente privado (para ser visibles aos amigos dos seus amigos) e o do 16 % era público (para que todos puidesen velo). Así mesmo, os elementos dos seus perfís eran os seguintes: o 65 % puxera unha fotografía coa súa cara, o 44 % tamén o apelido, o 32 % tiña unha imaxe que non reflectía a súa identidade, o 30 % indicaba a idade real, o 24 % o colexio, o 20 % poñía unha idade que non era real, o 4 % o seu enderezo e teléfono e un 9 % outros datos que non eran reais.

Neste sentido, o director do Centro de Seguridade para os Menores na Internet, Guillermo Cánovas, opina que os adolescentes cada día coidan máis a privacidade do seu perfil e "están máis preocupados que os adultos pola súa reputación dixital. O que digan, opinen e fagan os seus amigos e coñecidos con eles é de máxima importancia". Pero que é o que os leva a facilitar información sensible que poida prexudicalos? Segundo Cánovas, "é unha concesión para conseguir máis aceptación e, en ocasións, popularidade".

Lucía Merino, pola súa banda, explica que "as redes sociais en liña son para os mozos un espazo no que todo pode ser mirado e todo pode ser mostrado, o que supón unha forte satisfacción simbólica para eles". E destaca o termo "extimidade", definido como "a exposición de forma pública daquilo que se considera do ámbito privado", o que supón que se dilúan "as fronteiras entre as esferas pública e privada".

A atracción de chatear

O chateo é unha das actividades principais que realizan os adolescentes nestas plataformas sociais en liña, tal e como conclúe a investigación realizada polos profesores da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid. De feito, tres cuartas partes dos enquisados recoñecen que o fan con moita frecuencia. Ademais, a metade sérvese delas para ver vídeos ou fotos de amigos, un 48 % dedícase a enviar mensaxes e o 43 % a actualizar o seu perfil.

Segundo Cánovas, internet tan só é unha canle para os adolescentes, posto que falan exactamente do mesmo que comentan na rede social cotiá fóra de liña: "para eles non existe esa diferenza entre vida en liña e fóra de liña".

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto