Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Doutora Maira Bes-Rastrollo, subdirectora do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Facultade de Medicina da Universidade de Navarra: "A nova pirámide nutricional poderíase mellorar apuntando a importancia de consumir alimentos de calidade, de tempada e de proximidade"

 

Experta en Medicina Preventiva e Saúde Pública e profesora titular na Universidade de Navarra, Maira Bes-Rastrollo comparte algunhas cifras e tendencias que preocupan, como o abandono progresivo da dieta mediterránea ou que case sete de cada dez persoas no noso país coma ou cee vendo a televisión a maior parte dos días. Desde o seu punto de vista, a pirámide nutricional é un dos gráficos máis claros para dar pautas dunha dieta saudable, aínda que sinala que se poderían destacar máis certos aspectos, como a importancia de incluír alimentos integrais. Ademais, esta investigadora galardoada pola Sociedade Española de Epidemioloxía e pola Asociación Europea para o Estudo da Obesidade, engade que "sería desexable promover unha formación gastronómica saudable nas escolas".

 

Estamos afastados dun patrón de dieta saudable en España?

Segundo os estudos realizados, parece haber un progresivo abandono da dieta mediterránea por parte da poboación, sobre todo das persoas máis novas. Os datos do estudo Enrica, que inclúen unha mostra representativa da poboación española, sinalan que nunha escala de 0 a 9 a adhesión á dieta mediterránea por parte da poboación española se atopa en 3,7. Poderíase dicir que, en xeral, se segue unha dieta mediterránea evolucionada coa incorporación nas últimas décadas dun alto consumo de carne e produto cárnicos, así como de alimentos ricos en azucres.

Que cousas deberiamos facer para comer mellor?

Segundo o mesmo estudo Enrica, só unha proporción moi pequena da poboación alcanza os consumos recomendados de froitas, verduras, hortalizas, leite e derivados. E os legumes tamén son os grandes esquecidos. Pola contra, comemos demasiada proteína de orixe animal; é dicir, comemos demasiada carne e produtos cárnicos, coma os embutidos. Outro punto moi mellorable sería diminuír a cantidade de sal que consumimos. Hai que lembrar que moitos dos alimentos precociñados e procesados conteñen grandes cantidades de sal.

A pirámide nutricional incorporou cambios na súa edición de 2015. Por que era necesario revisala e actualizala?

Cada certo tempo é necesario revisar e actualizar as recomendacións debido ao avance relativamente rápido dos coñecementos en nutrición, ademais dos cambios nos nosos hábitos de vida. Por exemplo, nas novas guías dietéticas americanas de 2015 incluíuse que un consumo moderado de café

Cales son os puntos fortes da pirámide actual?

Os doces e as carnes e produtos cárnicos han de consumirse de modo opcional, ocasional ou moderado. Tamén hai que destacar como aspecto moi positivo que se incide en manter estilos de vida saudables, entre os que se lembra que a auga é a mellor fonte de hidratación para a poboación.

Dentro do grupo dos cereais e dos seus derivados, suxírese que han de ser integrais. Os alimentos integrais son máis beneficiosos ca os refinados?

Si. As últimas evidencias científicas así o demostran. Os cereais integrais son aqueles que non foron sometidos a un proceso de refinamento; é dicir, que non se eliminaron as partes exteriores do gran. En consecuencia, son máis ricos en minerais, vitaminas e fibra e, por iso, son máis beneficiosos para a saúde.

Como se podería mellorar a pirámide nutricional?

No documento técnico e na presentación da nova pirámide incluíuse información sobre a preferencia de que as fontes de hidratos de carbono, como a pasta ou o arroz, sexan integrais. Unha mellora interesante sería destacar esta información na propia pirámide. Tamén se podería apuntar a importancia de consumir alimentos de calidade, de tempada e de proximidade.

Unha das novidades son as técnicas culinarias saudables. Deberiamos insistir máis neste aspecto, por exemplo promovendo unha formación gastronómica sa desde nenos?

Totalmente de acordo. A etapa infantil é onde se instauran os hábitos alimentarios e onde a capacidade de aprendizaxe é maior. Por esa razón, sería desexable a promoción dunha formación gastronómica saudable nas escolas.

A nova pirámide incorpora aspectos non nutricionais, como o exercicio físico ou o equilibrio emocional. Unha dieta saudable é algo máis ca bos alimentos?

Si. Unha dieta saudable debería enmarcarse nun contexto de vida saudable. Ademais, hai hábitos relacionados coa alimentación que poden ser moi prexudiciais, por iso na pirámide se lembra a importancia do equilibrio emocional, de ser conscientes da nosa alimentación. No entanto, actualmente o 66 % da poboación española come ou cea vendo a televisión cinco ou máis días á semana.

Existen outros modelos para promover unha alimentación saudable, coma o prato, en lugar da pirámide. Contrapóñense ou poden ser complementarios?

Son modelos complementarios. Persoalmente, prefiro a pirámide nutricional ao sistema do prato porque a mensaxe é máis clara e doada de entender.

Á hora de comunicar, en que aspectos se debería incidir máis para promover unha alimentación saudable?

No xeito en que contamos as cousas. A mensaxe debe de ser clara e directa, entendible para a poboación e doada de lembrar.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto