Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Leticia Mata, directora do teléfono ANAR (Axuda a Nenos e Adolescentes en Risco): "Raro é o centro que non toma medidas en casos de acoso escolar, outra cousa é que non sexan as adecuadas"

 

As menores vítimas de calquera violencia, e en concreto de acoso escolar, dispoñen do teléfono 900 202 010, para axudarlles as 24 horas do día durante todo o ano. Este número, gratuíto, anónimo e confidencial (non deixa rexistro na factura telefónica), atende tamén a pais, profesores ou a quen presencia casos de violencia. A Fundación ANAR (Axuda a Nenos e Adolescentes en Risco) creouse en 1994 e, vinte anos despois, en 2014, recibe unhas 363.000 solicitudes. A súa directora, Leticia Mata, sinala que se detectou un aumento das chamadas por acoso escolar, en especial as que se realizan a través das novas tecnoloxías.

Cantas chamadas reciben no seu teléfono de atención a vítimas?

En 2014, recibimos un total de 363.183 solicitudes, unhas mil chamadas e correos electrónicos diarios e, sobre todo, de nenos. Detectamos 7100 novos casos reais que necesitaban intervención urxente, unha ou dúas ao día. O noso obxectivo é ampliar a atención en chats e redes sociais, sempre con garantía de confidencialidade, porque os nenos se senten máis cómodos ca por teléfono.

Aumentaron os casos de acoso escolar?

Cada vez chámannos máis. Poida que porque haxa máis casos ou porque chaman máis ca antes. O uso das novas tecnoloxías propiciou que haxa máis casos de acoso escolar. Algo máis da metade dos casos que manexamos é ciberacoso. Antes era raro o acosador que ía só, tendían a facelo en grupo, pero coas novas tecnoloxías o acoso en solitario creceu. O acosador séntese nun aparente anonimato e é máis directo, xa sexa con nenos do propio centro ou doutros lugares.

Que se pode facer?

O importante é formarse no uso das novas tecnoloxías, poñer límites, exercer o control parental e notificar as ameazas. O ciberacoso pódese denunciar aos sistemas de protección das propias redes sociais e, tamén, ás unidades especializadas en delitos tecnolóxicos da Policía e da Garda Civil.

Como se atende un neno vítima de acoso?

Temos que gañarnos a súa confianza, e este é o motivo polo que no noso teléfono todas as persoas que atenden son psicólogos, asesorados por avogados e traballadores sociais. Os nenos adoitan necesitar tempo para abrirse, polo que é frecuente que se necesiten varias chamadas. Hai moitos que non son conscientes de que sofren acoso, é un fenómeno similar ao da violencia de xénero, aínda que a situación vai cambiando. Chaman tamén nenos que ven casos de acoso e que teñen medo de ser considerados acusóns ou de converterse tamén en vítimas. Aumentan tamén as chamadas de pais e profesores.

Que poden facer os pais?

O principal é manter a calma. Non é prudente ir directamente a onde estean os outros pais ou o agresor. Hai que falar co titor e cos responsables do centro para que haxa unha resposta inmediata. Deste xeito, na maioría de casos, soluciónase.

Como se pode evitar que haxa acosadores?

O agresor moitas veces non é consciente das consecuencias dos seus actos; por exemplo, non sabe que con 14 anos xa ten responsabilidade penal. Tamén é esencial a formación para posibles agresores, que sexan conscientes dos seus actos, que teñan empatía cos demais. A prevención e a formación son esenciais.

É recomendable cambiar a vítima a outro centro?

Antes facíase, xa fose por suxestión do centro ou por decisión dos pais. Pero se non se solucionou non servirá, xa que o poden seguir, e máis agora co ciberacoso.

Como se lle pode axudar a un neno acosado?

Hai que darlle confianza, que non se peche, e convencelo de que non é un bicho raro. Hai que valorar ofrecerlle asistencia psicolóxica. Canto máis tempo pasa, os danos son maiores e ata poden ser permanentes. Tamén se ha de asumir que é un problema moi grave. Temos nenos que nun momento dado soñan con quitarse do medio, algo que lamentablemente estamos a ver.

Que poden facer os centros escolares?

Terían que dar formación específica desde idades temperás, e tamén aos pais, porque o menor moitas veces non o conta. O mínimo é que teñan un orientador escolar e, agora mesmo, non o hai. Aínda que haxa boa disposición necesítanse recursos, sobre todo para detectalo e actuar inmediatamente.

E se o centro non responde de forma adecuada?

Hai que acudir a Inspección Educativa. E, se o acosado ten marcas físicas, hai que ir ao médico e que este faga un informe. O centro ten unha responsabilidade civil polos danos que sufran os seus alumnos dentro das horas lectivas. Se se notificou que hai acoso e non se atalla, os pais poden esixir esa responsabilidade e hai sentenzas que obrigaron a pagar indemnizacións.

Cre que se está avanzando para lle facer fronte a este problema?

A sociedade é cada vez máis consciente. Raro é o centro ao que se lle avisa e non toma medidas, outra cuestión é que non sexan as adecuadas. Ademais, as forzas e corpos de seguridade do Estado cada vez implícanse máis, mesmo dan formación nos centros.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto