Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Carmen Cabestany, secretaria da Asociación Non ao Acoso Escolar: "Ante o acoso escolar, os colexios preocúpanse máis polo seu prestixio ca por protexer os menores"

 

Uns dous millóns de escolares sofren acoso en España e, deles, entre 100.000 e 200.000 son de alta intensidade. Afírmao Carmen Cabestany, profesora e secretaria da Asociación Non ao Acoso Escolar (NACE), quen tamén insiste en que este problema vai en aumento e que se produce a idades cada vez máis temperás. Denuncia a falta de implicación real das administracións e dos centros educativos para combater o que considera un tabú que trata de ocultarse. Na súa opinión, con vontade e sentido común non sería difícil enfrontarse a este problema, incidindo máis na prevención e na detección e escoitando e apoiando os menores.

Hai algún perfil do maltratado e do maltratador?

Hai colectivos diana: quen sofre a síndrome de Asperger, os que pertencen a LGTB (lesbianas, gais, transexuais e bisexuais); quen ten altas capacidades intelectuais, como sobredotación, talento e precocidade intelectuais etc. Con todo, calquera pode ser acosado, por exemplo, por caerlle en desgraza ao líder negativo da clase. Respecto do agresor, hai un abano moi grande, desde o típico bromista ata o que goza facendo dano, ou o que sofre violencia no seu ámbito e reverte a súa dor sobre outros.

Cantos casos se producen en España?

Dous millóns de alumnos (o 26 % da poboación escolar) sofre acoso en maior ou menor medida. Deles, entre 100.000 e 200.000 de alta intensidade. Non é só acoso físico, moitas veces o máis daniño é o verbal (insultar, difundir rumores sobre alguén etc.) ou de exclusión (non deixarlle xogar, illarlle do grupo etc.). Este último prodúcese a diario e pasa desapercibido.

A que idade comeza o acoso?

A idades cada vez máis temperás. A maioría, nos últimos cursos de primaria, aínda que en secundaria é máis intenso. Algunhas veces a vítima sofre acoso durante oito ou dez anos. Por iso é importante detectalo e frealo rápido e con firmeza. Non son "cousas de nenos".

Aumentaron os casos?

Como asociación, percibimos un aumento e a idades cada vez máis temperás. É difícil dar cifras porque os últimos datos oficiais son de 2006/07, aínda que comunidades coma o País Vasco teñen informes máis recentes, o último é de 2012. Acoso sempre houbo, pero agora é máis elaborado, máis sutil. Ademais, actualmente está potenciado por internet, os chats etc., que fan moito dano.

Por que aumentaron?

Podería falarse de varios factores: ausencia de educación en valores nalgúns ámbitos familiares, falta de educación emocional na escola ou violencia nas contornas máis próximas aos menores. Habería que pacificar esas contornas, con especial atención ás aulas, e ensinar que o acoso escolar non é unha broma, e que fai moito dano.

Como actúan os centros educativos?

En liñas xerais, non actúan ou actúan mal. O acoso existe en case todos os colexios, pero na inmensa maioría dise que non o é. É un tabú, nin sequera está en case ningún Plan de acción titorial (PAT) nin se aborda nas titorías. Os centros preocúpanse máis polo seu prestixio ca por protexer os menores. Porén, teñen responsabilidade civil e deben garantir a súa seguridade.

E as administracións públicas?

Deberían tomalo en serio e activar medidas efectivas, coma coas mulleres maltratadas. A Administración educativa debería organizar formación para profesores, incluír o tema no currículo de Maxisterio, facer charlas para pais, sancionar de maneira exemplar os acosadores, esixirlles aos inspectores que investiguen a fondo e, sobre todo, institucionalizar programas de prevención, como a TEI (titoría entre iguais).

O Ministerio de Educación presentou o borrador do Plan estratéxico de convivencia escolar. Podería ser un avance?

Podería, se na súa elaboración participasen especialistas e persoas independentes que coñecesen todas as súas múltiples vertentes. E se se aplica de verdade para terminar con esta secuela social na sombra e non para encubrila, como adoita acontecer cos protocolos.

É máis alto o índice de acoso en España ca noutros países?

México e Chile están á cabeza no ámbito mundial. España é o cuarto de Europa, pero non hai estatísticas recentes.

Como se detecta un caso?

Non é fácil porque os nenos non llelo contan aos pais nin aos profesores, pero podemos conseguilo coa "regra dos 3 C": cambios, campás e corpo. Prodúcense cambios nos resultados académicos, no carácter -están tristes ou vólvense agresivos-, nas amizades, nos itinerarios etc. Non queren ir ao colexio, finxen que están enfermos ou estano realmente porque a miúdo somatizan. Tamén se producen cambios no corpo, van cos ombreiros encollidos, coa mirada triste e cara ao chan e queren pasar desapercibidos.

Que hai que facer cando se detecta?

Sentar co neno, ter moita calma e paciencia para que se exprese, non trivializar nin dubidar del, non facer que se sinta culpable. Despois, ir ao colexio e, con serenidade e firmeza, esixir medidas. A primeira, establecer unha zona de seguridade. Se non o fan, elaborar un escrito detallado do sucedido e pasalo polo rexistro do centro e polo de Inspección Educativa. Para calquera dúbida, contactar connosco en: info@noalacoso.org.

Que medidas serían necesarias para loitar contra este problema?

Sobre todo, vontade e sentido común. Necesitamos a implicación, en serio, de toda a sociedade e sacalo á luz. Non hai que quitarlle importancia porque é moi grave. E é moi importante non dubidar xamais do neno porque a inmensa maioría di a verdade.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto